Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 03 de xullo de 1998 Páx. 7.534

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/1998, do 30 de xuño, de creación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

A profesión de fisioterapeuta veu consolidándose como profesión independente desde a creación das escolas universitarias de fisioterapia, desvinculadas mediante o Real decreto 2965/1980, do 12 de decembro, das escolas universitarias de diplomados en enfermería, nas que se impartía como especialidade.

A Orde do Ministerio de Educación e Ciencia de data 28 de maio de 1986 homologou as diferentes titulacións que habilitaban para a práctica da fisioterapia e outorgoulles unha consideración unitaria ás atribucións profesionais do fisioterapeuta.

O Real decreto 1414/1990, do 26 de outubro, establece o título universitario oficial de diplomado en fisioterapia e as directrices xerais propias dos plans de estudios conducentes á súa obtención.

A profesión de fisioterapeuta trátase, pois, dunha profesión titulada, regulada por normativa específica e con importancia significativa respecto da mellora das condicións de vida da poboación. Todo isto xustifica a creación do Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia, que permitirá dotar estes profesionais dunha organización capaz de velar pola defensa dos seus intereses e ordena-lo exercicio da profesión, razóns que fan aconsellable a aprobación desta lei, que redundará en beneficio da saúde, da sanidade e da integridade física dos cidadáns galegos.

Por outra banda, a Delegación Autonómica Galega da Asociación Española de Fisioterapeutas acordou solicita-la creación dun Colexio Profesional de Fisioterapeutas con ámbito na Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, ó abeiro do establecido no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais, e no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado, todo isto en relación co disposto no artigo 4.1 e demais concordantes da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro, modificada tamén pola Lei 7/1997, do 14 de abril, de medidas liberalizadoras en materia de solo e de colexios profesionais, prevese con esta lei a creación do Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

Artigo 1

Créase o Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia, como corporación de dereito público, con personalidade xurídica e capacidade de obrar plena para o cumprimento dos fins que lle son propios e o exercicio das súas funcións.

Artigo 2

O ámbito de actuación do colexio será o territorio de Galicia.

Artigo 3

Poderán integrarse no Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia os profesionais que posúan a titulación de diplomado en fisioterapia, segundo o establecido no Real decreto 2965/l980, do 12 de decembro, no Real decreto 1414/1990, do 12 de outubro, e nas disposicións que os desenvolven, así como aqueles que, con anterioridade á publicación dos decretos citados e estando en posesión da titulación correspondente, estivesen habilitados para exerce-la profesión.

Disposición transitoria primeira

1.-A Delegación Autonómica Galega da Asociación Española de Fisioterapeutas designará unha comisión xestora que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Profesional de Fisioterapeutas de Galicia, nos que se regulará a asemblea colexial constituínte, tendo en conta o censo de profesionais que se aprobe para o efecto, coa previsión da forma de convocatoria, que deberá ser anunciada, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nos periódicos de maior difusión de Galicia, e do procedemento de desenvolvemento dela, garantíndose a posibilidade de asistencia de tódolos profesionais que acrediten estar nalgún dos supostos do artigo 3 desta lei.

2.-A asemblea constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos definitivos do colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiados de goberno.

Disposición transitoria segunda

Os estatutos definitivos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para a cualificación da súa legalidade e, se é o caso, a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

6355