Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 30 de xullo de 1998 Páx. 8.755

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 13 de xullo de 1998 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas para a renovación e modernización da flota pesqueira.

A modificación da política comunitaria de estructuras pesqueiras, consumada pola publicación do Regulamento (CE) nº 2080/1993, que define as funcións específicas das intervencións comunitarias con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos, e que derroga a normativa anterior, motivou que como consecuencia se modificara a normativa da Xunta de Galicia nesa materia, para adaptala á nova realidade. Deste xeito promúlgase o Decreto 278/1994, do 8 de setembro, polo que se establece o programa de axudas coa finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos.

O Real decreto 789/1995, do 19 de maio, polo que se definen os criterios e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca, da acuicultura e da comercialización, a transformación e a promoción dos seus productos, coas súas modificacións, supón a norma básica do Estado que adapta a normativa comunitaria na materia ó noso ordenamento xurídico. Esta norma establece que a xestión das axudas que para a renovación e modernización da flota pesqueira se prevén nos orzamentos xerais do Estado e no Instrumento Financeiro de Ordenación da Pesca (IFOP) corresponderá ás comunidades autónomas. Dáselle contido desta forma ó reparto competencial previsto no Estatuto de autonomía de Galicia, e ademais propíciase unha notable simplificación administrativa, de modo que os beneficiarios terán que tramitar un único expediente de solicitude de axudas para cada proxecto mediante a Xunta de Galicia, obtendo deste xeito o financiamento con cargo ás tres administracións,

comunitaria, central e autonómica.

Por todo o expresado anteriormente, e tendo en conta que a disposición derradeira primeira do Decreto 278/1994 faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para a súa aplicación e desenvolvemento

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la concesión das axudas para a renovación e modernización da flota pesqueira, con cargo ós conceptos que en cada exercicio orzamentario se prevexan para este fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os previstos nos orzamentos xerais do Estado e no IFOP.

No exercicio de 1998 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.723.A.770.0, reestructuración e renovación da flota pesqueira, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e nos sucesivos exercicios con cargo ás partidas que determine o orzamento xeral correspondente.

De calquera xeito o gasto que se proxecta queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Artigo 2º.-Investimentos subvencionables.

Os investimentos subvencionables serán os previstas para ese fin no artigo 7, do Decreto 278/1994. En ningún caso serán subvencionables as obras dirixidas ó mantemento, conservación ou reparación das embarcacións, así como os gastos na adquisición de repostos, material funxible e equipos de segunda man.

Artigo 3º.-Valoración dos proxectos.

Na valoración dos proxectos teranse en conta os criterios recollidos no artigo 9 do Decreto 278/1994, e en particular, no que se refire ó punto 1 do mencionado artigo.

a) Os proxectos de construcción presentados por pescadores profesionais, de acordo co previsto nos artigos 12 e 13 do Real decreto 789/1995, do 19 de maio.

b) As construccións que se axusten ós proxectos do Plan PESGA.

Artigo 4º.-Autorizacións.

Para poder seren obxecto de axuda, os proxectos de nova construcción deberán contar coa autorización outorgada de acordo coas normas de ordenamento do sector, segundo o establecido no Real decreto 789/1995, do 19 de maio, e as súas modificacións, e demais normativa de aplicación.

A solicitude de axuda deberá ir acompañada da autorización de construcción ou do xustificante de tela en trámite.

O previsto no presente artigo producirá efecto tamén no caso de obras de modernización e reconversión de buques que requiran autorización administrativa de acordo coa normativa en vigor.

Artigo 5º.-Acta de non inicio.

Será condición indispensable para a concesión das axudas que antes do inicio dos traballos se producise a solicitude de axuda de acordo co estipulado na presente orde, e que os servicios periféricos da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura expedisen certificación que acredite que non se iniciou o investimento.

Non obstante, no caso de novas construccións, a dita certificación poderá ser substituída por unha declaración xurada do peticionario.

Naqueles expedientes de modernización que afecten as embarcacións pesqueiras que faenan habitualmente en mares afastados de Galicia e que non volvan durante longos períodos de tempo ó seu porto base, os interesados poderán solicitar ó director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados que os certificados de non inicio e fin de obra, ós que se refire o artigo 9, non sexan expedidos en portos de Galicia, o que poderá ser autorizado, se ben os ditos certificados deberán ser expedidos con intervención das autoridades consulares españolas na zona de actividad do buque.

Artigo 6º.-Contía máxima das axudas.

Os gastos subvencionables e a contía das axudas nas accións previstas na presente orde ateranse ós máximos establecidos nos artigos 11 e 12 do Decreto 278/1994, e nas súas modificacións.

Artigo 7º.- Tramitación.

As solicitudes formularanse en instancia dirixida ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo os modelos que figuren nos anexos I e II (novas construccións ou modernizacións respectivamente) desta orde, e presentaranse nas delegacións territoriais e/ou comarcais da consellería, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Coas solicitudes presentarase, en orixinal e catro copias, a seguinte documentación:

a) Para novas construccións:

1. Fotocopia compulsada do DNI e NIF do solicitante e, se é o caso, acreditación da súa representación e do DNI e tarxeta de identificación fiscal do beneficiario ou beneficiarios.

2. Proxecto de construcción realizado por un técnico competente incluíndo orzamento e cálculo do arqueo en GT e TRB.

3. Autorización de construcción ou xustificación de tela en trámite.

4. Memoria na que, ademais dos datos sinalados no artigo 8 do Decreto 278/1994, se fará consta-lo porto base, caladoiro, censo ou modalidade pesqueira prevista para a nova embarcación; estaleiro onde se fará a construcción; actividades pesqueiras do armador, detallando outras embarcacións pertencentes a el; baixas achegadas á nova construcción, o seu porto base e, se é o caso, os seus propietarios anteriores; xuntanse os formularios que serán facilitados nas delegacións periféricas desta consellería.

5. Declaración xurada doutras axudas concedidas, solicitadas ou que se vaian solicitar para o proxecto, considerando na súa totalidade e para obras ou adquisición de equipos incluídos nel.

6. No caso de se acolleren á prioridade do artigo 3 a) achegaranse as correspondentes certificacións da autoridade da Mariña, así como declaración xurada do solicitante ou solicitantes de non seren propietarios de ningunha outra embarcación.

7. As sociedades incluirán fotocopia compulsada da escritura de constitución.

8. Declaración responsable de non trasferi-la propiedade da embarcación nin cambia-lo seu porto base, nun prazo de cinco anos, salvo autorización expresa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura; e de non achega-lo buque como baixa nin percibir primas por paralización definitiva nun prazo de cinco anos desde a finalización das obras de modernización ou de dez desde a entrada en servicio da nova construcción, salvo que os armadores devolvan as axudas percibidas polos mencionados conceptos, calculada pro rata temporis no caso de modernización. Este compromiso formalizarase ante notario e achegarase xunto co escrito de aceptación da axuda.

9. Declaración responsable de estar ó día nas obrigas tributarias, sociais e fronte á Facenda da Comunidade Autónoma. Estes extremos acreditaranse mediante as correspondentes certificacións que se achegarán xunto coa documentación xustificativa do investimento, no momento de presenta-lo expediente de cobramento das axudas.

10. No caso de que sexan varios os propietarios da nova embarcación será necesario poder notarial a favor do peticionario cunha cláusula especial para solicitar este tipo de axudas; isto tamén é aplicable ás comunidades de bens e demais entidades sen personalidade xurídica.

11. No caso de investimentos que se vaian realizar en varios exercicios económicos indicarase a contía prevista para cada un deles segundo o modelo que figura no anexo III.

12. Certificación da entidade bancaria na que conste o código desta ou da sucursal e o número da conta corrente na que o beneficiario desexe que lle sexa transferido o importe da axuda. Esta certificación xuntarase á ficha de domiciliación bancaria, que se inclúe como anexo IV.

b) Para modernización e reconversión.

1. Memoria na que, ademais dos extremos sinalados no artigo 8 do Decreto 278/1994, se especifique o porto base, censo, modalidade, caladoiro e ano de construcción da embarcación, razoando a

necesidade das obras e xuntando o proxecto técnico e o orzamento ou as facturas no caso de adquisición de equipos, ademais dos formularios que serán facilitados nas delegacións periféricas da consellería.

2. Autorización administrativa para levar a cabo a transformación, se é o caso.

3. Certificación do Rexistro Mercantil que acredite a titularidade da embarcación ou copia compulsada dela.

Ademais incluirase a documentación sinalada para novas construccións nos seus puntos 1, 5, 7, 8, 9, 10, 11, e 12.

O importe dos investimentos expresarase sen incluí-lo imposto sobre o valor engadido (IVE) recuperable polos armadores.

Artigo 8º.-Aceptación da axuda.

Unha vez notificada, se é o caso, a resolución de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de quince días para remitirlle á delegación territorial ou comarcal correspondente, un escrito de aceptación dela e das condicións particulares que nelas se establezan. En caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 9º.-Pagamento da axuda.

O pagamento de axudas producirase, con carácter xeral, unha vez finalizada e xustificados os investimentos correspondentes ó exercicio económico de que se trate.

Con este fin, unha vez realizados os investimentos subvencionados, os beneficiarios porano en coñecemento da delegación territorial correspondente, solicitando a inspección das obras e achegando os documentos xustificativos establecidos no artigo 35.3º do Decreto 278/1994.

Con carácter xeral e salvo que a resolución individual de concesión das axudas estableza o contrario, a xustificación dos investimentos previstos para cada exercicio producirase antes do 15 de novembro do ano que se trate.

Artigo 10º.-Non modificabilidade.

Se os investimentos xustificados fosen inferiores ó investimento subvencionable, a axuda concedida reducirase proporcionalmente. O maior custo dos investimentos en ningún caso dará dereito a un aumento da contía da subvención.

Non serán subvencionables as obras non previstas no proxecto inicial. Calquera modificación requirirá a aprobación expresa por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Unha vez concedida a axuda, non poderá ser modificada a titularidade do proxecto.

Artigo 11º.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes será:

Desde o 1 de decembro do ano anterior ata o 1 de febreiro do ano correspondente, finalizando o 1 de febreiro de 1999 o prazo para a convocatoria do dito ano.

Non obstante, no caso de que as circunstancias obriguen un armador ou propietario dun buque de pesca a acomete-los investimentos con posterioridade á data límite de presentación de solicitudes sen que se producise solicitude de axuda dentro do prazo sinalado nos parágrafos anteriores, poderá excepcionalmente solicita-la axuda en cualquera momento do ano, e esta solicitude poderá ser obxecto de resolución dentro da convocatoria inmediatamente posterior.

Artigo 12º.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura poderá en calquera momento inspeccionar e controla-lo destino das axudas ás finalidades para as que se concederon. En consecuencia, poderán facerse visitas e inspeccións nos centros e servicios dos beneficiarios, incluso previamente á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente; así como solicitar en cualquera momento do proceso canta documentación considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto subvencionado.

Disposición adicional

As axudas a que fai referencia a presente convocatoria serán obxecto de resolución unha vez sexa emitido o informe preceptivo e favorable da Comisión das Comunidades Europeas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a normativa de igual ou inferior rango que se opoña ó preceptuado nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para que dicte as resolucións necesarias para o mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1998.

P.D. (17-12-1998, DOG nº 246 do 22-12-1997)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

5924