Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 25 de xuño de 1998 Páx. 7.168

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de xuño de 1998 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos (grupo A).

De conformidade co establecido no Decreto 251/1997, do 25 de agosto, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas da Administración xeral da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos, para o ano 1997 (DOG nº 181, do 19 de setembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe o art. 13.2.8 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia segundo a redacción que lle deu a Lei 3/1995, do 10 de abril, (DOG nº 76, do 20 de abril).

DISPÓN :

Convocar proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, escala superior de estatísticos, grupo A, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. Convócase proceso selectivo para cubrir 11 prazas do corpo superior de Administración da Xunta

de Galicia, escala superior de estatísticos, polos sistemas de promoción interna e de acceso libre, polo procedemento de concurso-oposición.

I.1.1. O número total de vacantes reservadas ó sistema de promoción interna ascende a 3 prazas, correspondente ó 25 % do total de vacantes.

O número total de vacantes reservadas ó sistema de acceso libre ascende a 8 prazas.

I.1.2. De conformidade coa disposición adicional sétima da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia segundo a redacción dada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, e co Decreto 251/1997, do 25 de agosto, polo que se aproba a oferta de emprego público para o ano 1997, do total de prazas do sistema xeral de acceso libre reservarase unha (1) praza para ser cuberta por persoa con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33 %.

No suposto de que tal praza non sexa cuberta por persoa coa minusvalidez correspondente pasará a integrarse nas restantes prazas correspondentes ó sistema de acceso libre.

I.1.3. As prazas sen cubrir das reservadas ó sistema de promoción interna acumularanse ó sistema de acceso libre.

I.1.4. Os aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas.

I.1.5. Ó presente proceso selectivo seralle aplicable a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo e 3/1995, do 10 de abril, a Lei 30/1984, do 2 de agosto, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo; o Regulamento de selección de persoal da Administración da Xunta de Galicia, demais normas concordantes, así como o disposto na presente convocatoria.

I.2. Requisitos dos candidatos.

I.2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

I.2.2. Para promoción interna:

I.2.2.1. Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título superior ou equivalente en socioloxía, informática, matemáticas, económicas, ciencias empresariais e enxeñería, conforme o disposto no artigo 1.1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia.

I.2.2.2. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.2.3. Os aspirantes deberán ser funcionarios da Administración da Xunta de Galicia e pertencer, o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia a algún dos corpos ou escalas integrados no grupo B (corpo de xestión e corpo facultativo de grao medio de Administración da Xunta de Galicia) de acordo co disposto no Decreto 91/1991, do 20 marzo, de integración dos funcionarios na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ter unha antigüidade de, polo menos, dous anos no corpo ou escala de orixe e posuí-la titulación requirida para o acceso á escala.

I.2.3. Para acceso libre:

I.2.3.1. Ser español.

I.2.3.2. Ter cumpridos os dezaoito anos.

I.2.3.3. Estar en posesión ou en condición de obte-lo título superior ou equivalente en socioloxía, informática, matemáticas, económicas, ciencias empresariais e enxeñería, conforme o disposto no artigo 1.1º da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia.

I.2.3.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

I.2.3.5. Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

I.2.4. Tódolos requisitos enumerados na base I.2.2 e l.2.3 deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar mediante instancia (anexo lII), que será facilitada nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia á que se fai referencia na base l.3.2. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, xustificante de ter aboado os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente e a certificación a que se refire a base II.1.3. Para os efectos de información o teléfono de contacto é o 902 12 00 12 en horario de 9 ás 19 horas de luns a venres e de 9 ás 14 horas os sábados.

Como requisito necesario para participar nestas probas, deberase aboar previamente, en concepto de dereitos de exame, o importe de 9.460 pesetas, e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, utilizando para iso o impreso de autoliquidación sinalado no anexo IV. O dito impreso seralles facilitado ós interesados no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais, e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia; debendo

cubrirse cos códigos que figuran no referido anexo IV.

A non presentación deste impreso, no que figurará o selo da entidade bancaria, determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso a presentación deste impreso suplirá o trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe aboado en concepto de dereitos de exame devolverase, logo dos trámites correspondentes, ós aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da resolución definitiva da Dirección Xeral da Función Pública a que fai referencia o apartado terceiro da base l.4.2.

I.3.2. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, no das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, e oficinas de correos nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais, a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

As solicitudes subscritas polos españois no estranxeiro poderán cursarse, no prazo expresado no parágrafo anterior, a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes, que as remitirán seguidamente ó organismo competente.

I.3.3. Os aspirantes con algunha discapacidade deberán indica-lo na solicitude. Así mesmo, deberán solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria. Todo iso de conformidade coa Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, e o artigo 4 do Decreto 251/1997, do 25 de agosto, polo que se aproba a oferta de emprego para o ano 1997.

Estes requisitos tamén deberán ser cumpridos, se é o caso, polos aspirantes con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33 %, a que se refire a base l.1.2. Tales aspirantes terán que declarar expresamente nas solicitudes que posúen a condición de discapacidade anteriormente citada, especificando o tanto por cento de discapacidade recoñecida polo órgano competente.

I.4. Admisión de aspirantes

I.4.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o director xeral da Función Pública dictará resolución de conformidade co establecido no artigo 12 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Xunta de Galicia, que se publicará no DOG así como oportunamente nos lugares determinados pola normativa vixente e na que se declarará aprobada a lista provisional de admitidos e excluí

dos, así como as causas da súa exclusión e a indicación do lugar no que se encontran expostas as listas de admitidos. Na lista deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade.

I.4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a súa exclusión.

Para tal efecto a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

Unha vez transcorrido o dito prazo, a Dirección da Función Pública dictará resolución definitiva, contra a que se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca mediante a presente orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de supera-lo proceso selectivo, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os interesados decaerán en tódolos dereitos que puideran derivarse da súa participación neste procedemento.

II. Concurso-oposición.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición.

II.1. Fase de concurso:

II.1.1. Para o acceso mediante promoción interna: valoración de méritos.

II.1.1.1. Servicios prestados na Xunta de Galicia:

Na fase de concurso valorarse, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, ó persoal comprendido nesta, os servicios prestados con carácter definitivo na Administración da Xunta de Galicia no grupo B desta, a razón de 0,04 puntos por mes de servicios efectivos ou fracción, ata un tope de 8 puntos.

II.1.1.2. Servicios prestados noutras administracións públicas:

No grupo B : 0,02 puntos por mes de servicios efectivos ou fracción, ata un tope de 4 puntos.

II.1.1.3. Grao persoal consolidado, ata o tope de 3,5 puntos :

a) Nivel 16 : 0,5 puntos.

b) Por cada dous niveis superiores: 0,5 puntos.

II.1.1.4. Traballo desenvolvido:

Polo desempeño, como funcionario do grupo B, de postos de traballo incluídos no intervalo de niveis correspondentes ó grupo A: 0,25 puntos por ano completo, ata o tope de 4 puntos. Só se terán en conta

intervalos de niveis de aplicación ós funcionarios da Administración da Xunta de Galicia.

II.1.1.5. Cursos de formación e perfeccionamento:

Impartidos por organismos oficiais dependentes de calquera Administración pública ou homologados pola Escola Galega da Administración Pública, relacionados coa materia estatística, ata o tope de 3 puntos.

a) Cursos con aproveitamento dunha duración igual ou inferior a 30 horas: 0,25 puntos.

b) Cursos con aproveitamento dunha duración superior a 30 horas: 0,5 puntos.

II.1.1.6. A puntuación obtida na fase de concurso non poderá supera-los 22,5 puntos, sumados os apartados II.1.1.1 ó II.1.1.5.

II.1.2. Para o acceso libre:

II.1.2.1. Os aspirantes do sistema de acceso libre que desempeñen ou desempeñasen postos de traballo na Administración da Xunta de Galicia, en réxime de persoal interino, reservados á escala superior de estatísticos creada conforme a Lei 12/1992, do 9 de novembro, valoraránselle-los servicios prestados en tal Administración a razón de 0,20 puntos por mes de servicios ou fracción.

Só se valorarán aqueles servicios que prestasen como titulados superiores nos postos correspondentes ó grupo A.

II.1.2.2. Así mesmo, ó persoal interino transferido á Comunidade Autónoma que preste servicios na Administración da Xunta de Galicia, ocupando posto da escala de estatística na data da publicación da convocatoria, e teña prestado servicios noutras aministracións en postos reservados á escala superior de estatísticos creada conforme a lexislación correspondente, valoráranelle-los ditos servicios a razón de 0,20 puntos por mes ou fracción.

A suma das distintas puntuacións que poidan adxudicarse conforme o previsto na base II.1.2 en ningún caso poderá exceder de 4 puntos.

II.1.3. Os méritos enumerados nas bases II.1.1 e II.1.2 deberán referirse á data da publicación da convocatoria no DOG.

Os méritos, requisitos e datos imprescindibles deberán ser acreditados mediante certificado, que se achegará coa instancia que se presente, segundo os modelos que figuran como anexos V e VI a esta orde, debendo xuntarlle á dita certificación, o funcionario competente que certifique, as fotocopias da documentación correspondente ás distintas situacións e méritos que se invoquen, que formarán parte integrante da certificación e presentaranse cotexadas fidedignamente debendo numerarse de acordo co indicado modelo, significando que non se terán en conta as certificacións que non se axusten ó establecido anteriormente.

As certificacións deberán ser expedidas polas unidades seguintes de acordo co destino definitivo de cada aspirante:

- Servicios centrais:

- Secretario xeral, subdirector xefe ou xefes de servicio que teñan atribuídas funcións en materia de xestión de persoal, dependentes da secretaría xeral da consellería respectiva ou dos seus organismos autónomos.

- Servicios periféricos:

Secretarios/as ou, de se-lo caso, funcionario/a responsable da área de persoal das delegacións/direccións territoriais, provinciais ou comarcais da consellería respectiva, ou dos seus organismos autónomos.

Non se terán en conta as certificacións que non se axusten ó establecido nos apartados anteriores.

II.1.4. Rematada a fase de oposición e respecto dos aspirantes que superaron a dita fase, o tribunal procederá á baremación desta fase de concurso e publicarase noDiario Oficial de Galicia, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación, os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación perante o propio tribunal no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da dita baremación.

Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións á baremación inicialmente asignada a cada aspirante, o tribunal incluiraas no acordo definitivo que conteña a relación de aspirantes que superaron o proceso selectivo a que se refire a base IV.1.

II.2. Fase de oposición:

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo l e II desta convocatoria.

II.2.1. As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios, e obrigatorios, agás para os aspirantes ás prazas pola quenda de promoción interna que estarán exentos da realización do cuarto exercicio.

II.2.1.1. Exercicios:

a) Primeiro exercicio.-Consistirá nunha proba teórica-práctica escrita referida á primeira parte do programa do anexo I, Estatística teórica, proposto polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre tres cuestionarios elaborados previamente por aquel. O tempo máximo será de catro horas.

Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 10 puntos.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección deste exercicio.

b) Segundo exercicio.-Consistirá nunha proba teórica-práctica escrita referida á segunda parte do programa do anexo I, Mostraxe e estatística económica,

proposto polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre tres cuestionarios elaborados previamente por aquel. O tempo máximo será de catro horas.

Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 10 puntos.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección deste exercicio.

c) Terceiro exercicio.-Consistirá nunha proba teórica-práctica escrita referida á terceira parte do programa do anexo I, Estatística aplicada, proposto polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre tres cuestionarios elaborados previamente por aquel. O tempo máximo será de catro horas.

Cualificarase de 0 a 20 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 10 puntos.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección deste exercicio.

d) Cuarto exercicio.-Consistirá en contestar por escrito a un grupo de 30 preguntas tipo test con respostas alternativas propostas polo tribunal, que será o resultante do sorteo de entre tres cuestionarios elaborados por aquel e correspondente ó contido do programa do anexo II. O tempo máximo será dunha hora.

Cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 5 puntos.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección deste exercicio.

e) Quinto exercicio, que constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na traducción dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na traducción dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

Este exercicio cualificarase de 0 a 5 puntos, sendo necesario para superalo obter como mínimo 2,5 puntos.

As puntuacións publicaranse unha vez rematada a corrección deste exercicio.

II.2.2. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis para a realización do exercicio tipo test.

II.2.3. Os exercicios celebraranse a porta pechada sen outra asistencia cá dos opositores, membros do tribunal e colaboradores designados por este.

II.2.4. A orde de puntuación dos aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa suma da puntuación obtida na fase de concurso e na de oposición, non podendo supera-lo proceso

selectivo un número superior ó de prazas convocadas.

II.2.5. Os aspirantes que ingresen polo sistema de promoción interna, en virtude do disposto no artigo 22.2º do Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna da Comunidade Autónoma de Galicia terán, en todo caso, preferencia sobre os aspirantes provenientes do sistema xeral de acceso libre para cubri-las vacantes correspondentes.

II.3. Desenvolvemento dos exercicios:

II.3.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra, de conformidade co establecido na resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 5 de maio de 1997 pola que se publica o resultado do sorteo celebrado o día 5 de maio de 1997,de conformidade co disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma, ó tratarse dunha convocatoria correspondente á oferta de emprego público para o ano 1997.

II.3.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal correspondente coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

II.3.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en chamamento único, sendo excluído da oposición quen non compareza, podéndose considera-los casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal, para efectos dun posterior chamamento.

II.3.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se celebrase o primeiro, e por calquera outro medio, se se xulga conveniente, para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación. Cando se trate de distintas fases do mesmo exercicio, o anuncio será publicado nos locais onde se celebrase, e nalgún outro medio se se xulga conveniente con doce horas, polo menos, de antelación.

II.3.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivera coñecemento de que algún aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá acorda-la súa exclusión, se procede.

Contra tal acordo poderá interpoñerse recurso ordinario conforme o previsto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador destas probas será designado por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, e a súa composición é a determinada polo previsto no artigo 7 do Regu

lamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. Ademais do tribunal que se designe na orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, poderán nomearse máis tribunais para xulga-las probas, por proposta do tribunal sinalado na base anterior, cando fose necesario iso polo número de aspirantes.

Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no DOG unha resolución pola que nomeen os novos tribunais, se é o caso.

III.3. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non encontrarse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas na presente base.

III.4. A autoridade convocante publicará no DOG resolución pola que se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base III.3.

III.5. Logo da convocatoria do presidente constituirase o tribunal. Tal constitución entenderase válida con que asistan a ela a maioría dos membros do tribunal.

A celebración da sesión de constitución terá lugar no prazo máximo de trinta días a partir da designación do tribunal e mínimo de dez días antes da realización do primeiro exercicio.

Na dita sesión, o tribunal, adoptará tódalas decisións que lles correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

III.6. A partir da sesión de constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes.

III.7. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III.8. O tribunal, mediante anuncio público no DOG e demais anuncios correspondentes, fixará o lugar, a data e a hora da celebración do primeiro exercicio.

III.9. Por cada sesión do tribunal levantarase acta, que, lida ó principio da sesión seguinte e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, autorizarase coa sinatura do secretario e o visto e prace do presidente.

III.10. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinente, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

III.11. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos demais participantes. Neste sentido estableceranse, para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base l.3.3, as adaptacións posibles en tempos e medios para a súa realización.

Se na súa realización se lle suscitasen dúbidas ó tribunal respecto da capacidade do aspirante para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos funcionarios do corpo ó que opta, poderán solicita-lo correspondente dictame do órgano competente.

III.12. O presidente do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios da fase de oposición que se realicen en forma escrita sexan corrixidos sen que que se coñeza a identidade dos aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aqueles candidatos con exercicios nos que figuren marcas ou signos que permitan coñece-la identidade do opositor.

III.13. O tribunal que actúe nestas probas selectivas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio.

III.14. En ningún caso, o tribunal poderá aprobar nin declarará que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes có de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.15. No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes, este será resolto pola puntuación obtida no primeiro exercicio e, se isto non fose suficiente, pola puntuación obtida nos sucesivos exercicios ata que se resolva aquel. De persisti-lo empate resolverase por orde alfabética, de acordo co sorteo que tivo lugar o 5 de maio de 1997.

O tribunal resolverá os empates que se produzan.

III.16. As comunicacións que formulen os aspirantes ó tribunal dirixiránse á Consellería da Presidencia e Administración Pública, Dirección Xeral

da Función Pública (edificio administrativo San Caetano - Santiago de Compostela).

IV. Lista de aprobados

IV.1. Rematadas as probas selectivas, o tribunal fará públicas no DOG, no lugar ou lugares de celebración do derradeiro exercicio e naqueloutros que coide oportuno, as relacións independentes de aspirantes que superaron o proceso selectivo, tanto polo sistema xeral de acceso libre como polo de promoción interna, por orde de puntuacións alcanzadas, con indicación do seu documento nacional de identidade.

O presidente do tribunal enviaralle proposta conxunta de ámbalas dúas listas de aprobados ó director xeral da Función Pública, especificando, igualmente, o número de aprobados en cada un dos exercicios.

V. Presentación de documentos e nomeamento de funcionarios.

V.1. No prazo de vinte días naturais, contados desde o día seguinte a aquel no que se fixeron públicas no DOG as listas de aprobados, os opositores que superasen as probas deberán presentar na Dirección Xeral da Función Pública os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada polo órgano competente (servicios de persoal, se é o caso, rexistros xerais ou fedatarios públicos) do título esixido na base l.2., ou certificación académica que acredite ter realizados tódolos estudios para a obtención do título, ou, se é o caso, documento que acredite fidedignamente a posesión do correspondente título académico.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

c) Deberá presentarse certificado médico oficial no que acrediten os extremos sinalados na base I.2.

d) Os aspirantes con minusvalideces con grao de discapacidade igual ou superior ó 33 % deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, se é o caso, da Administración correspondente.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, dictame do órgano competente sobre a compatibilidade do candidato para os postos de traballo.

V.2. Os que tiveran a condición de funcionarios de carreira están exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do Rexistro Central de Persoal ou da consellería ou organismo do que dependeran para acreditar tal condición, con expre

sión do número e importe de trienios, así como a data do seu cumprimento.

V.3. Os que dentro do prazo fixado e salvo os casos de forza maior non presentasen a documentación ou do exame dela se deducira que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2. non poderán ser nomeados funcionarios e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

V.4. Rematado o proceso selectivo e unha vez cumpridos os requisitos esixidos con anterioridade, os que o superasen serán nomeados funcionarios de carreira mediante resolución do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, que se pubicará no DOG de acordo coa puntuación obtida no proceso selectivo.

V.5. A toma de posesión dos aspirantes aprobados será efectuada no prazo dun mes, contado a partir da data de publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade coas disposicións previstas na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo, e 3/1995, do 10 de abril, e demais normas concordantes.

VI. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación dos tribunais poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións do tribunal conforme o previsto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

1. Primeira proba: estatística teórica.

1.1. Probabilidade. Fundamentación axiomática. Primeiras propiedades.

1.2. Probabilidade condicionada. Independencia de sucesos. Teorema de Bayes.

1.3. Variables aleatorias. Distribución de probabilidade dunha variable discreta. Función xeratriz. Distribución e densidade dunha variable continua. Cambios de variable.

1.4. Esperanza matemática. Momentos e medidas de tendencia central e de dispersión.

1.5. Función xeratriz. Función característica.

1.6. Distribucións discretas unidimensionais máis relevantes : distribución Bernouilli, binomial, xeométrica, hiperxeométrica e Poisson.

1.7. Distribución normal e distribucións asociadas: chi-cuadrado, F, t. Lognormal.

1.8. Distribución de Pareto, Exponencial, Gamma e Beta.

1.9. Variables aleatorias multidimensionais. Funcións de distribución. Funcións de densidade e de probabilidade. Distribucións marxinais e condicionadas.

1.10. Principais distribucións multidimensionais: a distribución polinominal e a distribución hiperxeométrica multivariante. Distribución normal multivariante.

1.11. Regresión lineal simple.

1.12. O modelo de regresión lineal múltiple baixo a hipótese de normalidade. Estimadores e propiedades.

1.13. Intervalos de confianza. Contrastes de hipótese no modelo de regresión lineal múltiple.

1.14. Correlación múltiple e parcial en regresión. Predicción no modelo de regresión lineal múltiple.

1.15. Multicolinealidade. Análise dos residuos. A hipótese de normalidade.

1.16. Mínimos cadrados xeneralizados. Heterocedasticidade. Autocorrelación.

1.17. Mostraxe aleatoria simple dunha poboación con distribución continua. Función de verosimilitude.

1.18. Propiedades dos estimadores puntuais. Estimadores insesgados, eficientes, consistentes e suficientes.

1.19. Métodos de estimación. Método dos momentos. Método dos mínimos cadrados.

1.20. Métodos de estimación de máxima verosimilitude. Propiedades asintóticas dos estimadores de máxima verosimilitude.

1.21. Estimación polo método de Bayes.

1.22. Mostras ordenadas, estatísticos de orde e cuantís. Distribucións exactas dos estatísticos de orde e distribucións asintóticas. Distribución conxunta de dous estatísticos de orde. Caso da distribución do percorrido.

1.23. Contrastes de hipótese. Hipóteses simples e compostas. Tipos de erros e nivel de significación. Potencia de contraste.

1.24. Método de Neyman-Pearson. Aplicacións.

1.25. Contrastes paramétricos. Contrastes xerais da razón de verosimilitudes. Aplicacións.

1.26. Contrastes non paramétricos de axustamento dunha distribución empírica.

2. Segunda proba: mostraxe e estatística económica.

2.1. Procedementos de mostraxe aleatoria de poboacións finitas.

2.2. Mostraxe aleatoria con reposición e probabilidades iguais. Estimación de medias, totais e proporcións.

2.3. Mostraxe aleatoria sen reposición e probabilidades iguais. Estimación de medias, totais e proporcións.

2.4. Estimadores de razón en mostraxe con probabilidades iguais.

2.5. Mostraxe unietápica de conglomerados sen reposición e probabilidades iguais e con reposición e probabilidades desiguais. Estimadores da media, o total e a proporción.

2.6. Medida da homoxeneidade dos conglomerados. Estimadores da varianza en mostraxe unietápica de conglomerados.

2.7. Mostraxe estratificada. Estimación de medias, totais e proporcións. Tamaño da mostra: distintos tipos de afixación da mostra. Estimación das varianzas.

2.8. Mostraxe bietápica. Estimadores lineais insesgados. Cálculo da esperanza e a varianza dos estimadores. Teorema I de Durbin.

2.9. Mostraxe sistemática. Estimador da media e da varianza.

2.10. Mostraxe en dúas ocasións. Estimación do cambio e da segunda ocasión.

2.11. O Sistema Europeo de Contas Integradas (SEC-79). Estructura xeral do sistema.

2.12. Os principais agregados económicos.

2.13.As unidades e os conxuntos de unidades.

2.14. As operacións de bens e servicios.

2.15. As operacións de distribución.

2.16. As operacións financeiras.

2.17. A poboación e o emprego no contexto da contabilidade nacional.

2.18. As contas simplificadas da nación.

2.19. A táboa Input-Ouput. Os fluxos de bens e servicios na táboa.

2.20. Series temporais. Propiedades xerais dos modelos ARMA e ARIMA univariantes.

2.21. Identificación de modelos ARIMA univariantes. Funcións de autocorrelación simple e parcial. Condicións de invertibilidade e estacionariedade.

2.22. Estimación de modelos ARIMA univariantes. Estimacións condicionadas e incondicionadas.

2.23. Diagnose dos modelos ARIMA univariantes. Análise de residuos.

2.24. Predicción con modelos ARIMA univariantes. Adaptación das prediccións.

2.25. Análise de intervención nos modelos ARIMA univariantes e detección de atípicos.

3. Terceira proba: estatística aplicada.

3.1. O censo xeral de poboación e o padrón municipal de habitantes. Obxectivos. Periodicidade. Variables estatísticas que recollen. Diferencias entre censo e padrón.

3.2. Estatística do movemento natural da poboación e de variacións residenciais (Migracións).

3.3. A proxección da poboación de Galicia 1991-2026.

3.4. A enquisa de poboación activa. Obxectivos. Periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle.

3.5. Os censos agrarios. Obxectivos. Periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle.

3.6. As enquisas de estructura agraria. Obxectivos. Periodicidade. Unidades obxecto de estudio, principais variables e clasificacións empregadas na presentación de resultados.

3.7. A enquisa de explotacións de vacún en Galicia. Deseño da mostra.

3.8. Prezos agrarios: leite. Obxectivos. Periodicidade. Marco da investigación. Deseño da mostra.

3.9. A enquisa industrial de empresas. Obxectivos. Periodicidade. Principais variables e clasificacións empregadas na presentación de resultados.

3.10. A enquisa industrial de productos. Metodoloxía e definicións utilizadas.

3.11. A enquisa de salarios. Obxectivos. Periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle.

3.12. A enquisa básica de orzamentos familiares. Obxectivos. Periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle.

3.13. A enquisa continua de orzamentos familiares. Obxectivos. Periodicidade. Idea do deseño mostral. Principais variables que recolle.

3.14. O índice de prezos de consumo (IPC). Obxectivos. Formación da base estructural. Fórmula do índice. Índices parciais por grupos e xeográficos. Periodicidade. Cálculo das variacións do índice entre dous instantes.

3.15. Os índices de producción industrial (IPI). Obxectivos. Periodicidade. Fórmula utilizada. Ponderacións.

3.16. Os índices de prezos industriais (IPRI). Obxectivos. Periodicidade. Fórmula utilizada. Ponderacións.

3.17. Números índices simples e compostos. Propiedades importantes. Indices de Paasche e de Laspeyres.

3.18. O esquema de Lexis en demografía. Taxas brutas e específicas.

3.19. A táboa de mortalidade, probabilidades de supervivencia, calendario de mortalidade. Esperanza de vida.

ANEXO II

Cuarta proba: Dereito público e organización do Estado.

Tema 1. A Constitución española de 1978. Contido e estructura. Os dereitos e deberes fundamentais e liberdades públicas, a súa garantía e protección. O Defensor do Pobo.

Tema 2. A Coroa. As Cortes Xerais: o Congreso e o Senado, organización e funcionamento. A súa función de control do Goberno. O Tribunal de Contas.

Tema 3. O poder xudicial. Organización xudicial española. O Tribunal Constitucional. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Tema 4. O Goberno. Composición e funcións. A Administración pública: principios constitucionais informadores. Organización: órganos superiores e directivos. A Administración periférica do Estado.

Tema 5. As comunidades autónomas. Delimitación de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas. A Administración local. Competencias dos municipios e provincias. Relacións entre as diversas administracións territoriais.

Tema 6. O Estatuto de autonomía de Galicia de 1981. Contido e estructura. Principais leis de desenvolvemento das competencias recollidas.

Tema 7. O dereito administrativo. Fontes. A lei. Clases de leis: leis orgánicas, leis de bases, leis ordinarias. O regulamento. Outras disposicións de carácter xeral.

Tema 8. O acto administrativo. Concepto e clases. Eficacia e validez dos actos. Revisión, anulación e revogación. O control xurisdiccional da Administración.

Tema 9. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común: ámbito de aplicación e principios informadores. O procedemento administrativo. A responsabilidade da Administración pública e do persoal ó seu servicio. Os dereitos dos cidadáns nas súas relacións coa Administración.

Tema 10. O persoal ó servicio da Administración pública de Galicia. Normativa básica. Os dereitos e deberes dos funcionarios públicos. Estructura da función pública de Galicia. Acceso, promoción e provisión de postos de traballo. Situacións administrativas. Órganos de representación.

Tema 11. O persoal laboral ó servicio da Administración pública de Galicia. Selección e contratación. Dereitos e deberes. Os convenios colectivos. Órganos de representación.

Tema 12. A Lei 12/1989, do 9 de maio, da función estatística pública: principios e estructura, a recollida de datos, difusión da información estatística.

Tema 13. Os servicios estatísticos do Estado. O Consello Superior de Estatística. As relacións entre administracións públicas en materia de estatística. Infraccións e sancións.

Tema 14. A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia. A estatística da Comunidade Autónoma: ámbito, principios e estructura. O segredo estatístico. O réxime sancionador. O Consello Galego de Estatística: composición e funcións. O Plan Galego de Estatística 1998-2001. O programa estatístico 1998.

6013