Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 15 de setembro de 1998 Páx. 10.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 1998 pola que se convoca un curso para a obtención do diploma de directivo adaptado a altos cargos da Xunta de Galicia.

A Lei 4/1991, do 8 de marzo, de reforma da Lei 4/1988, do 26 de marzo, da función pública de Galicia, crea no artigo 27, 2º (último parágrafo), o diploma de directivo como requisito necesario para o desempeño de determinados postos de traballo.

Por Decreto 294/1992, do 10 de setembro (DOG nº 208, do 26 de setembro) regulouse o diploma de directivo da Xunta de Galicia.

En execución do previsto na disposición transitoria cuarta deste decreto convócase un curso para a obtención do diploma de directivo adaptado a altos cargos da Xunta de Galicia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Solicitantes.

Poderán participar neste curso os funcionarios de carreira dos grupos A e B que estean en posesión dun título de licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente, así como os diplomados universitarios pertencentes a estes grupos, e que estean ocupando actualmente un posto dos definidos como altos cargos na normativa vixente.

Segunda.-Criterios de selección dos participantes.

A selección dos participantes farase por antigüidade na prestación de servicios de director, secretario xeral ou delegado provincial da Xunta de Galicia.

A relación de participantes publicarase no taboleiro de anuncios da EGAP, sen prexuízo de comunicárllelo directamente ós seleccionados.

Terceira.-Características dos cursos.

-Duración: 64 horas.

-Lugar: EGAP. Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4. 15707 Santiago de Compostela.

-Datas: 2, 3, 9, 10, 23, 24, 30 y 31 de outubro; 13, 14, 27 e 28 de novembro; 4, 5, 12 e 13 de decembro.

-Horarios: venres, de 16 a 19.30 horas e sábados de 9.30 a 13.30 horas.

-Prazas: 25/30.

-Contido básico:

Estará constituído polo desenvolvemento teórico-práctico das seguintes materias básicas: Función directiva.- Mando e liderato.- Planificación e control.- Calidade do servicio.- Deseño organizativo.- Negociación.- Xestión de recursos humanos.- Xestión do cambio.

Cuarta.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A ausencia xustificada deberá ser autorizada polo director ou responsable do curso. A falta de asistencia inxustificada a 20 ou máis horas lectivas determinará a cualificación de «non apto». A falta de asistencia, aínda que estea xustificada, a máis do 20% das horas lectivas, determinará tamén a cualificación de «non apto» no curso.

Quinta.-Probas de aptitude.

Valorarase a participación e dedicación dos alumnos durante o curso. A EGAP fixará as probas que coide pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Poderá constituírse un comité de avaliación formado por un equipo de profesores presidido polo director do curso.

Os declarados «non aptos» perderán a preferencia que lles poida corresponder nos procesos selectivos que se realicen nos próximos tres anos fronte ós aspirantes que se presenten por primeira vez.

Sexta.-Expedición do diploma de directivo.

Finalizado o curso, o director deste elevaralle a proposta dos alumnos aptos ó director da EGAP, que dictará a resolución definitiva e expedirálle-lo diploma de directivo.

Sétima.-Modificacións.

A EGAP poderá modifica-los contidos, duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que xurdan no desenvolvemento do curso.

Oitava.-Instancias e prazo de presentación.

As instancias presentaranse segundo o modelo que figura como anexo I a esta convocatoria. Achegarase tamén coa instancia o anexo II no que se resumen tódolos méritos e, ademais, tódolos documentos (orixinais ou copias compulsadas) que acrediten suficientemente a súa validez, agás os que certifiquen os responsables de persoal. A EGAP poderá requiri-la documentación complementaria ou aclaratoria da xa presentada no momento de solicita-lo curso.

A falsidade ou ocultación de datos é motivo de exclusión automática.

As instancias presentaranse na EGAP ou enviaranse por calquera dos medios permitidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo.

O prazo de presentación de instancias comezará a contarse a partir do día seguinte ó de publicación desta resolución no DOG e rematará o 23 de setembro.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO II

CERTIFICACIÓN DO XEFE DOS SERVICIOS DE PERSOAL

Don/Dona

Xefe(a) do Servicio de Persoal da Consellería de

CERTIFICA:

1º Que Don/a ..... está ocupando actualmente o posto de, en situación de

2º Que é funcionario de carreira do corpo (escala) de

do grupo ........, coa titulación de .............., en situación de ................... na Administración da Comunidade Atuónoma galega.

3º Que foi nomeado polo Decreto (DOG nº ..., do .....) con data do...

Lugar e data:..........., ... de..... de 1998.

Sinatura e selo:.............

8409