Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 01 de xullo de 1998 Páx. 7.477

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE MONTERROSO

ANUNCIO.

José Antonio Fente Ledo, secretario por acumulación do Concello de Monterroso (Lugo).

Certifico:

Que o Pleno, en sesión extraordinaria celebrada o pasado día once de xuño de mil novecentos noventa e oito, adoptou, entre outros, o acordo seguinte:

3.Adxudicación da concesión do servicio municipal de abastecemento de auga. Escritos de reclamacións. Dada conta das reclamacións presentadas por Javier Villamor Zambrano, veciño de Madrid, na que se solicita que se modifique o contido do prego de condicións eliminando o criterio de adxudicación previsto na alínea e) do artigo 4, e o artigo 10.2º c), no que se establece como requisito para participar no concurso estar clasificado no rexistro xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Vistos os referidos escritos, o pleno do concello, por unanimidade, acordou o seguinte:

1º Modifica-la alínea e) do Art. 4 do prego de cláusulas económico-administrativas, que queda redactado da forma seguinte:

e) Servicios de análoga natureza dentro da Comunidade Autónoma: ata 3 puntos.

Servicios de análoga natureza prestados dentro das outras comunidades do Estado ou nación española: ata 1 punto.

2º A cláusula 20 do prego de condicións económico-administrativas queda modificada da seguinte forma:

A) Dada a natureza deste contrato, non se establece o importe que percibirá o concello en concepto de canon da concesión, o que estará en razón da diferencia existente entre as tarifas vixentes e a correspondente retribución do concesionario.

Este canon será ofertado inicialmente por cada concursante en pesetas por metro cúbico facturado.

B) O concesionario aboará ó concello, se procede, dentro da última semana do terceiro mes seguinte ó período facturado, a cantidade correspondente ó canon da concesión.

C) O adxudicatario estará exento das taxas e impostos municipais que polas actividades dos servicios

puideran corresponderlle, dado que a titularidade seguirá en todo momento desempeñándoa o concello.

D) A retribución do concesionario estará composta por:

1º As tarifas do servicio vixentes en cada momento e que ó inicio do contrato serán as establecidas actualmente nas ordenanzas.

2º As contribucións especiais que o concello crea oportuno impoñer, nos casos de renovación ou ampliación das obras existentes executadas polo concesionario.

3º As subvencións que o concello outorgue en cada caso.

4º Co prezo o concesionario cubrirá a totalidade dos gastos de explotación: man de obra, conservación das instalacións, transporte, enerxía eléctrica, tratamento, materiais, lectura de contadores, etc., así como tódolos gastos anexos e xerais da empresa e beneficio industrial.

Os gastos de conservación de conexións e contadores satisfaranos directamente os aboados, de conformidade cos importes que en cada momento aprobe o concello.

En canto á outra reclamación, fáiselle constar ó reclamente que xa foi rectificada como erro material e a dita rectificación xa foi anunciada no BOP e no DOG.

3º O resto das bases do prego de condicións económico-administrativas queda redactado na mesma forma que foi publicado nos citados boletíns.

4º Que se publique o presente acordo no BOP e no DOG, para efectos de exame e reclamacións.

E para que conste, coas reservas do artigo 206 do R.O.F. das corporacións locais, expido o presente anuncio de orde e co visto e prace do alcalde, en Monterroso o dezaoito de xuño de mil novecentos noventa e oito.

O alcalde

Rubricado

6186