Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 17 de xullo de 1998 Páx. 8.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 1998, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a publicación da sentencia da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída en autos número 4/98 sobre impugnación de convenio colectivo.

Vista a decisión da sentencia do 20 de abril de 1998 dictada pola Sala do Social do Tribunal Supe

rior de Xustiza de Galicia, recaída en autos número 4/98, seguidos por demanda formulada pola Federación de Comercio, Hostelería y Turismo de CC.OO. contra Fetese-UGT de Galicia, Asociación Empresarial Abiga e o Ministerio Fiscal sobre impugnación de convenio colectivo.

E tendo en consideración os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Que no Diario Oficial de Galicia, do 21 de xaneiro de 1998 se publicou a resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais do 2 de decembro de 1997 na que se ordenaba inscribir no Rexistro Xeral de Convenios Colectivos da Dirección Xeral de Relacións Laborais e publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio colectivo para as empresas organizadoras do xogo do bingo.

Segundo.-Que na tramitación do expediente se observaron tódalas previsións legais regulamentarias.

Ós anteriores feitos son de aplicación os seguintes,

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Que de conformidade co establecido no artigo 164.3º do Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, pola que se aproba o texto refundido da Lei de procedemento laboral, cando a sentencia sexa anulatoria, en todo ou en parte, do convenio colectivo impugnado e este fose publicado, tamén se publicará no boletín oficial no que aquel fose inserido.

Por todo canto antecede, esta dirección xeral acorda dispoñe-la publicación no Diario Oficial de Galicia da sentencia da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, recaída nos autos número 4/98, segundo o anexo adxunto.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1998.

María José Cimadevila Cea

Directora Xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Autos número 4/98.

Jesús Souto Prieto

Presidente

Antonio J. Outeiriño Fuente

José Manuel Mariño Cotelo

A Coruña, 20 de abril de 1998.

ANEXO

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, composta polos maxistrados citados á marxe e, en nome de El Rei, dictou a seguinte sentencia:

«Vistos os presentes autos sobre impugnación de convenio colectivo seguidos perante a sala do social co número 4/98, entre as partes, como demandante, a Federación de Comercio, Hostelería e Turismo de CC.OO., representada polo letrado Enrique Lillo

Pérez, e como demandados, a Fetesa-UGT de Galicia, representada polo letrado Pedro Blanco Lobeiro, a Asociación Empresarial Abiga, representada por el letrado José Freire Amador, e o Ministerio Fiscal, sendo maxistrado relator Antonio Jesús Outeiriño Fuente.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 3 de marzo de 1998 tivo entrada nesta sala do social a demanda presentada pola parte demandante, na que tras expoñe-los feitos e fundamentos de dereito que considerou pertinentes, rematou suplicando que se dictase sentencia de conformidade co pedido nela.

Segundo.-Admitida a trámite a dita demanda, sinalouse para o acto de xuízo o día 16 de abril pasado, no cal as partes demandadas se opuxeron á pretensión interposta e, trala práctica da proba proposta e admitida, formularon as súas conclusións definitivas quedando os autos conclusos para sentencia.

Feitos que se declaran probados.

Primeiro.-Con data do 20 de xaneiro de 1998 publicouse no Boletín Oficial del Estado o convenio colectivo estatal de empresas organizadoras do xogo do bingo, que foi subscrito con data do 1 de outubro de 1997, dunha parte, pola Confederación Española del Juego (CEJ) en representación das empresas do sector, e doutra, polas centrais sindicais USO, CC.OO. e UGT en representación do colectivo laboral afectado. Por resolución da Dirección Xeral de Traballo do 23 de decembro de 1997, dispúxose a inscrición no rexistro e publicación do dito convenio, cunha vixencia pactada que se estableceu, para tódolos efectos, a partir do 1 de xaneiro de 1997, cunha duración de dous anos que rematará o 31 de decembro de 1998, e con prórroga de ano en ano por tácita reconducción ata que entre en vigor un novo convenio.

Segundo.-Con data do 21 de xaneiro de 1998 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) o convenio colectivo de ámbito interporvincial para as empresas organizadoras do xogo do bingo no ámbito territorial da Comunidade de Galicia, que foi subscrito con data do 31 de outubro de 1997, dunha parte, pola asociación empresarial Abiga, e doutra, pola central sindical UGT. Por resolución da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, do 2 de decembro de 1997, dispúxose o rexistro e publicación do referido convenio, con vixencia a partir do 1 de xaneiro de 1998, e rematando esta o 31 de decembro de 1998, prevéndose que, en todo caso, a súa denuncia non significará ningunha modificación do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución por outro novo nos termos que as partes establezan.

Terceiro.-Trala celebración do xuízo, en trámite de conclusións, a parte demandante solicitou que se declare a nulidade dos artigos 9, 10, 11, 12 e 38 do convenio galego, condenando ás demandadas

a estar e pasar por tal declaración de nulidade, por contravi-lo disposto no convenio colectivo estatal. Os textos de ámbolos pactos colectivos están incorporados ás actuacións.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A demanda interposto pola Federación de Comercio, Hostelería e Turismo de CC.OO. concrétase na petición de nulidade dos artigos 9, 10, 11, 12 e 38 do convenio colectivo de ámbito interprovincial para as empresas organizadoras do xogo do bingo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, con exclusión da pretensión complementaria inicialmente formulada, dado que no acto de xuízo a sala puxo de manifesto á parte demandante a existencia dunha acumulación indebida de pretensións prohibida polo artigo 27 LPL, ó se tratar da impugnación dun convenio colectivo, solicitando e requerindo da dita parte demandante a elección da acción que pretendía manter (Art. 28 da LPL), recaendo esta na petición de nulidade dos aludidos preceptos, á que, polo tanto, debe circunscribirse a resolución do presente conflicto.

Segundo.-Sentado o anterior, procede entrar no exame das excepcións invocadas pola defensa a demandada Fetese-UGT de Galicia, sendo a primeira delas a falta de litis consorcio pasibo necesario alegada sobre a base de non se ter traído ó proceso á central sindical USO, que aínda que non foi asinante do convenio impugnado, si o é do estatal e, polo tanto, tiña un interese directo na resolución da presente litis.

A alegada excepción non pode prosperar, pois de conformidade co artigo 163.2º da LPL, a lixitimación pasiva no proceso de impugnación de convenios colectivos corresponde a tódalas representacións integrantes da comisión negociadora do convenio impugnado, excepto aquelas, debe entenderse, que desconformes co convenio negociado se negasen a participar na súa sinatura, as cales poden, se é o caso, ostenta-la condición de demandantes. No presente caso, sendo o convenio galego o impugnado, a lexitimación pasiva correspóndelle a Fetese-UGT de Galicia e á Asociación Empresarial Abiga como integrantes non só da comisión negociadora, senón pola súa condición de asinantes do convenio a direferencia do sindicado CC.OO. que se ben formou parte da dita comisión negociadora non subcribiu o pacto colectivo que agora se impugna e si, en cambio, o convenio estatal. Non existe, pois, necesidade de demandar á central sindical USO que non formou parte da comisión negociadora do convenio galego, estando

correctamente constituída a relación xurídico-procesual.

Terceiro.-Idéntica sorte desestimatoria correrá a segunda das excepcións invocadas pola representación da demandada Fetesa-UGT de Galicia, consistente na falta de lexitimación activa do sindicato actor, por non consta-lo acordo de impugnación do convenio e por non acredita-la representatividade que di ostentar no sector. A razón do rexeitamento

de tal excepción fúndase, por un lado, no disposto nos artigos 24 e 28 da CE e, de maneira concreta, no artigo 163. 1º a) da LPL, cando establece que se a impugnación se fundamenta na ilegalidade do convenio, a lexitimación activa corresponde ós órganos de representación legal ou sindical dos traballadores, sindicatos e asociacións empresariais interesadas. Sendo así que o presente caso, non existe dúbida a propósito de que o sindicato demandante, como asinante do covenio estatal e non do autonómico, e en canto portador de intereses xerais dos traballadores, ten interese na declaración de nulidade que insta de determinados preceptos do convenio autonómico, ó considerar que contravén o pacto estatal.

Por outro lado, a representatividade no sector da parte demandada despréndese das propias actas de constitución das respectivas comisións negociadoras de ámbolos convenios, nas que se atribúe a CC.OO., na negociación do convenio estatal, unha representatividade do 40% (o mesmo que UGT), e no autonómico do 33,33%, o que supón o recoñecemento extraxudicial, por tódalas demais partes negociadoras, da súa condicións de sindicato máis representativo a nivel estatal como da Comunidade Autónoma de Galicia (Arts. 6 e 7 da LO 11/1985, do 2 de agosto, sobre liberdade sindical).

Cuarto.-Fracasa igualmente a terceira das excepcións presentadas polo sindicato demandado, relativa ó defectuoso esgotamento da vía previa por non ter acudido a parte demandante ó procedemento de medicación que regula o acordo sobre solución extraxudicial de conflictos laborais, ó que se remite o Art. 73 do convenio estatal, así com por ter prescindido do mecanismo da comisión paritaria prevista no dito convenio estatal.

A razón da desestimación da excepción está, á parte do disposto no Art. 64.1º da LPL para os procesos de impugnación de convenios colectivos, en que o convenio autonómico impugnado para nada recolle a adhesión das partes ó acordo sobre solución extraxudicial de conflictos laborais, e as funcións das comisións paritarias de ámbolos convenios -o estatal e autonómico son as previstas nos seus respectivos artigos 72 e 36, entre as que non se encontra ningunha relación co suposto de impugnación de convenios colectivos.

Quinto.-O rexeitamento das excepcións impón examinar a seguir a cuestión relativa á vixencia do convenio impugnado e, en concreto, se a dita vixencia pode cualificarse de anterior e posterior ó convenio estatal. Ó respecto, a sala considera que o convenio autonómico entrou en vigor con posterioridade ó estatal, pois a vixencia pactada deste último estableceuse, para tódolos efectos, a partir do 1 de xaneiro de 1997 (Art. 5 do pacto colectivo), cunha duración de dous anos que rematará o 31 de decembro de 1998, e con prórroga de ano en ano por tácita reconducción ata que entre en vigor un novo convenio.

Polo contrario, a vixencia pactada do convenio autonómico produciuse, segundo o seu artigo 6, a partir do 1 de xaneiro de 1998, con remate desta o 31 de decembro de 1998, prevéndose que, en todo caso, a súa denuncia no significará ningunha modificación do seu texto articulado que continuará vixente ata a súa substitución por outro novo nos termos que as partes establezan.

De conformidade, polo tanto, co disposto no artigo 90.4º do ET, que establece que o convenio entrará en vigor na data que acorden as partes, resulta que o convenio estatal -con carácter de norma propia dun convenio marco ó se ter pactado ó abeiro do Art. 83.2º do ET-, xa entrara en vigor con anterioridad ó 1 de xaneiro de 1998, data prevista para a vixencia do convenio autonómico que agora se impugna, pois os compoñentes da comisión negociadora de Galicia cando subscribiron os acordos do 31 de outubro de 1997, conviñeron na vixencia para o dito ano do texto do convenio autonómico anterior publicado no DOG do 26 de setembro de 1996, cunha actualización salarial para 1997, e, á vez, aprobaron o texto do novo convenio colectivo de empresas organizadoras do xogo do bingo que rexería a partir do 1 de xaneiro de 1998.

Por outro lado, se ben o inicio das negociacións dun e outro convenio se produciu o mesmo día (11 de abril de 1997), a sinatura polas partes tivo lugar, no estatal, o día 1 de outubro de 1997, e no autonómico impugnado o 31 de outubro do mesmo ano, sendo tamén anterior a publicación no BOE do convenio colectivo estatal, que tivo lugar o 20 de xaneiro de 1998, mentres que a do autonómico, no DOG foi un día despois, isto é, o 21 de xaneiro de 1998. Consecuentemente, esa publicación anterior permitiu o coñecemento do contido do convenio estatal, de tal xeito que se algunha colisión temporal de normas de produciu -o que no presente caso non se formulou- iso sería co convenio autonómico do 26 de setembro de 1996, pero non co posterior que agora se impugna, a vixencia temporal do cal se produciu despois da do estatal.

Sexto.-As anteriores consideracións levan a entrar no fondo do asunto e examinar se os artigos 9, 10 11, 12 e 38 do convenio galego, vixente para o ano 1998, son nulos por contravi-lo disposto no estatal.

Como xa se adiantou, o convenio colectivo estatal de empresas organizadoras do xogo do bingo pactouse ó abeiro do artigo 38.2º do ET, co obxecto de establecer para o ámbito da súa actuación -segundo expresa o artigo 1 unha estructura negocial racional e homoxénea, evitando os efectos da desarticulación e dispersión, acordando as partes que a estructura da negociación colectiva no sector do bingo quedase integrada preferentemente por esa unidade de negociación de ámbito estatal e de comunidade autónoma. O dito convenio ten, polo tanto,

neste punto, o carácter dunha norma propia dun convenio marco, que ten como función establece-la estructura da negociación colectiva e as regras que resolverán os conflictos de concorrencia entre convenios de distinto ámbito (STS 29-1-1997), establecendo para iso as seguintes:

1. Será unidade preferente de negociación a de ámbito estatal, polo que toda concorrencia conflictiva entre esta e a de ámbitos inferiores se resolverá con suxeición ó contido material acordado no convenio estatal.

2. Dada a natureza do presente convenios e o nivel xerárquico que as partes lle outorgan, a regulación material recollida nel ten o carácter de dereito mínimo indispoñible, e afectará os convenios do dito ámbito.

3. Establécese un reparto material entre as unidades de negociación referenciadas, que permita garanti-los necesarios elementos de homoxeneidade económica e social para todo o ámbito do Estado, así como un racional proceso de distribución e selección de materias en virtude do carácter de condicións propias da unidade negociadora que se trate.

Neste sentido, considéranse materias propias e exclusivas do ámbito estatal para o sector e, en consecuencia, reservadas a esta unidade de negociación as seguintes:

Contratación: modalidades contractuais. Período de proba. Clasificación profesional. Estructura salarial. Formación profesional. Mobilidade xeográfica. Traslado de centro. Réxime disciplinario.

4. En virtude do necesario competencial referenciado, as unidades de negociación de ámbito xeográfico e/ou provincial poderán desenvolver e mellorar todas aquelas materias reguladas no presente convenio estatal e non incluídas na relación de materia reservadas a este ámbito. Así mesmo, poderase negociar e desenvolver calquera materia non regulada ou non incluída no presente convenio.

5. De conformidade co artigo 83.2º do ET, as organizacións asinantes recoñecen o principio de complementariedade do convenio estatal respecto dos de Comunidade Autónoma e/ou provinciais.

Sétimo.-A aplicación destas regras de concorrencia determinan que a demanda deba ser estimada no que se refire á pretensión de nulidade dos artigos 9, 11, 12 e 38 do convenio autonómico, pois tales preceptos, que se refiren ás modalidades de contratación, categorías profesionais, período de proba e réxime disciplinario, regulan materias propias, exclusivas e reservadas á unidade de negociación do ámbito estatal do sector, e excluídas, polo tanto, das unidades de negociación de ámbito autonómico e/ou provincial.

Os aludidos preceptos, en consecuencia, deben reputarse nulos sen que poidan aceptarse as ale

gacións de oposición realizadas polas demandadas a propósito da obrigatoridade de determinados cadros de traballadores fixos (Arts. 8 e 9 do convenio autonómico e 9 e 10 do estatal), por tratarse -ó seu xuízo- dunha cuestión susceptible de ser desenvolvida e mellorada nas unidades de negociación de ámbito autonómico, xa que sexa esixencia mínima de determinados traballadores fixos do cadro (que vén imposta no Art. 10 do convenio estatal) se configura como un requisito establecido para a utilización das distintas modalidades de contratación e, por conseguinte, forma parte desta materia reservada á regulación de ámbito estatal, que é, ademais, unidade preferente de negociación, pois toda concorrencia conflictiva entre esta e a de ámbitos inferiores debe resolverse con suxeición ó contido material acordado polo convenio estatal (regra 1 do Art. 1 do convenio estatal antes citada). Por outra parte, a invocación realizada polas demandadas respecto á vixencia e obrigatoriedade do

Regulamento do xogo de bingo en Galicia aprobada polo Decreto 273/1986, do 31 de xullo (o que se remite o convenio autonómico) e a súa posible colisión co convenio estatal no é tal, pois o dito regulamento administrativo limítase a clasifica-las salas en función da súa capacidade para albergar xogadores (Art. 15) e sinala-lo persoal contratado mínimo que debe haber nelas, pero sen mencionar para nada o tipo de contrato que poida ligalo coas correspondentes empresas de xogo.

Igualmente, fracasa a alegación realizada pola asociación empresarial Abiga a propósito da regulación que efectúa o Art. 11 do convenio galego no que se refire ás categorías profesionais, o que -ó seu xuízo- non constitúe materia innegociable no ámbito autonómico en virtude do disposto no Art. 84.2º do ET que só cita os grupos profesionais, pois neste caso non se está en presencia do suposto previsto no dito artigo, que se refire á concorrencia descentralizadora da estructura da negociación colectiva, senón do establecido no Art. 83.2 do mesmo estatuto, no que un convenio marco ou convenio colectivo de ámbito superior establece a estructura articulada da negociación colectiva, fixando os criterios para resolve-los conflictos de concorrencia, os mecanismos de complementariedade entre as distintas unidades e as materias negociables en ámbitos inferiores, entre elas, a relativa á clasificación profesional, sen que, ademais, o dito convenio estatal fose obxecto de impugnación.

Finalmente, as materias relativas ó período de proba e réxime disciplinario (Arts. 12 e 38 do convenio autonómico) está claramente reservada á unidade de negociación do ámbito estatal e, polo tanto, os aludidos preceptos, en canto indebidamente as regulan, comporten nulidade.

Oitavo.-Xuízo distinto merecen a impugnación do Art. 10 do convenio autonómico que o sindicato demandante considera contrario ó pacto estatal, en concreto, ós seus Arts. 1 e 11. A sala estima que

a regulación das empresas de traballo temporal que realiza o convenio impugnado non constitúe materia reservada ó ámbito exclusivo da negociación estatal (Art. 1), en canto que non pertence ás modalidades de contratación propiamente ditas, pois non se trata de disciplina-las condicións que deben reuni-los distintos tipos de contratos laborais que poidan celebrarse entre as empresas organizadoras de xogo do bingo e os seus traballadores, senón que se refire á utilización dos servicios de empresas de traballo temporal, a súa articulación das cales se produce a través dun contrato de natureza mercantil entre dúas empresas, neste caso, entre a organizadora do xogo e a de traballo temporal que verifica a posta a disposición do traballador e que continúa sendo a súa empregadora.

Por outra parte, rexeita a condicións de materia reservada ó ámbito negociador estatal, a regulación que fai o Art. 10 do convenio galego non pode entenderse contradictoria senón complementaria da estatal (Art. 11), en canto que recolle un aspecto que este non regula, en concreto, a limitación da contratación de traballadores a través de empresas de traballo temporal ata un máximo dun 10% do cadro de persoal de cada unha. Non cabe, por tanto, aprecia-la nulidade que se postula do precepto.

Decidimos que estimando en parte a demanda de impugnación de convenio colectivo interposta pola Federación de Comercio, Hostelaría e Turismo de CC.OO. contra os demandados Fetese-UGT de Galicia e a asociación empresarial Abiga, debemos declarar e declarámo-la nulidade dos artigos 9, 11, 12 e 38 do convenio colectivo de ámbito interprovincial para as empresas organizadoras do xogo do bingo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, publicado no Diario Oficial de Galicia do 21 de xaneiro de 1998. En consecuencia, condenamos ás ditas demandadas a estar e pasar por tal declaración de nulidade, absolvéndoas libremente do resto do pedido.

Comuníquese a presente sentencia á autoridade laboral e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 164 da Lei de procedemento laboral.

Notifíquese esta resolución ás partes e á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ós que se fará saber que contra ela só cabe recurso de casación que se preparará por comparecencia ou por escrito das partes ou do seu avogado ou representante perante esta sala do social, dentro dos dez días seguintes á notificación desta sentencia, de acordo co disposto nos artigos 203 e seguintes da Lei de procedemento laboral. E unha vez firme expídase certificación para constancia na peza que se arquivará neste tribunal, incorporándose o orixinal ó correspondente libro de sentencias.

Así por esta nosa sentencia, pronunciámolo, mandámolo e asinámolo.».

6377