Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Mércores, 08 de xullo de 1998 Páx. 7.699

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 204/1998, do 25 de xuño, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia do soar denominado Anexo Colexio Altamira de 3.500 m, situado no termo municipal de Salceda de Caselas (Pontevedra), para a construcción dun centro público de educación secundaria.

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas, reunido en sesión celebrada o 27 de febreiro de 1998 acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia, do solar denominado Anexo Colexio Altamira, de 3.500 m, situado en Salceda de Caselas (Pontevedra) para a construcción dun centro de ESO.

Conforme ós artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1 do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Salceda de Caselas acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta do soar de 3.500 m, denominado Anexo Colexio Altamira que linda: norte, Joaquín Méndez Alonso e Luis Cabaleiro Álvarez; sur, Antonio Piñeiro Alonso; leste, Colexio Público Altamira-Concello de Salceda; e oeste, Carmen Garrido Iglesias, Luis Cabaleiro Álvarez e outros.

O inmoble descrito atópase inscrito por título de agrupación no Rexistro da Propiedade de Tui no

tomo 911, folio 56, do libro 92, predio número 15.217, a favor do Concello de Salceda de Caselas.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro público de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Económia e Facenda

6445