Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 11 de agosto de 1998 Páx. 9.283

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 1998 sobre selección, proposta e nomeamento de funcionarios interinos para cubriren prazas vacantes nos corpos de médicos forenses, oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma galega.

Polo Real decreto 2397/1996, do 22 de novembro, transpasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios que, dentro do seu territorio, viña

desempeñando a Administración central do Estado en materia de medios persoais ó servicio da Administración de xustiza.

Mediante o Decreto 438/1996, do 20 de decembro, de asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma, asígnanselle á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais as funcións, servicios e medios asumidos con relación ó persoal transferido ó servicio da Administración de xustiza.

O sistema de traballo das oficinas xudiciais, fiscalías e servicios na Administración de xustiza, require, na maioría dos casos, unha total cobertura dos cadros de persoal que garanta a continuidade e eficacia debidas na tramitación dos procesos e expedientes.

Baseándose na asunción de tales competencias, díctase a presente orde que regula a constitución e funcionamento das bolsas de traballo para os diversos corpos de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, tendo como obxectivo principal a selección de persoas mediante un mecanismo que respecte os principios constitucionais na materia, de xeito que poidan incorporarse inmediatamente ó órgano que o necesite, coa menor interrupción posible do seu traballo normal.

Polo anteriormente exposto, de conformidade co disposto no artigo 59 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, que aproba o Regulamento de auxiliares, oficiais e axentes da Administración de xustiza, e logo de negociación coas organizacións sindicais, Confederación de Sindicatos Independentes e Sindical de Funcionarios (CSI-CSIF), Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Confederación Intersindical Galega (CIG),

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Disposición xeral.

A Dirección Xeral de Xustiza e Admón. Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, poderá nomear por necesidades do servicio, funcionarios interinos para ocuparen provisionalmente as vacantes que existan nos cadros de persoal dos órganos xudiciais, fiscalías e servicios da Administración de xustiza en Galicia cando non poidan ser cubertas por funcionarios titulares mediante os mecanismos habituais de provisión de postos de traballo, como tamén para reforza-los ditos cadros nos supostos de carácter urxente.

Artigo 2º.-Bolsa de traballo.

1. O obxecto da presente orde é a constitución de relacións de persoas que desexen traballar na cobertura temporal de prazas nos órganos xudiciais e servicios da Administración de xustiza. As ditas relacións denominaranse bolsas de traballo.

2. Constituiranse bolsas de traballo de ámbito provincial e por cada un dos corpos de oficiais, auxiliares, axentes xudiciais e médicos forenses, cunha porcentaxe igual ó 15 por 100 do cadro de persoal orgánico do corpo funcionarial en cada provincia, agás para o corpo de oficiais e médicos forenses, que será do 10 por 100 e o 100 por 100 respectivamente. Reservarase o 3 por 100 en cada caso para persoas con minusvalidez conforme a última orde de convocatoria de procesos selectivos para o acceso ós corpos da Administración de xustiza.

3. A apertura do prazo de presentación de instancias para formar parte da bolsa de traballo darase a coñecer mediante resolución do director xeral de Xustiza e Administración local, publicada no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria segunda respecto da primeira convocatoria.

4. A bolsa constituída terá unha duración máxima de dous anos, agás que sexa esgotada algunha das súas listas, ou ben cando circunstancias especiais o aconsellen e fagan necesaria unha nova convocatoria, tras consulta á comisión paritaria.

Artigo 3º.-Solicitude de inclusión na bolsa de traballo.

1. Calquera español entre 18 e 65 anos de idade que cumpra os requisitos para o ingreso nos corpos respectivos, segundo o regulamento correspondente, poderá solicita-la súa inclusión na bolsa de traballo, presentando o modelo que se xunta como anexo I a esta orde, agás os que se atopen desenvolvendo funcións como interinos ou contratados laborais eventuais no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias.

Non se incluirá na bolsade traballo a quen cumpra a idade de 65 anos durante o primeiro ano de vixencia da bolsa.

Deberán concorrer, ademais, os seguintes requisitos:

a) Figurar inscrito no Instituto Nacional de Emprego como demandante de emprego ou mellora deste.

b) Non ter causa de incompatibilidade, non ter expediente disciplinario aberto nin ter sido inhabilitado ou cesado en firme por expediente disciplinario ou falta de capacidade nos últimos cinco anos.

c) Non padecer defecto psíquico ou enfermidade psíquica ou física, ou calquera outra circunstancia que o incapacite para o posto de traballo.

d) Estar en posesión da titulación, ou en condicións de obtela antes de finaliza-lo prazo, necesaria para o ingreso en cada corpo, e así:

Médico forense: licenciatura en medicina.

Oficiais: título de bacharelato unificado polivalente, ou equivalente.

Auxiliares: título de graduado escolar, graduado en educación secundaria ou equivalente, así como tamén diploma ou certificación oficial que acredite experiencias prácticas en mecanografía, obtidas nos últimos tres anos. Quedarán exentos da presentación deste diploma ou certificado os que acrediten que desempeñaron postos de auxiliar da Administración de xustiza ou tamén de auxiliar nas distintas administracións públicas nos últimos tres anos.

Axentes xudiciais: certificado de escolaridade ou equivalente.

e) Residencia na Comunidade Autónoma galega e domicilio na provincia onde se solicite a incorporación á bolsa.

2. A solicitude deberá de se acompañar dos seguintes documentos na forma determinada polo anexo I.

A) Documentos con carácter xeral:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Certificado de empadroamento ou residencia cando non coincida co que figura no DNI

-Documento acreditativo de estar inscrito no Instituto Nacional de Emprego como demandante de emprego ou mellora deste.

-Fotocopia da titulación necesaria para o ingreso en cada corpo.

Tódalas fotocopias deberán estar cotexadas.

B) Para acredita-los servicios prestados na Administración de Xustiza como funcionario interino deberase achegar certificado do fiscal-xefe, director do instituto ou secretario xudicial dos órganos onde os prestaren, ou ben copias das actas de toma de posesión e cesamento en cada un deles. Cando a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local teña a documentación precisa, por ter traballado o solicitante na Comunidade galega, non será necesaria a súa achega.

C) Para acredita-la participación nas últimas probas de ingreso ós corpos de funcionarios da Administración de xustiza, non será necesario achegar certificación en tanto a Administración dispoña das listaxes correspondentes, sen prexuízo de que a circunstancia debe ser alegada polo solicitante no modelo de solicitude.

Artigo 4º.-Ordenación dos interesados na bolsa de traballo.

As bolsas de cada corpo serán aprobadas pola Dirección Xeral de Xustiza e Admón. Local, conforme os seguintes criterios:

1. Méritos xerais:

a) 0,20 puntos por cada mes completo de servicio como funcionario interino da Administración de xustiza naquel corpo funcionarial onde solicite ser incluído na bolsa de traballo, máximo computable de dez anos.

b) Catro puntos cando se supere o primeiro exercicio da última oposición convocada para o acceso ó mesmo corpo ó que se ofrece a bolsa de traballo.

c) 0,75 en grao de iniciación e 1 en grao de perfeccionamento do idioma galego. Non se computarán as titulacións imprescindibles para a obtención doutras de nivel superior. Só se concederá validez ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

d) 0,4 puntos por un curso oficial de informática de duración igual ou superior a corenta horas e 0,2 puntos por un igual ou superior a vinte horas sendo incompatibles entre si. De teren máis dun, só se puntuará un deles.

No suposto de empate, desfarase pola maior puntuación obtida segundo a orde establecida nos méritos xerais. De continua-lo empate, terase en conta, se é o caso, a puntuación obtida no primeiro exercicio de acordo coa alínea b) ou, no seu defecto, resolverase por orde alfabética comezando pola letra correspondente á última oferta de emprego para os corpos de Administración de xustiza.

2. Méritos específicos.

-Médicos forenses:

-1 punto para a especialidade de medicina legal.

-0,5 puntos por outras especialidades médicas.

-0,10 puntos por cursos e diplomas en materias propias de medicina legal, de duración mínima de 20 horas. Máximo 0,30 puntos.

-Oficiais:

-1 punto por seren licenciados en dereito e 0,5 puntos por seren graduados sociais, criminólogos ou tres cursos completos de dereito.

-0,10 puntos por cada mes de prestación efectiva en xulgados de paz.

Artigo 5º.-Nomeamentos e renuncias.

1. Os funcionarios interinos que cesen no seu posto durante a vixencia da bolsa de traballo poderán solicitar desde ese momento a súa inclusión no prazo de cinco días hábiles.

No suposto de ser destinado a cubrir unha praza por tempo inferior a 180 días, será incorporado no posto que lle correspondería por orde de puntuación tantas veces como sexa necesario para acadar tal período.

De non solicita-la súa inclusión no prazo fixado de 5 días ou supera-lo tempo do parágrafo anterior, será incorporado ó final da bolsa por orde cronolóxica.

2. Se a persoa proposta non aceptase o nomeamento, por unha soa vez será incluído ó final da bolsa, agás maternidade ou imposibilidade física. No suposto de maternidade daráse opción á interesada a mante-la súa orde na bolsa, áta ter cumprido un máximo de 16 semanas despois do parto.

3. Para o caso de non se presentar á tomar posesión por causa non xustificada, entenderase que renuncia ó nomeamento e quedará excluída da bolsa de traballo.

Artigo 6º.-Constitución das bolsas de traballo.

1. Órganos competentes para a súa constitución.

Será competente para a elaboración e aprobación da bolsa de traballo a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local.

2. Formación e publicación.

Unha vez baremadas as instancias polo órgano competente, procederase á publicación das listas provisionais dos seleccionados, nos que figurará o nome, apelidos, número de documento nacional de identidade e número de orde e puntuación obtida na bolsa respectiva. Serán expostas na Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, no Servicio de Xerencia, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, audiencias provinciais e nos decanatos das localidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

Os interesados terán dez días para reclamar sobre calquera dos datos contidos na lista ante o órgano convocante, quen publicará a bolsa definitiva nun prazo máximo dun mes.

Non se poderá pertencer a máis dunha bolsa de traballo. Os incluídos en máis dunha, optarán no mesmo prazo de dez días, desde a publicación das listas provisionais, á bolsa á que queiran pertencer. De non facelo, incluiranse naquela que ocupe mellor posición.

Artigo 7º.-Formulación de proposta de interino.

Cando se produza a necesidade de cubrir unha praza vacante, os secretarios xudiciais, logo de comunicación ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, solicitarán á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local o nomeamento dun funcionario interino, xustificando a necesidade de cubrila. A Dirección Xeral de Xustiza

e Administración Local autorizará o nomeamento á vista das necesidades do servicio e as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 8º.-Selección para un posto concreto.

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, a través do Servicio de Xerencia de Xustiza seleccionará o candidato que corresponda respectando a orde de prioridade establecida na respectiva bolsa.

Cando a praza vacante sexa de oficial titular, o fiscal xefe ou o secretario do órgano xudicial proverá a súa cobertura mediante a designación dun auxiliar titular do propio órgano xurisdiccional, logo de comunicación a tódolos auxiliares titulares do órgano ou servicio xudicial.

De haber dous ou máis solicitantes desta substitución, cubrirase a praza atendendo ós criterios de experiencia na orde xurisdiccional concreta, antigüidade e capacidade dos solicitantes, podendo participar, se for o caso, os sindicatos asinantes do acordo.

O secretario ou fiscal xefe deberá comunica-lo candidato designado e nome de tódolos solicitantes.

A realización das funcións de oficial polo auxiliar titular dará lugar á percepción por este dun complemento fixado na orde de retribucións correspondente. Computará, ademais, este tempo para efectos de promoción interna.

Así mesmo, o posto provisionalmente desocupado polo auxiliar en funcións de oficial poderá ser cuberto mediante o nomeamento dun auxiliar procedente da bolsa de interinos para este corpo.

Se o fiscal xefe ou o secretario xudicial estimase que non existe titular idóneo dentro do seu propio órgano para cubri-la praza de oficial, expoñerano motivadamente á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, logo de audiencia ós representantes sindicais por prazo de dez días, resolverá motivadamente.

Non se autorizará a devandita substitución cando sexa por fracción inferior ó mes.

Artigo 9º.-Nomeamento de interino de reforzo.

Para o nomeamento de interinos de reforzo as solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local a través do Tribunal Superior de Xustiza, quén informará, agás que se tratase dun plan de reforzo acordado polo Consello Xeral do Poder Xudicial, caso no que se procederá ó nomeamento se as dispoñibilidades orzamentarias o permiten.

No suposto de que o reforzo o solicite directamente calquera dos órganos xudiciais, a Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local poderá solicitar informe do Consello Xeral do Poder Xudicial ou da Inspección Fiscal, e en caso de considerar procedente o reforzo, trala valoración do obxectivo perseguido, o traballo realizado polo persoal interino e o tempo necesario de duración deste, nomeará o que corresponda segundo o disposto nos parágrafos anteriores.

Artigo 10º.-Entrega de documentación.

Chamados os integrantes da bolsa a ocuparen o posto concreto, o seleccionado deberá presentar no órgano convocante no prazo de dous días os documentos que a continuación se detallan:

1. Declaración xurada de non incorrer en causa de incompatibilidade nin estar inhabilitado nin ter sido

cesado por expediente disciplinario nos últimos cinco anos.

2. Certificado médico que acredite non padecer defecto psíquico ou enfermidade psíquica ou física que o incapacite para o desempeño do cargo.

A non presentación da documentación indicada suporá a baixa automática da bolsa de traballo.

Artigo 11º.-Cesamentos.

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local efectuará o cesamento do funcionario interino cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

1. Cando se cubra por funcionario titular unha praza desempeñada por interino. No caso de que por circunstancias determinadas do funcionario titular (baixa simultánea, excedencia do corpo ou similares) a praza ocupada polo funcionario interino non chegara a selo, continuaría ocupándoa o funcionario interino ata a súa cobertura efectiva. Se no órgano de que se trata houbera máis dun funcionario interino, deberá cesar aquel do mesmo corpo que se nomease en data máis recente. No caso de empate aplicarase o establecido no artigo 4.1º.b) de esta orde.

2. Por falta ou falsidade inicial ou sobrevida dalgúns dos requisitos esixidos ou circunstancias alegadas para a súa inclusión na bolsa.

3. Por sanción de falta moi grave cometida polo funcionario interino, conforme o previsto no seu regulamento orgánico en materia de expediente disciplinario.

4. Por manifesta falta de capacidade ou de rendemento. O secretario xudicial, así como os directores dos institutos anatómicos forenses ou dos fiscais xefes, poderán propoñer á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local o cesamento do funcionario interino, motivando a súa proposta e xuntando as alegacións do interesado. O órgano competente, dará traslado da proposta de cesamento e das alegacións recibidas ós sindicatos asinantes do acordo, que no prazo de dez días poderán efectua-las consideracións e propoñe-las probas que consideren procedentes. O Servicio de Xerencia de Xustiza, unha vez efectuadas as probas consideradas pertinentes, formulará proposta á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, que resolverá no prazo de dez días.

5. Por finalización das necesidades do servicio que motivaron a cobertura mediante persoal interino.

6. Por supresión da praza desempeñada.

7. Por cumpri-la idade establecida no artigo 467 da Lei orgánica do poder xudicial.

O persoal interino que cese voluntariamente quedará excluído da bolsa vixente no momento do cesamento voluntario.

Artigo 12º.-Participación e información.

Os sindicatos asinantes do acordo resultante da negociación da presente orde participarán en todo o proceso de elaboración e selección dos integrantes da bolsade interinos, creándose, para tal efecto, unha comisión paritaria integrada por un representante de cada sindicato e outros tantos da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, que velará pola súa aplicación e desenvolvemento .

Artigo13º.-Eficacia temporal dos nomeamentos

1. A vinculación xurídica e económica coa Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais dos funcionarios interinos comeza desde a efectiva toma de posesión, tralo nomeamento. As persoas que fosen propostas non poderán tomar posesión nin desempeña-las funcións propias do cargo ata que se lles sexa notificado o nomeamento polos órganos competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local.

2. A devandita vinculación extínguese na mesma data da posesión do titular que cubra a vacante, cando se incorpore o funcionario substituído, cando non se eleve a definitivo o nomeamento provisional ou cando por calquera outra causa das regulamentariamente previstas se dispoña o cesamento.

Artigo 14º.-Cursos de formación.

Sempre que as posibilidades orzamentarias o permitan, impartirase ó persoal seleccionado nas bolsas de traballo cursos de formación dentro dos plans de formación permanente de funcionarios ó servicio da Administración de xustiza.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando un interino que pertenza á bolsa de traballo dunha provincia da Comunidade Autónoma se traslade a outra provincia da mesma comunidade poderá solicita-lo cambio da bolsa de traballo, situándose na orde que lle correspondería segundo a puntuación obtida e o tempo traballado.

Segunda.-Prohíbese a intervención nas oficinas xudiciais, nas fiscalías e en toda clase de órganos, como meritorios, de quen non dispoña de nomeamento como funcionario interino.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os interinos que cesen dentro do período comprendido entre o remate do prazo de presentación de solicitudes á nova bolsa e o remate do prazo de reclamacións ás listas provisionais, poderán presenta-la instancia e serán incluídos por orde de puntuación.

Serán incluídos por orde cronolóxica na nova bolsa, se o solicitan, os que cesen entre o remate do prazo de reclamación das listas provisionais e a publicación da bolsa definitiva.

Segunda.-O prazo de presentación de instancias para formar parte da bolsa de traballo correspondente á convocatoria do 1998, iniciarase a partir do día seguinte ó de publicación da presente orde, e finalizará o día 15 de setembro de 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde substitúe a orde do Ministerio de Xustiza e Interior do 1 de marzo de 1996 e a súa corrección de erros do 1 de abril de 1996.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1998.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza Interior e Relacións

Laborais

7432