Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 13 de agosto de 1998 Páx. 9.407

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE LEIRO

CONVOCATORIA de oposición libre para unha praza de auxiliar administrativo.

Incluída oferta de emprego público deste concello para o ano 1998, e aprobadas as bases polo Pleno na sesión ordinaria que tivo lugar o día vintecinco de xuño, convócase oposición libre, para a provisión en propiedade dunha praza de auxiliar administrativo consonte as bases do teor literal seguinte,

Bases que rexerán a convocatoria de oposición libre para a praza de auxiliar administrativo.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

É obxecto da presente convocatoria a provisión en propiedade, mediante oposición libre, dunha praza de auxiliar administrativo, encadrada dentro da escala de Administración xeral, subescala auxiliar e dotada orzamentariamente coas retribucións básicas correspondentes ó grupo D, así como as complementarias acordadas pola corporación ou que procedan segundo a normativa vixente. Entre os cometidos desta praza está o desempeño da secretaría do Xulgado de Paz.

Declárase expresamente que o tribunal que xulgará as probas selectivas non poderá aprobar nin declarar que as superou máis que o aspirante que obtivera maior puntuación no conxunto dos catro exercicios da oposición.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Poderán tomar parte na oposición os aspirantes que reúnan os seguintes requisitos, referidos todos e cada un deles á data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

a) Ser español.

b) Ter cumpridos 18 anos de idade e non exceder daquela na que falten menos de dez anos para a

xubilación forzosa determinada pola lexislación básica en materia de función pública.

c) Estar en posesión de título de graduado escolar, FP-1 ou equivalente ou en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación de instancias.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico ou psíquico que impida ou sexa incompatible co desempeño das funcións ou tarefas correspondentes á praza á que se opte.

e) Non estar separado, mediante expediente disciplinario do servicio do Estado, das comunidades autónomas ou entidades locais, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

f) Non estar incurso en ningunha causa legal de incapacidade ou incompatibilidade, de acordo co previsto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas, sen prexuízo para os que ocupan xa un cargo público ou unha actividade privada incompatible de poder exerce-lo dereito de opción a que se refire o artigo 10 da dita lei.

Terceira.-Solicitudes.

As solicitudes para tomar parte na oposición, que deberán ir acompañadas da fotocopia do DNI, nas que os aspirantes manifestarán que reúnen tódalas condicións que se esixen na base segunda, e de que, no caso de ser nomeado, comprométense a prestar xuramento ou promesa nos termos que establece o Real decreto 707/1979, do 5 de abril, dirixiranse o alcalde e presentaranse no rexistro xeral do concello, ou na forma establecida no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ( en diante LRXPAC), dentro do prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado, no que constarán os números e datas do Diario Oficial de Galicia e do BOP de Ourense en que aparezcan publicadas estas bases.

Os dereitos de exame, que se fixan na cantidade de 2.000 pesetas, serán satisfeitos polos aspirantes ó presentaren a instancia, ou na forma prevista no artigo 38.6º da LRXPAC.

Os dereitos de exame seranlles reintegrados, logo da petición, unicamente ós aspirantes que fosen excluídos definitivamente de tomaren parte na oposición.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o alcalde aprobará a lista provisional dos aspirantes admitidos e excluídos, indicando, neste último caso, as causas da exclusión, que se fará pública no BOP e no taboleiro de anuncios do concello, concedendo un prazo de 10 días hábiles para reclamacións.

Transcorrido o dito prazo, a lista provisional entenderase automaticamente elevada a definitiva de non presentárense reclamacións. No caso contrario, as reclamacións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola que se aprobe a lista definitiva e que se fará pública da mesma maneira.

Os erros de feito poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por petición do interesado, de conformidade co disposto no artigo 105 da LRXPAC.

Quinta.-Tribunal cualificador.

Estará constituído da seguinte maneira:

Presidente: o da corporación ou membro dela en quen delegue.

Secretario: o da Corporación ou funcionario de Admón. local en quen delegue.

Vocais: un representante da Xunta de Galicia.

Dous funcionarios de carreira nomeados pola Alcaldía.

Os vocais deberán posuír titulación igual ou superior á esixida para o acceso á praza convocada. O tribunal quedará integrado, ademais, polos membros suplentes respectivos, que serán designados conxuntamente cos titulares. O presidente poderá pedi-la colaboración dun asesor en calquera dos exercicios que se celebren.

A composición do tribunal farase pública no BOP e taboleiro de edictos.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente, e en todo caso, do presidente e secretario ou quen os substitúa.

A actuación do tribunal axustarase estrictamente ó previsto nestas bases, quedando facultado para resolve-las incidencias que se produzan e as dúbidas que se presenten sobre a interpretación destas bases e para adopta-los acordos e resolucións necesarias para mante-la boa orde das probas e, en xeral, no desenvolvemento da convocatoria.

Os membros do tribunal deberán absterse de formar parte e de intervir, notificándollo á autoridade convocante, cando concorran as circunstancias previstas no artigo 28 da LRXPAC, podendo os aspirantes recusar aqueles en tales casos.

Sexta.-Desenvolvemento da oposición.

A orde de actuación dos opositores nos exercicios que non poidan realizarse conxuntamente establecerase por sorteo.

A data e lugar no que comezarán os exercicios serán anunciados, como mínimo, con 15 días naturais de antelación no BOP e no taboleiro de anuncios.

A data de celebración do resto dos exercicios da oposición farase pública unicamente no taboleiro de anuncios da corporación. Cando non se celebren tódolos exercicios no mesmo día, os opositores serán convocados todos e cada un deles en chamamento

único, salvo no caso de que non fose posible, por causa debadamente xustificada e sempre decidida libremente polo tribunal.

Sétima.-Exercicios da oposición.

Primeiro exercicio.-Exercicio práctico, que consistirá nunha copia a máquina, durante dez minutos, dun texto que facilitará o tribunal, a unha velocidade mínima de 200 pulsacións por minuto en máquina de escribir mecánica, e de 240 pulsacións por minuto en máquina de escribir eléctrica.

Para a realización deste exercicio, os opositores virán provistos de máquina de escribir mecánica ou eléctrica. Cualificarase a velocidade desenvolvida, a limpeza e exactitude do copiado e a corrección que presente o escrito.

Segundo exercicio.-Consistirá en contestar, por escrito, nun tempo máximo de 45 minutos, a un cuestionario de 50 preguntas que versarán sobre os temas do programa. Para cada pregunta proporanse diversas respostas alternativas, sendo só unha delas correcta.

O cuestionario cualificarase de forma matemática, asignándose puntuación positiva ós acertos e negativa ós erros, no se computando as deixadas en branco.

Terceiro exercicio.-Consistirá en desenvolver por escrito dous temas do programa anexo, elixidos por sorteo, nun tempo máximo de noventa (90) minutos. O opositor lerá publicamente o seu exercicio.

Cuarto exercicio.-Consistirá na realización de dous supostos prácticos, de carácter informático, con utilización de procesador de textos WordPerfect e base de datos Access en ordenador que facilitará o Concello. O exercicio desenvolverase no tempo que sinale o tribunal valorando a velocidade, exactitude e grado de coñecemento dos programas.

Quinto exercicio.-Consistirá en realizar por escrito e nun máximo de vinte minutos, unha traducción de idioma castelán para o idioma galego dun texto facilitado polo tribunal. O opositor lerá, así mesmo, publicamente o exercicio.

Oitava.-Cualificación dos exercicios.

Os exercicios primeiro, segundo, terceiro e cuarto, son obrigatorios e eliminatorios, sendo puntuados polo tribunal de 0 a 10 puntos. É necesario obter 5 puntos para pasar ó seguinte. O quinto exercicio terá carácter obrigatorio e non eliminatorio, cunha puntuación de 0 a 5 puntos. A cualificación final das probas virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na totalidade dos exercicios.

Ó rematar cada un dos exercicios eliminatorios, o tribunal fará público nos lugares de exame as cualificacións.

Novena.-Relación de aprobados e presentación de documentos.

Rematada a cualificación, o tribunal publicará no taboleiro de edictos do concello a relación de apro

bados, e o tribunal non poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas.

Simultaneamente á súa publicación, o tribunal elevará a relación expresada á alcaldía-presidencia, e proporá o nomeamento correspondente. Ó propio tempo, remitiralle á citada autoridade a acta da derradeira sesión.

O aspirante proposto presentará no Negociado de Persoal do concello, dentro do prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación da lista de aprobados, os seguintes documentos acreditativos das condicións de capacidade e requisitos esixidos na base segunda da convocatoria:

a) Copia autenticada ou fotocopia (acompañada do orixinal para a súa compulsa) do DNI.

b) Copia autenticada ou fotocopia (acompañada do orixinal para a súa compulsa) da titulación esixida na base 2ª.

c) Declaración xurada de non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de ningunha Administración pública, así como de non atoparse incurso nalgunha das causas legais de incapacidade ou incompatibilidade previstas na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.

Se tivese a condición de funcionario público, estará exento de xustifica-las condicións e requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar unicamente certificación da Administración pública da que dependa, acreditando a súa condición e cantas circunstacias consten no seu expediente persoal.

Se dentro do prazo indicado, e salvo os casos de forza maior, o aspirante proposto no presentase a documentación ou dela se deducise que carece dalgún dos requisitos esixidos, non podrá ser nomeado, e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que puidese incorrer por falsidade na súa instancia ou solicitude de participación.

Décima.-Nomeamento e toma de posesión.

Rematado o proceso selectivo, o aspirante proposto polo tribunal cualificador será nomeado funcionario de carreira polo órgano municipal correspondente. O nomeamento deberá publicarse no Boletín Oficial del Estado.

Efectuado o nomeamento, o aspirante deberá tomar posesión no prazo de tres días hábiles, contados desde o seguinte no que lle sexa notificado o nomeamento.

Para a toma de posesión o interesado comparecerá, durante calquera dos días expresados no concello; neste momento, e como requisito á estensión da dilixencia que a constate, deberá presta-lo xuramento ou promesa na forma establecida no Real decreto 707/1979, do 5 de abril.

De non tomar posesión sen causa xustificada, dentro do prazo indicado, non adquirirá a condición de funcionario, e perderán tódolos dereitos derivados das probas selectivas e do subseguinte nomeamento.

Décimo primeira.-Dereito supletorio.

En todo o non previsto nestas bases, serán de aplicación xeral as normas contidas na Lei 7/1995, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Real decreto lei 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido de réxime local, na Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, na Lei 23/1988, do 28 de xuño, de modificación da anterior, no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso de persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do estado e no Real decreto 896/1991, do 7 de xuño, programas mínimos a que debe axustarse o procedemento de selección dos funcionarios da Administración local.

Décimo segunda.-Recursos

Contra os actos de aprobación das presentes bases, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no BOP ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Unha vez publicada a convocatoria e as súas bases para a modificación, anulación ou revisión destas, haberá que aterse ó establecido nos artigos 53 e 110.2º da Lei 7/1995, así como ó disposto na LRXPAC.

Programa

Temas

Tema 1. A Constitución española de 1978. Significado e estructura. Principios xerais. Reforma da Constitución. O Tribunal Constitucional.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais dos españois. O Defensor do Pobo.

Tema 3. A organización do Estado na Constitución. A Coroa. As atribucións do Rei. As Cortes Xerais: composición, atribucións e funcionamento. O Poder Xudicial.

Tema 4. A organización territorial do Estado na Constitución. As comunidades autónomas. A Administración local.

Tema 5. A organización de Administración pública no ordenamento español. A Administración do Estado. A organización ministerial. O presidente do Goberno. O Consello de Ministros. Os ministros.

Tema 6. A Comunidade Autónoma de Galicia. O Estatuto de autonomía. A competencia da comunidade. O Parlamento, a Xunta e o seu presidente.

Tema 7. Os dereitos e os deberes dos veciños no ámbito local. Información e participación cidadán. O cidadán como cliente e como usuario dos servicios publicos.

Tema 8. O acto administrativo. Principios xerais do procedemento administrativo. Os recursos administrativos.

Tema 9. Réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica.

Tema 10. O municipio. O concello. A poboación. O empadroamento.

Tema 11. Organización municipal. Competencias. O alcalde , elección, deberes e atribucións. O Pleno do Concello. A Comisión de Goberno. As comisións informativas.

Tema 12. Outras entidades locais. Mancomunidades. Agrupacións, entidades locais de ámbito territorial inferior ó municipio.

Tema 13. Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Procedementos de elaboración e aprobación.

Tema 14. A función publica local e a súa organización. Oferta de emprego publico. Relacións de postos de traballo. O réxime de incompatibilidades. Dereitos e deberes. Seguridade Social.

Tema 15. Os xulgados de paz. O xuíz de paz. O secretario do Xulgado de Paz. Funcións que desempeñan.

Tema 16. Os contratos administrativos na esfera local. Principios xerais. A selección do contratista. Dereitos e deberes do contratista e da Administración.

Tema 17. Intervención administrativa local na actividade privada. Procedemento de concesión de licencias.

Tema 18. Procedemento administrativo local. O Rexistro de Entrada e Saída de Documentos, o seu funcionamento. Requisitos na presentación de documentos. A informatización dos rexistros. Comunicacións e notificacións.

Tema 19.Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria e orde do día. Actas e certificacións de acordos.

Tema 20. Facendas locais: clasificación dos ingresos. Ordenanzas fiscais.

Tema 21. Réxime xurídico do gasto público local. Clasificación funcional e económica.

Tema 22. Os orzamentos locais: contido. Elaboración e aprobación. Execución. As modificacións orzamentarias.

Tema 23. Definición de informática. Concepto de ordenador. Clasificación dos ordenadores. A unidade central de proceso. Dispositivo de entrada e saída. O sistema lóxico (software). Sistemas operativos.

Tema 24. Bases de datos, necesidade. Procesadores de textos. Follas de cálculo. Gráficos. Paquetes integrados.

Leiro, 14 de xullo de 1998.

Francisco José Fernández Pérez

Alcalde

7525