Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 197/1998, do 25 de xuño, polo que se crean os institutos de educación secundaria número 1 da Coruña, número 1 de Ordes, número 2 de Ourense e Viana do Bolo.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 e o artigo 1 do Decreto 346/1996, do 13 de setembro, establece que lle corresponde á Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria a competencia en materia de educación.

Promulgada a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e dictado o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, modificado e completado polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, e o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, procede a creación de institutos de educación secundaria que impartan as novas ensinanzas previstas na citada Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo.

Co fin de evitar que esta nova situación provoque unha duplicidade de oferta escolar e, pola súa vez, se logre unha maior coordinación das estructuras educativas e un mellor aproveitamento dos recursos persoais e materiais naquelas localidades onde os estudios de planificación levados a cabo aconsellan a existencia dun único instituto de educación secundaria, considérase conveniente e oportuno proceder á creación de institutos de educación secundaria, mediante a transformación nun único centro dos institutos de bacharelato e de formación profesional, de maneira que no sucesivo as súas instalacións formen unha unidade funcional.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ó abeiro do artigo 17 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación e o artigo 1.3º do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o instituto de educación secundaria nº 1 no concello da Coruña resultante da fusión nun único centro dos institutos de educación secundaria A Sardiñeira (código 15024926) e o instituto de educación secundaria José Cornide Saavedra (código 15023375 B).

Artigo 2º

Créase o instituto de educación secundaria nº 1 de Ordes resultante da fusión nun único centro do IES mixto (código 15021743) e do IFP de Ordes (código 15024801).

Artigo 3º

Créase o instituto de educación secundaria nº 2 no concello de Ourense resultante da fusión nun único centro do instituto de educación secundaria nº 1 (código 32015451) e do instituto de educación secundaria As Lagoas I (código 32009025).

Artigo 4º

Créase o instituto de educación secundaria de Viana do Bolo resultante da fusión nun único centro do instituto de educación secundaria (código 32015724) e do instituto de educación secundaria Fontenla-Leal (código 32015736).

Artigo 5º

Os institutos que se fusionan considéranse suprimidos.

Artigo 6º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para a execución do presente decreto, e acordará o pertinente en relación co persoal dos institutos que se suprimen.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos a partir do día un de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6039