Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 13 de agosto de 1998 Páx. 9.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de xullo de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio da pel.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio da pel, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 30-6-1998, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios del Comercio de la Piel, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, en data 251-6-1998. De conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de xullo de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo (Pontevedra)

Convenio colectivo provincial para o sector do comercio da pel. Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio de la Piel, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regula as relacións laborais entre empresarios e traballadores, en tódalas empresas da provincia de Pontevedra, integradas ou non en asociacións empresariais legalmente constituídas

e dedicadas á actividade do comercio da pel, encadradas na ordenanza laboral do comercio.

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor ós dez días do seu asinamento con independencia da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 4º.-Duración e prórrogas.

Terá unha duración de dun ano, contado a partir do 1 de xaneiro de 1998, e finalizará o 31 de decembro de 1998.

Non obstante, entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais, sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cunha antelación mínima de tres meses antes da data do seu vencemento ou de calquera das súas prórrogas, debendo darse traslado da denuncia ás asociacións afectadas polo presente convenio.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó establecemento do presente convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, deberá conservalas.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de corenta horas semanais de traballo efectivo que se realizarán segundo o horario de traballo seguinte:

a) Horario de verán: 1 de xuño a 30 de setembro.

-Mañás: de 9.45 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.30 a 20 horas.

Neste período, o presente horario de traballo realizarase de luns a sábado pola mañá, comprendendo, en consecuencia, o descanso semanal de día e medio, a tarde do sábado e o día completo do domingo, de acordo co previsto no artigo 37.1º do Estatuto dos traballadores.

Dito o anterior, cómpre sinalar que en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios os sábados pola tarde; neste caso, os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados.

b) Horario para o resto do ano:

-Mañás: de 10 a 13.30 horas.

-Tardes: de 16.15 a 20 horas.

No resto do ano rexerá este horario de traballo de luns a sábado pola tarde para o que en cada empresa se fixará o descanso compensatorio polo

traballo nas tardes dos sábados, segundo o previsto no Real decreto 1561/1995.

Non obstante o sinalado nos parágrafos anteriores, en cada establecemento o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns traballadores, e para a modificación do horario de traballo, tanto o fixado para verán como para o resto do ano.

Artigo 7º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio, as partes asinantes del acordan a supresión das horas extraordinarias habituais.

Pola contra, acórdase a realización de horas extraordinarias que veñan esixidas por necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, e o mantemento das que resulten necesarios por períodos de maior venda, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de marzo a outubro, ámbolos dous inclusive.

Para a elección de quenda por parte dos traballadores, seguirase en cada unidade de traballo unha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que quen tivo preferencia de elección de quenda no ano anterior é o último á hora de elixir quenda no presente ano.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

Con independencia do disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, o persoal, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos seguintes:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días naturais nos casos de nacemento de fillo.

c) Ata 5 días naturais nos casos de morte ou enterro do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos, téndose en conta para a súa concesión os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que en cada caso concorran.

d) Ata un máximo de tres días naturais por ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das san

cións que se lle poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días ó ano, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 5 días, polo menos, para un deles, fixándose o segundo de acordo coas necesidades da empresa.

Esta última licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Os dereitos en materia de permisos retribuídos recoñecidos ós cónxuxes nas letras b) e c) do presente artigo estenderanse ás parellas de feito inscritas no rexistro do organismo que competa, debendo acreditar nas previstas na letra c) un período de convivencia mínimo dun ano.

Artigo 10º.-Salarios.

As retribucións salariais son as que para cada categoría se fixan nas táboas salariais anexas.

Artigo 11º.-Cláusula de revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1998 un incremento respecto ó 31 de decembro de 1997 superior ó 3% o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 1999.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 1999, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1998. A cuantificación do dito exceso adicionarase ós salarios vixentes ó 31 de decembro de 1998 e sobre a cantidade resultante, calcularanse os incrementos salariais para 1999.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en cuadrienios na contía do 5% do salario base correspondente á categoría na que está clasificado.

O cómputo da antigüidade iniciarase desde o momento en que pasen á categoría de axudante -no que se refire á dependencia mercantil propiamente dita, respectádose como mínimo o 3% sobre o salario mínimo interprofesional vixente en todo momento.

Artigo 13º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio percibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade completa (salario convenio máis antigüidade), cada unha delas nas seguintes datas: 1 de marzo (paga de beneficios), xullo e Nadal.

Artigo 14º.-Plus de transporte.

Establécese para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio, un plus de transporte de 7.436 pesetas mensuais, que será aboado en cada un dos doce meses do ano.

Artigo 15º.-Incapacidade temporal.

Durante as situacións de incapacidade temporal derivadas de enfermidade ou accidente debidamente xustificados, as empresas completarán as prestacións económicas ata o importe íntegro das retribucións do convenio.

Artigo 16º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas cubri-las ditas vacantes con calquera traballador inscrito como demandante en oficinas de emprego.

Artigo 17º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, como consecuencia do nacemento de fillo e para atende-lo seu coidado, soliciten un período de excedencia non superior a un ano, contado desde a terminación do descanso de maternidade a que se refire o nº 3 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a el, unha vez finalizada a excedencia, sempre que soliciten o reingreso cun mes de antelación ó termo desta.

Artigo 18º.-Protección á maternidade.

1. A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, sobre prevención de riscos laborais, deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente, a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. As ditas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo por quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resulte posible ou, malia tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora

embarazada ou do feto, e así o certifique o médico que asista facultativamente á traballadora no réxime da Seguridade Social, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de risco para estes efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde das traballadoras permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, aínda aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou a categoría equivalente, aínda que conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. O disposto nos anteriores números deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo, e así o certificase o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

4. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 19º.-Axuda por xubilación.

Ó producirse a xubilación dun traballador con máis de vinte anos de servicio na empresa, recibirá dela o importe íntegro dunha mensualidade incrementado con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Á marxe do citado parágrafo anterior, os traballadores que se xubilen ós 65 anos recibirán da empresa unha axuda consistente nunha mensualidade, dúas mensualidades se o fan ós 64 anos e tres mensualidades ós 63 anos.

En todo caso, respectaranse as superiores axudas que por este concepto veñan realizando as empresas.

Artigo 20º.-Axuda por defunción.

En caso de falecemento do traballador, cun ano polo menos pertencendo á empresa, esta queda obrigada a lles satisfacer ós seus habentes dereito o importe de dúas mensualidades, iguais cada unha delas á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a esta.

Artigo 21º.-Desconto en compras.

O desconto en compras que o persoal realice nas súas empresas será, como mínimo, do 15%, respectándose as situacións máis favorables que se viñesen dando ata a data. O dito desconto non será efectivo nos artigos en rebaixas ou en saldo.

Artigo 22º.-Contratación.

Contrato eventual.-A teor do disposto no artigo 15 b) do texto refundido do ET e R.D. lei 8/1997, do 16 de maio, ambos vixentes, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato.-Formalizarase por escrito e consignarase con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancias que o motiven, e rexistrarase no Inem.

Duración e prórroga.-A duración destes contratos non poderá ser inferior a 30 días, nin superior a trece meses, dentro dun período de 18, contados a partir do momento do contrato inicial. Limitarase a dous o número de contratos que se lle realizarán, na súa duración máxima, a unha mesma persoa.

No caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós trece meses, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. As prórrogas terán unha duración mínima de 15 días. A duración do contrato e das súas prórrogas axustarase ó disposto anteriormente, agás pacto en contrario.

Nos contratos superiores ós seis meses, se no momento do remate do período inicial ou de calquera das súas prórrogas non houbese unha comunicación previa de dez días de antelación á súa finalización, considerarase prorrogado automaticamente ata a súa duración máxima. Se no momento da finalización da súa duración máxima non houbese denuncia expresa con dez días de antelación e se continuaran prestando servicios, o contrato considerarase por tempo indefinido, agás proba en contrario que acredite a natureza temporal da prestación.

Formación.-A súa duración mínima será de 6 meses, ata un máximo de 30 meses, prorrogables de seis en seis meses. A retribución que se aboará será do 85% do salario fixado en convenio para a categoría na que se vai forma-lo traballador.

Os contratos regulados no presente artigo serán de aplicación durante os anos 97 e 98, período durante o cal se poderán concertar este tipo de contratos, aceptándose a vixencia destes ata a súa finalización.

Artigo 23º.-Contraprestación.

En compensación ás melloras pactadas neste convenio, os productores obríganse a presta-los seus servicios co maior interese e productividade.

Artigo 24º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, estarase ó que dispoñen as normas legais vixentes de aplicación.

Artigo 25º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e para atender cantas cuestións se deriven da aplicación del, establécese unha comisión paritaria, que estará integrada por tres representantes de cada unha das partes que negocian o convenio.

Disposicións adicionais

Primeira.-As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará configurada polos mesmos membros que o fosen da comisión negociadora do presente convenio para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio do ano 1999 das directrices do acordo marco de comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

Segunda.-Co fin de evita-lo atraso na negociación do próximo convenio, e dados os prexuízos que para traballadores e empresarios comporta o pagamento de atrasos salariais, as partes asinantes do presente convenio fíxanse como prazo tope para constituí-la comisión deliberadora o mes de febreiro.

Vigo, 25 de xuño de 1998.

Táboa salarial anexa para o ano 1998

CategoríasSalario mensual

GRUPO I
Enxeñeiros e licenciados107.953
Axudantes técnicos91.746
Practicantes81.847

GRUPO II
Xefe de persoal102.555
Xefe de vendas102.555
Xefe de compras102.555
Encargado xeral102.555
Xefe de almacén91.746
Xefe de sucursal91.746
Xefe de grupo91.746
Xefe de sección82.065
Encargado de establecemento, vendedor, comprador81.520
Viaxante82.065
Corredor de praza77.456
Dependente81.738
Dependente maior89.674
Axudante75.879
Traballadores en formación: 85% do salario da categoría para a que se vai formar (artigo 221.-Contratación).

CategoríasSalario mensual

GRUPO III
Xefe administrativo95.192
Xefe de sección88.477
Contable, caixeiro, taquimecanógrafo81.520
Oficial administrativo97.155
Auxiliar de caixa81.520
Auxiliar administrativo81.520

GRUPO IV
Debuxante92.033
Escaparatista81.520
Rotulista81.520
Cortador81.520
Axudante de cortador81.520

GRUPO V
Persoal de limpeza: a razón de555 ptas./hora

Profesionais de oficio: nas demais categorías non previstas nesta táboa, faranse as asimilacións que correspondan.

7606