Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Martes, 04 de agosto de 1998 Páx. 9.042

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 10 de xullo de 1998 pola que se establecen axudas para as industrias de elaboración de augardente acollidas á denominación específica Orujo de Galicia.

A elaboración de augardente en Galicia é unha actividade tradicional e de gran arraigo en determinadas zonas vitivinícolas ligada fundamentalmente a instalacións de tipo artesanal onde se dá prioridade á calidade do producto. Como recoñecemento da súa singularidade e para ampara-lo seu sistema tradicional de elaboración, estableceuse a denominación específica Orujo de Galicia, o regulamento da cal foi aprobado pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 16 de setembro de 1993 e ratificado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por Orde do 2 de novembro de 1994.

Con obxecto de facilita-la adaptación das instalacións ás normativas sanitarias, fiscais e ambientais vixentes, así como para potenciar, en xeral, a modernización do sector, considérase necesario establecer incentivos económicos para fomenta-los investimentos necesarios en cada caso.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer e regula-las axudas que concederá a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ós investimentos para a modernización e adaptación ás normativas vixentes das instalacións de elaboración de Orujo de Galicia.

Artigo 2º.-Investimentos subvencionables.

1) Considéranse subvencionables -con carácter xeral- os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación, modernización e adaptación ás normativas sanitarias, fiscais e ambientais, de instalacións destinadas á elaboración de productos acollidos á denominación específica Orujo de Galicia.

2) Non serán subvencionables, sen embargo, os seguintes conceptos:

- Adquisición de terreos.

- Adquisición de equipos de oficina e mobiliario (salvo equipos de informática con Software adecuado).

- Material amortizable nun ano.

- Vehículos de transporte externo. Poderase subvencionar a carrocería cando teña esixencias particulares.

- Maquinaria e equipamentos non de primeiro uso.

- O imposto do valor engadido e outros impostos recuperables polo beneficiario.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas sobre as que recaia a carga financeira dos investimentos. Os beneficiarios deberán acreditar que son titulares de instalacións acollidas á denominación Orujo de Galicia, cando presenten a solicitude de subvención, ou ben ó finalizaren os investimentos obxecto da axuda, e previamente ó seu cobramento.

Artigo 4º.-Contía e compatibilidade das axudas.

1) As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán alcanzar ata o 50% dos investimentos subvencionables.

2) O importe da axuda que se concederápor solicitante non superará en ningún caso os 16.000.000 de ptas.

3) Estas axudas son compatibles con calquera outra das administracións públicas, ata un límite do 75% de subvención neta equivalente, e sen que se supere en ningún caso a cifra de 16.000.000 de ptas.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1) As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse no modelo que figura no anexo A, xunto coa documentación adicional que se sinala, por duplicado e dentro do prazo máximo establecido. O lugar de presentación serán prioritariamente os servicios de industrialización agroalimentaria das delegacións provinciais correspondentes da consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2) Os investimentos para os que se solicita axuda non deben estar iniciados con anterioridade ó 1

de xaneiro de 1998, condición que se debe acreditar adecuadamente.

3) Para a selección dos proxectos que se aproben, así como para establece-las porcentaxes de axuda que se concedan, teranse en conta os seguintes criterios:

-Viabilidade técnica, económica e financeira.

-Beneficio ós productores de base.

-Actuacións conxuntas de empresas do sector.

-Distribución territorial das instalacións e ordenación do sector.

4) A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as peticións presentadas en función dos criterios sinalados no número anterior e as dispoñibilidades orzamentarias. Se non se notificase a resolución no prazo de 6 meses desde a presentación, entenderase desestimada a axuda solicitada.

5) A resolución da concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que considere oportunas para garanti-lo cumprimento dos obxectivos do proxecto.

6) Unha vez recibida a comunicación de concesión, o beneficiario deberá da-la súa conformidade expresa á resolución dictada no prazo máximo de 15 días desde a súa recepción.

Artigo 6º.-Pagamento das axudas.

As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente no servicio de industrias agroalimentarias da delegación provincial correspondente, acompañadas da documentación indicada no anexo B desta orde.

Artigo 7º.-Modificación de proxectos.

1) Calquera modificación dos investimentos aprobados que supoña un cambio de localización, actividade, obxectivos, prazo de execución ou variación significativa do orzamento, así como de calquera condición específica indicada na resolución, requirirá a autorización da consellería tras presenta-la correspondente solicitude xustificada.

2) Se houbese unha reducción dos investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

Artigo 8º.-Revogación de axudas.

1) As axudas poderán revogarse nos seguintes casos:

a) Por renuncia expresa do beneficiario á totalidade da axuda.

b) Por incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

c) Por non presentar nos prazos sinalados a documentación requirida.

d) Por calquera outra causa que modifique o proxecto inicial aprobado e non estea comunicada e aprobada pola consellería.

2) No caso de revogación da axuda, se o beneficiario tivese cobrado parte dela, deberá devolve-las cantidades percibidas, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar.

Artigo 9º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 10º.-Financiamento.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.04.713 A.771.0 (75.000.000 de ptas.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións que considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A oresente orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

Solicitude de axudas: documentación adicional (presentar por duplicado)

1. Estudio, anteproxecto ou proxecto que conteña a seguinte información:

1. Memoria.

1.0. Datos de identificación:

-Nome, NIF/CIF, enderezo, teléfono.

-Actividades económicas actuais. Centros de producción.

-Localización dos novos investimentos.

-Capital social. Relación de accionistas principais.

1.1. Breve descrición do obxecto do proxecto.

1.2. Situación actual:

-Descrición resumida de actividades desenvolvidas.

-Producción: descrición do proceso. Capacidade de producción. Tecnoloxía dispoñible. Volume e prezos de venda, tipos de productos e calendarios de producción.

-Comercialización: destino dos productos e principais canais de comercialización.

-Materias primas: principais tipos e procedencias. Consumos e prezos de compra. Relación cos productores.

-Inmobilizado material: terreos, edificacións, instalacións, maquinaria e outros.

-Persoal: relación dos traballadores existentes por categorías laborais.

-Balance e contas de resultados dos tres últimos anos.

1.3. Proxecto que se vai realizar e situación tralo investimento:

* Descrición do proceso productivo. Capacidade de producción.

* Tecnoloxía utilizada.

* Calendario e volume de produccións.

* Materias primas: principais tipos e procedencias.

* Consumo e prezos de compra.

* Réximes contractuais que se van aplicar e porcentaxe das subministracións a que afectará.

* Investimento: resume desagregado e cuantificado de investimentos en:

-Activos fixos: terreos, edificios e construccións, equipos e instalacións, maquinaria, elementos de

transporte mobiliario e utensilios, gastos amortizables e outros.

-Capital circulante: existencias de insumos, productos en curso e productos finais. Caixa e bancos. Provedores e clientes. Fondo de manobra.

* Financiamento dos activos fixos e do capital circulante. Recursos propios. Subvencións. Créditos e préstamos. Outras fontes de financiamento.

* Contas de explotación provisionais. Estimaranse as variacións previsibles como consecuencia dos investimentos, e respecto da situación actual nos seguintes aspectos:

-Venda: volume e estimación xustificada do prezo probable da venda.

-Custos: compras de materias primas.

Gastos variables: persoal, subministracións e servicios, portes, etc....

* Análise económica do proxecto: farase tendo en conta as variacións previsibles nas ventas, compras e resto dos custos, respecto da situación actual, así como os investimentos necesarios para levar a cabo o proxecto.

2. Xustificación dos investimentos.

Seguindo as seguintes consideracións:

-Obra civil: mediante orzamento desagregado por unidades de obra.

-Maquinaria e equipamentos: factura proforma ou similar.

3. Planos.

Polo menos os seguintes:

-Plano de situación e emprazamento.

-Plano xeral do conxunto de obras e instalacións, antes e despois do investimento.

-Plano de distribución da maquinaria e instalacións, antes e despois do investimento.

2. Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos investimentos.

3. Copia do certificado de inscrición no Rexistro de Industrias Agrarias, se procede, ou en caso contrario, copia da escritura de constitución inscrita no Rexistro Mercantil, se se trata de sociedades, ou fotocopia do DNI no caso de empresarios individuais.

4. Xustificante de non ter comezados os investimentos obxecto do proxecto con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1998.

5. No caso de cooperativas e SAT, copia dos estatutos e xustificación das achegas dos socios á entidade.

6. Calendario de execución dos investimentos, asinado polo solicitante.

ANEXO B

Tramitación do pagamento da subvención

Unha vez executados os investimentos segundo o proxecto aprobado, o beneficiario poderá solicita-lo pagamento parcial ou total da subvención concedida, para o que deberá presentar no Servicio de Industrialización e Calidade Agroalimentaria da delegación provincial correspondente a seguinte documentación:

1. Anexo B.1 cuberto axeitadamente, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, e das que se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo, dos que se entregará ademais unha fotocopia.

2. Anexo B.2 se procede, onde se indican as diferencias existentes entre os traballos previstos e os realizados.

3. Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos.

4. Acreditación formal actualizada de estar ó día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Economía e Facenda).

5. Acreditación de ter inscritos os investimentos efectuados no Rexistro de Industrias Agrarias, ou ben ter solicitada a inscrición previa se é un pagamento parcial, conforme o disposto no Real decreto 2685/1980 e disposicións complementarias.

6. Fotocopia do NIF e certificado bancario de existencia da conta bancaria onde se solicita que se ingrese a subvención, xunto coa ficha de domiciliación de pagamentos correspondente.

7. Para pagamentos finais, e se son novas instalacións, certificación das autoridades competentes de cumpri-las disposicións sanitarias e licencia de actividade do concello.

8. Acreditación de estar inscrita na D.E. Orujo de Galicia.

9. Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

6953