Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 09 de setembro de 1998 Páx. 10.078

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 1998 pola que se convocan seis bolsas de colaboración para a realización de tarefas de análise e investigación relacionadas co dereito autonómico galego.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, prevé entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade con esta disposición por Resolución do 23 de abril de 1998 convocáronse bolsas de colaboración para a realización de tarefas de análise e investigación relacionadas co dereito autonómico galego, actividades xa iniciadas polas persoas seleccionadas.

A importancia dos proxectos iniciados fai necesario para o seu adecuado desenvolvemento realizar unha nova convocatoria de bolsas, que se rexerá polas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca seis bolsas de colaboración en tarefas de análise e investigación, recompilación normativa e xurisprudencial, relacionadas co dereito autonómico galego.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas rematarán o día 31 de decembro de 1998 e poderán prorrogarse no ano 1999, en función do aproveitamento do adxudicatario e das posibilidades orzamentarias da escola.

A dotación económica de cada bolsa será de 150.000 pesetas mensuais.

O importe citado aboarao a Escola Galega de Administración Pública con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.122A.480.00 do vixente orzamento de gastos logo de certificación emitida polo director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia acreditativa das tarefas executadas.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser licenciado en dereito.

-Ter formación e/ou coñecementos en lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, ata o 22 de setembro de 1998, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Currículum vitae e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecemento en lingua galega.

d) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre compilación e actualización da normativa administrativa.

Estarán exentos de presenta-la documentación a que se refiren os parágrafos b), c) e d) aquelas persoas que xa tiveran participado na convocatoria efectuada por Resolución do 23 de abril de 1998.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o xefe do Gabinete de Asesoramento e Apoio a Actualización Normativa.

Vocais: o secretario da Escola Galega de Administración Pública.

-O xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

Secretario: un funcionario dependente da Asesoría Xurídica Xeral.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículum vitae: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Memoria descritiva: ata cinco puntos.

O tribunal poderá levar a cabo unha entrevista cos aspirantes preseleccionados por teren acreditados máis de sete puntos no anterior baremo, que versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria cunha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25 por cento da que lles correspondese por aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo as indicacións do xefe do Gabinete da Asesoría Xurídica Xeral a que se asignen en horario de mañá ou tarde de luns a venres no local que se estableza. Os traballos realizados quedarán en propiedade da Xunta de Galicia.

Os bolseiros presentarán, á finalización das bolsas, un informe sobre os traballos realizados.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral e logo de escoitar á persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

8125