Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 11 de agosto de 1998 Páx. 9.267

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 234/1998, do 30 de xullo, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias de Arteixo, Rois, Teo, Vedra, Folgoso do Courel, Guntín, Outeiro de Rei, Carballeda de Avia, Ramirás, Xunqueira de Espadanedo, Cerdedo e Salvaterra de Miño.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu apartado tres establece que: o Consello da Xunta, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Arteixo, Rois, Teo, Vedra, Folgoso do Courel, Guntín, Outeiro de Rei, Carballeda de Avia, Ramirás, Xunqueira de Espadanedo, Cerdedo e Salvaterra de Miño solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante os decretos 328/1996, do 26 de xullo (DOG nº 157, do 12 de agosto), 140/1997, do 5 de xuño (DOG nº 115, do 17 de xuño), 269/1997, do 18 de setembro (DOG nº 191, do 3 de outubro), e 302/1997, do 23 de outubro (DOG nº 212, do 3 de novembro), desafectáronse do dominio público, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de

Arteixo, Rois, Teo, Vedra, Folgoso do Courel, Guntín, Outeiro de Rei, Carballeda de Avia, Ramirás, Xunqueira de Espadanedo, Cerdedo e Salvaterra de Miño.

Polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 5 de setembro, 8 de outubro e 5 de decembro de 1997 (DOG nº 182 do 22 de setembro, nº 209, do 29 de outubro e nº 252, do 31 de decembro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello de Arteixo, do dereito de uso do terreo chamado Horta de Baiuca, no lugar de Baiuca, parroquia e municipio de Arteixo (A Coruña), que mide seis áreas e vinteoito centiáreas, ou un ferrado e dez cuartillos. Estrema: norte, casa, cortes e horta dos de Enrique Sánchez Vázquez; sur, herdeiros de Santiago Astray, valo da súa propiedade no medio; leste, labradío dos mesmos herdeiros de Astray, valo no medio; e oeste, estrada da Coruña a Carballo, tamén valo no medio. Sobre este soar construíuse unha casa de aproximadamente 120 m de planta baixa e alta.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de número 3 da Coruña no libro 352, folio 126, predio nº12.133, inscrición 3ª.

2. A favor do Concello de Rois, do dereito de uso dun local dunha soa planta, no sitio coñecido por Souto de Abaixo do lugar de Dices, parroquia e municipio de Rois (A Coruña); ocupa sobre o seu fundo uns 117 m, que ten como anexo e para o seu servicio o resto do terreo sen edificar que o circunda de 283 m, no que, en parte da súa superficie (cara ó extremo norte do local) existe unha caseta destinada a centro de inseminación artificial, duns 22 m construídos. Estrema norte, herdeiros de Consuelo Lamas Romero (368); sur, estrada de Padrón a Noia; leste, antiga cámara agraria (367), hoxe Comunidade Autónoma de Galicia; e oeste, pista de concentración parcelaria.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 313, libro 69, folio 129, predio nº 6.323, inscrición 4ª.

3. A favor do Concello de Rois, do dereito de uso do predio número 367 da zona de concentración parcelaria de San Mamede de Rois, municipio de Rois (A Coruña). Monte no sitio de Pumariño, de 317 m. Estrema: norte, Consuelo Lamas Romero (368); sur, camiño; leste, terreo excluído, antiga cámara agraria, e Consuelo Lamas Romero; e oeste, camiño.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 364, libro 88, folio 63, predio nº 8.812, inscrición 3ª.

4. A favor do Concello de Teo, do dereito de uso do soar chamado Gandarón, sito no lugar da Ramallosa, parroquia de Lucí, municipio de Teo (A Coruña), de seis áreas e noventa centiáreas. Estrema: norte, de Manuela Cajaraville; sur, herdeiros de Juan Cao Cerdeira; leste, estrada; e oeste, Antonio Martínez Montes e Josefa Cao Cerdeira. Sobre este predio construíuse un local destinado a almacén, celeiro e oficinas, de 140 m de superficie, que estrema polo leste coa estrada e outro de uso veterinario de 30 m.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 315, libro 76, folio 22, predio nº 6.171, inscrición 3ª.

5. A favor do Concello de Vedra, do dereito de uso da casa destinada a local social, de planta baixa e piso alto. Ocupa unha superficie de 82 m. Ten anexo un terreo que a circunda destinado a penedal, no sitio de Reverencia, situada no lugar de Sol, parroquia de Santa Cruz de Ribadulla, municipio de Vedra (A Coruña), que mide 118 m. A edificación está situada no sector centro-oeste do predio. Estrema o conxunto: norte, remata en punta e con valo de varios; sur, canal do Sr. Marqués; leste, valado que a cerra de José Canedo Tejo; e oeste, camiño veciñal de Sol á Devesa.

Inscrita no Rexistro da Propiedade número 1 de Santiago de Compostela no tomo 1245, libro 115, folio 218, predio nº 11.990, inscrición 3ª.

6. A favor do Concello de Folgoso do Courel, do dereito de uso do soar edificable no sitio denominado A Roxa, situado na vila e termo municipal de Folgoso do Courel (Lugo), cunha superficie aproximada de 168 m, que estrema: norte, que é a súa fronte, liña de 14 m, estrada de Quiroga a Seoane do Courel; esquerda entrando, cun fondo de 12 m, casa do médico; dereita e fondo, máis terreo de José Antonio Fernández. Sobre o este predio construíuse un edificio para sede social, composto de semisoto e planta baixa dedicados a oficinas de 96 m por piso.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Quiroga no tomo 206, libro 32, folio 225, predio nº 2.673, inscrición 3ª.

7. A favor do Concello de Guntín, do dereito de uso do edificio construído sobre un terreo denominado Leiro xunto á casa, sito na marxe esquerda da estrada de Lugo a Santiago de Compostela, da

vila e municipio de Guntín (Lugo), que ocupa a totalidade da superficie da parcela de 120 m aproximadamente. Consta de dúas plantas, baixa e primeira, destinadas a oficinas e almacén. Estrema: norte, liña de 12 m con Germán López; sur, liña de 12 m co resto do predio matriz; leste, liña de 10 m co resto do predio finca matriz; e oeste, liña de 10 m coa estrada de Lugo a Santiago de Compostela.

Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 2 de Lugo no tomo 689, libro 48, folio 130, predio nº 4.102, inscrición 3ª.

8. A favor do Concello de Outeiro de Rei, do dereito de uso do terreo, Leiro da entrada de Sobrevila, situado na vila e termo municipal de Outeiro de Rei (Lugo), cunha superficie de 385 m, que estrema: norte, herdeiros de Manuel Montes; sur, estrada de Madrid á Coruña; leste, herdeiros de Manuel López; e oeste, herdeiros de Montes. Sobre este predio construíuse un edificio que consta de planta baixa de 120 m dedicada a garaxe-almacén, e planta alta de 125 m a oficinas.

Inscrito no Rexistro da Propiedade número 2 de Lugo no tomo 666, libro 49, folio 172, predio nº 3.963, inscrición 3ª.

9. A favor do Concello de Carballeda de Avia, do dereito de uso dun edificio que ocupa 88 m, dunha soa planta baixa, construído sobre un soar de 110,5 m de superficie, no sitio chamado Seara, preto da rectoral da igrexa de San Miguel de Carballeda, no municipio de Carballeda de Avia (Ourense). Estrema: norte, liña de 13 m coa praza Párroco Quiroga; sur, liña de 13 m con máis do predio chamado Seara, propiedade da Igrexa; leste, liña de 8,5 m; e oeste, liña de 8,5 m con máis do predio Seara, propiedade da Igrexa, que separa doutra parcela de Benjamín Fernández.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ribadavia no tomo 479, libro 52, folio 180, predio nº 5.987, inscrición 3ª.

10. A favor do Concello de Ramirás, do dereito de uso dun edificio de planta baixa dedicado a oficinas e almacén, que se asenta sobre un predio de 231 m, do que ocupa 132 m, en Vilar, lugar de Vilavidal hoxe rúa Coto nº 9, parroquia de Santo Andrés de Penosiños, municipio de Ramirás (Ourense). Estrema: norte, camiño, hoxe rúa Coto; sur, Victorino Vidal, hoxe Cristalina Enríquez; leste, José Rodríguez, hoxe chalé de Benito Bandeira; e oeste, José Rodríguez, hoxe chaleé de Mercedes Armesto.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Celanova no tomo 623, libro 49, folio 250, predio nº 5.573, inscrición 3ª.

11. A favor do Concello de Xunqueira de Espadanedo, do dereito de uso dun predio no lugar da Caseta, municipio de Xunqueira de Espadanedo (Ourense), cunha superficie aproximada de 200 m. Estrema: norte, estrada nacional Logroño-Vigo, km

536; sur, Manuel Ferreiro González, hoxe Adelino Apolinar; leste, Manuel Ferreiro González, hoxe Avelino García; e oeste, Domingo González e outros, hoxe Vicente de Dios. Sobre este predio construíuse un edificio de planta baixa e alta que ocupa uns 128 m aproximadamente, dedicado a almacén e oficinas.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Allariz no tomo 256, libro 13, folio 172, predio nº 1.795, inscrición 3ª.

12. A favor do Concello de Cerdedo, do dereito de uso dun predio na estrada de Ourense a Pontevedra, s/n, en Cerdedo (Pontevedra), dunha superficie de 152 m. Estrema: norte, liña de 9,5 m, estrada de Ourense a Pontevedra; sur, con iguais metros, valo e herdeiros de Constantino Lorenzo; leste, liña de 16 m de José María Sueiro Lois; oeste, con iguais metros, resto do predio matriz. Sobre este soar construíuse un edificio de dúas plantas que ocupa unha superficie de 72 m, cos mesmos lindeiros arriba sinalados, agás polo fondo ou sur que o fai co resto do predio non edificado.

Inscrito no Rexistro da Propiedade da Estrada no tomo 620, libro 39, folio 52, predio nº 3.443, inscrición 4ª.

13. A favor do Concello de Salvaterra de Miño, do dereito de uso dun terreo sito no barrio da Forca, municipio de Salvaterra de Miño (Pontevedra), cunha superficie de nove áreas e setenta e cinco centiáreas. Estrema: norte e sur, Joaquín Morales Abril; leste, estrada a Teáns; e oeste, regato. Sobre este soar construíuse unha casa composta de baixo e planta alta.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ponteareas no tomo 532, libro 156, folio 107, predio nº 15.919, inscrición 6ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, se deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade

Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Serán por conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsados pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza, da que será beneficiaria a Comunidade Autónoma de Galicia, que cubra os danos do inmoble do que se cede o uso, así como a responsabilidade civil por posibles danos a terceiros.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán por conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7094