Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Martes, 01 de setembro de 1998 Páx. 9.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 1998 pola que se convoca o V curso para a obtención do diploma de inspección de servicios da Xunta de Galicia.

O Decreto 121/1992, do 14 de maio (DOG nº 96, do 21 de maio) regula a estructura orgánica

e as funcións da Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Para o desempeño de determinados postos de traballo, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia (DOG nº 104, do 1 de xuño), modificada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo (DOG nº 51, do 13 de xuño) no seu artigo 27.2º, establece como requisito necesario estar en posesión de diploma específico.

A Orde do 6 de maio de 1992 (DOG nº 88, do 11 de maio) establece que para o desempeño dos postos de traballo de inspectores e subinspectores de servicios será requisito necesario estar en posesión do diploma de inspección de servicios expedido pola EGAP (artigo 1), engadindo que, para a obtención do citado diploma, será necesario consegui-lo resultado favorable no curso convocado para o efecto (artigo 2).

En consecuencia, convócase o V curso para a obtención do diploma de Inspección de Servicios que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto do curso.

O presente curso ten por obxecto ofrece-la formación específica e os coñecementos prácticos necesarios que garantan que os que o superen reúnan as esixencias de idoneidade necesarias para poderen acceder, se é o caso, ós postos de traballo correspondentes a inspectores e subinspectores de servicios.

Segunda.-Solicitantes.

Poderán solicita-la súa participación no curso os funcionarios que, con referencia ó último día do prazo de presentación de instancias, reúnan os seguintes requisitos:

a) Pertencer a un corpo ou escala dos grupos A ou B de calquera Administración pública, incluídos no ámbito da aplicación da Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública e da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

b) Estar en situación de servicio activo ou servicios especiais nalgunha das administracións públicas.

c) Ter prestado servicios en calquera Administración pública por un tempo mínimo de 3 anos.

Terceira.-Instancias, memoria e prazo de presentación.

As instancias presentaranse segundo o modelo que figura como anexo I da presente convocatoria. A elas uniranse as certificacións ás que fai referencia o anexo II, así como os documentos (orixinais ou copias compulsadas) xustificativas destas.

Os solicitantes deberán presentar, xunto coa instancia, unha memoria sobre o seguinte tema: reflexión persoal sobre posibles medidas de reforma nas administracións públicas españolas. A dita memoria terá unha extensión máxima de dez folios.

Os anexos I e II, xunto coa documentación que corresponda, se é o caso, así como a memoria e a autorización do superior xerárquico para participar no curso, presentaranse no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sito no edificio administrativo nº 1 de San Caetano, ou por calquera dos medios previstos pola normativa reguladora do procedemento administrativo.

O prazo de presentación é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarta.-Comisión de selección.

A selección dos participantes no curso será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral da Inspección Xeral de Servicios.

Vocais: o director xeral-xefe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, o director xeral de Función Pública, o director da Escola Galega de Administración Pública, o director do curso, un representante das organizacións sindicais presentes na mesa de negociación da Xunta de Galicia e un inspector de servicios designado polo director xeral da Inspección Xeral de Servicios, que fará de secretario da comisión, con voz, pero sen voto.

Quinta.-Selección dos participantes.

A selección dos participantes faraa a comisión en dúas fases:

-Baremo de méritos.

-Entrevista persoal.

Sexta.-Baremo de méritos.

No baremo valoraranse, ata un máximo de 4 puntos, os seguintes méritos adquiridos ata a data da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

A) Pertenza ós grupos A ou B:

-Por pertencer ó grupo A: 2 puntos.

-Por pertencer ó grupo B: 1 punto.

A pertenza a un ou outro grupo deberá ser certificada, segundo o anexo II, polo responsable dos servicios de persoal de que dependa o solicitante.

En caso de que unha persoa pertenza ós dous grupos, só se valorará a pertenza ó grupo A.

B) Experiencia en postos de traballo relacionados con tarefas de organización, racionalización e administración orzamentaria, de persoal e sistemas de información, tanto na Administración pública como na empresa privada: 0,10 puntos por cada ano ata un máximo de 2 puntos.

A experiencia desenvolvida na Administración pública deberá ser certificada, segundo o anexo II, polo responsable dos servicios de persoal de que dependa o solicitante. As datas de referencia, para efectos do cómputo do tempo, serán as que figuren nas dilixencias de toma de posesión e de cesamento.

A experiencia desenvolvida na empresa privada acreditarase mediante a presentación de copia compulsada do correspondente contrato e/ou certificación da empresa na que consten a categoría pro

fesional, as funcións desenvolvidas e a duración do contrato de traballo.

Sétima.-Entrevista persoal.

A entrevista valorarase de 0 a 4 puntos e orientarase a determina-las condicións intelectuais e profesionais, calidades humanas e idoneidade dos aspirantes para o desenvolvemento dos postos de inspector e subinspector de servicios. Para este efecto a comisión de valoración formularalle ó aspirante as preguntas que considere procedentes sobre a estructura, contido e conclusións da memoria presentada.

Oitava.-Relación de participantes.

Efectuada a valoración dos méritos, publicarase no taboleiro de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, co fin de que no prazo de 5 días os aspirantes formulen as alegacións que xulguen convenientes.

Finalizadas as entrevistas, a relación de admitidos publicarase igualmente no taboleiro de anuncios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo de comunicarllo directamente ós interesados.

Contra a citada publicación poderase interpoñer recurso ordinario no prazo dun mes perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

Novena.-Características do curso.

-Número de plazas: 25.

-Lugar de celebración: Escola Galega de Administración Pública. Polígono das Fontiñas, s/n. Santiago de Compostela.

-Duración: 150 horas durante os meses de outubro, novembro e decembro de 1998, repartidas en horas lectivas e de realización dos traballos prácticos.

-Horario: xeralmente os xoves e venres en sesións de mañá e tarde en semanas alternas.

Décima.-Modificacións.

A Inspección Xeral de Servicios poderá modifica-la duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades administrativas e ás continxencias que xurdan no desenvolvemento do curso.

Undécima.-Contido do curso.

Estará constituído polo desenvolvemento teórico-práctico dos seguintes módulos:

Módulo I:

Título: aptitudes e habilidades para o traballo de inspector e subinspector de servicios.

Contido: efectos humanos da relación do inspector de servicios coas unidades. Variables que se deben ter en conta na implantación dun sistema de control. A utilización dos resultados do control para a mellora da xestión. A relación de entrevista.

Módulo II:

Título: técnicas de descrición e análises de procedementos e procesos administrativos.

Contido: Técnicas de descrición de procedementos: fluxogramación e documentación. Metodoloxía de análises de procedementos e oportunidades de simplificación e racionalización. O SXPA: o papel da Inspección de Servicios.

Módulo III:

Título: análises de estructuras e cargas de traballo. Avaliación do rendemento.

Contido: técnicas de análises de estructuras e cargas de traballo. Análises de estructuras organizativas. Técnicas de avaliación do rendemento.

Módulo IV:

Título: metodoloxía e técnicas de inspección operativa de servicios.

Contido: modalidades de proxectos de intervención organizativa. Técnicas de inspección e auditoría operativa. Proxectos de mellora organizativa: metodoloxía.

Décimo segunda.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas actividades do curso. A ausencia xustificada deberá ser autorizada polo director do curso.

A falta de asistencia, aínda que estea xustificada, en máis do 20% das horas lectivas determinará tamén a cualificación de non apto no curso.

Décimo terceira.-Avaliación do curso.

Ó longo do curso efectuarase unha avaliación do traballo realizado polos participantes, considerando, para tal efecto, o seu grao de dedicación e o aproveitamento obtido do contido dos diversos módulos.

Décimo cuarta.-Expedición do diploma.

Finalizado o curso, o seu director elevará proposta dos participantes considerados aptos ó inspector xeral de servicios, que dictará resolución definitiva. A Escola Galega de Administración Pública procederá á expedición do diploma de Inspección de Servicios.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

7116