Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 01 de xullo de 1998 Páx. 7.423

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se dictan instruccións sobre o acceso e admisión ós ciclos formativos de formación profesional específica para o curso 1998-1999.

Por Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio) regúlase o procedemento para admisión do alumnado no bacharelato e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 22 de maio de 1998 regula a admisión de alumnado nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior, en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 23 de maio de 1998 regula as probas de acceso ós ciclos formativos de graos medio e superior de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño.

As disposicións derradeiras destas ordes autorizan a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas.

Na súa virtude, esta dirección xeral,

DISPÓN:

Primeiro.-Acceso ós ciclos formativos de grao medio.

1. Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao medio, o alumnado que cumpra algún dos requisitos seguintes:

a) Estar en posesión do título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

b) Estar en posesión do título de técnico auxiliar.

c) Estar en posesión do título de técnico.

d) Ter aprobado o 2º curso do bacharelato unificado polivalente (BUP).

e) Ter superado o segundo curso do primeiro ciclo experimental da reforma das ensinanzas medias.

f) Ter superados, das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos, o terceiro curso do Plan de 1963 (Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, BOE do 6 de novembro), ou o segundo de comúns de experimental (Decreto 179/1988, do 7 de xullo, DOG do 18).

g) Ter superados outros estudios declarados equivalentes para efectos académicos con algún dos anteriores.

2. Así mesmo, poderá acceder ós ciclos formativos de grao medio aquel alumnado que, non reunindo algún dos requisitos especificados nos puntos anteriores, supere a proba de acceso definida na Orde do 23 de maio de 1998.

Segundo.-Acceso ós ciclos formativos de grao superior.

1. Terá acceso directo ós ciclos formativos de grao superior o alumnado que cumpra algún dos requisitos seguintes:

a) Posuí-lo título de bacharelato establecido na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

b) Ter superado o segundo ciclo de calquera modalidade de bacharelato experimental.

c) Ter superado o curso de orientación universitaria ou preuniversitario.

d) Posuí-lo título de técnico especialista, técnico superior ou equivalente para efectos académicos.

e) Estar en posesión dunha titulación universitaria ou equivalente.

2. Así mesmo, poderán acceder ós ciclos formativos de grao superior aquelas persoas que, non reunindo os requisitos indicados nos punto anterior, superen a proba de acceso definida na Orde do 23 de maio de 1998.

Terceiro.-Incompatibilidade.

As persoas que reúnan requisitos académicos que posibiliten o acceso directo non poderán presentarse ás probas de acceso a ciclos formativos. De facelo quedarán excluídas delas.

Cuarto.-Paso de módulos profesionais a ciclos formativos.

Naqueles centros nos que se implante un ciclo formativo en substitución dun módulo profesional, o alumnado que non obtivese avaliación positiva no módulo poderá incorporarse ó ciclo que o substitúa, segundo as equivalencias que se establecen no anexo I desta resolución, nas seguintes condicións:

1. Se como consecuencia da avaliación, o alumno ou alumna debía repeti-lo módulo na súa totalidade, deberá cursa-lo ciclo formativo integramente.

2. O alumnado que obteña avaliación negativa e non estea nas circunstancias indicadas no punto anterior deberá cursa-lo ciclo formativo correspondente na súa totalidade, se ben poderá solicitar á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a validación dalgúns dos módulos do ciclo, en función das áreas superadas anteriormente. Estas solicitudes serán resoltas individualizadamente, logo do informe da inspección educativa, á vista do informe do titor do ciclo no que deberá concretarse en qué medida a competencia profesional asociada a un módulo do ciclo foi conseguida na área superada. Estas solicitudes deberán presentarse antes do 15 de outubro de 1998 na secretaría do centro.

Quinto.-Distribución de prazas nos centros.

Nos centros sostidos con fondos públicos, distribución das prazas dispoñibles para cursar cada ciclo formativo realizarase conforme o seguinte:

1. O 20% das prazas reservaranse para aqueles solicitantes que, non reunindo os requisitos académicos para o acceso directo, acrediten que superaron a proba de acceso definida na Orde do 23 de maio de 1998.

2. As prazas restantes reservaranse para aquel alumnado que reúna os requisitos establecidos para o acceso directo.

3. As porcentaxes establecidas nos apartados anteriores son acumulables entre si; se non hai suficiente alumnado para cubri-las prazas de acceso directo, as sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso mediante proba; así mesmo, se non hai suficiente alumnado que acceda mediante proba de acceso, as prazas sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso

directo. Procederase a efectua-la acumulación das prazas vacantes unha vez concluído o proceso de escolarización efectuado respectivamente polas comisións provinciais e autonómica.

4. No caso de ciclos formativos de grao superior, reservarase o 3% do total das prazas que se oferte de cada ciclo para aquel alumnado con necesidades educativas especiais asociadas a discapacidade física, motora ou sensorial, de acordo co establecido na Orde do 23 de maio de 1998.

Sexto.-Solicitude e proceso de admisión a ciclos formativos de grao medio.

As solicitudes para cursar ciclos formativos de formación profesional específica de grao medio nos centros sostidos con fondos públicos, así como o procedemento de admisión do alumnado realizarase de acordo coa Orde do 6 de abril de 1995 (DOG do 12 de maio). O modelo de solicitude xúntase como anexo II da referida orde.

1. Cando o número de solicitudes para acceso directo sexa superior ó número de prazas dispoñibles, a selección dos aspirantes realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da citada orde.

2. Cando superen a proba de acceso máis persoas que prazas dispoñibles a súa selección realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da Orde do 6 de abril de 1995.

Sétimo.-Solicitude e proceso de admisión a ciclos formativos de grao superior.

As solicitudes para cursar ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior nos centros sostidos con fondos públicos, así como o procedemento de admisión de alumnado, realizarase de acordo coa Orde do 22 de maio de 1998. O modelo de solicitude xúntase como anexo I á referida orde.

1. Cando o número de solicitudes para acceso directo sexa superior ó número de prazas dispoñibles, aplicaranse os criterios de prioridade indicados no apartado sexto da Orde do 22 de maio de 1998.

2. No proceso de admisión a ciclos formativos de grao superior, cando o número de solicitantes procedentes da proba de acceso sexa superior ó número de prazas que se oferta, aplicarase a seguinte orde de prioridade:

a) Maior puntuación na proba.

b) De persisti-lo empate, por sorteo público.

Oitavo.-Probas de acceso.

a) De acceso a ciclos formativos de grao medio:

Acreditará que o aspirante posúe coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. É común para tódolos ciclos formativos de grao medio e así se fará constar na certificación. O seu contido atenderá os aspectos sociocultural e científico-tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria:

-Parte sociocultural:

Comprensión e expresión de textos escritos con propiedade, autonomía e creatividade en galego e en castelán.

Coñecemento da historia, xeografía e actitudes da nosa tradición e patrimonio cultural, así como análise dos mecanismos e valores que rexen o funcionamento das sociedades.

-Parte científico-tecnolóxica:

Resolución de problemas nos campos das matemáticas e da tecnoloxía, mediante procedementos de razoamento lóxico.

Realización de exercicios que utilicen códigos científicos e técnicos. Aplicacións do desenvolvemento científico e tecnolóxico e a súa incidencia no medio físico e social.

b) A ciclos formativos de grao superior:

Consta, á vez, de dúas partes:

-Parte xeral: os aspirante deberá acredita-la madurez en relación cos obxectivos do bacharelato, fundamentalmente en contidos procedementais do campo de:

Lingua galega e literatura.

Lingua castelá e literatura.

Lingua estranxeira (opción inglés ou francés).

Matemáticas: sobre contidos comúns ás matemáticas e ás matemáticas aplicadas ás ciencias sociais.

-Parte específica: o aspirante deberá acredita-la súa capacidade referente ó campo profesional de que se trate para os ciclos formativos relacionados na segunda columna do anexo II desta resolución, na que están asociados pola súa afinidade na formación profesional de base. Esta parte da proba avaliará os coñecementos en relación ás materias que se indican na primeira columna do citado anexo. O aspirante elixirá a opción que lle permita o acceso ós ciclos formativos que desexe cursar dentro dos ofertados nesta Comunidade Autónoma.

Noveno.-Períodos de inscrición e calendario de celebración das probas.

1. Antes do 13 de setembro as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicaranlles a tódolos centros docentes, para que o fagan público no taboleiro de anuncios, a relación de centros públicos nos que se realizarán as probas.

2. A inscrición á proba farase para os ciclos formativos de grao medio segundo o modelo incluído como anexo VIII na Orde do 23 de maio de 1998, e para os ciclos formativos de grao superior no anexo IX da citada orde. En ámbolos dous casos, entregarase no centro docente elixido en primeira opción, do 1 ó 30 de xullo e do 1 ó 10 de setembro.

3. As direccións dos centros entregaranlle á inspección educativa da provincia, antes do día 14 de setembro, a relación de persoas inscritas para realiza-las probas, así como no caso daquelas que solicitaron a exención dalgunha das partes a documentación relativa a elas.

4. As probas de acceso ós ciclos formativos serán elaboradas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido na Orde do 23 de maio de 1998.

5. As probas de acceso a ciclos formativos de graos medio e superior celebraranse o día 17 de setembro de 1998, no horario que se indica a continuación:

a) Ciclos formativos de grao medio:

* Das 9.30 ás 11.30 horas: parte científico-tecnolóxica.

* Das 12 ás 14 horas: parte sociocultural.

b) Ciclos formativos de grao superior:

Parte xeral da proba:

* Das 9.30 a 11.30 horas: lingua galega e literatura, lingua española e literatura e lingua estranxeira (francés ou inglés).

* Das 12 ás 13.30 horas: matemáticas.

Parte específica da proba:

* Iniciarase ás 16 horas, o aspirante realizará os exercicios da opción vinculada ó ciclo formativo para o que solicitou a proba de acceso, segundo o anexo II desta resolución. A duración máxima de cada exercicio desta parte será de 2 horas.

Décimo.-Validez da certificación de superación da proba.

Para facilita-la mobilidade do alumnado, a certificación que se obteña trala superación da proba de acceso ós ciclos formativos de graos medio ou superior de formación profesional específica, regulada na Orde do 23 de maio de 1998, terá validez como requisito de acceso ós ciclos formativos especificados no anexo II da presente resolución. A certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado, mantendo a súa vixencia sempre que non se modifique o título e as ensinanzas correspondentes o ciclo formativo.

Décimo primeiro.-Inscrición, matrícula e constitución de grupos.

a) Aspectos xerais:

1. Antes do 30 de xuño, as delegacións provinciais, a través do Servicio de Inspección, comunicaranlles ós centros docentes a oferta de ciclos formativos autorizados así como o número de prazas de cada un deles para o curso 1998-1999.

2. O alumnado que teña acceso directo realizará a súa inscrición, no centro elixido como primeira opción, do 1 ó 30 de xullo e do 1 ó 10 de setembro.

b) Matricula das persoas que accederon por proba:

3. O resultado das probas de acceso a ciclos formativos deberá facerse público o 21 de setembro nos centros onde se desenvolveron. Así mesmo expedirase a acreditación ó alumnado que superou as referidas probas, segundo o modelo que figura nos anexos IV e V da Orde do 23 de maio de 1998

4. Os días 21 e 22 de setembro as persoas que superaron a proba entregarán nos centros elixidos en primeira opción a devandita acreditación de tela superada.

5. Antes do 24 de setembro exporase nos taboleiros de anuncios dos centros a relación de alumnado que solicitou acceso mediante proba, ordenada de maior a menor puntuación, obtida no caso dos ciclos formativos de grao medio segundo se recolle no apartados sexto desta resolución e para os ciclos de grao superior

segundo se recolle no apartado sétimo desta resolución.

6. O alumnado que obteña praza poderá formaliza-la matrícula ata o día 25 de setembro.

c) Matrícula das persoas con acceso directo:

7. Os centros farán públicas antes do 15 de setembro as listas de persoas que reúnan requisitos académicos para acceso directo, a cada un dos ciclos formativos. Estarán ordenadas, de maior a menor puntuación, aplicando os procedementos de baremación indicados nos apartados sexto e sétimo desta resolución.

8. O alumnado que obteña praza poderá formaliza-la matrícula ata o día 21 de setembro.

d) Finalización do proceso:

9. A documentación do alumnado que non obtivo praza no centro e solicitaba ademais outros estudios ou centros será entregada na delegación provincial: antes do día 23 setembro para o alumnado de acceso directo e antes do día 28 de setembro para o alumnado de acceso mediante proba. Nese mesmo momento os centros comunicaranlle á delegación provincial o número de prazas vacantes para acceso directo, se é o caso.

10. As comisións de escolarización provinciais publicarán en tódolos casos as oportunas resolucións antes do día 30 de setembro, na delegación provincial e nos centros docentes a relación de alumnado admitido para cursar un determinado ciclo, tanto por acceso directo como a través de proba, debendo formaliza-la súa matrícula no prazo que para tal efecto establezan os propios centros.

11. A matrícula para cursar ciclos formativos nos centros privados formalizarase antes do día 30 de setembro.

12. A non formalización da matrícula nos prazos estipulados nos apartados anteriores, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 1998-1999.

13. Para cada ciclo formativo constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por centro. O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo e centro en particular, e non deberá superar en ningún caso os 30 alumnos. Calquera modificación destes límites requirirá autorización previa e expresa da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Disposicións derradeiras

Primeira.-De acordo co establecido no punto décimo da Orde do 22 de maio de 1998, o prazo para resolve-las reclamacións presentadas contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización ou da inspección educativa será como máximo de dous días.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso 1998-1999.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 1998.

José Luís Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

Delegados Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Módulo profesionalCiclo formativo que o substitúe

Explotacións agropecuariasExplotacións agrarias extensivas

HorticulturaExplotacións agrícolas intensivas

Traballos forestais e de conservación do medio natural

Instalacións e mantemento de xardíns

Xardinero productor de plantas

Xardinería

Aproveitamentos forestais e conservación da natureza.Xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos.

Instalador/Mantedor eléctricoEquipos e instalacións electrotécnicas

Operador de Máquinas ferramentasMecanizado

Administración e xestiónXestión administrativa

Administración de empresasAdministración e finanzas

Comercio exteriorComercio internacional

Educador infantilEducación infantil

Mantemento en instalacións e servicios auxiliaresMantemento e montaxe de instalacións de edificio e proceso

Auxiliar de enfermeríaCoidados auxiliares de enfermería

Sistemas automáticos e programablesSistemas de regulación e control automáticos

Mantemento e operación técnica de equipo de RTVSistemas de telecomunicación e informáticos

Instalacións e mantemento de equipos de frío e calorMontaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e producción de calor

Actividades físicas e animación deportivaAnimación de actividades físicas e deportivas

Operacións de imaxe e son-Imaxe

-Son

Realización, producción e operacións de programas-Realización de audiovisuais e espectáculos

-Producción de audiovisuais, radio e espectáculos.

Fabricación mecánicaProducción por mecanizado

Reproducción fotomecánicaPreimpresión en artes gráficas

ANEXO II

Relación de ciclos formativos de grao superior ós que dá acceso a superación da proba segundo a parte específica realizada

MATERIA DA PARTE ESPECÍFICA DA PROBACICLOS FORMATIVOS

CIENCIAS DA TERRA E DO MEDIO AMBIENTE E BIOLOXÍA-XESTIÓN E ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS AGROPECUARIAS

-XESTIÓN E ORGANIZACIÓN DE RECURSOS NATURAIS E PAISAXÍSTICOS

-SAÚDE AMBIENTAL

QUÍMICA E BIOLOXÍA-PRODUCCIÓN ACUÍCOLA

MATERIA DA PARTE ESPECÍFICA DA PROBACICLOS FORMATIVOS

BIOLOXÍA-ESTÉTICA

-ANATOMÍA PATOLÓXICA E CITOLOXÍA

-DIETÉTICA

-DOCUMENTACIÓN SANITARIA

-HIXIENE BUCODENTAL

-IMAXE PARA O DIAGNÓSTICO

-RADIOTERAPIA

-LABORATORIO DE DIAGNÓSTICO CLÍNICO

QUÍMICA-DESENVOLVEMENTO E FABRICACIÓN DE PRODUCTOS CERÁMICOS

-FABRICACIÓN E TRANSFORMACIÓN DE PRODUCTOS DE VIDRO

FÍSICA-IMAXE

-REALIZACIÓN DE AUDIOVISUAIS E ESPECTÁCULOS

-SON

DEBUXO TÉCNICO-ORTOPROTÉSICA

-PRÓTESES DENTAIS

-PATRONAXE

-DESEÑO E PRODUCCIÓN EDITORIAL

-DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS URBANÍSTICOS E OPERACIÓNS TOPOGRÁFICAS

DEBUXO TÉCNICO E TECNOLOXÍA INDUSTRIAL-NAVEGACIÓN, PESCA E TRANSPORTE MARÍTIMO

-PRODUCCIÓN EN INDUSTRIAS DE ARTES GRÁFICAS

-DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS MECÁNICOS

-PRODUCCIÓN POR FUNDICIÓN E PULVIMETALURXIA

-PRODUCCIÓN POR MECANIZADO

-DESENVOLVEMENTO DE PRODUCTOS EN CARPINTERÍA E MOBLE

-PRODUCCIÓN DE MADEIRA E MOBLE

-PROCESOS DE CONFECCIÓN INDUSTRIAL

-PROCESOS TÉXTILES DE FIADURA E TECEDURÍA DE CALADA

-PROCESOS TÉXTILES DE TECEDURÍA DE PUNTO

DEBUXO TÉCNICO E MECÁNICA -DESENVOLVEMENTO E APLICACIÓN DE PROXECTOS DE CONSTRUCCIÓN

-REALIZACIÓN E PLANOS DE OBRA

-CONSTRUCCIÓNS METÁLICAS

ELECTROTECNIA E TECNOLOXÍA INDUSTRIAL-DESENVOLVEMENTO DE PROXECTOS DE INSTALACIÓNS DE FLUÍDOS, TÉRMICAS E DE MANTENZA

-MANTEMENTO DE EQUIPO INDUSTRIAL

-MANTEMENTO E MONTAXE DE INSTALACIÓNS DE EDIFICIO E PROCESO

ELECTROTECNIA E MECÁNICA-SUPERVISIÓN E CONTROL DE MÁQUINAS E INSTALACIÓNS DO BUQUE

-AUTOMOCIÓN

-MANTEMENTO AEROMECÁNICO

ELECTROTECNIA-DESENVOLVEMENTO DE PRODUCTOS ELECTRÓNICOS

-INSTALACIÓNS ELECTROTÉCNICAS

-SISTEMAS DE REGULACIÓN E CONTROL AUTOMÁTICOS

-SISTEMAS DE TELECOMUNICACIÓN E INFORMÁTICOS

-MANTEMENTO DE AVIÓNICA

QUÍMICA E TECNOLOXÍA INDUSTRIAL-INDUSTRIA ALIMENTARIA

QUÍMICA E TECNOLOXÍA INDUSTRIAL E FÍSICA-INDUSTRIAS DE PROCESO DE PASTA E PAPEL

-INDUSTRIAS DE PROCESO QUÍMICO

QUÍMICA E FÍSICA E BIOLOXÍA -ANÁLISES E CONTROL

-FABRICACIÓN DE PRODUCTOS FARMACÉUTICOS E AFÍNS

-QUÍMICA AMBIENTAL

DEBUXO TÉCNICO E TECNOLOXÍA INDUSTRIAL E QUÍMICA-PLÁSTICOS E CAUCHO

-PROCESOS DE ENNOBRECEMENTO TÉXTIL

-CURTIDOS

ECONOMÍA E ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS-ADMINISTRACIÓN E FINANZAS

-COMERCIO INTERNACIONAL

-XESTIÓN COMERCIAL E MÁRKETING

-XESTIÓN DO TRANSPORTE

-SERVICIOS Ó CONSUMIDOR

-RESTAURACIÓN

-ALOXAMENTO

-PRODUCCIÓN DE AUDIOVISUAIS, RADIO E ESPECTÁCULOS

ECONOMÍA E ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS E SEGUNDA LINGUA ESTRANXEIRA-SECRETARIADO

HISTORIA DO MUNDO CONTEMPORÁNEO-ASESORÍA DE IMAXE CORPORAL

XEOGRAFÍA E HISTORIA DA ARTE-INFORMACIÓN E COMERCIALIZACIÓN TURÍSTICA

XEOGRAFÍA E ECONOMÍA E ORGANIZACIÓN DE EMPRESAS-AXENCIAS DE VIAXES

6038