Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.535

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 4/1998, do 30 de xuño, de creación do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

A profesión de protésico dental aparece recoñecida no segundo grao de especialidades na rama sanitaria a través da Orde do 1 de setembro de 1978 do Ministerio de Educación e Ciencia, dictada ó abeiro do Real decreto 707/1976, do 5 de marzo, de ordenación da formación profesional, e da Lei xeral de educación e funcionamento da reforma universitaria, do 4 de xaneiro de 1970. Non obstante, esta profesión xa se exercía con anterioridade a esta normativa; os profesionais practicábana mediante técnicas aprendidas doutros profesionais ou asistindo a cursos monográficos no país ou no estranxeiro.

Nembargantes, a Lei 10/1986, do 17 de marzo, sobre odontólogos e outros profesionais relacionados coa saúde dental, na que se recoñece e regula a profesión de protésico dental co correspondente título de formación profesional de segundo grao, dálle nova carta de natureza á profesión ó defini-lo seu ámbito de actuación, capacidade e responsabilidade profesional e así mesmo recoñece os dereitos e as situacións dos profesionais que a exercían á entrada en vigor da lei, sempre que o acrediten na forma que regulamentariamente se estableza. Esta regulamentación recóllese no Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo, no que se sinala un procedemento adecuado para que os protésicos dentais que exercían a profesión antes da entrada en vigor da Lei 10/1986 poidan ser habilitados para desenvolve-las funcións establecidas no citado real decreto. Así mesmo, o Real decreto 541/1995, do 7 de abril, dictado de acordo co establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación do sistema

educativo, establece o título de técnico superior en próteses dentais.

Os avances da ciencia e da técnica déronlle á profesión de protésico dental unha nova dimensión, converténdoa nunha actividade complexa que require uns coñecementos altamente cualificados e unha tecnoloxía moi moderna que a propia sociedade impón, o que implica o exercicio dun severo control, tanto no aspecto tecnolóxico coma nos aspectos deontolóxicos e de cualificación profesional, que só a intervención institucional pode garantir.

A profesión de protésico dental trátase, pois, dunha profesión titulada, regulamentada mediante lei específica e con importancia significativa respecto da saúde da poboación. Todo isto xustifica que se dote a dita profesión de organización colexial.

De acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do establecido no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, todo isto en relación co disposto no artigo 4.1 e demais concordantes da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, modificada tamén pola Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberalizadoras en materia de solo e colexios profesionais, prevese con esta lei a creación do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia, para proceder á adecuada ordenación da profesión na nosa

Comunidade Autónoma, tendo en conta a solicitude formulada polas asociacións profesionais.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia.

Artigo 1

Créase o Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia, como corporación de dereito público, con personalidade xurídica e capacidade de obrar plena para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións.

Artigo 2

O ámbito de actuación do colexio será o territorio de Galicia.

Artigo 3

Poderán integrarse no Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia os que, de conformidade coa Lei 10/1986, do 17 de marzo, sobre odontólogos e outros profesionais relacionados coa saúde dental, posúan o título de formación profesional de segundo grao de protésico dental, así como os que exercendo a profesión antes da entrada en vigor da Lei 10/1986, do 17 de marzo, estean habilitados para seguir exercéndoa de acordo co establecido no Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo, e, así mesmo, aqueloutros que estean en posesión do título de técnico superior en próteses dentais establecido polo Real decreto 541/1995, do 7 de abril.

Disposición transitoria primeira

1.-Crearase unha comisión xestora, designada entre as asociacións de profesionais que reúnan os requisitos ós que fai referencia o artigo 3, existentes na actualidade, que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia, nos que se regulamentará a asemblea colexial constituínte, tendo en conta o censo de profesionais que se aprobe para o efecto, coa previsión da forma da convocatoria, que deberá ser anunciada, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nos periódicos de maior difusión de Galicia, e do procedemento de desenvolvemento dela, garantíndose a posibilidade de asistencia de tódolos profesionais que acrediten estar nalgún dos supostos do artigo 3 desta lei.

2.-A asemblea constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos definitivos do colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiais de goberno.

Disposición transitoria segunda

Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a cualificación da súa legalidade e, se é o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

6312