Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 07 de agosto de 1998 Páx. 9.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de xullo de 1998 pola que se modifica a do 18 de abril de 1996 pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

De acordo co establecido no artigo único, punto un, do Decreto 95/1998, do 20 de marzo, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre

incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, e visto o acordo da comisión delegada da Xunta de Galicia para asuntos económicos, con data do 24 de xullo de 1998, sobre autorización para que os titulares de establecementos comerciais retallistas que realicen proxectos de investimento nos municipios de Ferrol e Narón, e que se financien a través de préstamos concertados con entidades financeiras ó abeiro do convenio para a potenciación do comercio retallista na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, poidan ser beneficiados cunha axuda financeira que cubra totalmente o tipo de xuro da operación de préstamo, faise necesario modifica-la orde da Consellería de Economía e Facenda, do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, modificada pola Orde do 26 de marzo de 1998, co obxecto de lle dar cumprimento ó establecido no mencionado acordo.

Por todo iso, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación normativa.

Modifícase o texto do artigo 12.4º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, que pasa a te-la seguinte redacción:

«4. Tipo de xuro mínimo para o beneficiario.

O tipo de xuro mínimo para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, será o 2% para aqueles proxectos dentro do programa de investimentos que sexan preferentes por localización ou actividade e que creen emprego neto; no resto de proxectos de investimentos e programas será o 3%. Nos convenios que se subscriban coas entidades de crédito poderanse establecer límites superiores.

Excepcionalmente, os titulares de establecementos comerciais retallistas que realicen proxectos de investimento nos municipios de Ferrol e Narón e que se financien a través de préstamos concertados con entidades financeiras ó abeiro do convenio para a potenciación do comercio retallista na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998, poderán ser beneficiados cunha axuda financeira que cubra totalmente o tipo de xuro da operación de préstamo».

Disposición transitoria

A previsión respecto ós proxectos de investimento nos municipios de Ferrol e Narón será de aplicación, unha vez subscrita a modificación do convenio que a instrumente, a tódalas solicitudes presentadas ó abeiro del.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7091