Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 02 de xullo de 1998 Páx. 7.485

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 192/1998, do 25 de xuño, polo que se prorroga o mandato dos directores e asesores técnico-pedagóxicos dos centros de formación continuada do profesorado de niveis non universitarios.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no título cuarto presenta a cualificación e formación do profesorado como o primeiro factor que favorece a calidade e mellora do ensino. Establece os principios básicos de ordenación desa formación permanente e que as administracións educativas deben fomenta-los programas de formación, a creación de centros ou institucións e a colaboración coas universidades e outras institucións que propicien e desenvolvan a formación permanente do profesorado.

A Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, no artigo 32, tamén dispón que as administracións educativas promoverán a actualización e o perfeccionamento da cualificación profesional dos profesores e a adecuación dos seus coñecementos e métodos á evolución do campo científico e da metodoloxía didáctica no ámbito da súa actuación docente.

Na Comunidade Autónoma de Galicia a formación permanente do profesorado nos niveis non universitarios vén sendo realizada basicamente polos centros de formación continuada do profesorado, regulados polo Decreto 42/1989, do 23 de febreiro.

As orientacións e mandatos que establecen as leis orgánicas anteriormente citadas, a experiencia obtida sobre o funcionamento dos centros de formación continuada do profesorado durante o proceso de implantación do novo sistema educativo, así como as novas necesidades de formación que se manifestan en tódolos ámbitos, sobre todo na formación profesional específica, nas ensinanzas de réxime especial, na orientación educativa e profesional, na atención á diversidade, na formación de persoas adultas, na coordinación didáctica e na organización e dirección dos centros, parece máis que xustificado revisar tanto o modelo de formación permanente do profesorado en Galicia coma as estructuras de formación existentes, todo iso coa finalidade de acadar unha mellora da calidade do ensino.

Tendo en conta a transcendencia que ten a formación permanente do profesorado para o desenvolvemento dun ensino de calidade, é necesario dispor dun tempo suficiente para definir un modelo de formación e as estructuras que se responsabilizarán de aplicalo, o que permitirá darlles resposta ás necesidades de formación do profesorado nos vindeiros anos.

O artigo 5º do Decreto 42/1989, do 23 de febreiro, establece que á fronte de cada un dos centros de formación continuada do profesorado haberá un director ou directora, nomeado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, por un período de tres anos renovables, se é o caso, por outros tres e seleccionado previamente por concurso público de méritos entre o persoal docente non universitario. Establécese tamén que o director ou directora cesará nas súas funcións ó termo do seu mandato.

Dado que o vindeiro mes de agosto remata o período de nomeamento de tódolos directores dos centros de formación continuada do profesorado e, polo tanto, debería procederse á convocatoria dun novo concurso de méritos, parece oportuno, en tanto non se procede a regula-la nova estructura responsable da formación permanente do profesorado non universitario, prorrogar por un ano o nomeamento dos actuais directores.

Así mesmo, neste período transitorio, resulta conveniente permitir que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria non realice o concurso público de méritos previsto no artigo 8 do Decreto 42/1989, e prorrogue, por un ano, o nomeamento daqueles asesores técnico-pedagóxicos que, rematando o seu período de adscrición, sexan necesarios para levar a cabo as previsións de formación do curso académico 1998-1999.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Artigo 1º

Prorrógase ata o 31 de agosto de 1999 o nomeamento de tódolos actuais directores dos centros de formación continuada do profesorado.

Artigo 2º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá prorrogar, por un ano, en función das previsións de necesidades, os asesores técnico-pedagóxicos que rematen o seu período de adscrición no ano 1998.

Disposición derradeira

Autorízase a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintecinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

6034