Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 28 de xullo de 1998 Páx. 8.604

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 21 de xullo de 1998 que modifica a Orde do 25 de febreiro de 1997 pola que se desenvolve unha liña de axudas ó establecemento no estranxeiro da empresa galega.

Mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 25 de febreiro de 1997, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 51, do 14 de marzo de 1997, desenvólvese a normativa reguladora correspondente á liña de axudas ó establecemento da empresa galega no estranxeiro prevista no Decreto

da Xunta de Galicia 454/1996, do 26 de decembro, polo que se establece un réxime de axudas á expansión exterior da empresa galega, que recolle diversos programas de axuda.

A conveniencia de adaptar varios artigos da Orde do 25 de febreiro de 1997 co obxecto de incorporar determinadas modificacións procedementais no que se refire ós prazos de presentación de solicitudes, así como a inclusión dos gastos de publicidade como concepto subvencionable no programa de subvención a fondo perdido sobre os gastos de establecemento e posta en marcha de redes comerciais propias no estranxeiro e por último actualiza-los conceptos orzamentarios fixados nela, fai necesaria a modificación destes.

Por todo isto, en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 25 de febreiro de 1997, pola que se desenvolve unha liña de axudas ó establecemento da empresa galega no estranxeiro, nos seguintes apartados:

1. Os conceptos de gastos que figuran no artigo 3.1º substitúense polos seguintes:

«0443 71342 77000; 0443 71343 77001; 0443 71344 77001».

2. Substitúese o segundo e terceiro parágrafo do artigo 4.1º pola seguinte redacción:

«Para os efectos de aplicación dos límites establecidos neste apartado, terase en conta o tipo de cambio do ecu vixente o primeiro día hábil do mes en que se presenta a solicitude».

3. Modifícase o texto da letra f) do artigo 7.1º, que queda redactado da seguinte forma:

«f) Unicamente poderán considerarse subvencionables os investimentos en activos fixos ou en participacións financeiras adquiridas a terceiros que se realicen e paguen a partir da data de formalización do préstamo».

4. Insírese a continuación do primeiro parágrafo do artigo 8.2º.1, o seguinte concepto de gastos subvencionable:

«Gastos de publicidade: exclusivamente o custo das insercións publicitarias en medios do país de implantación cando se posúa marca propia rexistrada con efectos do dito país».

5. Dáselle nova redacción ó terceiro parágrafo do artigo 8.3º, que queda da seguinte forma:

«A subvención por empresa beneficiaria non poderá exceder de 16 millóns de pesetas/ano, limitación cuantitativa que será de aplicación respecto ó conxunto de solicitudes que, se é o caso, o beneficiario presentase durante un mesmo exercicio acollidas a este programa, e fosen resoltas favorablemente. Así mesmo a subvención por filial/sucursal

non poderá exceder de 16 millóns de pesetas/ano, rateándose á baixa este importe no caso de que os períodos subvencionables considerados sexan inferiores ó ano, o que poderá producirse cando a filial/sucursal se constitúa/cree despois do comezo do ano natural ou ben cando nese momento lle reste menos de 12 meses para finaliza-los 2 primeiros anos de funcionamento dela».

6. Modifícase o texto do primeiro parágrafo do artigo 8.4º, que queda redactado da seguinte forma:

«O prazo de presentación de solicitudes será o dos nove primeiros meses de cada ano natural».

7. Modifícase o texto do segundo guión do apartado 12) do artigo 8.4º, que queda redactado da seguinte forma:

«Identificación do plan de expansión internacional da empresa, que incluirá un estudio de viabilidade comercial específico para o mercado de implantación, información sobre o sector ó que pertence a empresa no dito mercado de acordo cos datos dispoñibles, oferta exportable, razóns que aconsellan a realización do proxecto, así como obxectivos para acadar e estratexias para desenvolver no mercado de implantación».

8. Modifícase o texto do primeiro parágrafo do artigo 8.7º, que pasa a te-la seguinte redacción:

«O aboamento da subvención será realizado polo Igape dunha soa vez, logo de solicitude de cobramento do beneficiario e xustificación das condicións da concesión da subvención. A solicitude de cobramento presentarase ante o Igape Dentro dos sete primeiros meses do ano natural seguinte ó período subvencionable a que se refire a resolución de concesión».

9. Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 9.3º, que queda redactado da seguinte forma:

«O prazo de presentación de solicitudes será o dos nove primeiros meses de cada ano natural».

10. Modifícase o modelo de instancia de solicitude que figura no anexo I, e substitúese pola que se incorpora a esta orde como anexo.

Disposición transitoria primeira

O establecido no apartado 3 do artigo único da presente orde terá efectos desde o 1 de xaneiro de 1998.

Disposición transitoria segunda

O prazo de presentación de solicitudes de axuda no ano 1998 estenderase ata o 30 de setembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

6761