Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Luns, 21 de setembro de 1998 Páx. 10.513

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 1998 pola que se convoca oposición para a provisión dunha praza de auxiliar gravador ou gravadora, en quenda restrinxida, vacante no cadro de persoal do Parlamento de Galicia.

A Mesa do Parlamento de Galicia, nas reunións que tiveron lugar os días 20 de abril, 19 e 20 de maio e 17 de xuño de 1998, aprobou a convocatoria e as bases das probas selectivas para a provisión,

na quenda de promoción interna, dunha praza de auxiliar gravador ou gravadora.

En cumprimento do disposto no artigo 57 do Estatuto de persoal (BOPG núm. 216, do 10 de febreiro de 1984) e artigo 65 e concordantes do regulamento, ordénase a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 1998.

José María García Leira

Presidente do Parlamento de Galicia

Convocatoria e bases da oposición para a provisión dunha praza de auxiliar gravador ou gravadora, en quenda restrinxida, vacante no cadro de persoal do Parlamento de Galicia.

Ó haber vacante unha praza de auxiliar gravador ou gravadora no cadro de persoal do Parlamento de Galicia, a Mesa do Parlamento, de conformidade co Estatuto de persoal, aprobou, nas reunións que tiveron lugar os días 20 de abril, 19 e 20 de maio e 17 de xuño de 1998, a convocatoria de probas selectivas para a súa provisión na quenda de promoción interna con suxeición ás seguintes bases:

Primeira.-Normas xerais.

1.1. Número e características das prazas.

Convócanse probas selectivas para cubrir unha praza de auxiliar gravador ou gravadora do cadro de persoal de funcionarios desta institución autonómica.

A praza está dotada coas retribucións básicas e complementarias correspondentes ó grupo D, nivel 14, do artigo 25 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1998 (sección 001.-Parlamento de Galicia).

1.2. Procedemento de selección.

Dentro das previsións contidas no artigo 55 do Estatuto de persoal, publicado no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia nº 216, do 10 de febreiro de 1984, determínase como sistema de selección a oposición restrinxida en quenda de promoción interna.

1.3. Incompatibilidades.

O posto de traballo está sometido ó réxime xeral de incompatibilidades establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, e nas disposicións de desenvolvemento e complementarias.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

2.1. Xerais.

Para seren admitidas á realización das probas selectivas as persoas aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser funcionario ou funcionaria da Administración parlamentaria pertencente ó grupo E.

b) Ter polo menos dous anos de antigüidade no corpo ou grupo ó que pertenza.

2.2. Concorrencia.

Os requisitos establecidos no punto anterior deberán cumprirse no último día do prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Solicitudes.

3.1. Forma.

Quen desexe tomar parte nas probas selectivas deberá formula-la súa solicitude no modelo de instancia que figura como anexo I.

Á instancia achegaráselle fotocopia do documento nacional de identidade e, con carácter facultativo, unha memoria ou comunicación na que se faga consta-lo seu curriculum vitae ou historial profesional.

3.2. Destinatario, prazo e lugar de presentación.

As solicitudes dirixiranse ó presidente do Parlamento. O prazo de presentación será de vinte días naturais, que se contarán a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral da Cámara, situado na planta 2.ª do pazo do Parlamento, rúa do Hórreo, en Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 70 da Lei do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Admisión das persoas aspirantes.

4.1. Relación de persoas admitidas.

Despois de que expire o prazo de presentación de instancias, a presidencia dictará resolución no prazo máximo dun mes e declarará aprobada a relación de persoas admitidas e excluídas, coa motivación da exclusión, se é o caso, e determinará o lugar, a data de comezo das probas e a orde de actuación das persoas aspirantes, que se fixará alfabeticamente pola letra do primeiro apelido, logo de sorteo ó chou. A relación publicarase no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Reparación de defectos.

Os defectos previstos no artigo 71 da Lei de procedemento administrativo común serán emendados por petición da persoa interesada no prazo de dez días hábiles, que se contarán desde o seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os erros materiais e de feito poderán ser reparados de oficio en calquera momento.

4.3. Recursos.

As persoas aspirantes excluídas poderán interpoñer recurso ordinario perante a Mesa do Parlamento no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da data de publicación da relación.

Quinta.-Tribunal cualificador.

5.1. Composición.

O tribunal cualificador das probas selectivas estará composto polos seguintes membros:

Tribunal titular.

Presidente: Celso Delgado Arce, vicepresidente 1.º do Parlamento de Galicia.

Vocais: Miguel Cortizo Nieto, vicesecretario do Parlamento de Galicia.

Anxo Teixeiro Piñeiro, xefe do Servicio de Publicacións do Parlamento de Galicia.

Sara Múñiz González, operadora de consola do Servicio de Publicacións.

Secretario (con voz e voto): Juan Carlos Caride Puente, letrado do Parlamento de Galicia.

Tribunal suplente.

Presidente: Juan Pedrosa Vicente, secretario do Parlamento de Galicia.

Vocais: Bautista Álvarez Domínguez, vicepresidente 2.º do Parlamento de Galicia.

Xosé Torres Romar, traductor do Parlamento de Galicia.

Isabel Rodríguez López, operadora de consola do Servicio de Publicacións.

Secretario (con voz e voto): José Ramón Cólera Leirado, oficial maior do Parlamento de Galicia.

Co fin de garanti-lo principio de especialidade, o tribunal poderá solicitar, respecto dalgunha proba, a colaboración de asesores especialistas por razón da materia.

5.2. Abstención e recusación.

Os membros do tribunal deberán absterse ou poderán ser recusados cando concorran algúns dos casos previstos nos artigos 28 e 29 da Lei de procedemento administrativo común. Neste caso, comunicaranllo á Presidencia do Parlamento. Cando se produza esta situación, e consecuentemente a vacante dun membro do tribunal titular, o seu suplente cubrirá o devandito posto, e a Mesa do Parlamento poderá designar un novo suplente.

5.3. Constitución e actuación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros.

As decisións adoptaranse por maioría dos presentes.

Sexta.-Probas selectivas.

6.1. Contido.

A oposición constará de tres exercicios, de carácter obrigatorio e eliminatorio:

Primeiro.-De mecanografía e coñecemento do idioma galego, que consistirá en:

a) Unha copia mecanográfica dun texto en galego durante dez (10) minutos a unha velocidade media

mínima de 250 pulsacións por minuto nun ordenador do Servicio de Publicacións.

b) Unha traducción de castelán para galego dun texto proposto polo tribunal.

Segundo.-Práctico, que consistirá en transcribir de forma literal en ordenador o contido dunha cinta magnetofónica, de dez (10) minutos aproximadamente, correspondente a unha intervención en galego. O tempo máximo para a realización desta proba será dunha hora e media e nela valorarase a corrección da ortografía así como da puntuación.

Terceiro.-Exposición escrita dun tema extraído ó chou da parte específica (dos temas que se propoñan).

6.2. Comezo.

O primeiro exercicio desenvolverase no lugar, na data e á hora determinados na resolución a que fai referencia a base cuarta. O tribunal fará público o inicio dos restantes exercicios nos locais nos que se practiquen as probas, e entre o remate dun e o comezo doutro exercicio deberá mediar un mínimo de corenta e oito (48) horas.

6.3. Desenvolvemento.

O tribunal constituirase unha hora antes de comezar cada exercicio para organiza-la súa práctica e resolve-las peticións, dúbidas ou incidencias que se puidesen presentar.

As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e será excluído quen non compareza, agás nos casos debidamente xutificados e discrecionalmente apreciados polo tribunal.

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

7.1. Forma.

Os exercicios cualificaranse de 0 a 10 puntos, e serán eliminadas as persoas aspirantes que non acaden un mínimo de 5 puntos en cada un deles.

Cada membro do tribunal poderá outorgar de 0 a 10 puntos. Sumaranse tódalas puntuacións e dividirase o total delas polo número de asistentes, e o cociente será a cualificación definitiva de cada un dos exercicios.

O tribunal, unha vez cualificado cada exercicio e antes de comeza-lo seguinte, fará pública, no lugar da súa realización, a relación de persoas aprobadas, coa puntuación obtida, e eliminadas.

7.2. Cualificación final.

Virá determinada pola suma das puntuacións obtidas no conxunto dos exercicios realizados.

Oitava.-Relación de persoas aprobadas.

Despois de que se rematen os exercicios e de que se ordenen as puntuacións, farase pública a relación definitiva de persoas aprobadas, coa orde de puntuación, que non poderá exceder do número de prazas convocadas. O tribunal, no caso de non se acada-la puntuación esixida, tamén poderá declarala deserta.

Novena.-Presentación de documentos.

No prazo de vinte días naturais desde que se faga pública a correspondente relación de persoas aprobadas, a persoa aspirante proposta deberá presentar perante a Presidencia do Parlamento (rexistro xeral) o documento acreditativo de ser funcionario público e de non se atopar separada a través de expediente disciplinario e demais requisitos da base 2.1.

Décima.-Nomeamentos.

Logo de trancorre-lo prazo de presentación de documentos, a mesa procederá ó seu nomeamento como funcionario ou funcionaria do cadro de persoal do Parlamento de Galicia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Deberá tomar posesión do seu cargo ante a presidencia, no prazo e na forma previstos no artigo 53 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

Décimo primeira.-Cláusula derradeira.

11.1. Interpretación e aplicación.

A Mesa do Parlamento resolverá as dúbidas que se susciten e salvará as lagoas que se presenten na aplicación destas bases, utilizará como normas de integración e supletorias as contidas no Estatuto de persoal do Parlamento, no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e nas normas básicas da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e da Lei autonómica da función pública da Galicia.

11.2. Recursos.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela e da da actuación dos tribunais, co carácter de definitivos, no tocante ó trámite no que se decida sobre o fondo do asunto, poderán ser impugnados polas persoas interesadas no prazo e na forma establecidos pola Lei do procedemento administrativo común.

ANEXO I

Modelo de instancia.

D./D.ª ..., maior de idade, natural de ... e con domicilio en ..., rúa de ..., teléfono ..., e documento nacional de identidade n.º ..., expedido en ..., o día ... de ... de ..., ó convoca-lo Parlamento de Galicia probas para cubrir unha praza de auxiliar gravador ou gravadora na quenda de promoción interna e ó reunir todas e cada unha das condicións esixidas na correspondente convocatoria,

Solicita que teña por recibida a presente solicitude e que admita a quen subscribe á práctica dos exercicios previos, para o cal achega fotocopia do DNI e o seu currículum vitae ou historial profesional.

(Lugar, data e sinatura)

Presidente do Parlamento de Galicia.

ANEXO II

Parte específica.

Tema 1.-O Parlamento de Galicia. Estructura e composición. Funcións do Parlamento de Galicia.

Tema 2.-O Regulamento do Parlamento de Galicia. Organización do Parlamento de Galicia: Mesa, Xunta de Portavoces, Comisións, Pleno e Deputación Permanente. Servicios do Parlamento.

Tema 3.-Funcionamento do Parlamento: convocatoria de sesións, ordes do día, debates e votación. Cómputo de prazos e presentación de documentos.

Tema 4.-Os diversos procedementos parlamentarios. Especial referencia ó procedemento lexislativo.

Tema 5.-Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos e deberes dos funcionarios. Situacións administrativas. Réxime disciplinario. Órganos de representación.

Tema 6.-Conceptos de informática, ofimática e ordenador. Unidades de medida da información. Codificación da información. Partes fundamentais dun ordenador: periféricos, software, sistemas operativos.

Tema 7.-A Administración parlamentaria. Estructura orgánica e funcional. O Servicio de Publicacións. As publicacións oficiais do Parlamento: estructura, contido e proceso de elaboración.

6981