Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Venres, 18 de setembro de 1998 Páx. 10.469

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de setembro de 1998 pola que se convocan cinco cursos sobre elaboración de pregos de cláusulas administrativas para a Administración local.

Dentro do plan de actividades da EGAP para 1998, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei

10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse cinco cursos sobre elaboración de pregos de cláusulas administrativas para a Administración local, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Examina-lo contido dos pregos de cláusulas administrativas e técnicas particulares nos diversos tipos

de contratos administrativos e contratos privados da Administración.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal ó servicio das entidades locais, preferentemente grupos A e B, que desenvolvan tarefas na área de contratación.

Terceira.-Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nos cursos programados deberán solicitalos no modelo oficial de instancia que figura ó final da convocatoria e cubrila en tódolos epígrafes. Cando solicite o curso máis dun interesado da mesma corporación, o responsable do persoal poderá especifica-la orde de preferencia. No caso de que non se especifique, a EGAP aplicará os criterios de selección ós que se fai referencia na base sétima.

2. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección será motivo de exclusión automática.

Cuarta.-Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública e presentaranse no rexistro da EGAP, polígono das Fontiñas 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Seguidamente efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos.

Quinta.-Prazo.

O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais, contados a partir da data de publicación da convocatoria.

Sexta.-Selección.

Os criterios de selección, dirixidos a concilia-las necesidades da organización na que prestan servicios os aspirantes e os intereses individuais destes, terán en conta a maior relación do posto de traballo desempeñado co contido do curso. Terán preferencia aqueles que non realizasen ningún curso de similares características ó convocado.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994 (DOG n.º 149 do 3-8-1994), pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP.

Sétima.-Modificacións.

A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailo contido do curso anunciado para adaptalo ás

necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A EGAP reserva para si a facultade de anula-lo curso se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización. Fíxase en 15 o número mínimo de asistentes.

Oitava.-Desenvolvemento.

8.1. Duración: 15 horas.

8.2. Lugares: Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

8.3. Datas:

A Coruña: do 19 ó 23 de outubro.

Lugo: do 26 ó 30 de outubro.

Santiago de Compostela: do 2 ó 6 de novembro.

Pontevedra: do 16 ó 20 de novembro.

Ourense: do 23 ó 27 de novembro.

8.4. Horario: de 17 a 20 horas.

8.5. Prazas: 30 por curso.

Novena.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselle-lo certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Décima.-Contido.

Os pregos de cláusulas administrativas xerais e particulares e modelos tipo. As cláusulas contrarias ós pregos xerais. Os pregos de prescricións técnicas. Análise práctica dos pregos para a contratación da execución de obras e para a concesión de obras. Análise práctica dos pregos nos contratos de xestión de servicios públicos. Análise práctica dos pregos nos contratos de subministración. A mesa de contratación. Os rexistros de documentación de empresas contratistas. A formalización dos contratos. Análise práctica dos pregos dos contratos de consultoría. Os pregos para a contratación de seguros. Análise dos pregos para os contratos privados da Administración e peculiaridades dos contratos excluídos da Lei de contratos. Os contratos menores. Os convenios de colaboración.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

7836