Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Xoves, 06 de agosto de 1998 Páx. 9.136

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de transporte de viaxeiros en autobús por estrada.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de transportes de viaxeiros en autobús por estrada que tivo entrada na Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18-6-1998, subscrito en representación da parte económica por Transviac, Asociación provincial de servicios discrecionais de viaxeiros e Transgacar, e da parte social por CIG, UGT, CC.OO, o día 10-6-1998 de conformidade do disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente

nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Tercero.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 30 de xuño de 1998.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial de transporte de viaxeiros en autobús por estrada da provincia da Coruña. Ano 1998.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio será de aplicación para tódalas empresas e traballadores do transporte de viaxeiros en autobús por estrada na provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

Terá unha duración desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro de 1998. Se ningunha das partes o denunciara coa antelación mínima dun mes á data da súa expiración, prorrogarase tacitamente por un ano. A dita prórroga do convenio levará consigo o incremento de tódolos conceptos económicos pactados equivalente ó IPC dos doce meses anteriores máis un punto.

Unha vez producida a denuncia, manterá a vixencia o seu contido normativo integramente ata a sinatura dun novo convenio. Non obstante, para favorece-lo interese negociador das partes, esta ultravixencia unicamente se producirá durante a anualidade completa seguinte á de vixencia normal do convenio.

Artigo 3º.-Respecto de dereitos.

Respectaráselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos cós concedidos por este convenio.

Tódolos conceptos salariais teñen carácter normativo e condición mínima indispensable, polo que tal garantía non pode ser afectada por pacto ou renuncia de calquera tipo cos demais efectos e durante os períodos establecidos no artigo 2º.

Artigo 4º.-Táboas salariais.

A partir do 1 de xaneiro de 1998 establécense como mínimas as retribucións que figuran como anexo I, táboas salariais.

O incremento salarial cuantifícase nun 2,2%.

Os atrasos derivados do incremento salarial aboaranse por metade ás nóminas dos dous meses seguintes á data da publicación do convenio no BOP ou DOG.

Artigo 5º.-Revisión salarial.

Unha vez publicado o IPC (índice de prezos ó consumo) correspondente ó ano 1998, producirase

unha revisión salarial que garanta, sumando o incremento salarial do 2,2% xa producido, un 0,8% de diferencial co IPC real entre o 1 de xaneiro de 1998 e o 31 de decembro de 1998.

As cantidades derivadas desta eventual revisión salarial aboaranse por metade nas nóminas de marzo e xuño de 1999.

Artigo 6º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio devengará as antigüidades de acordo coa seguinte táboa:

-Ós 2 anos, o 5 por cento do salario base.

-Ós 4 anos, o 10 por cento do salario base.

-Ós 9 anos, o 20 por cento do salario base.

-Ós 14 anos, o 30 por cento do salario base.

-Ós 19 anos, o 40 por cento do salario base.

-Ós 24 anos, o 50 por cento do salario base.

-Ós 29 anos, o 60 por cento do salario base.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

Establécense tres gratificacións extraordinarias, que se denominarán de verán, de Nadal e beneficios, as cales se percibirán nos meses de xullo, decembro e marzo, na contía de 30 días de salario base e antigüidade das táboas salariais adxuntas.

Artigo 8º.-Gratificación convenio.

As empresas aboarán unha gratificación de 59.208 pesetas anuais, repartidas en 12 mensualidades de 4.934 pesetas.

Artigo 9º.-Gratificación consolidada.

Os traballadores que, á sinatura do presente convenio, viñeran percibindo a ratificación de acumulación de descansos e reducción da de entre xornadas establecido no artigo 12 do convenio colectivo de 1984, seguirán percibindo, a título individual, a contía de 153 (cento cincuenta e tres) pesetas por cada día de traballo.

O incremento salarial que procedería pasará a se integrar na gratificación convenio.

As empresas que, no futuro, fagan uso da facultade establecida no artigo 9 do R.D. 1561/1995, aboarán a dita gratificación, a título individual, ós traballadores afectados e durante o tempo que dure a dita situación.

Artigo 10º.-Gratificación de conductor-perceptor e gratificación de actividades complementarias.

O conductor-perceptor, realice ou non simultaneamente ámbalas dúas funcións, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial de posto de traballo (gratificación de conductor-perceptor, PCP) en contía mensual do 20 por cento de 22 días do seu salario base. Os efectos desta gratificación produciranse a partir da súa publicación no BOP ou DOG.

A estructura salarial para os conductores-perceptores conterá os seguintes conceptos:

-Salario base, segundo táboas salariais.

-Antigüidade, segundo o establecido no artigo 6º.

-Gratificación convenio, nas contías do artigo 8º.

-Gratificación conductor-perceptor, segundo se establece no presente artigo.

-Gratificación quebrantamento de moeda, segundo o artigo 11º.

-Gratificación consolidada, nos termos recollidos no artigo 9º.

-Gratificación de interrupción de xornada, se procede, nos termos establecidos no artigo 16º f).

O conductor percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, unha gratificación de actividades complementarias coa seguinte contía: para o ano 1998, 5.000 ptas. mensuais; para o ano 1999, 7.000 ptas. mensuais e para o ano 2000, 9.000 ptas. mensuais, estendéndose a vixencia do convenio polo que respecta a este punto ata o 31 de decembro do ano 2000. Os efectos desta gratificación produciranse a partir da súa publicación no BOP ou DOG.

A estructura salarial para os conductores conterá os seguintes conceptos:

-Salario base, segundo táboas salariais.

-Antigüidade, segundo o establecido no artigo 6º.

-Gratificación convenio, nas contías do artigo 8º.

-Gratificación de actividades complementarias, segundo se establece no presente artigo.

-Gratificación consolidada, nos termos recollidos no artigo 9º.

-Gratificación de interrupción de xornada, se procede, nos termos establecidos no artigo 16º f).

Artigo 11º.-Quebrantamento de moeda.

A gratificación especial por quebrantamento de moeda queda establecida en 3.158 (tres mil cento cincuenta e oito) pesetas, e a contía estipulada percibirase mensualmente.

Artigo 12º.-Gratificación de compensación.

Establécese unha gratificación de compensación para o resto do persoal que non estea comprendido nas categorías de conductor-perceptor ou conductor e que non tivese outras gratificacións, excepto a gratificación de convenio ou a ratificación consolidada, por importe de dúas mil cincocentas cincuenta e cinco (2.555) pesetas mensuais.

A estructura salarial para o resto de persoal, que non estea incluído nas categorías de conductor-perceptor ou conductor, conterá os seguintes conceptos:

-Salario base, segundo táboas salariais.

-Antigüidade, segundo o establecido no artigo 6º.

-Gratificación convenio, nas contías do artigo 8º.

-Gratificación de compensación, segundo se establece no presente artigo.

-Gratificación consolidada, segundo se establece no artigo 9º.

-Gratificación quebrantamento de moeda, segundo o artigo 11º, se procede.

Os vendedores/as de billetes cobrarán a gratificación de compensación a pesar do indicado no primeiro parágrafo.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

As axudas de custo que lles corresponden ós traballadores nos seus desprazamentos, ó servicio das empresas, serán de 3.831 (tres mil oitocentas trinta e unha) pesetas, sen distinción de categorías. A chamada media axuda de custo, ou axuda de custo de comida, fíxase en 1.278 (mil duascentas setenta e oito) pesetas, correspondendo á pernoita 1.278 (mil duascentas setenta e oito pesetas).

Fóra de Galicia, será de 4.839 (catro mil oitocentas trinta e nove) pesetas a axuda de custo completa e 1.613 (mil seiscentas trece) pesetas a media axuda de custo.

En caso de destacamento aplicarase a reducción que no seu día sinalaba a ordenanza laboral de transporte.

Dará dereito á percepción da axuda de custo completa a realización dun servicio que obrigue o traballador a xantar, cear e pernoitar fóra da súa residencia habitual.

A parte de axuda de custo correspondente á cea percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da súa residencia habitual ou, en todo caso, cando o productor saia antes das 20 horas e regrese despois das 22 horas.

A parte de axuda de custo correspondente á pernoitar percibirase cando o servicio realizado obrigue a pernoitar e almorzar fóra da residencia habitual e, en todo caso, cando por tal motivo o regreso se efectúe despois das cero horas.

A parte de axuda de custo correspondente á comida percibirase cando o servicio realizado obrigue a efectuala fóra da residencia habitual e, en todo caso, cando o productor saia antes das 12 horas e volva despois das 14.

Artigo 14º.-Horas extraordinarias.

Serán aboadas cun incremento que, en ningún caso, será inferior ó 50 por cento sobre o importe da hora ordinaria.

Dadas as especiais características do sector, chamaranse horas extraordinarias estructurais aquelas horas extraordinarias ás que se fai referencia no artigo 1 da O.M. 1-3-1985, para os efectos do artigo 7 do R.D. 46/1984, do 4 de xaneiro.

A opción de compensa-las horas extraordinarias traballadas por tempo de descanso realizarase por mutuo acordo de empresa e traballador.

Artigo 15º.-Denominación do traballo.

a) Traballo efectivo: considerarase traballo efectivo o tempo que media desde que os traballadores

se fan cargo do cometido que deben efectuar no seu centro de traballo ata que cesen nel.

En relación co presente convenio será traballo efectivo para o persoal de movemento:

1. A conducción durante a circulación do vehículo.

2. Os traballos auxiliares que se efectúen en relación co vehículo, os seus pasaxeiros ou a súa carga.

b) Tempo de presencia: será tempo de presencia aquel período de xornada na que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, estea á disposición da empresa, tanto nos locais como no vehículo.

Terán a consideración de tempo de presencia, en relación co disposto no artigo 8 do R.D. 1561/1995, do 21 de setembro, as gardas, reténs, expectativas, avarías, comidas en ruta e outras similares nas que o traballador, aínda que non preste traballo efectivo, se encontra á disposición da empresa.

O tempo de presencia non excederá de 15 horas semanais.

As horas de presencia non se computarán para efectos de horas extraordinarias, sen prexuízo de que a súa remuneración sexa de igual contía cás horas ordinarias. Poderán, non obstante, computarse para efectos de xornada cando se realicen menos horas de traballo efectivo que as legalmente autorizadas; neste caso poderán ser computadas para efectos de completa-la xornada.

c) Tempo de espera e axuda de custo de espera: terá a consideración de tempo de espera aquel en que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo nas localidades que non sexan principio e fin de traxecto.

A primeira hora de cada xornada computarase pola súa totalidade e o resto ó 50 por cento, e aboaranse como tempo de presencia.

Considerarase que o traballador non está suxeito á vixilancia do vehículo cando poida dispoñer libremente do seu tempo, por non estar á disposición da empresa.

As esperas en localidades de principio e fin de traxecto fóra da residencia do traballador, ou do lugar da súa toma habitual de servicio, non computarán, para efectos de xornada, nin como traballo efectivo nin como tempo de presencia. Polo dito tempo, exceptuando o de xantar, cea e pernoita, aboarase unha axuda de custo de espera de 236 (duascentas trinta e seis) pesetas/hora.

Artigo 16º.-Xornada e descanso.

a) A xornada anual será de 1.826,27 (mil oitocentas vinteseis horas e vintesete minutos) en cómputo anual, sendo en cómputo semanal de 40 horas e en cómputo mensual de 166 horas. Consideraranse horas extraordinarias aquelas que superen as 1.826,27 horas ó ano, as 166 horas ó mes ou as 9 horas diarias.

Respectaranse os topes máximos de conducción establecidos no convenio colectivo, Real decreto 1561/1995 e directivas comunitarias.

b) As empresas virán obrigadas a organiza-los seus servicios de forma tal que o persoal descanse de acordo coa lexislación vixente.

c) O tempo total de conducción non poderá exceder de nove horas diarias.

d) A xornada diaria máxima será de once horas cando comprenda situacións de traballo efectivo máis tempo de presencia, exceptuando os percorridos de longa distancia, cando o servicio requira da estancia no vehículo de máis dun conductor.

e) Nos transportes interurbanos ningún traballador poderá conducir de xeito ininterrompido máis de catro horas sen facer unha pausa, agás que a conducción de media hora máis permita a chegada ó punto de destino.

A duración mínima da pausa será de 30 minutos, sendo susceptibles de fraccionamento ó longo do tempo de conducción.

En tódalas situacións que superen os topes máximos de xornada, como de presencia, comunicaráselle tal circunstancia ó comité de empresa ou ós delegados de persoal.

f) Interrupcións de xornada en servicios dentro de Galicia ou entre Galicia e provincias limítrofes de España ou Portugal: gratificación de interrupción de xornada.

As interrupcións de xornada inferiores a 30 minutos aboaranse ó valor da hora ordinaria; o exceso de tempo de cada interrupción aboarase a razón de 240 pesetas/hora.

Considerarase interrupción de xornada o período de tempo en que o traballador non realiza traballo efectivo, nin tempo de presencia, dentro dun servicio ou entre dous servicios, excepto a interrupción dedicada ó xantar, cea ou pernoita, que non se terán en conta para os efectos desta gratificación. Compútase o tempo de interrupción desde a hora de chegada a un punto segundo o cadro de servicios e a hora de saída desde ese punto, tamén segundo o cadro de servicios, para continua-lo servicio ou iniciar outro novo.

Enténdese que se a interrupción de xornada é inferior a 30 minutos, aboaranse 30 minutos.

A regulación recollida neste punto será aplicable, alternativamente, unha ou outra, a elección do traballador, co réxime previsto neste convenio, nas letras b) e c) do artigo 15º, no referente ó réxime que prevé a regulación das comidas en ruta, tomadas as dúas regulacións de maneira total.

As condicións recollidas no presente punto serán compensables e absorbibles, en xeral, no referente a tempo de espera e axuda de custo de espera e en particular en relación co réxime individual actual na materia de cada traballador.

Os efectos desta gratificación produciranse a partir da súa publicación no BOP ou DOG.

Artigo 17º.-Vacacións.

Regúlanse de conformidade co establecido no artigo 38 do Estatuto dos traballadores, publicado no BOE do 29-3-1995.

O período total de desfrute das vacacións será de 30 días naturais e non poderán experimentar un fraccionamento superior a dous períodos. En caso de desacordo decidirá a xurisdicción competente.

Durante os períodos de vacacións o salario dos conductores-perceptores e conductores estará composto, reectivamente, dos mesmos conceptos como se estivesen traballando, en concreto os contidos no artigo 10º, agás a gratificación de interrupción de xornada.

O salario dos restantes traballadores estará composto dos mesmos conceptos como se estiveran traballando, en concreto os contidos no artigo 12º.

Artigo 18º.-Xubilación.

Á idade de xubilación legal (hoxe ós 65 anos), sempre que conte cunha antigüidade mínima de 10 anos de servicio na empresa, o traballador percibirá desta unha gratificación equivalente a 5.512 (cinco mil cincocentas doce) pesetas por ano de servicio en concepto de xubilación.

No caso de xubilación voluntaria anticipada percibirá unha gratificación segundo a contía seguinte:

-Un ano antes, 250.739 pesetas.

-Dous anos antes, 505.766 pesetas.

-Tres anos antes, 758.675 pesetas.

-Catro anos antes, 1.018.955 pesetas.

-Cinco anos antes, 1.301.465 pesetas.

As empresas acolleranse ó disposto no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, sobre xubilación especial anticipada ós 64 anos, contratando un novo traballador no lugar do que se acolla a este dereito e nas mesmas condicións que determina o R.D., coa finalidade de colaborar no fomento do emprego.

A xubilación será forzosa para o persoal de movemento ó cumpri-lo traballador os 65 anos, sempre que reúna os requisitos esixidos pola Seguridade Social sobre períodos de carencia, en atención ás melloras e condicións pactadas neste convenio.

Para o resto do persoal, o carácter forzoso da xubilación darase sempre e cando non exista pacto en contrario entre o traballador e a empresa.

Artigo 19º.-Permiso de conducción.

Se por sentencia firme, calquera conductor se vira privado do permiso de conducción, a empresa deberá facilitarlle outra ocupación, aínda que sexa de categoría profesional inferior, polo período de suspensión do permiso, sempre que non exceda de 14 meses, sen perda dos emolumentos que viña percibindo, e que non sexa debida a embriaguez.

En caso de que o período de suspensión do permiso de conducción sexa superior ós 14 meses, e sempre que a retirada non sexa debida a embriaguez, o traballador con máis de dous anos de antigüidade terá

dereito, por unha soa vez, a unha excedencia non remunerada por todo o tempo que dure a suspensión, se é o caso, ata que, legalmente, poida incorporarse ó posto de traballo que estaba desempeñando habitualmente e desde o momento en que esta se produza, sendo o límite máximo da dita excedencia o que marque a lexislación para a contratación temporal.

Así mesmo, aplicaranse as garantías que se indican anteriormente, no caso de conducción in itinere cun máximo dunha hora antes e outra despois da hora de entrada e saída do traballo, incluso conducindo o seu vehículo propio.

Artigo 20º.-Póliza de seguros.

Establécese unha póliza de seguros de morte ou invalidez derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional para cada un dos traballadores ós que afecta o presente convenio, consistente na contía de 1.619.719 (un millón seiscentas dezanove mil setecentas dezanove) pesetas en caso de morte por accidente, e de 3.240. 808 (tres millóns duascentas corenta mil oitocentas oito) pesetas en caso de invalidez permanente para exerce-la súa ocupación habitual.

Estas contías producirán efecto a partir do 1 de setembro de 1998.

Artigo 21º.-Defunción.

As empresas aboarán, durante 1998, catro mensualidades dos salarios que figuran na táboa do convenio, máis a antigüidade correspondente, ó familiar do traballador que con el conviva, e por esta orde: 1) Cónxuxe viúvo. 2) Fillos. 3) Ascendentes, cando aquel faleza estando activo e leve, como mínimo, tres anos de servicio na empresa.

Independentemente das mensualidades ás que ten dereito, segundo o sinalado anteriormente, aboaráselle ó a dito familiar do traballador o salario do mes no que o productor faleza, calquera que sexa a data do seu óbito.

Artigo 22º.-Pases de xubilados.

Os xubilados, pensionistas de longa enfermidade, viúvas e fillos orfos menores de 18 anos dos traballadores falecidos en activo, das empresas de liñas regulares, terán dereito a viaxar nas liñas das súas respectivas empresas como se o traballador estivese en activo.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do pactado no convenio, composta por catro membros en representación dos traballadores e o mesmo número de representantes das empresas, todos eles vocais escollidos por cada parte.

Tamén formarán parte dela, con voz pero sen voto, os asesores correspondentes a ámbalas dúas partes.

No caso de imposibilidade de asistencia dalgún dos membros designados, serán substituídos polos suplentes.

A comisión reunirase cando sexa necesario e por petición de calquera das partes. Os compoñentes da comisión paritaria serán convocados cunha antelación mínima de tres días.

Para efectos da comisión paritaria, as horas sindicais consideraranse co mesmo rango que as utilizadas para a negociación colectiva.

Os acordos da comisión requirirán, para a súa validez, a conformidade da maioría simple dos vocais de cada unha das representacións. No caso de non haber acordo, levantarase acta que reflicta as diferentes posturas, remitíndolle copia dela á autoridade laboral competente para que emita a correspondente resolución.

As funcións da comisión paritaria serán as seguintes:

a) Interpretación da aplicación de tódalas cláusulas do convenio.

b) Arbitraxe de tódalas cuestións que as partes sometan a consideración e que se deriven da aplicación do convenio.

c) Vixilancia do cumprimento do pactado no convenio.

d) Análise da problemática sectorial en materia de seguridade e saúde laboral e seguimento do estado de cumprimento nestas materias.

e) Análise e adaptación da contratación temporal ó sector, valorando a posibilidade de introducir cláusulas que reforcen a contratación indefinida.

f) Cantas outras actividades tendan á maior eficacia práctica do convenio ou veñan establecidas no seu texto.

As actividades da comisión poderán realizarse en réxime de comisión plenaria, composta por tódolos seus membros ou en réxime de subcomisións específicas coa composición que a comisión acorde.

Para tódolos efectos, fíxase o domicilio da comisión na rúa Rafael Alberti, 8, 11, A Coruña.

Artigo 24º.-Garantías sindicais.

a) Seccións sindicais de empresa.

No caso de existir sección sindical, esta poderá facer uso do taboleiro de anuncios para difundi-la información, exclusivamente co persoal das empresas e fóra das horas de traballo. Para todo isto deberállelo comunicar coa antelación mínima de 48 horas á dirección da empresa e ó comité de empresa.

Isto sen prexuízo das facultades que ás seccións sindicais lles poidan outorga-las disposicións legais.

b) Os membros do comité de empresa e delegados de persoal, en cada centro de traballo, disporán dun crédito de 15 horas mensuais, como mínimo, dentro da xornada, para o exercicio das súas funcións de representación, sempre que o soliciten con 48 horas de anticipación.

A empresa poderá esixir xustificante da utilización concedida, ben do comité ou da central convocante.

Estes dereitos serán aplicados en caso de que, por disposición legal, así se determine.

As empresas que revistan a forma de sociedades darán conta, anualmente, ó comité de empresa ou delegados de persoal do balance e conta de resultados.

O recoñecemento dos ditos documentos será, para tódolos efectos, de carácter reservado.

A dirección da empresa dará conta ó comité ou delegados de persoal de tódalas sancións ou despedimentos.

A empresa, por petición dos traballadores afiliados ás centrais sindicais que conten, alomenos, cun 10 por cento de afiliados nela, descontará a cota sindical correspondente do recibo dos salarios, depositándoa na conta bancaria sinalada para tal efecto.

c) Excedencias: amplíase o dereito a solicitar excedencia voluntaria que regula a ordenanza laboral, calquera que sexa o tempo que leve o traballador na empresa cando se basee no exercicio do seu cargo sindical.

d) Comité de Seguridade e Hixiene: nas empresas de máis de 50 traballadores, estes deberán elixir un comité de seguridade e hixiene, sendo o comité de empresa ou os delegados de persoal os que terán que se ocupar da súa tramitación.

e) As empresas poderán pactar cos seus comités de empresa ou delegados de persoal a acumulación de horas sindicais.

O crédito horario retribuído de que gozan os delegados de persoal e membros do comité de empresa, dunha mesma empresa, poderá acumularse nun ou en varios deles, sempre que pertenzan a unha mesma central sindical, aínda que isto permita liberar da súa actividade laboral, total ou parcialmente a calquera deles.

O acordo de acumulación será pactado, en cada caso, a nivel de empresa entre o representante do sindicato e o da empresa, e a designación da persoa ou persoas ás que se lle aplicará a acumulación de horas derivadas do crédito horario será facultade exclusiva do sindicato de que se trate, o cal lle comunicará a súa decisión ó respecto á empresa.

Artigo 25º.-Permiso retribuído.

Os permisos retribuídos regúlanse polo disposto no artigo 37º do Estatuto dos traballadores.

Os traballadores desfrutarán dun día de permiso retribuído, que se poderá acumular unha vez ó ano ós permisos legalmente establecidos no artigo 37, parágrafo 3.a), b) e c), do Estatuto dos traballadores.

Artigo 26º.-Incapacidade temporal.

Cando o traballador estivese afectado por incapacidade temporal, as empresas complementarán as prestacións económicas que teñan dereito a percibir da Seguridade Social nos seguintes supostos:

1.1. Cando a IT derive de accidente de traballo, a empresa aboará un 10 por cento da base de coti

zación diaria para esta continxencia desde o primeiro día e ata un máximo de 70 días.

2.1. Cando a IT derive de enfermidade común, a empresa aboará un 10 por cento da base diaria de cotización a partir do cuarto día e ata un máximo de 70 días.

3.1. Cando sexa precisa a hospitalización do traballador, tanto se se debe a enfermidade ou accidente, a empresa aboará un 15 por cento da base diaria de cotización desde o momento en que esta se produza e mentres a hospitalización dure, cun máximo de 90 días.

Tales complementos unicamente se percibirán nun proceso de IT durante toda a vixencia do convenio.

As empresas, de acordo co establecido no artigo 20 do Estatuto dos traballadores, poderán verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador mediante o oportuno recoñecemento médico.

Artigo 27º.-Indivisibilidade do convenio.

O convenio considerarase un todo indivisible de xeito que, se non fora aprobado na súa integridade, quedará anulado, debendo as partes negociar outro novo.

Artigo 28º.-Normas supletorias.

En todo aquilo que non figure regulado polo presente convenio, aplicarase o Estatuto dos traballadores, o R.D. 1561/1995, do 21 de setembro; o convenio da OIT número 153 e o regulamento da CEE número 3820/1985, e demais lexislación vixente.

Ámbalas partes resérvanse o dereito de acudir á xurisdicción laboral no caso de que considere que algún precepto do convenio vulnere ou contradiga normas de dereito necesario.

Artigo 29º.-Modalidades de contratación.

Complementando a normativa vixente na materia establécense as seguintes modificacións nela:

a) Contrato para a formación.

Poderán efectuarse contratos para a formación para tódalas categorías profesionais en que legalmente sexa posible, agás por mozos de garaxe ou taller.

Poderanse celebrar estes contratos con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21.

O salario de contratación será igual ó 85 por cento, 90 por cento e 100 por cento do salario base da súa categoría profesional durante, respectivamente, o primeiro, o segundo e o terceiro ano de vixencia do contrato.

b) Contrato en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85 ou 95 por cento do salario base da súa categoría profesional durante, respectivamente, o primeiro ou segundo ano de vixencia do contrato.

c) Contrato de duración determinada por circunstancias da producción.

Consonte co establecido no artigo 15.1ºb) do Estatuto dos traballadores, na procura dunha menor pre

carización do emprego e buscando aproveitar ó máximo as posibilidades de emprego que se derivan do actual ciclo de mercado, o contrato, por circunstancias do mercado a que se refire o dito artigo, poderá celebrarse por períodos que, un a un ou en conxunto, non superen os 13 meses dentro dun período de 18 meses.

O seu réxime xurídico, agás no referente á súa duración, será equivalente ó do contrato indefinido en canto ó desfrute de beneficios salariais (antigüidade e réximes de complementos) e non salariais (permisos, licencias, indemnización de 45 días por ano de servicio no caso de despedimento disciplinario declarado improcedente, etc.).

d) Transformación de contratos temporais en indefinidos.

Durante a vixencia do presente convenio, nos termos e supostos comprendidos, no artigo 2º, as empresas poderán transformar en indefinidos os contratos temporais, calquera que sexa a data en que foron concertados, ó abeiro e co alcance establecido na disposición adicional primeira da Lei 63/1997.

Artigo 30º.-Mobilidade xeográfica.

a) Desprazamentos: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a centros de traballo distintos a aqueles en que presten os seus servicios fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

b) Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo do novo destino diste máis de 40 quilómetros do seu centro ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos previstos na lei, establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

-Se, por traslado, un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se fora traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslado darán lugar á remuneración polo traballador trasladado dos seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador e familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa e enxoval do seu fogar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, en único pagamento.

-Compensación durante 12 meses da diferencia de custo de vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

-Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato, percibindo unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano, e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 31º.-Cláusula de descolguamento salarial.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio serán de aplicación para tódalas empresas afectadas polo ámbito funcional.

Para as empresas que pretendan acollerse á cláusula regulada no presente artigo establécense os seguintes mecanismos:

1.1. Negociación coa representación legal dos traballadores e en comisión paritaria do convenio.

2.1. Mecanismo do AGA.

A tódolos mecanismos citados anteriormente achegarase a seguinte documentación:

-Acreditación por medio da contabilidade oficial dos resultados dos tres últimos exercicios nos que se demostra que durante eles se producen perdas reais.

-Plan de viabilidade para o período para o que se pretende a aplicación de a dita cláusula de exención e a xustificación económica e a súa repercusión real na mellora global dos resultados da empresa.

-Os representantes legais dos traballadores, así como os seus asesores, están obrigados a tratar e a manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tiveran acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando, por conseguinte, respecto de todo isto, sixilo profesional.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cláusula de acollida ó AGA

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia del, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas. Igualmente acordan asumir, respecto a conflictos individuais, o AGA II a partir do seu asinamento.

Segunda.-Cando se realicen cursos de formación profesional continua, e voluntariamente os realicen traballadores, logo da autorización da empresa, o tempo empregado na duración deles será repartido ó 50 por cento en horas de traballo e o outro 50 por cento en horas de descanso do traballador.

Terceira.-O réxime disciplinario que hai que aplicar é o contido no anexo II.

Disposición derradeira

Conscientes da necesidade de adecua-la regulación convencional sectorial a un marco autonómico, dada a circunstancia, de estar residenciadas a maior parte das competencias en materia de transporte na Xunta de Galicia, ámbalas partes comprométense a propiciar, a través das súas respectivas organizacións a nivel autonómico, a negociación o vindeiro ano dun convenio colectivo nacional galego para o sector, co rango de convenio estatutario e con prioridade á negociación dun novo convenio de ámbito provincial. As dificultades que se poidan producir tanto na constitución da correspondente relación xurídica previa como na constitución formal da mesa serán resoltas polas partes, de ser preciso, ó amparo do AGA.

ANEXO I

Táboas salariais

Retribucións para 1998

CategoríaDiariaMensualAnual

Xefe administración 1ª104.8781.632.373
Xefe administración 2ª97.0191.514.500
Vendedor de billetes88.2951.383.628
Factores88.2951.383.628
Xefe de tráfico de 1ª97.2481.517.934
Xefe de tráfico de 2ª93.9611.468.618
Xefe de tráfico de 3ª88.7921.391.094
Inspector3.0831.462.143
Conductor-perceptor3.0411.443.078
Conductor3.0181.432.383
Cobrador2.9481.400.762
Repartidor mozo2.9041.380.301
Conductor furgoneta2.9541.403.087
Xefe de servicios121.4161.880.443
Inspector principal112.3131.743.898
Enxeñeiros ou

licenciados

114.4131.775.402
Enxeñeiros técnicos-

auxiliar titulados

98.7171.539.963
Axudante técnico

sanitario

95.9461.498.404
Xefe de sección101.5811.582.918
Xefe de negociado98.2981.533.678
Oficial 1ª administrativo93.4101.460.355
Oficial 2ª administrativo90.6511.418.979
Auxiliar administrativo86.8941.362.611
Garda de noite2.9041.380.301
Garda de día2.8511.356.586
Limpador (salario hora)

326
Xefe de taller108.5991.688.189
Encargado95.9801.498.910
Xefe de equipo 3.085 1.463.073
Oficial 1ª taller3.0471.445.403
Oficial 2ª e 3ª taller2.9481.400.762
Engraxador e lavacoches2.9481.400.762
Mozo garaxe e taller2.9041.380.301

Réxime disciplinario

(Proposta)

Artigo 1º

Son faltas as accións ou omisións dos traballadores cometidas con ocasión do seu traballo, en conexión

con este ou derivadas del, que supoñan infracción das obrigas de todo tipo que ó traballador lle veñen impostas polo ordenamento xurídico por este convenio e polas demais normas e pactos, individuais ou colectivos, cualificándose en leves, graves ou moi graves.

Artigo 2º

Son faltas leves:

1. Tres faltas de puntualidade no traballo, sen a debida xustificación, cometidas no período dun mes.

2. Non notificar, con carácter previo á ausencia, por calquera medio, a imposibilidade de acudir ó traballo e a súa causa, podéndoo facer.

3. O abandono do traballo dentro da xornada, sen causa xustificada.

4. Neglixencias na conservación do material.

5. A non utilización do vestiario e equipo que fose facilitado pola empresa con instruccións de utilización (entendendo que as instruccións teñen que ser amplamente coñecidas polos traballadores ben porque fosen comunicadas por escrito ou porque estean publicitadas por algún medio pola empresa ou porque constitúan un costume da empresa).

6. Faltar ó traballo un día, sen causa xustificada, no período dun mes.

7. As faltas de respecto e consideración a quen traballa na empresa, ós usuarios e ó público.

Artigo 3º

Son faltas graves:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas durante o período dun mes.

2. Faltar dous días ó traballo, durante un mes, sen causa xustificada.

3. A desobediencia ás ordes e instruccións do empresario en calquera materia de traballo, incluído o control de asistencia, así como non lles dar cumprimento ós trámites administrativos que sexan presuposto ou consecuencia da actividade que ten que realiza-lo traballador.

4. A alegación de causas falsas para as licencias.

5. As imprudencias ou neglixencias en acto de servicio.

6. Realizar sen permiso traballos particulares durante a xornada, así como o emprego para usos propios do material da empresa.

7. O abuso de autoridade con ocasión do traballo, considerándose como tal a comisión dun feito arbitrario sempre que concorra infracción manifesta e deliberada dun precepto legal e prexuízo notorio para un inferior.

8. As expresadas nos números 2, 3, 4 e 7 do artigo 2º, sempre que:

A falta de notificación con carácter previo á ausencia (artigo 2º.2), o abandono do traballo dentro da xornada (artigo 2º.3), ou a falta ó traballo sen causa xustificada (artigo 2º.6), sexan motivo de atraso na

saída dos vehículos ou produzan trastorno no normal desenvolvemento da actividade; e que das neglixencias na conservación do material (artigo 2º.4) se deriven prexuízos para a empresa.

Artigo 4º

Son faltas moi graves:

1. As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou seis alternos nun período de seis meses.

2. A indisciplina ou desobediencia no traballo. Cualificarase en todo caso como falta moi grave cando implique quebrantamento de disciplina ou dela se derive prexuízo para a empresa ou para os compañeiros de traballo.

3. As ofensas verbais ou físicas ó empresario ou ás persoas que traballan na empresa ou ós familiares que convivan con eles.

4. A transgresión da boa fe contractual, así como o abuso de confianza no desempeño do traballo, considerándose como tales a fraude ou a deslealdade nas xestións encomendadas; o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera persoa, realizado dentro das dependencias ou vehículos desta ou en calquera lugar se é en acto de servicio; viola-lo segredo da correspondencia ou revelarlles a estraños datos que se coñezan por razón do traballo.

5. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercuten negativamente no traballo.

6. O abandono do traballo se fose causa de accidente.

7. A imprudencia ou neglixencia en acto de servicio se implicase risco de accidente ou perigo de avaría para a maquinaria, vehículo ou instalacións.

Artigo 5º

Non se considerará inxustificada a ausencia ó traballo por privación de liberdade do traballador, se este fose posteriormente absolto dos cargos que desen lugar á súa detención.

Artigo 6º

1. As sancións que poderá impo-la comisión de faltas disciplinarias serán as que seguen:

a) Por faltas leves: amoestación (por escrito); suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

c) Por faltas moi graves: suspensión de emprego e soldo de dezaseis a trinta días; despedimento.

2. As multas impostas por infraccións das disposicións de tráfico e seguridade vial (que non teñan nada que ver co estado do vehículo e que non veñan motivadas por imperativo do servicio) deberán ser satisfeitas polo que sexa responsable destas.

Artigo 7º

Os prazos de prescrición serán os que fixa o Estatuto dos traballadores para faltas leves, graves e moi graves.

Artigo 8º

Tódalas sancións terán que serlle notificadas por escrito ó traballador, dando un prazo de 2, 5 e 10 días para efectua-lo descargo, dependendo de que as faltas sexan leves, graves ou moi graves respectivamente.

Tódalas sancións graves e moi graves serán tamén notificadas ó mesmo tempo que ó interesado ó comité de empresa.

En tódalas notificacións de sanción terá que figurar a lenda: «esta sanción poderá ser obxecto de recurso perante a xurisdicción social no prazo de 20 días hábiles».

Se non se cumpren os requisitos deste artigo a sanción será nula.

Para os membros do comité será preceptiva a apertura dun expediente contradictorio no suposto de faltas graves e moi graves, no que serán escoitados, á parte do interesado, o comité de empresa ou delegados de persoal.

7402