Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 23 de setembro de 1998 Páx. 10.587

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 7 de setembro de 1998 pola que se anuncia a convocatoria para 1998 de intercambio de funcionarios dentro do programa comunitario Karolus.

O 7 de abril de 1998, o Parlamento Europeo e o Consello das Comunidades Europeas adoptaron a Decisión 889/98/CEE pola que se modifica a Decisión 92/481/CEE, relativa á adopción dun plan de acción para o intercambio entre as administracións dos Estados membros de funcionarios nacionais encargados da posta en marcha da lexislación comunitaria necesaria para a realización do mercado interior (DOCE L 126, do 28 de abril). Este plan de acción, que comezou o 1 de xaneiro de 1993 cunha duración de cinco anos foi prorrogado por un período de dous anos (1998-1999), afectará a 1.340 participantes.

Os obxectivos do programa, tal como se recollen na Guía do Candidato publicada pola Comisión das Comunidades Europeas (Dirección Xeral de Mercado Interior e Servicios Financeiros), son os seguintes:

-Desenvolver unha política converxente dos enfoques empregados na aplicación da lexislación comunitaria.

-Lograr que os funcionarios das administracións nacionais sexan conscientes da dimensión europea do seu traballo e crear unha confianza mutua entre

as administracións nacionais encargadas da aplicación do dereito comunitario.

-Fomenta-lo intercambio de ideas entre as administracións públicas sobre o mellor modo de aplica-la lexislación comunitaria.

Os intercambios de funcionarios realízanse en tres fases: a fase previa consiste nun seminario de formación dunha duración de catro días no Instituto Europeo de Administración Pública de Maastricht. O seminario xirará arredor do funcionamento, as políticas e os obxectivos da Unión Europea. A fase principal é o intercambio propiamente dito e circunscríbese a unha estancia mínima de dous meses, que excepcionalmente poderá ser reducida, nunha unidade administrativa pertencente a un dos estados membros da Unión Europea, con competencias que sexan semellantes ás da unidade administrativa de orixe. Como terceira e última fase, prevese un seminario de dous días na cidade de Maastricht, co fin de poñer en común as distintas experiencias e de extrae-las conclusións pertinentes sobre a aplicación da normativa comunitaria necesaria para a construcción do mercado interior. Conforme un cuestionario que se lle entregará ó candidato, redactarase un informe final sobre o intercambio.

En consecuencia, e para facilita-la participación no programa dos funcionarios da Administración autonómica de Galicia

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os funcionarios que desexen participar no programa comunitario Karolus deberán reuni-las condicións seguintes:

a) Pertencer ós grupos A ou B.

b) Posuír un dominio suficiente dunha lingua estranxeira que lles permita desempeñar axeitadamente o seu traballo no Estado membro da Unión Europea ó que vaian desprazarse.

c) Ter encomendada a aplicación da lexislación comunitaria relativa ó mercado interior, nalgún dos sectores prioritarios que se definen no anexo I.

d) Ocupar un nivel intermedio na escala administrativa; a categoría ou o nivel non será determinante sempre que a actividade do funcionario estea relacionada coa aplicación do dereito comunitario.

Artigo 2º

Os participantes no programa recibirán a totalidade das retribucións correspondentes ó seu actual posto de traballo. Terán dereito ós aboamentos das axudas de custo e gastos da viaxe de acordo coa normativa vixente e segundo o país no que realicen o intercambio, así como a asistencia sanitaria. A consellería respectiva sufragará o 50% dos gastos de estancia. O 50% restante e a totalidade dos gastos da viaxe serán sufragados pola Comisión Europea.

O impreso de solicitude deberá presentarse asinado pola autoridade de cada consellería que asuma eses gastos.

Artigo 3º

1. A documentación necesaria para participar no programa, que se presentará por triplicado, é a seguinte:

-Solicitude de admisión debidamente cuberta, segundo modelo que se xunta no anexo II.

-Tres fotografías tamaño carné.

-Fotocopia do DNI.

-Currículum vitae.

-Titulación académica.

-Títulos acreditativos de coñecemento de idioma, se se posúen.

-Memoria de actividades do posto de traballo actual.

Relación de directivas e regulamentos que son aplicadas no posto de traballo e que se relacionen coa área na que vai desenvolve-la formación.

-Un formulario de solicitude de admisión, un exemplar do currículum vitae, un exemplar da memoria de actividades e un exemplar da relación de directivas deberán remitirse na lingua do país no que se pretenda realiza-la estancia.

-Os candidatos deberán superar unha proba de coñecemento de idiomas no Ministerio para as Administracións Públicas.

O programa funcionará ó longo de todo o ano 1999 e poderanse remiti-las solicitudes ata o 15 de maio de 1999.

2. Para a información complementaria e o envío da documentación, os interesados deben dirixirse á Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, Consellería da Presidencia e Administración Pública, rúa dos Feáns nº 5 baixo, Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Sectores prioritarios.

-Productos farmacéuticos e medicamentos veterinarios.

-Contratación pública.

-Control de exportacións e tecnoloxías de dobre uso.

-Control das exportacións de bens culturais.

-Control da fabricación, posta no mercado, importación e exportación dos productos precursores de drogas (fármacos), (administracións distintas das aduaneiras).

-Control da importación e exportación das especies animais e vexetais protexidas (Convenio CITES).

-Control veterinario.

-Avaliación da conformidade e supervisión do mercado (aplicación das directivas sobre xoguetes, equipos de protección individual, instrumentos de medida, baixa tensión, compatibilidade electromagnética, os aparellos e sistemas de protección para uso en atmosferas potencialmente explosivas, dispositivos médicos, aparellos de gas, aparatos de presión, productos químicos, productos explosivos de uso civil, máquinas, o sector de vehículos de motor, as embarcacións de recreo e o persoal responsable da aplicación dos distintos instrumentos de control de calidade).

-Productos alimenticios.

-Control fitosanitario.

-Banca, seguros, bolsa e organismos de investimento colectivo en valores mobiliarios.

-Prevención da utilización do sistema financeiro para o branqueo de capitais.

-Falsificación e piratería (propiedade intelectual e industrial).

-Protección dos consumidores nos ámbitos seguintes: créditos ó consumo, seguridade xeral dos productos, viaxes concertadas, intereses económicos dos consumidores e acceso á xustiza.

-Protección de datos persoais.

-Xestión da transferencia de residuos.

-Transporte pola estrada, marítimo e aéreo.

-Funcionamento dos programas estatísticos relacionados co mercado interior.

-Normas de competencia en materia de acordos, posicións dominantes e concentracións.

-Telecomunicacións.

-Libre circulación de persoas, (recoñecemento dos títulos, expedición de permisos de residencia, Seguridade Social, acceso a determinados postos da Administración pública dos estados membros ou de determinados sectores públicos, inspectores de traballo e axentes dos servicios públicos para o emprego).

-Dereito do traballo (acceso ó emprego, á formación e á promoción profesional, condicións de traballo).

-Protección da saúde e seguridade no traballo.

-Notificación de regulamentos técnicos nacionais (Directiva 83/189/CEE do Consello).

-Medidas nacionais de excepción ó principio de libre circulación de mercadorías no interior da Comunidade (notificacións das medidas).

-Productos químicos perigosos (notificación, posta no mercado, control das exportacións, as importacións e os riscos).

-Biotecnoloxía (procedementos de autorización medioambiental).

-Control das substancias que contaminan a atmosfera (producción, posta no mercado, exportación).

Nota: non obstante, tamén poderán presenta-la súa candidatura os funcionarios dos estados membros encargados da aplicación da lexislación comunitaria relativa ó mercado interior en ámbitos que non figuren na anterior lista de ámbitos prioritarios. Estas candidaturas que non respondan ás necesidades manifestadas nos sectores prioritarios serán examinadas en función do interese que poidan presentar para a aplicación da lexislación comunitaria, e a condición de que non exista ningún programa comunitario de intercambio de funcionarios no sector considerado.

ANEXO II

Modelo de solicitude

Programa Karolus 1998-1999

Apelidos:Nome:

Data de nacemento:Sexo:

Domicilio:

Provincia:Código postal:Teléfono:

Domicilio administrativo:

Cargo:

Servicio:

Subdirección xeral:

Dirección xeral:

Consellería:

Enderezo do centro de traballo:

Provincia:Código postal:Teléfono:

Coñecemento de idiomas: (Indíquese nivel de comprensión oral e escrita e de expresión oral e escrita).

Lugar de destino: 1ª opción:

2ª opción:

Duración da estadía:

Datas de estadía posibles:1ª opción:

2ª opción:

Contactos previos coa administración de acollida: si / non

Áreas de dereito comunitario que constitúen o obxecto da formación:

Data:Sinatura:

A sinatura deste impreso garantirá a autorización de participación do candidato no programa. Considerarase que mediante ela a consellería se compromete a financia-lo 50% dos gastos da estadía do candidato.

APELIDOS:NOME:

CARGO/AUTORIDADE:CONSELLERÍA:

TELÉFONO:FAX:

DATA:SINATURA:SELO:

8541