Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 17 de xullo de 1998 Páx. 8.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 2 de xullo de 1998 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a realización e mellora de infraestructuras nos polígonos empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os polígonos empresariais e as infraestructuras de solo empresarial existentes en Galicia con anterioridade ó Plan de solo empresarial de Galicia do 14 de maio de 1991 e cun alto nivel de ocupación de empresas, teñen, como consecuencia dos anos transcorridos desde a súa creación, determinadas carencias infraestrucutais como pode ser en materia de novas tecnoloxías de comunicación, de adecuación daqueles ás esixencias de normativas actuais e de servicios comúns de carácter xeral que lles permita unha actualización permanente fronte ós seus competidores.

A necesidade de renovación destas infraestructuras, para evita-la súa obsolescencia, ou de creación por non estaren previstas na súa orixe, e co obxecto de motiva-lo esforzo común de renovación e actualización permanente, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Consellería de Industria e Comercio estima oportuno establecer medidas de apoio que permitan desenvolver proxectos investidores en materia de infraestructuras de instalacións e de servicios ás empresas.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a mellora dos servicios e o acondicionamento de infraestructuras existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas en polígonos empresariais teñan condicións máis competitivas para desenvolve-la súa actividade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos nos que se encontren situados os polígonos empresariais postos en servicio con anterioridade ó Plan de solo empresarial en Galicia do 14 de maio de 1991 e cun nivel de ocupación do 60% en número de parcelas e que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables a elaboración ou execución de estudios e proxectos de investimentos para a incorporación de novos servicios e a actualización e mellora dos existentes en materia de comunicacións, subministración eléctrica, iluminación, saneamento, vías, ou a dotación de infraestructuras para a prestación de servicios avanzados que poidan ser prestados con carácter horizontal e que supoñan unha mellora en materia de xestión, seguridade, formación, segundo o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía de axuda.

A contía máxima da subvención neta equivalente poderá acadar ata o 100% do custo de elaboración do estudio ou proxecto técnico e ata o 50% do investimento incentivable nas actuacións de execución, mellora ou acondicionamento, con cargo á aplicación 08.02.661-0.760.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 e, se fose o caso, nos de carácter plurianual, con cargo ás cantidades que proporcionalmente lle correspondan a cada un dos orzamentos respectivos, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral dos servicios centrais, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitudes de concesión de axudas.

As solicitudes axustaranse ó modelo que figura no anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos seguintes documentos:

-Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución.

-No caso de execución de obras, proxecto asinado por técnico facultado e visado polo colexio oficial correspondente.

-Informe urbanístico emitido polo Concello no que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia municipal.

-Titularidade das infraestructuras do proxecto.

-Copia cotexada da licencia fiscal CIF.

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para a mesma actuación en calquera outra institución, organismo ou Administración pública.

Artigo 7º.-Concesión de axuda.

Examinada a documentación e logo do correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Segundo artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desasistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1º.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución.

Artigo 8º.-Recoñecemento e pagamento da axuda concedida.

Para percibiren a subvención, os concellos beneficiarios deberán achega-la documentación acreditativa da realización das actuacións previstas, que motivaron a concesión da axuda, nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, de tres exemplares consistentes en:

-Solicitude de cobramento.

-Memoria na que se detallen os investimentos e gastos realizados ou o estudio ou proxecto técnico elaborado, que deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención.

-Xustificantes dos pagamentos realizados e certificacións por conceptos, e de fin de obra, visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director, no caso de que o investimento subvencionable sexa a realización de obras ou de instalacións.

-Certificación acreditativa de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais, da Administración central, e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

-Declaración doutras axudas solicitadas ou obtidas desde a data de solicitude desta axuda.

Os beneficiarios presentarán a devandita documentación acreditativa dos investimentos e gastos reali

zados antes do 1 de novembro da anualidade en curso.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio informen a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

Para o aboamento da subvención uniráselle á documentación xa sinalada unha certificación da conta bancaria onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

Artigo 9º.-Xustificación.

No caso de que o investimento ou actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida no artigo 4º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puidesen derivar.

Artigo 10º.-Incumprimento.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo da audiencia ó interesado á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 11º.-Renuncia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 12º.-Normativa xeral.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1998, do 8 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 1998.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

6439