Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 09 de setembro de 1998 Páx. 10.076

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 1 de setembro de 1998 pola que se establece a estructura, regulamento de organización interna e funcionamento básico dos centros de investigacións mariñas dependente da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

A importancia social e económica que a explotación dos recursos mariños teñen para Galicia fan que a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, como organismo responsable da súa xestión, necesite dispoñer dun equipo científico e técnico altamente cualificado que no desenvolvemento da súa actividade aborde os problemas e responda as preguntas sobre o medio e os recursos mariños que unha xestión racional require.

Este tipo de investigación sectorial, que por ser máis aplicada non debe ser menos rigorosa, se ben ten que estar incardinada na que por outras institucións se desenvolve en Galicia, non pode deixarse ás prioridades que en cada momento teñan os diferentes equipos de investigación senón que necesita dunha boa planificación que garanta a súa continuidade no tempo.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura conta, na actualidade, cunha boa infraestructura dedicada á investigación mariña, sen embargo o seu rendemento non é o esperado, como consecuencia fundamentalmente dunha deficiente estructura organizativa. Dentro desta, a falta dun equipo de dirección científica, o feito de que a base funcional se realice soamente por proxectos sen estar integrados en áreas, xunto co illamento dos centros de experimentación en Acuicultura de Couso e Ribadeo do Centro de Investigacións Mariñas de Corón, ten como consecuencia unha certa descoordinación que dificulta o manter liñas de investigación sólidas e polo tanto cumprir cos obxectivos que teñan marcados dentro da consellería.

A urxente necesidade de iniciar unha reestructuración e planificación da actividade científica e técnica dos centros, xunto coa conveniencia de involucrar e contar coa colaboración do persoal que os integra, fai que se considere necesario dicta-la presente orde.

Polo exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-O Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e o Centro de Experimentación en Acuicultura de Couso para os efectos de dirección, xestión e avaliación científica, integraranse, como plantas de cultivo, no Centro de Investigacións Mariñas de Corón.

Artigo 2º.-Para a realización das actividades propias do centro establécense catro áreas de actividade científica procesos oceanográficos costeiros, recursos mariños, acuicultura e patoloxía.

Artigo 3º.-Como responsable de cada unha das áreas citadas figurará un investigador, que posuirá o grao de doutor. O responsable serao por períodos de tres anos, renovables, sendo as súas funcións:

-A orientación científica da área.

-O seguimento científico dos proxectos de investigación.

-O asesoramento científico á consellería.

-Formar parte do Consello de Dirección Científica.

Artigo 4º.-O Consello de Dirección Científica está integrado polos responsables de área, sendo as súas funcións:

-A orientación científica do centro.

-A preselección dos proxectos de investigación.

-A elaboración da proposta de convocatoria de bolsas de estudios.

-A aprobación das actividades e colaboracións científicas non recollidas nos proxectos.

-A elaboración da memoria científica anual.

-O asesoramento científico á consellería.

Artigo 5º.-Establécese a figura de director, que será o funcionario que ocupe o posto de coordinador científico de centros. Sen prexuízo das competencias do xefe de Servicio de Investigación Mariña, corresponderanlle ó director as seguintes funcións:

-Ostenta-la representación do centro.

-Xestiona-las unidades de servicios de apoio á investigación.

-Elabora-la memoria administrativa do centro.

-Executa-los acordos adoptados polo Consello de Dirección.

Establécese tamén a figura do responsable de Planta de Cultivos que exercerá as funcións que lle delegue o director. O responsable de planta serao un investigador integrado nela, por períodos de tres anos renovables.

Artigo 6º.-O Consello de Dirección estará integrado por:

-O director xeral de Formación Pesqueira e Investigación, ou persoa en quen delegue.

-O director do centro.

-Os responsables de área.

-Os responsables das plantas de cultivos.

-Un representante do persoal de apoio á investigación.

Corresponderalle ó Consello de Dirección resolver todas aquelas cuestións que lle sexan presentadas por algún dos seus membros.

Artigo 7º.-Corresponderalle á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, oído o Consello de Dirección, nomea-los responsables de área e planta de cultivos.

Disposición derrogatoria

Derrógase a Orde do 22 de febreiro de 1989 pola que se aproba o Regulamento de organización interna e funcionamento básico dos centros de investigación da Consellería de Pesca Marisqueo e Acuicultura.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

8216