Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 06 de xullo de 1998 Páx. 7.598

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 198/1998, do 25 de xuño, polo que se constitúe o Comité Galego de Xustiza Deportiva e se establece o procedemento de designación dos seus membros.

A Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia crea no seu título VII o Comité Galego de Xustiza Deportiva como vértice na estructura orgánica da xustiza deportiva na Comunidade Autónoma de Galicia. A dita lei regula basicamente as competencias e demais circunstancias da composición e da designación dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva e queda adiada a oportuna normativa de desenvolvemento a unha norma regulamentaria.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. O presente decreto ten por obxecto regula-lo Comité Galego de Xustiza Deportiva que decide en última instancia en vía administrativa as cuestións da súa competencia. As súas resolucións son directamente impugnables ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa.

2. O Comité Galego de Xustiza Deportiva é un órgano administrativo, adscrito organicamente á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que goza de independencia funcional no exercicio das súas competencias. Os seus membros non poderán ser suspendidos, separados ou sancionados, sen a instrucción previa do correspondente expediente polas causas ás que se refire o artigo 10 do presente decreto.

Artigo 2º

Correspóndelle ó Comité Galego de Xustiza Deportiva:

1. Coñecer e resolve-los recursos contra os actos e acordos que en materia disciplinaria dicten definitivamente os órganos competentes das federacións e demais asociacións deportivas.

2. Coñecer e resolve-las impugnacións dos actos e acordos dos órganos de goberno e representación das federacións e asociacións deportivas.

3. Coñecer e resolve-los recursos interpostos contra os actos e acordos das xuntas electorais das federacións e asociacións deportivas.

4. Resolver todas aquelas accións ou omisións que pola súa transcendencia na actividade deportiva lles

sexan cometidas pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 3º

O Comité Galego de Xustiza Deportiva estará integrado por 5 membros, todos eles licenciados en dereito.

O comité estará asistido dun secretario que terá a condición de funcionario que estará presente nas sesións, con voz pero sen voto, e levantará a correspondente acta.

Artigo 4º

1. Os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva serán designados da seguinte maneira:

-3 membros designados por proposta da Secretaría Xeral para o Deporte.

-2 membros elixidos polas federacións deportivas galegas.

2. Da mesma forma, cada un dos órganos e entidades citados designará o mesmo número de suplentes, tres e dous respectivamente, para cubri-los casos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa que lles impida o desempeño do cargo ós titulares.

Artigo 5º

1. Para poder ser membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva será necesario reuni-los siguientes requisitos:

a) Estar en posesión do título de licenciado en dereito.

b) Estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar incurso en sanción que inhabilite para o desempeño do cargo.

2. No caso de resultar elixido, non poderá realizar actividades incompatibles co exercicio do cargo.

Artigo 6º

A designación dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva polas federacións deportivas galegas realizarase en asemblea de todas elas convocadas para o efecto polo secretario xeral para o Deporte.

A convocatoria seralles notificada individualmente ós presidentes das federacións deportivas galegas, que deberán asistir persoalmente ou ser substituídos de conformidade cos seus estatutos, mediante certificación do secretario da federación na que constará a causa da substitución, a norma estatutaria que a autorice e o nome do substituto.

No lugar e hora sinalados na convocatoria, o representante da Secretaría Xeral para o Deporte declarará constituída a asemblea cando concorra en primeira convocatoria a maioría dos seus membros, ou en segunda, que terá lugar 30 minutos máis tarde, sexa cal sexa o número de asistentes. Procederase á constitución da mesa da asemblea que estará integrada polo presidente da federación de maior idade

entre os presentes, que actuará de presidente da asemblea, e polo de menor idade, que o fará de secretario, formando parte dela un representante da Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 7º

A designación dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva en representación das federacións deportivas galegas axustarase ó seguinte procedemento:

a) Aberta a asemblea polo presidente da mesa, este chamará a cada un dos presidentes das federacións convocadas, que lle entregarán ó presidente da mesa a proposta que conterá ata dous nomes das persoas que propoña cada federación para ocupa-los postos no Comité Galego de Xustiza Deportiva. A dita proposta deberá estar asinada polo presidente da federación e deberá conte-lo selo dela.

b) Acabada a entrega das propostas, o presidente da mesa declarará aberto o escrutinio e non se permitirá a entrega de máis propostas unha vez iniciado o cómputo das recibidas.

c) O secretario da mesa proclamará o resultado. Os dous candidatos que obtivesen máis votos serán os membos titulares e os dous que o sigan en número de votos serán os suplentes. En caso de empate resultará elixido o candidato proposto de maior idade; de non poder resolverse o empate por este procedemento efectuarase votación entre os afectados polo empate. Se se presentase algunha reclamación ou impugnación, tomará conta o secretario da asemblea, da federación que a presente, motivo e circunstancias dela, resolvendo no propio acto a mesa da asemblea sobre as reclamacións ou impugnacións presentadas, e proclamando o resultado definitivo. As propostas presentadas, as reclamacións ou impugnacións se as houbese, a certificación nos casos en que non participase o presidente da federación e a acta entregaranse ó secretario xeral para o Deporte para os efectos de nomeamento.

Artigo 8º

No prazo de sete días seguintes á elección, os candidatos electos deberán acredita-lo cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 5 do presente decreto mediante a presentación na Secretaría Xeral para o Deporte dos seguintes documentos:

a) Copia compulsada do título de licenciado en dereito.

b) Declaración xurada de estar en pleno uso dos dereitos civís e non estar incurso en sanción que inhabilite para o exercicio do cargo.

c) Aceptación do nomeamento.

Artigo 9º

1. Os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva serán nomeados polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, por proposta do secretario xeral para o Deporte.

2. O secretario do comité será nomeado polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública entre os funcionarios da Secretaría Xeral para o Deporte, que teñan titulación de licenciado en dereito, por proposta do secretario xeral para o Deporte.

3. Unha vez constituído o Comité Galego de Xustiza Deportiva, procederase á elección do presidente por maioría dos membros.

Artigo 10º

A duración do mandato dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva será de catro anos.

Seranlles aplicables ós membros do comité as causas de abstención e recusación previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º

O Comité Galego de Xustiza Deportiva exercerá as súas competencias sobre as federacións deportivas galegas, asociacións deportivas galegas e as persoas delas dependentes e deportistas, así como sobre calquera persoa ou entidade que desenvolva actividades que afecten o feito deportivo de Galicia e o relativo a este.

Nas súas actuacións, o Comité Galego de Xustiza Deportiva deberá aplica-la Lei do deporte de Galicia e as súas normas de desenvolvemento, os estatutos e regulamentos vixentes de cada asociación deportiva, as normas desta Comunidade Autónoma e, en todo caso, resultará de aplicación supletoria o dereito estatal.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 258/1994, do 29 de xullo, polo que se crea e regula o Comité Galego de Disciplina Deportiva, e a Orde do 17 de agosto de 1994, pola que se establece o procedemento de designación dos membros do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6461