Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Mércores, 29 de xullo de 1998 Páx. 8.652

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 3 de xullo de 1998 pola que se regula o documento de rexistro para o transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos.

O Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, establece as normas que deberán aplicarse á calidade esixible tanto ás augas como á producción de moluscos bivalvos vivos. Para dar cumprimento a isto, a Comunidade Autónoma de Galicia declarou e clasificou, mediante a orde do 29 de xullo de 1993, as zona de produccción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños. A propia Orde estabecía un control continuo de tódolas zonas de producción da Comunidade Autónoma galega. O resultado do control fixo necesario proceder á actualización da relación e clasificación das zonas de producción pola Orde do 23 de febreiro de 1998 que declara e clasifica as zonas de producción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte, o Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á comercialización dos molusccos bivalvos vivos, establece a obriga de que cada lote de moluscos bivalvos vaia acompañado, desde o lugar de producción, e durante o seu transporte, dun documento de rexistro que permita a correcta identificación do producto. Así a Orde do 22 de febreiro de 1994, regula o documento de rexistro para o transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos.

Faise necesario, por tanto, regular e modifica-lo modelo oficial do documento rexistro recollido na Orde do 22 de febreiro de 1994, e recolle-la nova declaración e clasificación das zonas de producción.

Na súa virtude, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Apróbase o modelo oficial de documento de rexistro para o transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos que figura no anexo desta orde.

2. Este documento terá unha validez máxima de 5 días desde a súa data de expedición.

Artigo 2º

1. Os talonarios de documentos de rexistro estarán debidamente seriados e numerados, constando de orixinal e copia.

2. Unicamente terán validez aqueles talonarios que previamente fosen dilixenciados nas delegacións periféricas da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. nas delegacións periféricas da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura levarase un rexistro de tódolos talonarios dilixenciados. No dito rexistro reflectirase o nome do titular do talonario, así como a serie numérica que lle corresponda.

Artigo 3º

Os documentos de rexistro serán expedidos polas organizacións de productores, confradías, entidades asociativas do sector productor legalmente constituídas, entidades concesionarias das lonxas e, se é o caso, polos titulares de establecementos de cultivos mariños.

Artigo 4º

O transporte dos productos extraídos das zonas de producción, con destino ós centros de expedición, centros de depuración, establecementos de transformación e lugares de reinstalación, se é o caso, realizaranse agrupándoos en lotes individualizados para cada un dos puntos de destino onde foron dirixidos.

Artigo 5º

Cada lote deberá ir acompañado durante o seu transporte do documento de rexistro orixinal, debidamente cuberto, ademais dos documentos previstos no artigo 17 do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco.

A copia deberá permanecer nos arquivos da entidade concesionaria, e tanto orixinal como a copia deberán ser conservados un período mínimo de 2 anos.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 22 de febreiro de 1994 (DOG nº 77, do 22 de abril), pola que se regula o documento de rexistro para o transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para o desenvolvemento da presente orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 xullo de 1998.

P.P. (Orde 17-12-1997).

Juan José Álvarez Pérez

Secretario Xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Documento de rexistro para transporte e comercialización de moluscos bivalvos vivos.

Don/Dona..., en nome e representación da entidade..., con NIF/CIF...sita...

Declara baixo a súa responsabilidade que os datos contidos neste documento son certos.

Especie..., Kg...

Zona de producción (1)...

Clasificada segundo a Irde do 23-2-1998 como:

A...

B...

C...

Data de resolección.... de... de 199...

Establecemento de destino...sito...

Sinatura e selo da entidade responsable.

Asinado:...

Sinatura e selo da entidade de destino.

En ...,... de...199.

Asinado:...

(1) O máis detallado posible e facendo referencia ó apartado de límites (coordenadas) que aparecen no anexo I da Orde do 23-2-1998.

7211