Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Xoves, 13 de agosto de 1998 Páx. 9.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 1998 pola que se convocan os cursos básico, medio e superior de linguaxe administrativa galega para o persoal das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 5.1º dispón que a lingua propia de Galicia é o galego.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 4.1º, establece que, «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma...».

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1, dispón: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia, redactaranse en lingua galega».

E no seu artigo 2, punto 2º.1, di: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o pulo do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega».

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nos apartados 1º e 3º do seu artigo 7, dispón respectivamente: "O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.

As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega.

«A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega.»

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co fin de dar cumprimento a estas disposicións e recomendacións, proseguindo coa súa liña de cooperación coas corporacións locais, coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, e como continuación do Plan Integral de Estudios iniciado en 1990, mediante

o que se pretende que en tódalas corporacións locais exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos sinalados no artigo 1 da devandita Lei 5/1988, convoca cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal das corporacións locais galegas, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca este ano 1998, para persoal das corporacións locais de Galicia:

A) Cursos de nivel básico. Para acceder ós cursos de linguaxe administrativa galega de nivel básico é requisito indispensable ter aprobado ou validado o curso de iniciación.

B) Cursos de nivel medio. Para participar neste curso haberá que acreditar ter realizado o curso de nivel básico ou outro equivalente.

C) Curso de nivel superior en linguaxe administrativa galega. Para poder solicitalo haberá que acreditar ter realizado satisfactoriamente o curso de nivel medio.

2. Para a realización de cada curso establécese un mínimo de 20 persoas e un máximo de 35. De haber un maior número de solicitudes que de prazas existentes, para a selección dos alumnos utilizaranse os seguintes criterios preferentes:

Seleccionarase un funcionario por cada corporación local, en municipios con menos de 10.000 habitantes; dous funcionarios en municipios entre 10.000 e 50.000 habitantes; e catro funcionarios, en municipios con máis de 50.000 habitantes de todo o territorio da Comunidade Autónoma galega.

Por razóns de eficacia administrativa, daráselles preferencia ás solicitudes formuladas polos secretarios das corporacións correspondentes.

3. Os cursos comezarán a partir do mes de setembro de 1998 e rematarán antes do 31 de decembro de 1998.

4. Os cursos celebraranse, en principio e en función das solicitudes que haxa, nas seguintes localidades:

A Coruña

Ferrol

Lugo

Ourense

Pontevedra

Santiago de Compostela

Vigo

Realizada a selección dos posibles asistentes, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá decidi-lo desdobramento dos cursos segundo o número de alumnos, e, igualmente, a súa organización noutra localidade. A asignación ós distintos cursos farase en función das peticións recibidas.

5. Durante a súa celebración realizaranse, ademais das sesións docentes ordinarias, sesións conxuntas, seminarios e conferencias nas que intervirán expertos en linguaxe administrativa.

Artigo 2º

O financiamento destes cursos será por conta da aplicación orzamentarias 13.02.353F640.3 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, ata un límite de nove millóns cincocentas mil pesetas (9.500.000 ptas.).

No momento de realiza-la solicitude, os alumnos poderán solicitar unha bolsa de axuda para desprazamento naqueles casos en que deban desprazarse 100 quilómetros ou máis (ida e volta) desde o centro de traballo ó lugar de celebración. O aboamento farase en todo caso unha vez que se presenten os xustificantes correspondentes a cargo da aplicación orzamentaria 13.02.353F.780.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, ata un límite de un millón cincocentas mil pesetas (1.500.000 ptas.).

Artigo 3º

1. Os cursos básico e medio terán unha duración de 75 horas, nas que se inclúen: fase teórica, fase práctica e seminarios.

O curso superior terá unha duración de 100 horas, distribuídas do seguinte xeito:

- 75 horas lectivas.

- 10 horas de exames.

- 15 horas de elaboración e defensa de traballos.

2. Os cursos realizaranse en xornadas de tarde. A inasistencia ó dez por cento das horas lectivas programadas, sexa cal sexa a causa, impedirá a emisión do diploma.

Artigo 4º

Os programas destes cursos serán os aprobados pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Artigo 5º

Ó remata-lo curso realizaranse as probas oportunas. Ó persoal que as supere, tendo en conta ademais o rendemento durante o curso, outorgaráselle unha certificación coa cualificación de apto, expedida, conxuntamente, pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) e pola Dirección Xeral de Xustiza e Administración local(Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais).

Artigo 6º

As instancias, segundo o modelo que figura como anexo I a esta disposición, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, na correspondente delegación provincial, ou nalgunha das formas a que se refire o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º

O prazo de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración local para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1998.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

6602