Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 30 de xullo de 1998 Páx. 8.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de xullo de 1998 pola que se autoriza a determinados IES a impartiren educación de persoas adultas e se trasladan as ensinanzas dos centros EPA a institutos de educación secundaria.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía de Galicia, e o Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación, recoñécenlle á Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria as competencias en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado.

No marco destas competencias, a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 52 prevé que as persoas adultas que queiran adquirir coñecementos equivalentes á educación básica contarán cunha oferta adaptada ás súas condicións e necesidades, co propósito de actualiza-la cualificación dos cidadáns, e que aquelas persoas que teñan o título de graduado escolar poidan acceder a programas ou a centros docentes que lles axuden a alcanza-la formación básica prevista na mencionada lei para a educación básica obrigatoria.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, establece no seu artigo 14 que os centros de educación e promoción de adultos deberán ser autorizados pola Administración da Comunidade Autónoma galega.

Por Orde do 14 de xullo de 1998, autorizouse a certos institutos de educación secundaria a impartiren ensinanzas de educación de adultos.

A oferta educativa de educación de adultos foi evolucionando durante os últimos anos adaptándose e dando resposta ás necesidades da poboación e mesmo buscando a colaboración con outras entidades cando a demanda así o requiría. Seguindo con esta liña evolutiva e co ánimo de achega-las ensinanzas de adultos alí onde se demandan e que estas se poidan ofertar nuns espacios axeitados, considerouse necesario traslada-las ensinanzas de educación de adultos que ata o de agora se viñan impartindo en centros específicos pouco adaptados para imparti-las novas ensinanzas. En definitiva trátase de mellora-la calidade das ensinanzas das persoas adultas ó mesmo tempo que se rendibilizan os recursos educativos existentes.

Na súa virtude, e no uso das competencias que ten atribuídas, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-lo traslado de ensinanzas dos centros de educación de adultos ós institutos de educación secundaria que se relacionan no anexo.

Segundo.-Os institutos de educación secundaria relacionados anteriormente quedan autorizados a imparti-los niveis I, II e III das ensinanzas conducentes á obtención do título de graduado en educación secundaria, así como a preparación para a obtención do título de graduado escolar ata a súa extinción no curso 2001/2002.

Terceiro.-O profesorado dos centros de educación de adultos trasladarase ós institutos de educación secundaria e impartirá as ensinanzas para as que estaba autorizado nos centros de procedencia e, así mesmo, impartirá os módulos un e dous de educación secundaria para adultos.

Cuarto.-Nos institutos de educación secundaria consideraranse instalacións comúns aquelas que se destinen a usos similares, en función do tempo de utilización de espacios respectivos previsto para cada unha das ensinanzas.

Quinto.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá dictar cantas resolucións e circulares considere oportunas, no ámbito das súas competencias, para o cumprimento e aplicación desta orde.

Sexto.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia da Coruña:

Centro EPA onde se impartían ensinanzas de adultos.IES onde se trasladan as ensinanzas do centro EPA

Pontes de García Rodríguez, As15021767 IES As Pontes, Pontes de García Rodríguez, As

Ribeira15014568 IES nº 1 de Ribeira, Santa Uxía de Ribeira,

Provincia de Lugo :

Centro EPA onde se impartían ensinanzas de adultos.IES onde se trasladan as ensinanzas do centro EPA

Burela27013958 IES Monte Castelo, Burela.

Monforte de Lemos27007259 IES Río Cabe, Monforte de Lemos.

Dámaso Alonso, Ribadeo27010933 IES nº 1 de Ribadeo, Ribadeo.

Viveiro27013636 IES María Sarmiento, Viveiro.

Provincia de Ourense:

Centro EPA onde se impartían ensinanzas de adultos.IES onde se trasladan as ensinanzas do centro EPA

Barco de Valdeorras, O32001725 IES nº 1 do Barco de Valdeorras, O Barco de Valdeorras.

O Carballiño 32015037 IES Manuel Chamoso Lamas, O Carballiño.

Verín32013582 IES García Barbón, Verín.

Xinzo de Limia32014801 IES nº 1 de Xinzo de Limia, Xinzo de Limia.

Provincia de Pontevedra:

Centro EPA onde se impartían ensinanzas de adultos.IES onde se trasladan as ensinanzas do centro EPA

Bueu36019463 IES Johan Carballeira, Bueu.

Guarda, A36019244 IES A Sangriña, A Guarda.

O Porriño36019529 IES Ribeira do Louro, O Porriño.

Vilagarcía de Arousa.36019669 IES Armando Cotarelo Valledor, Sobradelo, Vilagarcía de Arousa.

7272