Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 24 de xullo de 1998 Páx. 8.379

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de xullo de 1998 pola que se ordena a publicación da convocatoria de provisión dos postos de traballo incluídos na oferta pública de persoal laboral.

Disposicións xerais.

1. De acordo co establecido no capítulo IV do III convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, convócase proceso de provisión para cubrir prazas vacantes reservadas a persoal laboral nas relacións de postos de traballo polo sistema de concurso de traslados.

1.1. As prazas vacantes convocadas así como os requisitos para o seu desempeño son as que figuran no anexo II da presente convocatoria.

Provisión definitiva.

Concurso de traslados.

2. Poderá participar no concurso o persoal laboral fixo da Xunta cun mínimo de dous anos de antigüidade na categoría desde a que concursen ou que transcorresen un mínimo de dous anos desde que os interesados accedesen á praza que veñan desempeñando con carácter definitivo. Para efectos de antigüidade teranse en conta os servicios recoñecidos polo órgano competente, na mesma categoría desde a que se concursa, conforme o disposto no artigo 27.b)1 do III convenio único.

2.1. Ademais poderán participa-los excedentes voluntarios que, tendo esgotado o prazo mínimo de excedencia, soliciten o reingreso antes de rematado o prazo de presentación de instancias.

2.2. Así mesmo, non será necesaria a antigüidade nin a permanencia continuada de dous anos no posto de traballo para os traballadores que se atopan na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na categoría desde a que concursan.

2.3. Os excedentes reincorporados provisionalmente deberán participar obrigatoriamente nesta fase solicitando tódalas vacantes correspondentes á súa categoría profesional; non lles será de aplicación o disposto no punto 2 relativo á permanencia. Se incumprisen esta obriga, serán declarados de oficio na situación de excedencia voluntaria.

3. Os aspirantes interesados en participar na presente convocatoria deberán posuí-los requisitos e categoría profesional, no seu grupo respectivo, requirida na relación de postos de traballo para desempeña-la vacante á que pretenden acceder, de acordo co que figura no anexo II.

3.1. As titulacións académicas que deben posuí-los aspirantes ós que se refire a disposición transitoria quinta do III convenio único serán as que figuran no anexo V. Para estes efectos terase en conta o acordado na sesión da comisión paritaria do 23-5-1995 (acta nº 5).

Solicitudes.

4. Quen desexe tomar parte na presente convocatoria deberá presenta-la súa solicitude, conforme o modelo que figura como anexo I dela, nos rexistros xerais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro), desde o mesmo día da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 10 de setembro de 1998.

4.1. Na citada instancia faranse constar, por orde de preferencia, as vacantes incluídas no anexo II sempre que, de acordo co disposto no punto 3, se reúnan os requisitos esixidos para o seu desempeño.

4.2. Así mesmo, o persoal que o desexe poderá solicita-los postos que resulten vacantes a consecuencia da resolución do presente concurso, especificando a súa preferencia, de acordo cos seguintes datos:

a) Categoría á que se opta (ter en conta o disposto no punto 3). Na instancia, modelo I, farase constar se se condiciona ou non a participación na fase de resultas a que a posible vacante adxudicable teña, como mínimo, a mesma xornada que a que vén desempeñando o adxudicatario.

b) Só se poderá solicitar unha localidade.

c) Centro de destino.

d) Consellería. Se non se opta por ningunha consellería concreta utilizarase a orde de prelación fixada na instancia.

4.3. Á instancia xuntaráselle a certificación á que se refire o anexo III, na que se farán consta-los méritos alegados polos interesados, debendo xuntar a dita certificación fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación, e que se presentarán compulsadas, significando que non se valorarán aqueles méritos que para a/s Comisión/s non estiveran suficientemente acreditados. Os requisitos e os méritos alegados deberán reunirse e computarse ata o último día do prazo para a presentación de instancias.

Na valoración dos servicios prestados terase en conta o acordo da comisión paritaria de data 16-6-1998 (acta 2/98) sobre categorías análogas ou similares.

4.4. As certificacións serán expedidas, nos servicios centrais, polo secretario xeral, director xeral, subdirector xeral competente en materia de persoal ou xefe do servicio de persoal da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos, e nas delegacións territoriais, polo secretario xeral ou polo funcionario encargado da xestión de persoal con categoría non inferior a xefe de sección da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

4.5. Unha vez publicadas as listaxes de admitidos e excluídos, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o peticionario e os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que se obtivese outro destino mediante convocatoria pública antes de finaliza-lo prazo de toma de posesión.

Baremo de méritos.

5. A resolución do presente concurso farase mediante a aplicación ós aspirantes do baremo de méritos que figura como anexo IV á presente convocatoria.

5.1. A orde de prelación dos aspirantes para ocupar cada unha das vacantes solicitadas virá dada pola aplicación dos méritos alegados e certificados do baremo a que se refire o punto 5.

5.2. Sen prexuízo do anterior, terán preferencia para ocupa-las vacantes adecuadas á súa categoría os traballadores que se atopen na situación de traslado forzoso, de acordo co disposto no artigo 7.2º.a).7 do III convenio único, así como os adscritos temporais polo procedemento regulado no artigo 7.4º.c) do III convenio único.

Comisións de valoración.

6. Para a resolución do presente concurso, o conselleiro da Presidencia e Administración Pública nomeará as comisións de valoración que considere necesarias.

6.1. A composición da/s comisión/s de valoración será como segue:

-Un presidente, que será o director xeral da Función Pública ou persoa en quen delegue.

-Un secretario, con voz e sen voto.

-Tres vocais, en representación da Administración.

-Dous representantes dos traballadores, a proposta das organizacións sindicais presentes no Comité Intercentros.

Os acordos da/s comisión/s adoptaranse por maioría dos seus membros.

6.2. Os membros da/s comisión/s de valoración deberán absterse de participar cando concorra neles algunha das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, poderán ser recusados polas mesmas razóns.

6.3. Co fin de acada-la necesaria coordinación entre as comisións de valoración, no suposto de existir máis dunha, todas actuarán baixo a dirección da nº 1, que resolverá cantas consultas, interpretacións e criterios de valoración e unificación poidan ser formuladas e solicitadas polas restantes comisións sobre a interpretación das bases da presente convocatoria así como sobre a aplicación do baremo, e eleva-la proposta para a adxudicación da totalidade das prazas.

6.4. Estas comisións terán a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Resolución.

7. O director xeral da Función Pública, á vista da proposta feita pola comisión de valoración nº 1, dictará resolución, que se publicará no DOG, e nela figurará a relación provisional de excluídos e anunciarase a exposición nos taboleiros de anuncios dos centros ós que se refire o punto 4, das listas de admitidos e da puntuación provisional acadada para cada unha das vacantes solicitadas.

7.1. Os aspirantes excluídos así como os admitidos que non estean de acordo coa puntuación provisional, disporán dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para emendaren, no seu caso, os defectos que motivaron a súa exclusión ou para alega-la disconformidade coa puntuación provisional así como as razón desta.

7.2. Rematado o proceso de valoración, o director xeral da Función Pública, por proposta da comisión de valoración nº 1, dictará resolución, que se publicará no DOG, na que se lles adxudicarán as correspondentes vacantes ós aspirantes que obtivesen a

maior puntuación. De producirse empate na puntuación resolverase en primeiro lugar a favor do aspirante que teña maior antigüidade na categoría na Xunta de Galicia, en segundo lugar a favor do que teña maior antigüidade na Xunta de Galicia e, no caso de persisti-lo empate, resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, polo segundo, a partir da letra resultante no sorteo que tivo lugar o día 24 de marzo de 1998 (DOG nº 62 do 2 de abril de 1998).

7.3. Contra a resolución dictada poderase interpor recurso nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

7.4. Os destinos adxudicados serán irrenunciables, salvo que con anterioridade á finalización do prazo de toma de posesión se obtivese outro destino mediante convocatoria pública. Neste suposto deberase optar por un dos dous postos e comunica-la opción efectuada nos tres días seguintes á Dirección Xeral da Función Pública.

7.5. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios; en consecuencia non xerarán dereito a indemnización.

Incorporación ó posto de traballo.

8. Os aspirantes que obteñan algunha das vacantes solicitadas deberán cesar no seu posto de traballo no prazo de tres días, contados desde o día seguinte ó da publicación da resolución. O prazo para tomar posesión do novo posto de traballo será de tres días se o destino do novo posto radica na mesma localidade da residencia habitual do concursante ou dun mes se radica en localidade distinta. Se na data de cesamento ou de inicio do cómputo do prazo de toma de posesión o persoal está a gozar dun período de licencia, vacación, permiso ou incapacidade temporal, o cómputo dos mesmos comezará o día seguinte ó da reincorporación ó posto de traballo.

8.1. Non obstante, no suposto de que a praza de destino se atopara ocupada por un contratado laboral temporal con contrato que non exceda dos seis meses, a Administración poderá prorroga-lo cesamento do adxudicatario daquela no seu posto de procedencia en tanto non remate o contrato temporal referido.

8.2. Asi mesmo, no suposto de que a vacante estea ocupada por un contratado laboral temporal, de conformidade co disposto no artigo 36.1º.b) do III convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, o cesamento e a toma de posesión do adxudicatario suspenderase ata que o substituto cumpra o período establecido no Real decreto 1194/1985.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

INSTRUCCIÓNS PARA CUBRI-LO ANEXO I

(1) Refírese ó grupo e categoría desde a que se concurse.

(2) Estas situacións acreditaranse mediante a correspondente documentación xustificativa.

(3) Indica-la data do inicio do desfrute da excedencia.

(4) O número do posto é o que figura na columna terceira (nº posto) do anexo II.

(5) Para a participación nas resultas terase en conta o disposto na base 3 da convocatoria.

ANEXO IV

BAREMO DE MÉRITOS

I) Antigüidade.

I.1. Antigüidade na mesma, análoga ou similar categoría profesional na Xunta de Galicia: 0,20 puntos/mes.

I.2. Antigüidade na mesma, análoga ou similar categoría profesional noutras administracións públicas: 0,15 puntos/mes.

I.3. Antigüidade noutras categorías na Xunta de Galicia: 0,10 puntos/mes.

I.4. Antigüidade noutras categorías noutras administracións públicas: 0,05 puntos/mes.

II) Desempeño profesional.

Por cada mes de servicios prestados no último posto que se vén desempeñando con carácter definitivo ou por reingreso provisional: 0,25 puntos/mes.

III) Cursos de galego.

III.1. De iniciación: 1,50 puntos.

III.2. De perfeccionamento: 2,50 puntos.

Só se valorará o curso superior superior se se alega máis dun.

IV) Circunstancias de saúde (acreditados polo médico de cabeceira do enfermo).

Dos traballadores, cónxuxe, convivente ou familiares do 1º grao de consanguinidade ou afinidade, que sexan motivo de traslado, apreciadas polo tribunal co asesoramento médico que coide pertinente: 5,00 puntos.

V) Formación específica (1).

Cando no posto que se solicite se valore unha determinada formación específica na columna correspondente do anexo II, esta computarase do seguinte xeito:

a) Por cada curso relacionado coa categoría á que se opta e impartidos por organismos oficiais dependentes de calquera das administracións públicas, INAP e escolas oficiais das restantes comunidades autónomas, así como os recoñecidos ou homologados pola EGAP.

- De ata 25 horas: 0,02 puntos.- De 25 a 51 horas: 0,05 puntos.- De 51 a 100 horas: 0,15 puntos.- De 101 a 250 horas: 0,35 puntos.- De 251 a 499 horas: 0,75 puntos.- De 500 ou máis horas: 1 puntos.

Se non se acredita a duración entenderase de ata 25 horas.

b) Experiencia (agás a adquirida polo desempeño do posto mediante adscrición temporal regulada no artigo 7.4º a) do III convenio colectivo único: 0,20 puntos.

A puntuación máxima obtida polos apartados a) e b) será de: 3,50 puntos.

VI) Destino.

-Destino do/a traballador/a do concello da vacante: 3,00 puntos.

-Destino do/a traballador/a fóra da provincia da vacante: 5,00 puntos.

-Cando se ocupe un posto con xornada e salario inferior ó normal e se opte a un posto con xornada e salario completos: 2 puntos.

6581