Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 29 de xullo de 1998 Páx. 8.654

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 3 de xullo de 1998 pola que se convocan 20 bolsas de promoción exterior do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsa-lo desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, vén levando a cabo unha serie de accións tendentes a prestar apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior, tanto mediante a apertura e consolidación de novos mercados como mediante o seu establecemento no exterior. Para iso o Igape conta cunha importante presencia permanente en varios países ben mediante medios propios a través dos centros de promoción de negocio de Galicia ou ben a través de acordos de representación.

Esta presencia internacional refórzase a través do programa de bolsas de promoción exterior a través do que mozos titulados universitarios adquiren unha formación teórica e práctica no ámbito internacional á vez que desde os seus destinos prestan apoio ás empresas galegas na súa busca de novos mercados e ó establecemento de acordos con empresas estranxeiras.

A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.

Convócanse 20 bolsas de promoción exterior e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria, que se inclúe como anexo I á presente orde. O obxecto destas axudas diríxese a formar especialistas no ámbito internacional á vez que realizar traballos e estudios encamiñados á expansión exterior da empresa galega, tales como busca de oportunidades de negocio, investigación das posibilidades de cooperación internacional entre empresas galegas e estranxeiras e a detección de potenciais investidores estranxeiros cara a Galicia.

Artigo 2º.

O financiamento farase con cargo á partida 0440 71303 780 do orzamento do Igape para 1998.

Autorízase o Igape a ampliar ou abrir novas convocatorias, dándolle a oportuna publicidade en prensa

no caso que se esgotase a posibilidade de preselección por falta de candidatos adecuados, sempre e cando exista o oportuno crédito orzamentario.

Artigo 3º.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 4 meses desde a finalización do prazo de solicitude, cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

BASES DA CONVOCATORIA

1. Requisitos dos solicitantes.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

1.1. O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:

- Ter veciñanza administrativa en Galicia.

- Ser natural de Galicia.

- Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.

1.2. Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias (superior ou media) na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: arquitectura, enxeñería, química, bioloxía, física, dereito, ciencias económicas e empresariais, e técnicos de empresas e actividades turísticas.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non públicos deberán estar homologados polo Ministerio de Educación e Cultura español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

1.3. Dominio dun dos seguintes idiomas (falado ou escrito): alemán, chinés, francés, inglés, xaponés, portugués ou ruso.

Os candidatos poderán examinarse como máximo de dous dos idiomas anteriores, para o que deberán indica-lo primeiro e o segundo idioma obxecto do exame.

1.4. Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

1.5. Non desfrutar con anterioridade dunha bolsa do Igape.

1.6. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro.

2. Presentación de solicitudes.

2.1. As solicitudes, no modelo oficial que se publica como anexo II, deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo III e presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A) Santiago: rúa Frei Rosendo Salvado, 16, baixo. C.P. 15701.

B) Ferrol: Península da Cabana, s/n, C.P. 15590.

C) Vigo: rúa Príncipe, 43 - 2º E, C.P., 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá presentarse acompañada da traducción realizada por intérprete xurado.

En calquera momento, o Igape poderá pedirlle ó solicitante a información e a documentación complementarias que considere necesarias para a resolución do expediente.

2.2. O prazo de presentación de solicitudes establécese nun mes a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia da presente orde.

3. Duración.

A duración da bolsa establécese en seis meses, contados desde a data da sinatura do compromiso de aceptación desta, podendo ser prorrogada polo Igape, por períodos de seis meses, ata un máximo de 18 meses en consideración á programación de actividades do Igape e ós resultados acreditados polo bolseiro.

4. Contía.

Os bolsas estarán dotadas cunha cantidade que oscilará entre 1.600.000 e 3.000.000 de pesetas brutas ó semestre segundo o país de destino.

En caso de prórroga da bolsa, a dotación incrementarase proporcionalmente segundo a duración da prórroga.

Quedan englobadas dentro da dotación da bolsa os impostos de carácter persoal así como tódolos gastos en que teña que incorre-lo bolseiro para o seu desenvolvemento, e en concreto, os seguintes:

- A obtención e/ou renovación do visado ou permiso de residencia esixidos polas autoridades do país de destino.

- Gastos de desprazamento ó país ou á cidade a que sexa destinado e de estadía nel.

- A contratación dun seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa.

- Vacinas ou tratamentos preventivos necesarios para o país de destino.

- Os de traslado do bolseiro de cidade e/ou de país, temporal ou definitivamente durante o desfrute da bolsa, por causas alleas ó Igape.

- A obtención dun certificado médico oficial de boa saúde.

5. Libramento.

A dotación da bolsa aboarase ó bolseiro trimestralmente, segundo o seguinte detalle:

- O 60% da dotación a partir do momento da aceptación da bolsa e sinatura do correspondente compromiso de cumprimento das normas e obrigas que se establezan.

- O 30% da dotación ó inicio do segundo trimestre.

- O 10% restante unha vez finalizado o segundo trimestre.

A dotación correspondente á prórroga da bolsa que, se é o caso, se conceda aboarase segundo o detalle sinalado anteriormente.

6. Residencia, mobilidade xeográfica e dependencia funcional.

Durante a duración da bolsa o bolseiro terá a obriga de residir no país ou na cidade de destino que se lle asignase. Non obstante durante o prazo de desfrute da bolsa, en caso de concorrer causa xustificada, o bolseiro poderá ser trasladado de cidade e/ou do país de destino temporal ou definitivamente.

Para a realización do seu cometido o bolseiro dependerá en todo momento do Igape, estando sometido ás instruccións e criterios fixados ou transmitidos por este, ou os que, se é o caso, este organismo acorde coa institución ou empresa que o acolla.

7. Procedemento de selección.

7.1. Admisión ó proceso de selección.

Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado documentalmente o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape exporá nas súas dependencias unha lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando se é o caso, as causas de exclusión e abrirase un prazo de dez días hábiles para que os interesados poidan emenda-la súa solicitude, achegando se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Finalizado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes admitidas a selección.

7.2. Preselección segundo o expediente.

De entre os solicitantes admitidos, farase unha preselección eliminatoria de acordo coa nota media do expediente académico do título universitario, seleccionándose ata un máximo de tres candidatos por praza. Para estes efectos establécese o seguinte baremo de puntuacións:

Matrícula de honra: 10 puntos.

Sobresaliente: 9 puntos.

Notable: 8 puntos.

Aprobado: 6 puntos.

7.3. Probas de idiomas.

Os aspirantes preseleccionados segundo o disposto no punto anterior serán convocados a unha proba do idioma/s elixido/s entre os sinalados na base 1.3. As

probas constarán dunha parte escrita e outra oral.

7.4. Entrevista persoal.

Os aspirantes que superasen a proba do idioma elixido como primeiro idioma someteranse a unha entrevista persoal eliminatoria tendente a avalia-la adecuación do perfil do candidato ás funcións que van desempeñar durante o período de destrute da bolsa.

7.5. Selección definitiva.

De entre os candidatos que superasen a entrevista persoal seleccionaranse os 20 primeiros que obtivesen unha maior puntuación final. Esta obterase mediante a suma das puntuacións acadadas nas alíneas a e b seguintes:

a) O resultado de valorar conxuntamente as puntuacións que se acadasen no proceso selectivo (nunha escala de 1 a 10) ponderadas da seguinte maneira:

- O 20% da puntuación obtida na proba do primeiro idioma elixido.

- O 10% da puntuación obtida na proba do segundo idioma elixido.

- O 30% da puntuación do expediente académico.

- O 30% da puntuación obtida na entrevista persoal.

A suma total destas puntuacións será como máximo de 9 puntos.

b) Aqueles candidatos que acrediten unha experiencia laboral de polo menos 1 ano nunha empresa segundo o establecido no anexo III número 12 obterán un punto neste número.

Así mesmo establecerase unha lista de candidatos en reserva que estará integrada polos 10 candidatos seguintes que obtivesen maior puntuación e que será utilizada en caso de producirse algunha renuncia entre os candidatos seleccionados.

A lista de adjudicatarios, os seus correspondentes países de destino e dotación da bolsa así como os integrantes da lista de reserva farase pública mediante a súa exhibición nas dependencias do Igape.

8. Aceptación da bolsa.

O Igape notificará a cada adxudicatario a concesión da bolsa, quen no prazo de dez días hábiles desde a súa notificación deberá aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases e na resolución de concesión. Se no dito prazo non constase a súa aceptación expresa entenderase que renuncia ós seus dereitos, arquivándose o seu expediente sen máis trámite.

9. Obrigas dos bolseiros.

Sen prexuízo doutras obrigas conforme esta convocatoria e demais disposicións aplicables, os beneficiarios das bolsas quedarán suxeitos ás seguintes obrigas:

9.1. Incorporarse ó seu destino dentro do prazo fixado na resolución de concesión.

9.2. Participar nas actividades de formación teórica e práctica que o Igape organice para os bolseiros antes de ocupa-lo seu destino.

9.3. Cumpri-las instruccións fixadas ou que lle sexan transmitidas polo Igape para o desenvolvemento do obxecto da bolsa.

9.4. Cumpri-las normas de conducta da oficina ou entidade onde o bolseiro estea instalado.

9.5. Elaborar e presentarlle ó Igape os estudios, informes ou traballos prácticos que lle sexan encomendados durante a duración da bolsa e ó remate desta presentar unha memoria final sobre os traballos realizados.

9.6. Xestionar, tramitar e obte-los visados, permisos ou autorizacións esixidos polas autoridades do país ou cidade de destino e presentar unha copia no Igape antes de ocupa-lo seu destino.

9.7. Vacinarse e recibi-los tratamentos preventivos necesarios para o país ou cidade de destino.

9.8. Contratar un seguro de enfermidade e accidentes por unha duración equivalente á da bolsa e as súas posibles prórrogas e presentar unha copia no Igape antes de ocupa-lo seu destino.

10. Incumprimento.

Procederá a revogación da bolsa, o reintegro das cantidades anticipadas e os xuros de demora en caso de incumprimento polo beneficiario de calquera das bases de convocatoria ou dos compromisos contraídos na resolución de concesión e nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

En calquera momento o Igape poderá comprobar, mediante os mecanismos de inspección e de control que considere convenientes, as actividades dos beneficiarios relativas á bolsa concedida.

11. Incidencias.

Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape de acordo coa lista de reserva.

A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puideran xurdir na aplicación da presente convocatoria.

12. Propiedades dos traballos.

Coa aceptación da bolsa, tódolos dereitos de explotación dos estudios, informes e outros traballos que realice o bolseiro no desenvolvemento das prácticas realizadas, cédenselle ó Igape, que poderá facer uso deles e explotalos como crea conveniente directamente ou mediante a súa cesión a terceiros.

13. Natureza e incompatibilidade da bolsa.

A concesión ou desfrute destas bolsas non implica ningunha vinculación laboral entre o beneficiario e o Igape, nin supoñen ningún compromiso ou dereito de incorporación ó seu cadro de persoal, non representando en ningún caso, salvo mando expreso, a representación do Igape.

As bolsas outorgadas son incompatibles con calquera outra bolsa ou axuda de similares características.

6660