Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 15 de setembro de 1998 Páx. 10.337

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 10 de setembro de 1998 pola que se convocan para elección de destino definitivo os funcionarios que superaron os procesos selectivos convocados por ordes do 26 de decembro de 1995 para o acceso ós distintos corpos da Administración xeral da Xunta de Galicia.

De conformidade coa facultade que lle confire o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de setembro de 1998 polo que se establece o sistema para a elección de posto con carácter definitivo polos funcionarios que superaron os procesos selectivos convocados polas ordes de 26 de decembro de 1995 para o acceso ós distintos corpos de administración xeral na Administración autonómica, así como as vacantes que se van ofertar, esta consellería

DISPÓN:

Convoca-los funcionarios dos distintos corpos da Administración da Xunta de Galicia nomeados pola Orde do 16 de xaneiro de 1998 (DOG nº 16, do 26 de xaneiro) para a elección de destino definitivo, no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública, sita no polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, o día 21 de setembro de 1998, de conformidade co seguinte horario:

-Ás 8.45 horas serán convocados os funcionarios do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (grupo A) para o acto de petición de postos que terá lugar ás 9 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no proceso selectivo convocado pola Orde do 26 de decembro de 1995 (DOG nº 8, do 11 de xaneiro de 1996), entre os postos que se relacionan no anexo I, sempre que reúnan as condicións esixidas nel.

-Ás 10 horas serán convocados os funcionarios do corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (grupo B), que elixirán por esta orde, para o acto de petición que terá lugar ás 10.15 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada nos correspondentes procesos selectivos convocados polas ordes do 26 de decembro de 1995 (DOG nº 8, do 11 de xaneiro de 1996), entre os postos que se relacionan no anexo II sempre que se reúnan tódalas condicións esixidas nel.

-Ás 11 horas serán convocados os funcionarios do corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C) para o acto de petición que terá lugar ás 11.30 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no proceso selectivo convocado pola Orde do 26 de decembro de 1995 (DOG nº 8, do 11 de xaneiro de 1996), entre os postos que se relacionan no anexo III sempre que se reúnan tódalas condicións esixidas nel.

-Ás 16 horas serán convocados os funcionarios do corpo auxiliar da Xunta de Galicia (grupo D) para

o acto de petición que terá lugar ás 16.15 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no proceso selectivo convocado pola Orde do 26 de decembro de 1995 (DOG nº 9, do 12 de xaneiro de 1996), entre os postos que se relacionan no anexo IV sempre que se reúnan tódalas condicións esixidas nel.

-Ás 19 horas serán convocados os funcionarios do corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E) para o acto de petición que terá lugar ás 19.15 horas, podendo elixir, segundo a orde acadada no proceso selectivo convocado pola Orde do 26 de decembro de 1995 (DOG nº 9, do 12 de xaneiro de 1996), entre os postos que se relacionan no anexo V.

En primeiro lugar elixirán dentro de cada corpo os funcionarios que accedesen pola quenda de promoción interna e a continuación os de acceso libre e todos eles de acordo coa orde de prelación de puntuación obtida nos distintos procesos selectivos.

Non poderán elixi-los funcionarios que accederon pola quenda de promoción interna e optaron o 15 de xaneiro de 1998 por continuar na praza que viñan ocupando con carácter definitivo cando o nivel desta se atopaba incluído no intervalo de niveis do corpo e grupo ó que accederon.

Tampouco elixirán os funcionarios que tomaran posesión, con carácter definitivo, nun posto de libre designación.

Os funcionarios deberán ir provistos de DNI ou outro documento que acredite, de maneira que dea fe, a personalidade.

Os que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas con poder notarial suficiente.

Aqueles que soliciten postos de traballo que na correspondente relación de vacantes figuren con requisitos imprescindibles para o seu desempeño deberán ir provistos dos documentos xustificativos correspondentes e, de se-lo caso, copia cotexada de maneira que dea fe, para acreditar que reúnen os requisitos.

Ós que non comparezan persoalmente nin por medio de representantes seranlles adxudicadas en destino definitivo as prazas que lles correspondan atendendo á orde de publicación destas e ó número obtido nos procesos selectivos, unha vez rematado o proceso de adxudicación das prazas ós funcionarios presentes ou representados, e entre as que quedasen sen adxudicar.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

7835