Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 16 de xullo de 1998 Páx. 8.108

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 10 de xullo de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de xuño de 1998, relativo á extinción das cámaras agrarias locais de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito, adoptou, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, o acordo que a continuación se especifica, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia:

As bases do réxime xurídico das cámaras agrarias locais foron precisadas pola Lei estatal 23/1986, do 24 de decembro, e, en concreto, no seu artigo 6, que dictaminou a existencia dunha cámara agraria en cada provincia con ese ámbito territorial, emprazando, no artigo 7, as comunidades autónomas que tiveran atribuídas competencias na mesma materia para que, con cargo ós seus recursos propios, regulasen a creación, fusión e extinción de cámaras agrarias de distinto ámbito territorial, con respecto en todo caso ó establecido nesa lei e ó ámbito competencial das entidades locais.

Coñecido o criterio xurisprudencial do Tribunal Constitucional nesta materia (St. 132/1989, do 18 de xullo), o Parlamento de Galicia procedeu a adapta-la lexislación autónomica á lexislación estatal básica, promulgándose a Lei 2/1994, do 18 de xullo, de modificación da Lei 4/1984, do 4 de maio, de cámaras agrarias, que, entre outros, modificou o artigo 3º dando a seguinte redacción: «En cada unha das catro provincias da Comunidade Autónoma galega existirá unha cámara agraria con este ámbito territorial».

Este texto veu substituí-lo que establecía a Lei 4/1984, que rezaba literalmente así: «En cada provincia haberá unha cámara agraria provincial constituída por integración das cámaras agrarias locais nos termos derivados desta lei».

Posteriormente o Parlamento autorizou a Xunta de Galicia, na disposición derradeira terceira da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, para que, unha vez feitas efectivas as transferencias de persoal e medios subseguintes ó traspaso de funcións e servicios materializado polo Real decreto 2164/1994, do 4 de novembro (BOE nº 306, do 23 de decembro e DOG nº 246 da mesma data), acordase a extinción das cámaras agrarias locais.

Na súa virtude dictouse o Decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, polo que se establecía a liquidación e extinción das cámaras agrarias locais de Galicia, decreto que foi obxecto de recurso contencioso-administrativo.

Con data do 9 de agosto de 1995 (DOG do 25 de agosto) dictouse unha orde da Consellería de Agricultura pola que se ratificaba e aprobaba definitivamente a liquidación das cámaras agrarias locais e se declaraba a súa extinción.

Posteriormente, a Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, regulou o réxime patrimonial dos bens procedentes das cámaras agrarias (nos tres apartados da súa disposición adicional sétima fala de «extintas cámaras agrarias locais»).

Con data do 6 de novembro de 1997, a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictou a Sentencia 1290/1997, que, na parte dispositiva, di literalmente o seguinte: «Que debemos estimar e estimamos o recurso contencioso-administrativo interposto polo Sindicato Labrego Galego, Unión Sindical Agraria Galega e Unións Agrarias, contra o decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, polo que se establece a liquidación e extinción das cámaras agrarias locais de Galicia e, en consecuencia, debemos anular e anulámo-lo decreto impugnado polo defecto procedemental mencionado (omisión de dictame do órgano consultivo); sen facer imposición das custas».

En virtude do artigo 1.2º do Decreto 370/1992, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da Asesoría Xurídica Xeral, solicitouse informe co obxecto de que esta aportara o procedemento para dar cumprimento á Sentencia 1290/1997, e, ó mesmo tempo, se puidera executa-lo mandado da Lei 6/1994, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, que autorizaba á Xunta de Galicia para acorda-la extinción das cámaras agrarias locais.

Por iso, seguindo o informe emitido pola Asesoría Xurídica Xeral con data do 7 de maio de 1998, logo de audiencia ás organizacións profesionais agrarias máis representativas, adóptase, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, o seguinte

ACORDO:

Primeiro.-Poñer en coñecemento xeral a parte dispositiva da Sentencia 1290/1997, do 6 de novembro, dictada no proceso contencioso-administrativo número 02/0004539/1995, seguido por instancia do Sindicato Labrego Galego, Unión Sindical Agraria Galega e Unións Agrarias, do seguinte teor literal: «Que debemos estimar e estimámo-lo recurso contencioso-administrativo interposto polo Sindicato Labrego Galego, Unión Sindical Agraria Galega e Unións Agrarias, contra Decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, polo que se establece a liquidación e extinción das cámaras agrarias locais de Galicia e, en consecuencia, debemos anular e anulámo-lo decreto impugnado polo defecto procedimental mencionado; sen facer imposición das custas».

Segundo.-Declarar, en virtude do principio de seguridade xurídica, subsistentes os actos firmes dictados en aplicación do Decreto 8/1995, do 12 de xaneiro, polo que se establecía a liquidación e extinción das cámaras agrarias locais de Galicia, anulado pola devandita sentencia.

Terceiro.-Sufrindo a orde do 9 de agosto de 1995, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes vicio consistente en incompetencia do órgano que a adoptou -por corresponder a este consello, mediante o presente valídase a devandita Orde, declarando extinguidas as cámaras agrarias locais de Galicia, outorgando o presente acto eficacia retroactiva en aplicación do artigo 57.3º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-O presente acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia para os efectos do seu coñecemento xeral, dando conta ó Parlamento de todo o actuado no prazo dun mes».

Para dar cumprimento ó antedito acordo ordénase a súa publicación.

Contra este acordo, que é executivo, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, logo da correspondente comunicación á Consellería da Presidencia e Administración Pública establecida no artigo 110.3º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 1998.

Ángel Bernardo Tahoces

Secretario xeral da Consellería de Agricultura,

Gandería e Política Agroalimentaria

6309