Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Martes, 25 de agosto de 1998 Páx. 9.672

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 31 de xullo de 1998 pola que se regulamenta a normativa para o recoñecemento das escolas de navegación de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas, transfírelle á Comunidade Autónoma, entre outras funcións, a autorización e recoñecemento das escolas de formación náutico deportivas.

A Orde do 17 de xuño de 1997 do Mº de Fomento regula as condicións para o goberno de embarcacións de lecer, e establece para obtelas un exame teórico e un práctico ou, no lugar deste último, a obriga de realiza-las prácticas de seguridade e navegación nunha escola de navegación de lecer recoñecida ou nunha etidade autorizada.

É necesario, logo, establece-las condicións necesarias para adecua-los escolas de formación á nova realidade que esta supón, para garantirlles ós aspirantes a obte-las titulacións para o goberno de embarcacións deportivas o nivel de calidade na formación que esta establece e para fomenta-la náutica deportiva ó facer dos centros de formación auténticos centros ó servicio dos afeccionados e entidades dinamizadores desta actividade.

Neste mesmo obxectivo e no de determina-lo papel dos distintos centros ou entidades que actuen neste sector, é preciso establece-lo marco normativo no que aquelas que non estean recoñecidas como escolas de formación, poden solicita-la realización das prácticas establecidas na citada Orde do 17 de xuño de 1997.

Polo exposto

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-O recoñecemento das escolas de formación que queiran impartir cursos de formación ou as prácticas básicas de seguridade e navegación e a autorización de entidades para a realización das ditas prácticas para a obtención das titulacións para o goberno de embarcacións de lecer no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán cumpri-los requisitos e o procedemento establecido na presente orde.

Artigo 2º.-Poderán solicita-lo recoñecemento como escola de navegación de lecer ou a autorización para impartir prácticas básicas de seguridade e navegación as persoas físicas, as entidades xurídicas, os organismos e as institucións que, de acordo co procedemento establecido na presente orde acrediten o cumprimento dos requisitos establecidos.

Artigo 3º.-Créase o Rexistro de Escolas de Navegación de Lecer coa finalidade de anotación, segui-

mento, control e inspección das escolas recoñecidas como tales. O dito rexistro será custodiado e levado polo Negociado de Titulacións de Lecer da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

TÍTULO II

Das escolas de navegación de lecer

e o seu recoñecemento

Capítulo I

Das escolas de navegación de lecer

Artigo 4º.-A escola de navegación de lecer é un centro que ten como obxecto a formación teórica e práctica no goberno de embarcacións de lecer nos seus distintos niveis, e conta cos recursos humanos e materiais necesarios para impartir esta formación cun axeitado nivel de calidade e coas debidas condicións de seguridade.

Artigo 5º.-Para poder desenvolve-la súa actividade, as escolas de navegación de lecer deberán solicita-lo seu recoñecemento pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o establecido nesta orde. O recoñecemento dará lugar á inscrición no Rexistro de Escolas de Navegación de Lecer e ós dereitos que como tal escola inscrita lle correspondan.

Artigo 6º.-Para o recoñecemento como escolas de navegación de lecer establécense dúas categorías:

a) Escola de navegación de lecer (ENAL): estará recoñecida para imparti-la formación e as prácticas para tódalas titulacións para o goberno de embarcacións de lecer. Debe cumpri-los requisitos establecidos no artigo 12º.

b) Escola básica de navegación de lecer (ENAL básica): estará recoñecida para imparti-la formación e as prácticas para as titulacións de patrón para a navegación básica e de patrón de embarcacións de lecer. Debe cumpri-los requisitos establecidos no artigo 13º.

Artigo 7º.-As escolas terán a consideración de centros colaboradores da Administración nos temas que lle son propios.

Artigo 8º.-As escolas poderán solicitar da Administración a celebración de exames extraordinarios das titulacións para as que están recoñecidas cando entre as súas actividades inclúa a realización de cursos de formación teórica e de acordo co que regulamentariamente se estableza.

Capítulo II

Dos requisitos para o recoñecemento das escolas de navegación de lecer

Artigo 9º.-As entidades que soliciten o recoñecemento como ENAL ou ENAL básica deberán estar constituídas, legalizadas e inscritas nos rexistros correspondentes e dadas de alta no imposto de actividades económicas. Deben contar con tódolos permisos e licencias necesarios para o inicio da súa actividade.

Artigo 10º.-Con carácter xeral deberán contar con instalacións permanentes, propias ou en réxime de aluger ou outros que permitan o desenvolvemento das actividades. A título enunciativo:

1. Unha aula para clases teóricas con capacidade para 15 alumnos, cun mínimo de 30 m, correctamente

iluminada, con posibilidades de ventilación e equipada con mobiliario para alumnos e profesor adecuado ó tipo de ensinanzas que se vai impartir.

2. Unha aula de prácticas dun mínimo de 30 m correctamente iluminada e ventilada, dotada cos elementos necesarios para a realización das prácticas.

3. Un despacho para que o profesorado poida atende-las consultas individuais dos alumnos e a preparación das clases

4. As dependencias administrativas necesarias para atende-la demanda da escola.

5. Servicios hixiénicos e vestiarios en número suficiente para as necesidades da escola.

6. Un espacio dedicado a paiol de aparellos suficiente para as necesidades da escola.

7. Medios didácticos adecuados ó tipo de formación que se vai impartir.

8. Material didáctico suficiente para as ensinanzas que se van impartir: cartas náuticas, mostras de material de seguridade, material de comunicacións, etc.

9. Embarcación de prácticas segundo o nivel da escola.

10.- Unha póliza de seguros de responsabilidade civil de 50 millóns de pesetas que cubra tódalas actividades da escola, incluídas as prácticas en embarcación e un seguro de accidentes para os alumnos.

Artigo 11º.-Para o seu funcionamento a escola deberá contar cun cadro de persoal axeitado as súas necesidades que poida desempeña-las seguintes funcións:

1. Director. Persoa á que corresponde a responsabilidade da organización e o funcionamento da escola por designación do titular. Deberá velar pola calidade da formación impartida e o cumprimento da normativa de seguridade na realización das prácticas. A dirección pode ser asumida directamente polo titular se este é unha persoa física.

2. Instructor. Persoa encargada de impartir e supervisa-las prácticas, que debe estar en posesión de titulación profesional náutica suficiente que o faculte para impartir as prácticas segundo a lexislación vixente. Referendará persoalmente coa súa sinatura o libro rexistro de prácticas e os certificados individuais dos alumnos.

O instructor manterá coa escola unha relación contractual de tipo laboral, por calquera dos sistemas recollidos na normativa vixente, agás que sexa o propio titular da escola.

3. Profesor de teoría. Persoa que, contando cunha titulación profesional náutica axeitada, se encarga de imparti-la formación teórica.

A figura de instructor e de profesor de teoría poden coincidir na mesma persoa sempre que sexa posible a compatibilidade horaria.

4. A escola poderá incorporar, por razóns de incompatibilidade horaria ou de volume de alumnos, contramestres con funcións de apoio á docencia, que traballarán sempre baixo a supervisión e control do ins

tructor, co fin de mellora-la calidade da formación e prestar unha atención máis personalizada.

5. Se a escola solicita a realización de exames extraordinarios, será necesaria a existencia da figura de secretario como responsable da xestión administrativa da escola.

Artigo 12º.-Os requisitos mínimos que deben cumpri-los os centros que opten ó recoñecemento como ENAL son:

1. Cumpri-los mínimos establecidos nos artigos 10 e 11.

2. Unha embarcación de eslora maior de 12 metros co equipo mínimo para a categoría de navegación A. (Circular nº 7/1995 da DG da Mariña Mercante).

Estas embarcacións serán exclusivamente embarcacións de lecer, consideraranse para os efectos de inscrición e rexistro consonte o Real decreto 1027/1989, do 28 de xullo sobre abandeiramento, matriculación e rexistro de buques, o uso dos cales coma embarcacións de prácticas lles confire un fin lucrativo.

3. Dous sextantes, cartas de navegación, roteiros, libro de faros e sinais de néboa e código internacional de sinais.

4. Unha balsa de capacidade mínima para 4 persoas dun modelo homologado con equipo de supervivencia. Un modelo de sistema de liberación hidroestático para balsa fixa.

5. Tres modelos de chalecos diferentes, alomenos dous autoinchables, e un deles cun sistema de localización. Espello de sinais.

6. Un traxe de supervivencia.

7. Luces cialume, bolsas de colorante, mostras de cinta reflectora de luz e de radar, un respondedor radar e equipo pirotécnico habitual: foguetes, botes de fume e sinais

8. Radiobaliza de 406 Mhz para formación.

9. Un equipo de comunicacións transmisor receptor de VHF fixo e un móbil.

10. Sistema de recolla de home á auga.

11. Un retroproxector e un aparello de vídeo.

Artigo 13º.-Os requisitos mínimos que deben cumpri-los centros que opten ó recoñecemento como ENAL básica son:

1. Os establecidos nos artigos 10 e 11, agás os do artigo 10.2º e 10.6º.

2. Unha embarcación de eslora maior de 6 metros co equipo mínimo para a categoría de navegación C. (Circular nº 7/1995 da DG da Mariña Mercante)

Estas embarcacións serán exclusivamente embarcacións de lecer, consideraranse para os efectos de inscrición e rexistro consonte o Real decreto 1027/1989, do 28 de xullo sobre abandeiramento, matriculación e rexistro de buques, o uso das cales como embarcacións de prácticas lles confire un fin lucrativo.

3. Barómetro, termómetro, agulla de tomar demoras, sonda e GPS.

4. Un traxe de supervivencia.

5. Tres modelos de chalecos diferentes, alomenos dous autoinchables. Espello de sinais.

6. Luces cialume, bolsas de colorante, mostras de cinta reflectora de luz e de radar e equipo pirotécnico habitual: foguetes, botes de fume e sinais

7. Un retroproxector e un aparello de vídeo.

Capítulo III

Do procedemento de recoñecemento das escolas

Artigo 14º.-O recoñecemento efectuarase por solicitude do interesado por escrito no modelo do anexo I, ó que se lle xuntará a seguinte documentación:

1. A que acredite a personalidade xurídica do titular: fotocopia legalizada do DNI, se é persoa física, ou escrituras de constitución debidamente inscritas, se é persoa xurídica.

2. A que acredite as autorizacións de funcionamento: licencia municipal, alta no imposto de actividades económicas, e calquera outra necesaria para o comezo das actividades.

3. Memoria descritiva da escola que se vaia recoñecer, onde figure como mínimo a súa razón social e o enderezo, a descrición das instalacións e dos equipos e embarcacións e os planos necesarios, e se xustifique o cumprimento das condicións establecidas para a homologación.

4. Documentación que acredite a titularidade das embarcacións de prácticas e copias da documentación destas.

5. Relación de persoal que preste servicio na escola, cos cargos que vai desempeñar.

6. Fotocopia legalizada do DNI e do título profesional do instructor, así como copia do contrato que o vincula á escola.

7. Copia legalizada da póliza de seguros a que fai referencia o artigo 10º.10 con indicación dos riscos que cobre e xustificado o seu pagamento para o ano.

Artigo 15º.-A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo de vista a documentación presentada e realizadas as inspeccións que considere pertinentes, resolverá no prazo máximo de tres meses a inscrición como escola recoñecida, considerándose en caso contrario denegada a petición.

Artigo 16º.-Os solicitantes poderán solicitar da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura un informe previo sobre o recoñecemento da escola mediante a presentación do correspondente proxecto e a relación de marcas e modelos do material que se vai adquirir. O informe positivo é vinculante para Administración, e unha vez comunicada a finalización das obras e comprobado se a escola e os seus equipos responden ó proxecto, no prazo dun mes, debe efectua-la inscrición ou efectua-las reparacións oportunas para a súa emenda.

Artigo 17º.-A resolución de recoñecemento dará lugar á inscrición da escola no Rexistro de Escolas de Navegación de Lecer é terá vigor por un prazo de cinco (5) anos, debendo solicitarse a súa renovación transcorrido este prazo. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18º.-As escolas inscritas están obrigadas a comunicarlle ó rexistro calquera cambio que modifique as condicións en que foi recoñecida, así como a substitución do instructor ou o cambio de embarcación de prácticas.

Artigo 19º.-A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá realiza-las inspeccións e controis que considere necesarios, sendo obriga da escola facilitalos.

Artigo 20º.-As escolas poderán perde-lo seu recoñecemento e ser anulada a súa inscrición no rexistro, por non renovaren o recoñecemento, por incumprimento das súas obrigas ou por cesamento da actividade por máis de tres anos. A dita resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo IV

Das obrigas das escolas

Artigo 21º.-As escolas están obrigadas a imparti-las prácticas de acordo co establecido nesta orde e na Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento e na Orde do 30 de xullo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 22º.-As escolas están obrigadas:

a) A expedirlle a cada alumno que teña realizado as prácticas un certificado da realización.

b) Ter á disposición dos alumnos unha folla de reclamacións onde estes poidan realiza-las que consideren oportunas. As ditas follas serán de papel autocopiativo que permita a emisión de dúas copias, unha seralle entregada ó presentador da reclamación e outra será arquivada na escola. O orixinal será enviado pola escola á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo máximo de 5 días desde a súa presentación.

c) Ter exposto en lugar visible dentro das súas instalacións un cadro de información ó alumno sobre o contido e duración dos cursos e prácticas que realice e do prezo deberá aboar por cada unha delas. O dito cadro onde figurará o número de inscrición da escola será presentado nunha delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a súa selaxe.

d) Deberá comunicarlle á Capitanía Marítima da zona e ó Rexistro de Titulacións da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, previamente ó inicio das prácticas de seguridade e navegacións, a relación de alumnos, as saídas previstas e a data, hora e embarcación nas que se levarán a cabo.

O instructor comunicará ó Centro de Coordinación e Salvamento correspondente o inicio do período de prácticas e o seu remate.

Artigo 23º.-Para os efectos estatísticos, as escolas enviarán a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ó final de cada ano natural o número de cursos e de tandas de prácticas realizadas, e os alumnos que participaron nelas en cada unha das súas modalidades.

Capítulo V

Do réxime sancionador

Artigo 24º.-O funcionamento das escolas axustarase ó disposto nesta orde e na orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, así como no que

lle sexa de aplicación do establecido na resolución da Dirección Xeral da Mariña Mercante do 30 de decembro de 1997, e na Orde do 30 de xullo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e nas resolucións que en desenvolvemento da presente orde poida emitir a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 25º.-O incumprimento da normativa dará lugar ás sancións correspondentes segundo a norma en vigor.

TÍTULO III

Da autorización a entidades para a realización

de prácticas

Artigo 26º.-As entidades que teñan como fin social o fomento da actividade náutica de lecer poderán realizar para os seus asociados e parentes destes en primeiro grao, as prácticas obrigatorias de seguridade e navegación, de acordo co disposto na presente orde.

Artigo 27º.-Para poder realiza-las prácticas, a entidade debe dispor de:

1. Unha instalación fixa que sirva de base para a realización das prácticas e que conte como mínimo cun local onde poidan reunirse tódolos participantes para recibi-las instruccións.

2. Unha embarcación adecuada para o nivel que solicite, segundo o determinado na orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997 e a resolución da Dirección Xeral da Mariña Mercante do 30 de decembro de 1997.

3. O equipo de seguridade para a realización das prácticas de acordo co establecido nos artigos 12º e 13º, segundo corresponda.

4. Un instructor encargado de impartir e supervisa-las practicas.

O instructor manterá coa entidade unha relación contractual, por calquera dos sistemas recollidos na normativa vixente, alomenos mentres dure a realización das prácticas

5. Unha póliza de seguros de responsabilidade civil de 50 millóns de pesetas que cubra as prácticas en embarcación e un seguro de accidentes para os alumnos.

Artigo 28º.-Para poder realiza-las prácticas, as entidades interesadas deberán solicitar autorización da delegación territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o modelo do anexo II, xunto coa seguinte documentación:

1. Fotocopia legalizada ou compulsada do DNI do presidente da entidade ou persoa que asina a da solicitude.

2. Certificado do acordo do seu órgano competente polo que se toma este e se autoriza a persoa que asina a solicita-la realización de prácticas, expedido polo secretario co visto e prace do presidente.

3. Memoria da embarcación con descrición do equipamento co que conta e fotocopias compulsadas da documentación e certificados de navegación.

4. Relación dos equipos de seguridade cos que se conta, con indicación de marca e modelo.

5. Fotocopia compulsada ou legalizada do DNI e do título profesional do instructor, así como copia do contrato que o vincula á escola.

6. Fotocopia compulsada ou legalizada da póliza de seguros e do seu xustificante de aboamento.

7. Relación de socios que van realiza-las prácticas con data de antigüidade da súa alta. Se son parentes do socio, indicación do tipo de parentesco.

8. Datas previstas e horarios de realización das prácticas.

Artigo 29º.-A realización das prácticas axustarase ó disposto nesta orde, na orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, e na Orde do 30 de xullo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, así como no que lle sexa de aplicación do establecido na resolución da Dirección Xeral da Mariña Mercante do 30 de decembro de 1997.

Artigo 30º.-A entidade deberá realiza-las comunicacións ás autoridades establecidas no artigo 22º.d).

Artigo 31º.-As autorizacións para a realización de prácticas polas entidades están limitadas a un máximo de dúas por ano e un mínimo de 15 participantes.

Disposicións transitorias

Primeira.-As escolas homologadas de acordo coa orde do Ministerio de Transporte Turismo e Comunicacións do 11 de febreiro de 1985 deberán axustarse en canto ós requisitos de instalacións e equipamentos ó disposto na presente orde no prazo de 12 meses contados a partir da súa entrada en vigor.

Segunda.-Para poder realiza-las prácticas de seguridade e navegación, estas escolas deberán acreditar ante a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura esta en posesión das embarcacións de prácticas de acordo co establecido nesta orde, na Orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, e na Orde do 30 de xullo da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, así como no que lle sexa de aplicación do establecido na resolución da Dirección Xeral da Mariña Mercante do 30 de decembro de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

7654