Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 07 de agosto de 1998 Páx. 9.173

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de xullo de 1998 pola que se regula o procedemento de recadación nos supostos de reintegros de axudas ou subvencións públicas, pensións asistenciais e subsidios económicos.

O artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, establece a obriga dos beneficiarios de axudas e subvencións de proceder ó seu reintegro no caso de incumprimento dos condicionantes establecidos nas súas bases reguladoras, conferíndolles a tales cantidades a consideración de ingresos de dereito público; á súa exacción poderá, xa que logo, conforme o artigo 10 daquela disposición en relación co artigo 31 do Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral orzamentaria, procede-la Administración utilizando as prerrogativas e procedementos legalmente descritos para os ingresos de tal natureza.

Desde unha perspectiva procedemental, a recadación de tales sumas veuse articulando a través dos trámites descritos pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de decembro de 1990. Non obstante, a experiencia das funcións dos órganos de recadación veu denunciando a existencia de certas dificultades prácticas na aplicación de tal procedemento ó reintegro de axudas e subvencións. Estas dificultades constatáronse igualmente respecto do reintegro de pensións ou subsidios económicos, como os provenientes do Fondo de Asistencia Social e da Renda de Integración Social de Galicia, as peculiaridades dos cales fan merecedores dun trato diferencial.

Tales circunstancias revelan a conveniencia e oportunidade de configurar un procedemento recadatorio específico tendente a procura-la exacción de tales cantidades, diferenciando, pois, do previsto con carácter xeral pola devandita Orde do 1990, e para tal fin oriéntase a presente disposición.

A disciplina regulativa que se establece parte da neta diferenciación entre o procedemento tendente a determina-la propia procedencia ou improcedencia do reintegro e o incoado para a recadación das sumas correspondentes, circunscribindo a súa virtualidade a este último baixo a premisa de que a terminación do primeiro a través da correspondente resolución declarativa da obriga de reintegrar é presuposto ineludible para a iniciación da vía de recadación, orientándose igualmente no sentido de prover a unha maior coordinación entre os órganos de xestión e os de recadación.

En virtude do anterior, e facendo uso das competencias que me confire o artigo 7 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Ámbito de aplicación.

A presente disposición regula o procedemento recadatorio para o reintegro, nos supostos descritos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ou nos previstos pola normativa especificamente de aplicación, en cada caso, de toda cantidade percibida en concepto de axudas e subvencións públicas, así como das sumas indebidamente percibidas polos titulares de prestacións ou subsidios asistenciais das que a súa xestión lles corresponda ós órganos, entes ou organismos autónomos da Comunidade Autónoma.

Segundo.-Órganos competentes para a recadación do reintegro.

Serán órganos competentes para a recadación en período voluntario e executivo do reintegro de axudas e subvencións públicas e do indebidamente percibido en concepto de prestacións ou subsidios asistenciais os órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda.

Terceiro.-Iniciación do procedemento recadatorio.

1. Reintegro de axudas ou subvencións públicas.

Unha vez que o órgano competente para a concesión da axuda ou subvención notificase debidamente a resolución administrativa declarativa da procedencia do reintegro, que a terá que ser unicamente polo principal e sen abrir ningún prazo de ingreso, comunicarallo no prazo dos primeiros dez días de cada mes, respecto daquelas resolucións notificadas no mes inmediato anterior, á delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda do seu ámbito correspondente; esta comunicación deberá conte-la seguinte información:

-Datos identificadores do obrigado ó reintegro.

-Nome e apelidos, ou razón social.

-Número ou código de identificación fiscal.

-Enderezo.

-Número do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

-Importe do principal da cantidade que hai que reintegrar.

-Data do pagamento da axuda ou subvención.

-Causas que motivan o reintegro en aplicación do disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, ou na normativa que sexa de aplicación.

-Data da notificación ó interesado da resolución administrativa de referencia. No suposto recollido no artigo 59.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, comunicarase a data de publicación no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do concello do último enderezo coñecido.

Á comunicación achegarase copia dilixenciada das resolucións que nela se inclúen, así como dos xustificantes de notificación.

As delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda notificaranlle ó interesado o documento de ingreso no que se indicará o lugar e prazo de ingreso en período voluntario de recadación do principal que hai que reintegrar. Así mesmo, notificaranlle o acordo adoptado polos órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda para a liquidación dos xuros de demora devengados, de conformidade co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, polo tempo transcorrido desde a data do pagamento da axuda ou subvención ata a data do acordo, ó que se xuntará o preceptivo documento de ingreso.

O tipo de xuro que se aplique, de non ser que unha norma específica estableza outro diferente, será o que se recoñece no artigo 21.2º da citada Lei 11/1992.

2. Reintegro de cantidades indebidamente percibidas por pensións asistenciais e subsidios económicos.

A resolución do organismo competente na que se impoña a obriga de reintegra-lo importe das prestacións indebidamente percibidas seralles comunicada por aquel ós obrigados ó reintegro.

Na resolución pola que se impón a obriga de reintegrar reflectiranse os datos identificadores do suxeito responsable así como os determinantes da contía das prestacións ou beneficios, sen que proceda indicar prazo de ingreso.

Unha vez notificada a resolución polo órgano competente, darase traslado desta, mediante copia dilixenciada, xunto co xustificante de notificación, á delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda do seu ámbito correspondente, que reclamará o seu importe mediante o oportuno documento de ingreso.

A Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda practicará as actuacións necesarias para llo notificar ó debedor para o ingreso en período voluntario da cantidade que se establece na resolución.

Cuarto.-Suspensión do procedemento e resolución de recursos.

No suposto de acordarse a suspensión da execución das resolucións administrativas, os órganos compe

tentes comunicaranllo coa maior brevidade posible á delegación territorial da Consellería de Economía e Facenda ás que se remitisen aquelas para a súa xestión de cobramento.

Igualmente, e coa maior brevidade posible, deberalle ser comunicada á mesma delegación territorial as resolucións estimatorias de recursos que supoñan a anulación das resolucións administrativas declarativas da procedencia do reintegro, ou a minoración do seu importe.

Quinto.-Aprazamentos e fraccionamentos.

Corresponderalles ós órganos competentes da Consellería de Economía e Facenda a concesión dos aprazamentos ou fraccionamentos de pagamento que os interesados puidesen solicitar por estes conceptos.

Sexto.-Información ós órganos competentes.

Nos dez primeiros días dos meses de abril, xuño, outubro e xaneiro, as delegacións territoriais da Consellería de Economía e Facenda achegarán ós distintos órganos, entes e organismos autónomos da Comunidade Autónoma información relativa á xestión realizada respecto dos expedientes enviados para a súa xestión de cobro por calquera dos conceptos indicados.

Disposición transitoria

A presente orde aplicaráselles ós expedientes que se atopen en tramitación á súa entrada en vigor e nos que non recaese a resolución a que se refire o artigo 3 da Orde do 27 de decembro de 1990.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7473