Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Luns, 17 de agosto de 1998 Páx. 9.461

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 30 de xullo de 1998 pola que se regulamenta a realización dos exames e prácticas de seguridade e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios en materia de ensinanzas náutico-deportivas, transfírelle á Comunidade Autónoma, entre otras funcións, a realización dos exames para a obtención dos títulos para o goberno das embarcacións de lecer.

A Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento, regula as condicións para o goberno de embarcacións de lecer, e establece para obtelas un exame teórico e un práctico ou no lugar deste último, a obriga de realiza-las prácticas de seguridade e navegación nunha escola de navegación de lecer recoñecida ou nunha entidade autorizada.

É necesario, logo, establece-las condicións en que han de realizarse estas probas de aptitude e as prácticas obrigatorias de acordo coa nova realidade que supón esta orde, para que os aspirantes a obte-las titulacións para o goberno de embarcacións de lecer, acrediten o nivel axeitado de coñecementos á titulación a que aspiran, e garantirlles unha avaliación transparente e xusta.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Título I

Dos exames e prácticas de seguridade e navegación

Artigo 1º

Os exames teóricos e prácticos e as prácticas de seguridade e navegación que poden substituír este último, necesarios para obte-los títulos para o goberno de embarcacións de lecer, realizaranse consonte o establecido na presente orde e a Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento, que regula as condicións para o goberno de embarcacións de lecer.

Artigo 2º

A avaliación dos coñecementos dos aspirantes nos exames teóricos e prácticos será efectuado por un tribunal oficial designado para o efecto.

A realización das prácticas de seguridade e navegación será supervisada e certificada polo instructor de prácticas.

Capítulo I

Dos exames teóricos e prácticos

Artigo 3º

Os exames para a obtención das titulacións serán realizados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través dos seus centros de formación mediante convocatorias ordinarias, extraordinarias e especiais.

As convocatorias ordinarias realizaranse nos centros propios da consellería nos meses de xaneiro, abril e outubro de cada ano. As datas concretas de realización serán fixadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

As convocatorias extraordinarias realizaranse por solicitude das escolas recoñecidas logo da autorización da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, sempre que reúnan un mínimo de 15 alumnos.

As convocatorias especiais serán realizadas pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación cando existan circunstancias obxectivas que o aconsellen e serán autorizados por resolución motivada desta.

Artigo 4º

Os candidatos ó exame teórico deberán solicita-la súa admisión a exame mediante instancia dirixida ó presidente do correspondente tribunal de exame mediante solicitude do modelo que figura no anexo I.

Xunto á solicitude, será preciso presenta-la documentación que acredite o cumprimento dos requisitos esixidos para presentarse a cada titulación.

Artigo 5º

A proba teórica consistirá na formulación dun cuestionario dun número determinado de preguntas sobre materias do programa oficial, conforme o establecido na Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento.

Artigo 6º

Rematadas e corrixidas as probas teóricas, expoñeranse as listas das cualificacións destas, no taboleiro de anuncios dos centros examinadores, das delegacións territoriais e oficinas comarcais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e, de

se-lo caso, na escola recoñecida que solicitase o exame.

Os interesados poderán, se é o caso, formula-las reclamacións que estimen oportunas perante o presidente do tribunal, no prazo de 15 días, contados desde a data na que sexan publicadas as listas.

Artigo 7º

Os candidatos ó exame práctico deberán solicita-la súa admisión a exame mediante instancia dirixida ó presidente do correspondente tribunal de exame mediante solicitude do modelo que figura no anexo I.

Xunto á solicitude, será preciso acreditar ter aprobado o exame teórico correspondente presentando a documentación necesaria.

Artigo 8º

O exame práctico será realizado consonte o establecido na Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento, diante do tribunal ou do membro deste no que delegue, na embarcación presentada polo alumno. A dita embarcación deberá cumpri-los requisitos legais establecidos para as embarcacións de prácticas pola Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento.

Para a realización do exame práctico o tribunal fixará para cada aspirante o lugar e hora en que debe presentarse para efectua-la proba, quedando condicionada a realización desta ás condicións do mar.

Rematado o exame de cada aspirante o tribunal comunicaralle a cualificación de apto ou non apto. Finalizadas as probas da totalidade, o tribunal publicará a lista de cualificacións nos mesmos lugares fixados para o exame teórico.

Artigo 9º

Os tribunais que xulgarán os exames teóricos e prácticos axustaranse á seguinte composición:

1. Exames teóricos:

Presidente: o director do centro onde se realice o exame ou persoa en quen delegue.

Secretario: o secretario do centro onde se realice o exame ou persoa en quen delegue.

Vocais que serán designados para o efecto polo presidente, en función do tipo de exame no número de:

-Catro no caso dos exames de patrón para navegación básica e patrón de embarcacións de lecer.

-Cinco no caso dos exames de patrón de iate e capitán de iate.

De ser necesario polo número de inscritos, o presidente poderá nomear vocais colaboradores.

De existir un número reducido de inscritos, poderase constituír un tribunal único para celebrar conxuntamente as probas de patrón para navegación básica e patrón de embarcacións de lecer ou as de patrón de iate e capitán de iate.

2. Exames prácticos:

Presidente: o director do centro onde se realice o exame ou persoa en quen delegue.

Secretario: o secretario do centro onde se realice o exame ou persoa en quen delegue.

Dous vocais designados para o efecto polo presidente do tribunal.

Os membros dos tribunais terán preferentemente titulación náutica superior.

Artigo 10º

Os candidatos que van participar nas probas deberán acreditar:

1. Exames teóricos:

1.1. Ter cumpridos 18 anos, e no caso do patrón para navegación básica e patrón de embarcacións de lecer, se é menor non emancipado, ter cumpridos 16 anos e contar coa autorización dos pais ou titores.

1.2. Ter ingresados os correspondentes dereitos do exame, segundo as cantidades fixadas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia en vigor no período de matrícula.

1.3. Os solicitantes deberán reuni-las condicións físicas previstas na Resolución do 30 de decembro de 1997 da Dirección Xeral da Mariña Mercante.

Esta condición acreditarase mediante a presentación de certificado médico expedido de conformidade coa dita resolución, cando se solicite a tarxeta acreditativa.

2. Exame práctico:

2.1. Ter aprobada a proba teórica nos dezaoito meses anteriores á data do exame práctico.

2.2. Ter ingresados os correspondentes dereitos do exame, segundo as cantidades fixadas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia en vigor no período de matrícula.

3. Realización das prácticas:

3.1. Ter aprobada a proba teórica nos dezaoito meses anteriores á data da realización das prácticvas.

Capítulo II

Da realización das prácticas

Artigo 11º

As prácticas obrigatorias de seguridade e navegación que substitúen o exame práctico, só poderán realizalas os aspirantes nunha escola recoñecida para a titulación que se demande ou, de se-lo caso, nunha entidade autorizada.

Artigo 12º

As prácticas serán impartidas polo instructor acreditado da escola ou da entidade autorizada, que será responsable en todo o momento do goberno da embarcación no período de prácticas e da seguridade dos alumnos participantes. O instructor poderá estar asistido por axudantes, de xeito que a relación de alumnos non supere a ratio 1 a 5.

Artigo 13º

Os instructores deberán posuír unha titulación profesional náutica axeitada ó nivel de recoñecemento da escola.

Artigo 14º

As prácticas serán realizadas axustándose ó establecido na orde do Ministerio de Fomento do 17 de xuño de 1997, por todos e cada un dos alumnos participantes.

Artigo 15º

Para a realizacion das prácticas básicas de seguridade e navegación, a escola ou entidade autorizada comunicará á capitanía marítima da zona e ó Rexistro de Escolas de Navegación de Lecer da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, previamente ó seu inicio, a relación de alumnos, as saídas previstas e a data, hora e embarcación nas que se levarán a cabo.

O instructor comunicará ó centro de coordinación e salvamento correspondente o inicio do período de prácticas e o seu remate.

Artigo 16º

As prácticas que se realicen anotaranse no libro de rexistro de prácticas de cada centro recoñecido, onde se fará consta-la relación de alumnos participantes, as datas e horas de inicio/partida e finalización/regreso de cada unha delas e a que práctica corresponden. Deberá ser referendado pola sinatura orixinal do instructor en cada unha das súas anotacións.

A custodia do libro de rexistro de prácticas é responsabilidade do secretario da escola ou do director, de non existir este.

O libro de rexistro de prácticas será expedido e dilixenciado nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co formato do modelo do anexo II.

Artigo 17º

As entidades autorizadas á realización de prácticas realizarán a anotación destas nunha acta de prácticas que custodiará o responsable da entidade, e que unha vez finalizadas, será enviada para o seu arquivo no Rexistro de Escolas de Navegación de Lecer da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación. O formato da acta será o mesmo có dunha folla do libro de rexistro de prácticas.

Artigo 18º

A escola recoñecida ou entidade autorizada expedirá a cada participante que realizase a totalidade das prácticas e do seu programa, unha certificación expedida polo instructor validado coa súa sinatura orixinal e co referendado da escola ou entidade segundo o modelo do anexo III.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 1998.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO II

Modelo de portada do libro de rexistro de prácticas.

Nº de serie :

Nome da ENAL

Nº de rexistro na consellería:

O presente Libro de Rexistro de Prácticas, consonte o artigo segundo a Orde do 30 de xullo de 1998 da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, correspondente a ENAL de referencia, consta de follas numeradas do 1 ó

, de de

Nota: tódalas follas teñen no seu bordo superior dereito o número e selo da Delegación Territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO III

Modelo de certificado de prácticas:

Anagrama da escola.

Anagrama de la escuela.

Nº de rexistro de autorización:

Nº de registro de autorización:

D/Dª, con DNI

Instructor da ENAL de referencia.

Instructor de la ENAL de referencia.

CERTIFICA:

CERTIFICA:

Que D/Dª, con DNI

Que D/Dª, con DNI

que aprobou o exame teórico en :,

que aprobó el examen teórico en

con data do , realizou as prácticas de seguridade e navegación

con fecha , realizó las prácticas de seguridad y navegación

correspondentes á titulación de ,

correspondientes a la titulación de ,

segundo a lexislación vixente e que consta no libro de rexistro de prácticas

según la legislación vigente y que consta en el libro de registro de prácticas

nas páxinas

en las páginas

E para que conste para efectos de ter realizadas as prácticas de seguridade e

Y para que conste a efectos de haber realizado las prácticas de seguridad y

navegación, asino o presente certificado en , o

navegación, firmo el presente certificado en

de de .

Vº e prace:

Visto bueno:

O director da escola ou entidade

El director de la escuela o entidad

Asdo:

Asdo:

7708