Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 20 de xullo de 1998 Páx. 8.201

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Sogama, S.A., no concello de Cerceda (A Coruña). (Expediente 97/16).

Visto o escrito presentado con data do 16 de outubro de 1997 pola empresa Sogama, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Morzós 10 baixo, As Encrobas-San Román, 15187 Cerceda (A Coruña), no que solicita a autorización administrativa dunha planta de coxeración que se vai instalar no concello de Cerceda, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-Con data 24 de outubro de 1997, a planta de coxeración de enerxía eléctrica prevista pola empresa Sogama, S.A. foi incluída no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica con instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, dictada en desenvolvemento da Lei 82/1980 de 30 de decembro, sobre conservación de enerxía.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración prevista serán as seguintes:

-Catro motores ciclo Otto, alimentados por gas natural, de 5.590 kW cada un.

-Catro xeradores síncronos trifásicos de 6.744 kVS c/u; tensión de xeración 11 kV, cosº=0,85, potencia activa total 21.580 kw.

-Instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de A Coruña dictou Resolución do 23 de outubro de 1997 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 1-12-1997, no BOP da Coruña do 28-11-1997, no BOE do 8-12-1997 e no xornal El Ideal Gallego

do 20-12-1997 sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Carto.-O proxecto recibiu informe favorable pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de A Coruña e cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autorizarlle a instalación dunha planta de coxeración á empresa Sogama, S.A que se vai situar nas súas instalacións do termo municipal de Cerceda, na provincia da Coruña.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribir esta no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do Real decreto 2366/1994, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento de a dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa publicación.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

6454