Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 13 de xullo de 1998 Páx. 7.882

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 211/1998, do 25 de xuño, polo que se crea o complexo hospitalario de Ourense e se establece a súa estructura organizativa.

É competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñecida no artigo 27.1º do Estatuto de autonomía, a organización das súas institucións de autogoberno. Desta facultade deriva a correspondente capacidade de crear órganos e determina-las súas estructuras para facela viable.

Polo Real decreto 1995/1985, do 9 de outubro, foron traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios en materia de Sanidade (AISNA), que foron asumidos e asignados á Consellería de Sanidade en virtude do Decreto 240/1985, do 31 de outubro, figurando no inventario de bens inmobles o Hospital Psiquiátrico Dr. Cabaleiro Goás, en Toén (Ourense).

O Complexo Hospitalario Cristal-Piñor foi transferido á Comunidade Autónoma, xunto con outras funcións e servicios, do Instituto Nacional da Saúde, mediante o Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, traspaso asumido pola Xunta de Galicia mediante o Decreto 16/1991, do 11 de xaneiro, que adscribe as ditas funcións e servicios á Consellería de Sanidade.

O Hospital Santa María Nai de Ourense foi transferido á Comunidade Autónoma procedente da Deputación de Ourense, mediante o Decreto 22/1993, do 28 de xaneiro, xunto coa Escola Universitaria de Enfermería situada no citado centro.

Pola Orde do 28 de abril de 1995 creáse o Complexo Hospitalario Santa María Nai-Cabaleiro Goás de Ourense como estructura que agrupa os centros Hospital Santa María Nai e Hospital Psiquiátrico Cabaleiro Goás.

Durante o tempo transcorrido desde as transferencias foise producindo un proceso de homologación entre os diferentes centros que constitúen os respectivos complexos, e agora é o momento de dictar unha norma que regule a coordinación dos recursos de asistencia especializada sitos na área de Ourense.

Créase pois un complexo hospitalario que nace coa finalidade de organizar e coordina-los hospitais existentes desde a dobre óptica da flexibilidade e da integración na organización resultante: flexibilidade para garanti-la súa adaptabilidade ás necesidades de cada momento; integración para obte-lo máximo rendemento dos recursos, para o que é bo dispor de órganos comúns para todo o complexo hospitalario, sen menoscabo dos responsables máis inmediatos nos centros principiais.

A creación do complexo hospitalario de Ourense, con actividades asistenciais e investigadoras, garantirá a adopción de solucións eficaces sobre a variabilidade dos recursos humanos e materiais existentes na actualidade e no futuro.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, tralos informes dos conselleiros de Economía e Facenda e Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o complexo hospitalario de Ourense, integrado polos actuais Complexos Hospitalarios Santa María Nai-Dr. Cabaleiro Goás e Cristal-Piñor.

Artigo 2º.-Estructura directiva.

1. O complexo hospitalario estructúrase en órganos unipersoais e órganos colexiados.

2. Son órganos unipersoais o xerente xeral e, con dependencia xerárquica deste, os seguintes:

a) O director operativo, do que dependerán dous directores de centro e un director de enfermería.

b) O director de Recursos Humanos e de Relacións Laborais.

c) O director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

3. Son órganos colexiados do complexo os seguintes:

a) Como órgano colexiado de dirección, a Comisión de Dirección.

b) Como órgano consultivo e de asesoramento, a Comisión de Garantía de Calidade.

Artigo 3º.-O xerente xeral.

1. É o máximo responsable da asistencia especializada na área de Ourense.

2. Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A execución das directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

b) A representación do complexo hospitalario.

c) A proposta dos obxectivos do complexo hospitalario.

d) A proposta, definición e execución das estratexias do complexo hospitalario.

e) A programación, dirección e control da execución das actividades do complexo hospitalario a través dos seus medios materiais e persoais e a coordinación das súas unidades.

f) A proposta dos plans anuais asistenciais, económicos, docentes e investigadores do complexo hospitalario.

g) A proposta de nomeamentos e cesamento dos postos directivos do complexo hospitalario.

h) A proposta, de se-lo caso, dos incentivos do persoal, así como outras funcións que lle poidan ser delegadas polos órganos competentes.

Artigo 4.-Director operativo.

Exercerá as seguintes funcións:

a) A proposta de definición do catálogo asistencial.

b) A dirección e avaliación da actividade asistencial.

c) O desenvolvemento dos programas de calidade asistencial.

d) O fomento, coordinación e implantación dos sistemas de xestión departamental ou por áreas.

e) A coordinación coa atención primaria da área, así como coa especializada dos outros hospitais da provincia.

f) A coordinación e dirección de tódolos sistemas de información da actividade asistencial, así como a dirección sobre tódolos procesos inherentes ó ingreso e alta do paciente.

g) O deseño de estratexias, proxectos e modelos organizativos.

h) Supli-lo xerente xeral nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade así como no exercicio das funcións que aquel lle puidese delegar.

Artigo 5º.-Director de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

Desempeñará as seguintes funcións:

a) O desenvolvemento da política de persoal e das relacións laborais.

b) O deseño, dirección, avaliación e control dos plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

c) O deseño, implantación, dirección e control dos procesos de administración e xestión do persoal.

d) A avaliación, segundo os criterios establecidos polas direccións respectivas, dos rendementos e capacitación do persoal.

e) Aquelas outras que lle encomende o xerente xeral.

Artigo 6º.-Director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

a) A proposta, dirección, avaliación e control dos plans económicos.

b) A dirección económica e a proposta de pagamentos con cargo ós orzamentos dos centros de xestión que integran o complexo.

c) O deseño do orzamento dos departamentos e a elaboración do anteproxecto de orzamento dos centros que compoñan o complexo.

d) O deseño, implantación e dirección de tódolos sistemas de compras, subministracións e contratacións.

e) A asistencia técnico-administrativa ás demais direccións do complexo hospitalario.

f) A definición do catálogo de servicios non asistenciais.

g) A proposta e dirección da contratación de obras e servicios.

h) A coordinación e supervisión cos servicios externos.

i) O deseño, implantación, dirección e control dos sistemas de subministracións, alimentación, lavandería, limpeza e comunicacións.

j) Aquelas outras que lle encomende o xerente xeral.

Artigo 7º.-Directores de centro e director de enfermería.

1. O Director de centro exercerá a representación do centro ou centros que se lle asignen, así como a programación, control e avaliación da actividade asistencial destes.

2. Á dirección de enfermería corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A coordinación dos servicios adscritos á súa dirección, realizando o seguimento e avaliación do seu funcionamento e propondo, cando así o considere conveniente, as medidas oportunas tendentes a logra-la mellor prestación da asistencia por parte deles.

b) A promoción e impulso das actividades asistenciais, docentes e investigadoras, desenvolvidas polo persoal de enfermería, realizando o seguimento e avaliación permanente delas.

c) O exercicio de tódalas funcións e competencias que lle sexan expresamente delegadas ou encomendadas polo director operativo.

Artigo 8º.-Forma de provisión dos postos.

1. Os postos correspondentes ó xerente xeral, director operativo, director de Recursos Humanos e Relacións Laborais e director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. Os ditos postos proveranse a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral. Tamén se poderán prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no DOG, na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

2. Os directores de centro e de enfermería serán nomeados na forma prevista no parágrafo anterior, non esixíndose titulación superior universitaria.

Artigo 9º.-Subdirectores.

1. Os subdirectores serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do xerente xeral, a través do procedemento de libre designación.

2. A súa dependencia será dos directores correspondentes, e terán baixo a súa supervisión directa as xefaturas de servicio ou sección, ou postos de coordinación que se establezan.

3. Os subdirectores exercerán as funcións que expresamente lles deleguen ou encomenden os seus correspondentes directores ós que substituirán nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante. Nos supostos de que existan dous ou máis subdirectores dependentes do mesmo director, o xerente xeral designará o que, con carácter provisional, realice as funcións encomendadas a aquel.

De non se realiza-la designación, asumirá a dirección o subdirector de máis antigüidade no cargo.

Artigo 10º.-Comisión de Dirección.

A Comisión de Dirección é o órgano colexiado do complexo hospitalario, con funcións de análises e seguimento dos plans e actividades que nel se desenvolvan, e estará composta polos seguintes membros:

Presidente.-O xerente xeral.

Vocais.-O director operativo, o director de Recursos Humanos e de Relacións Laborais, o director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais, os directores de centro e o director de enfermería.

Artigo 11º.-Comisión de Garantía de Calidade.

A Comisión de Garantía de Calidade é un órgano consultivo e de asesoramento en materia de control

de calidade do complexo hospitalario. Os seus vocais serán nomeados polo xerente xeral e estará presidido polo director operativo.

Disposición transitoria

Mentres non se provexan tódolos postos previstos neste decreto, poderán permanece-los da actual estructura.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A estructura directiva regulada no presente decreto implantarase con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no orzamento de gastos dos centros de xestión afectados.

O Servicio Galego de Saúde propoñerá as modificacións orzamentarias ou dos cadros de persoal necesarias para a efectividade do previsto na presente disposición.

Segunda.-Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para concretar, por orde, a estructura do complexo hospitalario no nivel de subdireccións, así como para dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución da presente norma.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5765