Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 15 de maio de 1998 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís para o curso 1998/1999.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude desenvolve, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o programa Fomento da Actividade Xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as que se atopan as residencias xuvenís.

Como é habitual, as citadas instalacións póñense á disposición dos xoves estudiantes durante o curso académico, ofrecéndolles aloxamento e manutención, desenvolvéndose nelas unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das que se intenta fomenta-los valores sociais, culturais e deportivos dos xoves residentes e de calquera outros que puidesen beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan. Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la presente oferta de prazas para xoves estudiantes nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o curso académico 1998/1999, nos réximes de internado e media pensión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias para cada un dos réximes son as seguintes:

a) Réxime de internado.

CIDADERESIDENCIAPRAZASV/H

LugoEijo Garay100V

LugoIrmáns Pedrosa 80H

OurenseF.L. Cuevillas 56V/H

VigoAltamar 90V/H

b) Réxime de media pensión.

CIDADERESIDENCIAPRAZAS

VigoAltamar 50

Para os efectos do uso das instalacións, o curso académico 1998/1999 abarcará desde o 1 de outubro de 1998 ó 30 de xuño de 1999.

Artigo 2º.-Solicitude.

2.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso normalizado que figura no anexo I.

2.2. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Certificación académica na que figure a nota media das disciplinas correspondentes ó último curso. No caso de que fose COU, xuntarase certificación académica da selectividade.

-Fotocopia compulsada do DNI.

-Fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente para os alumnos que vaian cursa-lo primeiro ano de estudios universitarios de grao medio ou superior.

-Fotocopia das follas do libro de familia na que figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, se é o caso.

Fotocopia compulsada de tódalas follas que constitúen a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó ano 1997. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada achegarase fotocopia compulsada das follas de ambas.

No suposto de que a unidade familiar non estivese suxeita á obriga de declarar, presentarase unha declaración xurada sobre ese extremo, facendo constar, ademais, a renda anual da unidade familiar correspondente ó ano 1997, así como certificado de non ter presentada a declaración da renda correspondente a ese exercicio económico expedido pola Axencia Tributaria.

-Calquera outro xustificante que haxa que ter en conta nos criterios de selección para a súa posterior valoración pola comisión cualificadora.

2.3. No caso de seren admitidos, terán tamén que presenta-los seguintes documentos:

-Fotocopia da libreta da Seguridade Social, ou no seu defecto calquera outro documento de asistencia médica e de botica.

-Certificado de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de vacinacións.

-Dúas fotografías tamaño carné.

-Xustificante bancario de pagamento de dúas mensualidades (outubro/1998 e xuño/1999).

-Fotocopia compulsada do resgardo de matrícula correspondente ós estudios que vai cursar ou, no caso dos alumnos de 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel.

2.4. A solicitude, xunto coa restante documentación, deberán presentalas na Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.5. O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 7 de agosto do presente ano.

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os mozos e mozas estudiantes que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser español.

-Que non supere os 30 anos de idade antes da data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

-Que no concello onde se atopa a súa residencia familiar non haxa oferta pública do curso, nivel ou grao correspondente ós estudios que vai cursa-lo polo alumno solicitante.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas por orde de preferencia segundo os criterios básicos preferentes de selección que a continuación se establecen:

a) Aqueles que xa foron residentes no anterior curso, e cun comportamento e rendemento académico que os fagan merecentes.

A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación ó comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado na residencia respectiva. Este criterio tampouco se terá en conta no caso daqueles residentes que abandonasen a residencia xuvenil antes de remataren o curso académico.

b) Cursar estudios universitarios.

c) Rendemento académico.

d) Renda da unidade familiar. Terase en conta a relación de ingresos/nº de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos de ata 30 anos de idade, á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria.

e) Situación de familia numerosa.

f) Condición de orfo.

g) Que o cabeza de familia sexa inválido ou estea aqueixado de enfermidade permanente que o imposibilite para o traballo, e que a única fonte de ingresos sexa a pensión percibida pola dita invalidez, ou que estea en situación de paro, sen percepción do subsidio de desemprego.

h) Te-la súa residencia familiar en Galicia, ou ser fillo de emigrantes.

Artigo 5º.-Comisión cualificadora.

A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída polo xefe do servicio de xuventude que actuará como presidente, o xefe da sección de xuventude e o director/a da residencia xuvenil. Actuará como secretario un funcionario nomeado polo delegado provincial correspondente.

Artigo 6º.-Resolución da convocatoria.

Cada comisión cualificadora confeccionará un listado por orde de preferencia das solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevaralle proposta de resolución no prazo máximo de vinte días desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes ó delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego Muller e Xuventude, que será o que resolva.

Unha vez resolta a presente convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os respectivos servicios de xuventude das delegacións provinciais notificaranlles ós interesados a resolución de adxudicación. Así mesmo, as listas dos admitidos serán expostas nas residencias xuvenís, no rexistro xeral e nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na Dirección Xeral de Xuventude e no Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán de Santiago de Compostela.

No caso de non dictar resolución expresa nun prazo de 3 meses desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes, deberá entenderse desestimada a petición correspondente.

Os admitidos terán que presenta-la documentación referida no artigo 2.3º no Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde radique a residencia xuvenil correspondente, no prazo de 10 días contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia compulsada do resgardo de matrícula ou o certificado do xefe do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 1998. No caso de que o interesado

non poida presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ó centro no que vaia cursa-los seus estudios, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente; non obstante deberá presenta-la fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

En caso contrario decaerán no seu dereito, procedéndose a cubri-la vacante conforme ó listado confeccionado pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 7º.-Condicións económicas.

De acordo co estipulado no apartado D do anexo da Orde do 2 de xaneiro de 1998, pola que se fixan as tarifas e prezos en servicios de xuventude nas instalacións xuvenís para o ano 1998 (DOG nº 19, do 15 de xaneiro), as cotas que haxa que aboar por mes para cada unha das modalidades de residente serán:

Residentes internos: 35.500 ptas.

Medio pensionistas externos (xantar e merenda): 14.400 ptas.

A cota poderase aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos cinco primeiros días de cada trimestre ou mes, segundo a modalidade de pagamento escollida, durante a duración do curso, desde o 1 de outubro de 1998 ó 30 de xuño de 1999, non habendo descontos por vacacións, permisos, etc.

Unha vez comunicada a admisión farase unha entrega de dúas mensualidades en concepto de pagamento polo primeiro e o derradeiro mes do curso (outubro/1998 e xuño/1999). A renuncia voluntaria que se comunique despois do 15 de outubro dará lugar á perda da devandita cantidade entregada, e a que se comunique ata a dita data dará lugar á devolución da cantidade entregada excepto da parte proporcional a media mensualidade, debendo neste caso solicita-la devolución da cantidade correspondente no impreso que figura no anexo II desta orde.

Artigo 8º.-Servicios ofertados.

8.1. Ademais dos servicios de aloxamento e mantenza, no caso dos residentes internos, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

-Aula de estudio.

-Salas de xogos.

-TV e vídeo.

-Biblioteca.

-Actividades culturais e deportivas.

-Información ós pais que o pidan sobre o comportamento do seu fillo/a.

8.2. Os servicios dos mediopensionistas comprenderán o xantar e a merenda, ademais dos citados no punto anterior con carácter xeral.

8.3. A asistencia médica e de botica será por conta do residente, que deberá traer, o día da incorporación, a fotocopia da libreta da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro médico do que sexa beneficiario (Muface, Sanitas, Adeslas, etc.). Con todo, en cada residencia haberá un botiquín de primeiros auxilios.

8.4. Por descanso do persoal, as fins de semana e festivos non se prestarán servicios de comedor.

Artigo 9º.-Obrigas dos residentes.

Os residentes comprometeranse a respectar e cumpri-las normas de réxime interno da residencia xuvenil. O seu incumprimento será causa da perda da condición de residente, por resolución do delegado provincial, logo de informe do director da residencia. Non se permitirán en ningún caso conductas vexatorias entre os distintos residentes, en especial cos de novo ingreso.

Nos períodos vacacionais correspondentes ó Nadal e Semana Santa, os residentes deberán baleira-las habitacións se lles fose requirido pola dirección da residencia.

Os desperfectos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios serán de responsabilidade individual dos seus autores ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ó seu uso, tendo que aboa-lo seu custo.

Os adxudicatarios deberán incorporarse ás residencias xuvenís durante os cinco primeiros días do mes de outubro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada. No seu defecto entenderase que renuncia á praza adxudicada, perdendo os seus dereitos, e procederase a cubri-la vacante conforme o disposto no artigo 6 desta orde.

O estado de saúde do residente deberá en todo momento permiti-lo normal desenvolvemento da vida residencial, debendo, en caso contrario e por prescrición facultativa, abandona-la residencia ata a súa recuperación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

6484