Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Xoves, 17 de setembro de 1998 Páx. 10.403

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 247/1998, do 10 de setembro, para a utilización da imaxe corporativa da organización galega do Ano Santo 1999.

As normas básicas para a correcta utilización dos elementos gráficos representativos do Ano Santo Compostelán 1999 (Xacobeo 99) encóntranse recollidas nun manual propiedade exclusiva da Xunta de Galicia e están protexidas en todo o mundo pola lexislación internacional que ampara os dereitos de autor, marcas rexistradas e deseños industriais.

Faise preciso, polo tanto, normalizar e delimita-lo uso e a utilización da identidade corporativa do Xacobeo 99 coa finalidade de que se respecte de tal xeito que, baixo ningún concepto, se poidan producir interpretacións libres que modifiquen os seus límites ou conduzan ó uso indebido da imaxe.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de setembro de mil novecentos noventa e oito

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos e empresas públicas, sen prexuízo da observancia do vixente código de identificación corporativa, utilizarán como elementos adicionais os símbolos do Xacobeo 99, reflectidos no correspondente manual básico, que figura como anexo deste decreto, en tódalas súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas.

Artigo 2º.-A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo facilitará a información xeral sobre a regulación, medidas de protección e outorgamento de licencias para a utilización da identidade corporativa do Xacobeo 99.

Non se permitirá a utilización da identidade corporativa Xacobeo 99 en actividades comerciais, símbolos, logotipos, marcas, emblemas, ou slogans, salvo que a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo autorice previamente e por escrito o seu uso para fins non lucrativos ou para actuacións non susceptibles de producir beneficios.

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo non responderá, en ningún caso, das infraccións dos dereitos de propiedade industrial e intelectual nin dos actos de competencia desleal nos que poidan incorre-los peticionarios.

Artigo 3º.-As solicitudes para a utilización dos símbolos representativos do Xacobeo 99 dirixiranse á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, sendo esta empresa a competente para outorga-las correspondentes licencias e autorizacións.

Artigo 4º.-O procedemento para o outorgamento da autorización resolverase de modo seguinte:

a) Mediante concurso, se fosen empresas ou particulares os que a solicitasen para fins lucrativos, ou para actuacións susceptibles de producir beneficios;

b) Mediante o facultamento de uso emitido polo Consello de Administración da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, no caso de institucións ou entidades de interese público, fixándose en cada caso as condicións ou límites deste;

Artigo 5º.-A Xunta de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas dos símbolos xacobeos nos mesmos termos que o Goberno galego.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de setembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

8447