Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 25 de xuño de 1998 Páx. 7.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia para o tratamento dos datos derivados da xestión das axudas financiadas con fondos estructurais da Unión Europea.

De conformidade co disposto na cláusula primeira do convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia para o tratamento dos datos derivados da xestión das axudas financiadas con fondos estructurais da

Unión Europea, que se asinou con data do oito de maio de mil novecentos noventa e oito, entre a ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación e o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ACORDA:

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que figura como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 1998.

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

Convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia para o tratamento dos datos derivados da xestión das axudas financiadas con fondos estructurais da Unión Europea.

En Madrid, 8 de maio de 1998.

Comparecen:

Dunha parte, Loyola de Palacio del Valle-Lersundi, ministra de Agricultura, Pesca e Alimentación (Real decreto 762/1996, do 5 de maio) e doutra, Amancio Landín Jaraiz, conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia (Decreto 349/1997, do 9 de decembro).

Interveñen:

Loyola de Palacio del Valle-Lersundi, como titular do departamento ministerial citado.

Amancio Landín Jaraiz, na súa condición de conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en nome da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ámbalas partes recoñécense con capacidade para subscribi-lo presente convenio de colaboración e

Expoñen:

1º Que como consecuencia da integración da política pesqueira común no marco dos fondos estructurais europeos, a Comisión da Unión Europea decidiu a adopción dos seguintes programas:

-Programa operativo para a súa aplicación nas rexións españolas pertencentes ó obxectivo nº 1.

-Programa comunitario para a súa aplicación nas rexións españolas que non pertencen ó obxectivo nº 1.

-Programa comunitario integrado para a aplicación en España da iniciativa comunitaria PESCA.

2º Que lle corresponde á Xunta de Galicia a tramitación, resolución e pagamento da maior parte das axudas ó sector pesqueiro, no marco dos programas citados.

3º Que o seguimento e a avaliación da utilización das axudas ó sector pesqueiro provenientes dos fondos estructurais se garante no marco de cooperación entre a comisión e a Administración Xeral do Estado, a cal está obrigada a subministrarlle á comisión toda a información derivada da execución das accións cofinanciadas, a través dos informes elaborados conforme procedementos aprobados de común acordo.

4º Que para os efectos da remisión da dita información en tempo e forma á comisión, as comunidades autónomas subministrarán ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (en diante MAPA) os datos e a información da súa xestión relativos ás axudas cofinanciadas con fondos estructurais no marco dos programas citados.

5º Que co fin de axiliza-la elaboración da información polas comunidades autónomas faise precisa a implantación dun sistema de bases de datos conforme un programa homoxéneo.

6º Que o MAPA e a Xunta de Galicia deciden colaborar no ámbito das súas respectivas competencias na aplicación do tratamento técnico dos datos relativos á xestión dos fondos estructurais ó sector pesqueiro previstos nos programas comunitarios conforme as seguintes

Cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

É obxecto do presente convenio a achega polo MAPA á Xunta de Galicia do apoio instrumental e técnico necesario para a rápida implantación dunha base de datos nela, e a súa programación e actualización conforme criterios homoxéneos, co fin de axiliza-la información sobre a utilización dos fondos estructurais con destino ó sector pesqueiro.

Segunda.-Contribución de medios.

Para os efectos do cumprimento do obxectivo do presente convenio, o MAPA encomendaralle a unha empresa do Estado a contribución dos medios técnicos e persoais que precise a Comunidade Autónoma para o mantemento e alimentación das súas bases de datos.

Terceira.-Subministración de información.

A Xunta de Galicia facilitará a implantación da base de datos e subministraralle ó persoal técnico da empresa do Estado a información que consta no anexo deste convenio para a súa introducción na citada base de datos.

Cuarta.-Seguimento da execución do convenio.

O MAPA e a Xunta de Galicia intercambiarán entre si a información que corresponda e elaborarán un documento de avaliación pormenorizado, para os efectos da verificación dos datos e do cumprimento dos prazos fixados para o seu traslado o MAPA.

Quinta.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa e atópase entre os supostos expresamente excluídos do ámbito da Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, segundo se determina no seu artigo 3.1º.c.

Sexta.-Persoal técnico.

A subscrición do presente convenio non comporta relación laboral entre cada unha das administracións asinantes do presente convenio e as persoas que poidan intervir.

Sétima.-Resolución.

Serán causas especiais de resolución do presente convenio:

-O mutuo acordo das partes.

-A denuncia, por calquera das partes, do posible incumprimento das cláusulas ou a alteración esencial do seu contido.

Oitava.-Cuestións litixiosas e xurisdicción competente.

A resolución de calquera cuestión litixiosa xurdida sobre a interpretación, modificación, resolución e efectos que puidesen derivarse da aplicación do presente convenio, corresponderalles ós órganos competentes da orde xurisdiccional do contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei reguladora da dita xurisdicción, do 27 de decembro de 1956, na súa vixente redacción.

Novena.-Duración e denuncia.

O presente convenio será de aplicación durante o exercicio económico de 1998, salvo denuncia expresa dunha das partes con tres meses de antelación á finalización deste exercicio.

E en proba de conformidade, ámbalas partes asinan o presente convenio, por triplicado exemplar e en tódalas súas follas, no lugar e na data ó principio indicados. Loyola de Palacio del Valle-Lersundi. Amancio Landín Jaraiz.

ANEXO

Información para subministrar pola Comunidade Autónoma ó persoal técnico, para os efectos da súa inclusión na base de datos.

-Copia de tódalas solicitudes de axuda no marco dos programas.

-Copia das resolucións favorables ás solicitudes de axuda.

-Documentación sobre pagamentos realizados no marco dos programas.

-Información técnica e de indicadores de impacto.

-Correccións de erros detectados nas bases de datos.

4865