Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 26 de xuño de 1998 Páx. 7.230

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

O desenvolvemento do Sistema Nacional de Saúde a partir da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade fai patente a necesidade de contar con información sobre a situación de saúde-enfermidade en cada comunidade, e de cómo evoluciona no tempo. Esta necesidade xa se reflicte na propia lei, que no seu artigo 8 considera, como actividade fundamental do sistema sanitario, a realización dos estudios epidemiolóxicos necesarios para orientar con maior eficacia a prevención dos riscos para a saúde, así como a planificación e avaliación sanitaria, debendo ter como base un sistema organizado de información sanitaria, vixilancia e acción epidemiolóxica.

O tempo, a evolución da situación das enfermidades transmisibles no mundo, no que non deixa de aumenta-la facilidade con que as poboacións se ven expostas ó risco de contraer numerosos axentes infecciosos, malia os considerables progresos acadados en materia de protección da saúde pública, situación atribuíble en gran medida á mellora nos medios de transporte, ós desprazamentos masivos inducidos polas guerras e catástrofes naturais e ós cambios nos ecosistemas que se están a producir en moitos lugares do mundo, inducidos pola presión demográfica, fai necesario que as autoridades sanitarias dispoñan dun coñecemento o máis preciso posible da situación epidemiolóxica non só do seu propio país, senón dos países do seu contorno.

Desta mesma idea participa a Unión Europea, que a través do Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea veñen aprobando propostas de resolucións nas que se propón o establecemento dunha rede de vixilancia epidemiolóxica e de control das enfermidades transmisibles na Comunidade Europea (DOCE nº C 123, do 26 de abril de 1996, páxinas 10-13), mediante actividades de coordinación e intercambio de información entre os países membros, proceso iniciado coa aprobación da resolución do Consello e dos ministros de Sanidade dos Estados membros 92/C 326/01, do 13 de novembro, e da Directiva 92/117/CEE do Consello, do 17 de novembro. Recentemente, a Decisión nº 1400/97/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de xuño de 1997, aproba un programa de acción comunitario sobre vixilancia da saúde no marco da acción no ámbito da saúde pública (1997-2001) (DOCE nº L 196/1, do 22 de xullo de 1997, páxinas 1-10).

A Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública, permítelles ás autoridades sanitarias adoptar determinadas medidas cando o esixan razóns sanitarias de urxencia ou necesidade.

Tendo en conta estas orientacións, e de acordo co artigo 40 da Lei xeral de sanidade antes comentada, que no seu apartado 12 sinala como actuacións para desenvolver pola Administración do Estado, sen prexuízo das competencias atribuídas ás comunidades autónomas, as relativas ós servicios de vixilancia e análise epidemiolóxica, aprobouse o Real decreto 2210/1995, do 28 de decembro, polo que se crea a Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica con carácter de normativa básica. Baixo a filosofía de obter información para a acción, a rede nacional mantén características do sistema de bondade recoñecida, como son a universalidade e a correspondencia dos niveis de integración e análise da información cos de intervención, á vez que pretende incorporar outras situacións, como son as denominadas enfermidades emerxentes, novas patoloxías susceptibles de control e as novas tecnoloxías da comunicación, con obxecto de detectar precozmente os problemas de saúde da poboación e, como consecuencia,

efectua-la intervención inmediata.

En Galicia estanse a levar a cabo, con resultado positivo, importantes esforzos en materia de información sobre saúde pública. Tanto os cambios operados no noso contorno como a experiencia adquirida e os desenvolvementos lexislativos antes comentados, amosan a necesidade de avanzar nesta liña, modificando a normativa autonómica actualmente existente, e plasmando nunha nova norma a creación da Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, que inclúa un amplo rango de datos e actividades de saúde pública, profundando nos aspectos antes comentados.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, dispón no seu artigo 33.1º que lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día once de xuño de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Constitúese a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, baixo a dependencia da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 2º

A Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública ten como finalidade identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilita-lo seu control, sexa con medidas individuais ou colectivas.

Artigo 3º

A Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública ten as funcións seguintes:

a)Obter e xestiona-la información relevante para o control dos problemas de saúde sometidos a vixilancia.

b)Realiza-la análise epidemiolóxica dos problemas de saúde sometidos a vixilancia.

c) Identificar novos problemas de saúde.

d) Realizar e propoñe-los estudios precisos para coñecer mellor os problemas de saúde e o xeito de controlalos.

e) Favorece-lo desenvolvemento das medidas de control dos problemas de saúde.

f) Avaliar ou participar na avaliación das estratexias de intervención dedicadas ó control dos problemas de saúde.

g) Difundi-la información obtida a tódolos que pertencen á Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, e a quen lle sexa de interese.

h) Con carácter subsidiario, servir de base para a elaboración de estatísticas incluídas no Plan Galego de Estatística.

Artigo 4º

A Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública estará constituída por:

a) O sistema básico da rede galega de vixilancia integrado polo sistema xeral de notificación de enfermidades, a notificación de situacións epidémicas e abrochos e a información microbiolóxica.

b) O sistema específico de vixilancia, que estará integrado polos rexistros de interese en saúde pública, e que teñen como obxectivo describi-la incidencia, evolución e características de determinadas enfermidades ou procedementos, que teñen especial relevancia ou repercusión no ámbito da saúde pública ou asistencial. Dentro destes podemos identificar:

1. O Rexistro do Programa Galego de Control e Prevención da Tuberculose.

2. O Rexistro Galego da SIDA.

3. O Rexistro Galego de Encefalopatías Esponxiformes transmisibles humanas.

4. O Rexistro Galego de Tumores.

5. O Rexistro de Interrupcións Voluntarias do Embarazo de Galicia.

6. O Rexistro de Mortalidade Perinatal.

7. Calquera outro rexistro que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais considere necesario para caracterizar ou controlar un problema de saúde.

Artigo 5º

Os profesionais, establecementos e centros sanitarios que desempeñan a súa profesión ou actividade en Galicia participan na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

Artigo 6º

Tódolos participantes na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública teñen a obriga de subministrar datos co contido, formato e periodicidade que se indique nas ordes que regulen os diferentes sistemas e rexistros que en cada momento compoñan a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública.

Os datos recollidos na rede serán sometidos á normativa vixente sobre estatística.

Artigo 7º

1. O desenvolvemento e aplicación deste decreto farase de acordo co establecido nos artigos 8.1º e 23 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

2. A información que recolla a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública considerarase estrictamente confidencial e utilizarase só para fins exclusivamente sanitarios, de acordo coa Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, pola que se regula o tratamento automatizado de datos de carácter persoal, así como no artigo 10 da Lei 14/1986, do 26 de abril, xeral de sanidade. No caso do Rexistro de Mortalidade, o manexo dos datos farase de acordo co especificado na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia e a Lei 12/1989, do 9 de maio, da función estatística pública.

3. Tódolos participantes na Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública adoptarán as medidas necesarias para a seguridade dos datos.

4. Todos aqueles que, en virtude das súas competencias, teñan acceso ós datos quedan sometidos ó deber de confidencialidade.

5. Os titulares dos datos tratados en virtude da presente disposición exercerán os seus dereitos de

acordo co disposto no título II da Lei orgánica 5/1992, de 29 de outubro, pola que se regula o tratamento automatizado de datos de carácter persoal, así como no artigo 10 da Lei 14/1986, de 26 de abril, xeral de sanidade.

Artigo 8º

O incumprimento do previsto no presente decreto constitúe unha infracción administrativa sanitaria, tipificada como tal no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, atendendo os criterios establecidos no artigo 34 desta, que poderá ser obxecto da sanción correspondente, logo da instrucción do oportuno expediente, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou disciplinarias que puidesen concorrer.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

6132