Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 15 de setembro de 1998 Páx. 10.332

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 3 de setembro de 1998 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias.

Antecedentes de feito:

1. Luis Matos Espiño, na súa calidade de fundador e presidente da fundación, en escrito do 25 de maio de 1998, formulou solicitude de clasificación e de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, á que están incorporados os seus estatutos, outorgada en Santiago de Compostela o día 20 de maio de 1998 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Antonio Montero Pardo, co número mil setenta do seu protocolo, por Luis Matos Espiño.

3. A Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias ten por obxeto a información, formación, asesoramento, investigación e xestión en materias ecolóxicas, medioambientais, sanitarias e sociais, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese medioambiental da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, de 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese medioambiental e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 23 de xuño de 1998 (Diario Oficial de Galicia, do 7 de xullo) clasificouse como de interese medioambiental a Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na anteriormente sinalada escritura pública de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla e a súa voluntade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1981, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial constituída pola achega do fundador consistente nun fondo bibliográfico valorado nun millón duascentas cincuenta mil pesetas, que debe entenderse realizada a título gratuíto por estar afectada de modo duradeiro á realización dos seus fins segundo se especifica no artigo 26 dos estatutos; e a designación das persoas naturais que constituen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación, no devandito acto fundacional, dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias (artigo 1), o seu obxecto e finalidade de información, formación, asesoramento, investigación e xestión en materias ecolóxicas, medioambientais, sanitarias e

sociais (artigo 6); o seu enderezo na r/ Castrón Douro nº 27-2º de Santiago de Compostela (A Coruña) (artigo 4); as regras para a aplicación das rendas ó obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 7 e 8) e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 9 a 23).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data 21 de agosto, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego en relación co Decreto 482/1997, do 26 de decembro, correspóndelle a esta Consellería de Medio Ambiente a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade no indicado en dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1º.2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, da Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais e Sanitarias, polo que procede dicta-la presente orde. Por todo iso

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Atlántica de Iniciativas Sociais, Medioambientais y Sanitarias.

Segundo.-Ordena-la a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 27 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen

especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios e de solicita-las preceptivas autorizacións, quede suxeita ó protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

8374