Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 25 de xuño de 1998 Páx. 7.223

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 10 de xuño de 1998 polo que se convoca un curso de diplomados en sanidade.

O convenio de colaboración subscrito entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Sergas, por unha banda, e a Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (FEGAS), pola outra, ten por obxecto o deseño conxunto e a execución pola FEGAS do plan de formación e reciclaxe profesional sanitaria de tódolos traballadores, tanto da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais como do Sergas.

Entre as distintas accións conveniadas entre ámbalas dúas partes atópase o curso de diplomado en Sanidade, unha acción formativa que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais non executaba desde o ano 1991, pero que ten moita tradición e arraigamento nos profesionais sanitarios e que agora, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e organizado pola Escola Galega de Administración Sanitaria, se pretende revitalizar.

O contido do curso, acreditado pola Escola Nacional de Sanidade e organizado e dirixido pola Escola Galega de Administración Sanitaria, está plenamente actualizado e adaptado ás necesidades formativas dun profesional da sanidade pública galega.

En efecto, os profesionais sanitarios deben ter unha visión comunitaria dos problemas individuais da saúde, razón pola que, sen perder de vista os aspectos diagnósticos e terapéuticos na práctica clínica, terán que considerarse tamén os problemas de saúde que transcenden ó propio individuo para converterse nunha cuestión de interese comunitario.

En tal sentido, no curso proporciónanse ós participantes as bases conceptuais e as técnicas de análise e intervención propias da saúde pública, co obxecto de permitirlles enmarca-las súas actividades profesionais dentro das estratexias globais da Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que constitúa un punto de partida que permita continuar unha posterior profundización e ampliación dos coñecementos nestas materias.

Por todo isto, de conformidade co establecido no apartado 8.2.a) do dito convenio, a Escola Galega de Administración Sanitaria convoca o curso conforme as seguintes bases:

Primeira.-Convócase un curso de diplomado en Sanidade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, organizado e dirixido pola Escola Galega de Administración Sanitaria e acreditado pola Escola Nacional de Sanidade, que ten por obxecto a for

mación a nivel básico, en materia de saúde pública, dos profesionais sanitarios que prestan os seus servicios no sistema sanitario de Galicia.

Segunda.-1. O curso de diplomado en sanidade terá unha duración de 200 horas acreditadas, das que 150 horas terán carácter presencial, agrupadas en 7 módulos temáticos, e as 50 horas restantes corresponden á execución e presentación dun traballo de campo relacionado co contido do curso, que será valorado na avaliación e acreditación formativa do participante no curso.

2. O curso desenvolverase conforme o seguinte programa docente:

Módulo 1: Introducción ó concepto de saúde. Sistema Nacional de Saúde. Servicio Galego de Saúde. Servicios de Saúde Pública en Galicia.

Módulo 2: Publicacións científicas e a súa lectura crítica. Acceso a fontes bibliográficas. Normas de publicación de traballos de investigación.

Módulo 3: Determinantes e indicadores do nivel de saúde da comunidade. Sistemas de información sanitaria en Galicia.

Módulo 4: Métodos e técnicas para o estudio, identificación e análise de problemas de saúde.

Módulo 5: Planificación de programas e intervencións sanitarias.

Módulo 6: Intervención, prevención de enfermidades e protección e promoción da saúde.

Módulo 7: Avaliación dos programas de intervención sanitaria. Garantía de calidade.

Módulo 8: Traballo de campo.

3. Sen prexuízo da elaboración do calendario definitivo do curso, as actividades docentes de carácter presencial realizaranse entre os meses de setembro e decembro de 1998, xeralmente nas tardes dos xoves, os venres pola mañá e pola tarde e os sábados pola mañá de cada semana, debéndose ter rematado o proceso de avaliación e certificación dos participantes no mes de febreiro de 1999.

4. O director do curso será nomeado pola Escola Galega de Administración Sanitaria por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Terceira.- 1. O número máximo de participantes no curso será de 40, coa seguinte distribución:

a) 24 prazas reservaranse para facultativos sanitarios que presten os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

b) 8 prazas reservaranse para profesionais de enfermería que presten os seus servicios en institucións sanitarias do Sergas.

c) As 8 prazas restantes reservaranse para profesionais sanitarios, titulados superiores ou de grao medio, que presten os seus servicios en centros directivos ou unidades administrativas dos servicios

centrais ou periféricos da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou do Sergas.

2. O custo dos dereitos de inscrición no curso e de certificación de créditos ascenderá á cantidade de 60.000 pesetas por participante, que deberán ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma que se determine.

Cuarta.-1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

2. Os interesados en seren admitidos ó curso dirixirán as solicitudes á Escola Galega de Administración Sanitaria, utilizando o modelo de instancia que se poderá recoller na Dirección Xeral de Saúde Pública e nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

3. De existiren máis solicitudes ca prazas, a selección dos aspirantes ó curso farase por unha comisión formada por representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Escola Galega de Administración Sanitaria.

4. O criterio para a selección de aspirantes serán o de maior antigüidade de servicios prestados na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no Sergas ou noutra institución sanitaria do sistema nacional de saúde, computándose indistintamente tanto os servicios prestados con carácter temporal como con carácter fixo.

5. As certificacións, nas que conste o vínculo xurídico e a antigüidade deberán ser emitidas polos servicios de persoal da institución onde se atope prestando servicios na actualidade o aspirante e xuntarse á solicitude.

Quinta.-1. A comisión de selección elevará proposta á dirección da Escola Galega de Administración Sanitaria que acordará a relación de admitidos ó curso. O dito acordo publicarase nos taboleiros de anuncios da propia escola, no da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no da Dirección Xeral de Saúde Pública e nos das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, podendo interpoñer reclamación no prazo de cinco días naturais contados desde o día da súa exposición ó público. Transcorrido o dito prazo e vistas as reclamacións presentadas, a dirección da escola acordará o listado definitivo de admitidos.

2. Os aspirantes admitidos aboarán os dereitos da inscrición dentro do prazo de 10 días naturais desde a dita publicación definitiva, no xeito que nela se determine.

Sexta.- 1. A asistencia ás actividades docentes presenciais é obrigatoria, permitíndose un máximo de 15 horas de ausencia xustificadas.

2. Ó remate do curso os participantes serán avaliados cunha proba obxectiva tipo test de 50 preguntas sobre os contidos do curso.

3. Os traballos de campo que van realiza-los aspirantes deberán ser propostos, para a súa aprobación, á dirección do curso.

4. A proba obxectiva e o traballo de campo serán avaliados por un tribunal, no que estarán representadas a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Escola Nacional de Sanidade e a Escola Galega de Administración Sanitaria.

5. Rematada a actuación do tribunal, confeccionarase a relación de aptos e serán expedidos os correspondentes diplomas pola Escola Nacional de Sanidade.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 1998.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de Administración Sanitaria

4878