Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 28 de xullo de 1998 Páx. 8.604

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 221/1998, do 10 de xullo, polo que se desafecta do dominio público o inmoble denominado O Regueiro, situado en Fiobre, termo municipal de Bergondo (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a titularidade dun predio dunha superficie aproximada de 30.000 m, situado no lugar de Fiobre, parroquia de San Vicente de Moruxo, termo municipal de Bergondo (A Coruña), en virtude do Real decreto 3356/1983, do 28 de decembro, sobre valoración definitiva, ampliación de medios adscritos ós servicios traspasados e adaptación dos transferidos en fase preautonómica á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE nº 23, do 27 de xaneiro de 1984).

Con data do 8 de abril de 1997 asinouse o protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais coa finalidade de fixa-lo calendario de actuacións necesarias para a construcción e dotación dun centro de recuperación de minusválidos físicos en Galicia.

Con data do 22 de abril de 1998, a Dirección Xeral de Servicios Sociais, dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, solicitou a tramitación do expediente de cesión gratuíta do predio denominado O Regueiro, situado no lugar de Fiobre, parroquia de San Vicente de Moruxo, termo municipal de Bergondo (A Coruña), a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social, para que o Instituto de Migracións e Servicios Sociais proceda á construcción do antedito centro de recuperación de minusválidos físicos.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que na actualidade ten adscrito o devandito inmoble, emitiu informe favorable sobre a súa desafectación do dominio público, para os efectos do disposto no artigo 24 de Decreto 50/1989,

do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio instruíu o correspondente expediente de desafectación ó abeiro do establecido nos artigos 10 da antedita Lei 3/1985 e 23 e seguintes do seu regulamento.

Por todo isto, unha vez acreditada a desaparición das causas xustificativas da afectación do inmoble, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Desaféctase do dominio público o inmoble denominado O Regueiro, situado no lugar de Fiobre, parroquia de San Vicente de Moruxo, termo municipal de Bergondo (A Coruña), cunha extensión superficial aproximada de trinta mil metros cadrados e que linda ó norte, ría de Betanzos; ó sur, parcela nº 150 do Catastro de Rústica de Juana Varela Cubeiro, ó leste, ría de Betanzos, e ó oeste, parcela nº 105 do Catastro de Rústica de Manuel Fernández Aldao, regueiro, parcela nº 114 do Catrastro de Rústica de María Franco Lorenzo e parcela nº 153 do Catastro de Rústica de herdeiros de Alfredo Romay Montoto. O dito predio está atravesado por unha pista que discorre desde Fiobre ata a praia, nas proximidades de punta Moruxo.

Artigo 2º.

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

7155