Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 17 de agosto de 1998 Páx. 9.466

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 243/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil e as condicións e procedementos para o recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil.

A Constitución española, no seu artigo 48, sinala que os poderes públicos promoverán as condicións para a participación libre e eficaz da xuventude no desenvolvemento político, social, económico e cultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de fomento da cultura en Galicia (número 19), promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer (número 22) e promoción do desenvolvemento comunitario (número 24).

Polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Tendo en conta as singulares condicións xeográficas e socio-económicas da sociedade galega, correspóndelles ós poderes públicos establece-los mecanismos necesarios de información que permitan a posta en marcha de redes informativas a nivel autonómico, nacional e internacional, como garantía dunha boa distribución e espallamento da información e o acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada, como condición básica para garanti-la participación efectiva na sociedade actual. Así, consonte a aprobación do Decreto 53/1994, do 4 de marzo, créase a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, servicio público que presta a Comunidade Autónoma a través da Consellería de Familia, Muller e Xuventude competente nesta materia.

A nova estructura orgánica da Xunta de Galicia aprobada polo Decreto 347/1997, do 9 de decembro, e da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude aprobada polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e a necesidade dunha mellor estructura da rede como servicio público determina a elaboración dunha nova disposición normativa.

Así, na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, precedendo informe do Consello da Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

A Rede de Información e Documentación Xuvenil de Galicia configúrase como o servicio público de estructura territorial que articula e coordina as iniciativas promovidas tanto por organismos públicos como por entidades privadas sen ánimo de lucro, encamiñadas a prestarlles información e asesoramento ós xoves no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 2º

A Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil terá como obxectivos:

a) Asegurar que as prestacións dos servicios de información xuvenil se desenvolvan en condicións axeitadas.

b) Garanti-la difusión de información xuvenil ampla e actualizada en todo o ámbito da Comunidade Autónoma.

c) Favorece-la implantación dos mecanismos de información precisos para posibilita-la igualdade de oportunidades entre a xuventude galega.

Artigo 3º

Constituirán a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil tanto os servicios de información e documentación directamente dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, como aqueloutros recoñecidos e rexistrados conforme o disposto neste decreto.

Artigo 4º

l. Para os efectos deste decreto e das disposicións que o desenvolvan, terán a condición de servicios de información e documentación xuvenil aqueles que, promovidos por persoas físicas ou xurídicas a través de iniciativas públicas ou privadas, sen ánimo de lucro, teñan por obxecto o exercicio de actividades de carácter informativo dirixidas á xuventude e prestadas directamente ó público.

2. A información que elaboren e proporcionen os servicios de información xuvenil abranguerá tódolos aspectos que afecten directamente os xoves ou aqueles que sexan do seu interese, aínda que poderán constituírse servicios especializados en materias concretas, sen que isto implique que prescindan dos restantes aspectos da información.

Artigo 5º

1. Os servicios de información xuvenil poderán ter denominación propia mais esta deberá estar sempre acompañada do nome xenérico de oficinas ou puntos municipais de información xuvenil ou puntos de información xuvenil, manifestando o seu carácter informativo e xuvenil.

2. Os servicios de información xuvenil dependentes da Dirección Xeral de Xuventude exhibirán tamén a súa condición de servicios da Xunta de Galicia.

3. A pertenza á Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil será imprescindible para ter acceso á Rede Nacional e Internacional de Información e Documentación Xuvenil.

4. Os servicios de información xuvenil colocarán en lugar ben visible ó público o logotipo que identifica internacionalmente estes servicios, segundo o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Xuventude, así como a acreditación de inscrición no Rexistro de Oficinas e Puntos de Información Xuvenil.

Capítulo II

Funcionamento e Estructura da rede

Artigo 6º

1. En relación co funcionamento da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, corresponden á Dirección Xeral de Xuventude as seguintes funcións:

a) Representa-la Comunidade Autónoma galega nas relacións de colaboración e coordinación con outros organismos semellantes da Administración central, autonómica ou internacional.

b) Velar polo cumprimento do establecido neste decreto e ordes que o desenvolvan, na busca da eficiencia, calidade e obxectividade dos servicios de información xuvenil.

c) Constituí-las comisións que considere necesarias para a análise, estudio e coordinación dos servicios de información xuvenil.

d) Elaborar e publicar estudios sobre temas de interese xuvenil, ben sexa por si mesma ou en colaboración con outros servicios de información xuvenil.

e) Velar porque se cumpran as condicións de apertura e funcionamento dos servicios de información e documentación xuvenil que conforman a Rede de Información e Documentación Xuvenil de Galicia.

f) Leva-lo rexistro dos servicios de información xuvenil que forman parte da rede galega.

g) Propicia-la celebración de convenios de colaboración con outras entidades dedicadas á subministración de información ós xoves.

2. A Dirección Xeral de Xuventude poderá, logo da tramitación do oportuno expediente, excluír da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil os servicios que contraveñan o establecido neste decreto e nas disposicións que o desenvolvan.

Artigo 7º

Os servicios de información e documentación xuvenil da Comunidade Autónoma de Galicia quedan constituídos por:

-Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil.

-Oficinas municipais de información xuvenil.

-Puntos municipais de información xuvenil.

-Puntos de información xuvenil.

Artigo 8º

O Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil é unha unidade adscrita orgánica e funcionalmente á Dirección Xeral de Xuventude. O centro terá as seguintes funcións:

l. Recoller, catalogar, elaborar e distribuír canta información sexa de interese para os xoves.

2. Promover e fomenta-la creación de servicios de información e documentación integrantes da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

3. Coordina-las funcións informativas e de documentación do conxunto dos servicios da Rede Galega de Información Xuvenil.

4. Cooperar con entidades, organizacións e institucións públicas ou privadas, na elaboración e execución dos programas de xuventude.

5. Fomenta-la incorporación á rede galega dos procesos de innovación tecnolóxica que faciliten o acceso dos xoves galegos á información.

6. Subministrarlles información ós servicios que forman parte da Rede de Información e Documentación Xuvenil, con especial referencia ós plans de emprego e ofertas de traballo para os xoves.

7. Organizar cursos de formación complementaria do persoal dos servicios de información xuvenil.

8. Asesorar sobre a creación e a apertura de servicios de información xuvenil.

9. Establecer liñas de traballo cos servicios de información xuvenil que supoñan un desenvolvemento do conxunto da rede.

10. Realizará funcións de asesoramento en materia xurídica, educativa, de emprego, vivenda, programas europeos e outras que se consideren oportunas. Terá por obxecto o desenvolvemento de actividades de orientación específica sobre materias de interese xuvenil, coa finalidade de ofrece-la resposta axeitada ás demandas dos xoves.

11. Calquera outra que puidera serlle encomendada pola Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 9º

O Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil contará coa dotación de persoal necesaria para levar a cabo a súa función e, en especial, con persoal cualificado no tratamento e procesamento da información e nas aplicacións informáticas.

Artigo 10º

l. A Oficina Municipal de Información Xuvenil é unha estructura informativa de carácter municipal que presta servicios de información ós xoves do seu concello, ben directamente ben a través de puntos municipais de información xuvenil a ela vencellados.

2. As oficinas municipais de información xuvenil contarán como mínimo con:

a) Un local axeitado de uso exclusivo, distribuído en dúas zonas claramente diferenciadas e separadas, unha para o traballo de organización e elaboración dos materiais de consulta e outra para a atención ó público.

b) Un horario de atención ó público non inferior ás 25 horas semanais.

c) Un plan de actividades de dinamización da información.

d) Un cadro de persoal proporcionado ó volume dos servicios que presta e ó número de usuarios. O responsable da oficina debe posuír, como mínimo, unha titulación universitaria de grao medio e ter coñecemento acreditado da lingua galega. Previamente ó recoñecemento da oficina recibirá no Centro Coordinador formación básica no eido da información xuvenil.

e) A dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación, debendo dispoñer, como mínimo, do seguinte soporte informático: un ordenador conec

tado á Rede de Información Xuvenil (RIX) e correo electrónico.

Artigo 11º

Os concellos nos que existan núcleos dispersos de poboación poderán solicitar puntos municipais de información xuvenil dependentes das oficinas municipais de información xuvenil que lles subministrarán materiais informativos.

Artigo 12º

As oficinas municipais de información xuvenil poderán contar con asesorías especializadas, sempre que dispoñan de persoal cunha formación suficiente para o desenvolvemento dos ditos servicios.

Artigo 13º

l. O punto de información xuvenil é un servicio de información que pon directamente á disposición do público materiais informativos, subministrados na súa totalidade ou na maior parte polo Centro Coordinador ou polas oficinas municipais de Información Xuvenil no caso de que sexan puntos municipais de Información Xuvenil.

2. Poderán ser promovidos por persoas físicas ou xurídicas, a través de iniciativas públicas ou privadas sen ánimo de lucro, tendo por obxecto o exercicio de actividades de carácter informativo dirixidas á xuventude e prestadas directamente ó público.

Artigo 14º

Os puntos municipais de información xuvenil e os puntos de información xuvenil contarán como mínimo con:

a) Un local de uso exclusivo ou un espacio propio e diferenciado daqueles dedicados a outros servicios dentro do mesmo local, suficiente para alberga-lo material, soportes de consulta e atende-lo público.

b) Un horario de atención ó público non inferior ás 10 horas semanais.

c) Un plan de actividades de dinamización da información.

d) Un cadro de persoal proporcionado ó volume dos servicios que se prestan e ó número de usuarios. O responsable do punto terá unha titulación mínima de BUP, FP2 ou ciclo de formación de grao superior e ter coñecemento acreditado da lingua galega.

e) A dotación do material suficiente para cumprir con efectividade as tarefas de información e documentación, debendo dispoñer como mínimo do seguinte soporte informático: un ordenador conectado a Rede Galega de Información Xuvenil (RIX) e correo electrónico.

Artigo 15º

Tanto as oficinas e puntos municipais de información xuvenil como os puntos de información xuvenil poden ter en lugares diferentes do local propio espacios de autoconsulta que faciliten o acceso

directo dos xoves á información que lles poida interesar.

Capítulo III

Procedemento de recoñecemento dos servicios de información xuvenil.

Artigo 16º

O recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil corresponderalle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Para o dito recoñecemento, ben se trate de oficinas ou puntos muncipais de información xuvenil como de puntos de información xuvenil, deberá presentarse ante a delegación provincial correspondente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a seguinte documentación:

1. Solicitude normalizada segundo o modelo do anexo I.

2. Memoria que considerará, como mínimo, os seguintes aspectos:

-Xustificación da conveniencia da creación do Servicio de Información Xuvenil no ámbito territorial no que se vai desenvolve-la súa actividade.

-Infraestructura, equipamento, medios materiais e persoal de que dispón, especificando a súa titulación, tipo de contrato e duración da relación laboral.

-Orzamento anual e previsións de financiamento.

-Plans das actividades de dinamización da información que se desenvolverán desde o servicio.

3. Acreditación da capacidade do solicitante:

3.1. Se se trata de persoa fisica:

-Fotocopia do DNI.

3.2. Se se trata de persoa xurídica privada:

-Copia dos estatutos.

-Composición do órgano de goberno.

-Certificación que acredite a súa inscrición no rexistro correspondente.

-Certificación acreditativa do órgano de goberno competente para acorda-la creación do servicio de información xuvenil.

-Poder acreditado da persoa que a representa.

c) Se se trata de ente ou corporación pública:

-Copia dos estatutos, se procede.

-Certificación do acordo do órgano competente polo que se crea o Servicio de Información Xuvenil.

Artigo 17º

Se unha persoa física ou xurídica presenta simultaneamente máis dunha solicitude de recoñecemento de servicios de información xuvenil, abondará con que achegue unha soa vez a documentación á que se refire o apartado 3 do artigo anterior.

Artigo 18º

1. A delegación provincial poderá realiza-las oportunas comprobacións e solicitar cantas aclaracións e precisións considere necesarias tanto á persoa solicitante como a outros organismos.

2. Completada a documentación que se esixe no artigo 16º, a delegación provincial remitirá á Dirección Xeral de Xuventude no prazo de dez días o expediente completo e informe motivado sobre a conveniencia ou non do recoñecemento.

3. A Dirección Xeral de Xuventude dictará resolución no prazo de seis meses, procedendo, se é o caso, a inscribila no Rexistro de Oficinas e Puntos de Información Xuvenil.

Artigo 19º

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude orientará e inspeccionará o funcionamento dos servicios de información e documentación xuvenil a través dos servicios da delegación provincial correspondente.

Capítulo IV

Rexistro dos servicios de información xuvenil

Artigo 20º

1. O Rexistro dos Servicios de Información e Documentación Xuvenil dependente da Dirección Xeral de Xuventude terá carácter público con respecto a tódalas inscricións que deban constar nel.

Neste rexistro figurarán inscritos tanto os servicios dependentes da Dirección Xeral de Xuventude como os restantes que sexan recoñecidos.

2. No rexistro faranse consta-los seguintes datos: número que lle corresponde, denominación da oficina ou punto de información xuvenil, ámbito territorial, enderezo, nome do solicitante e entidade da que depende.

3. Como consecuencia desta inscrición expedirase a correspondente certificación.

Artigo 21º

1. Calquera modificación que se produza nos servicios de información xuvenil con respecto ós datos que figuran no rexistro deberá ser posta en coñecemento da Dirección Xeral de Xuventude, do mesmo xeito que será comunicada a suspensión temporal ou cesamento das actividades ou instalacións dos servicios recoñecidos.

2. A baixa dos servicios de información e documentación xuvenil no rexistro poderá producirse ben por instancia da entidade titular do servicio por cesamento da actividade ou ben ser realizada de oficio polos servicios da Dirección Xeral de Xuventude logo de comprobación do cesamento da actividade ou o incumprimento do previsto neste decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-O persoal do Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil nutrirase da

actual estructura da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, non orixinando incremento de gasto.

Segunda.-Os servicios existentes que non se integren na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil non poderán ter acceso á Rede Nacional e Internacional de Información e Documentación Xuvenil de acordo co previsto no artigo 6º.3 deste decreto.

Terceira.-Os servicios de información e documentación xuvenil a través dos servicios integrados na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil poderán acceder ás axudas que preste a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co previsto nas correspondentes ordes de convocatoria.

Cuarta.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá crear servicios de información xuvenil dependentes da Dirección Xeral de Xuventude.

Disposicións transitorias

Primeira.-As oficinas e puntos de información xuvenil existentes na actualidade na Comunidade Autónoma de Galicia que opten por continuar integrados na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil deberán adapta-la súa estructura e dotación ó previsto neste decreto no prazo dun ano contado desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As solicitudes de recoñecemento e inscrición no rexistro que se atopen en tramitación á entrada en vigor deste decreto rexeranse polo disposto nel.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 53/1994, do 4 de marzo, polo que se crea a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, e cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días seguintes ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

7699