Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 18 de xuño de 1998 Páx. 6.821

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 172/1998, do 5 de xuño, polo que se desenvolve a Lei 3/1997, do 9 de xuño, da familia, da infancia e da adolescencia, no relativo ó réxime sancionador.

O Estatuto de autonomía de Galicia atribúe, no artigo 27.23º, á Comunidade Autónoma de Galicia

competencia exclusiva en materia de asistencia social.

En virtude dese título competencial na dita materia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei galega 3/1997, do 9 de xuño, da familia, a infancia e da adolescencia, que establece un marco normativo xeral no que se regula o conxunto de actuacións públicas en materia de protección e asistencia á familia, á infancia e á adolescencia.

A devandita lei, no título V, define e tipifica as infraccións e establece un réxime sancionador co fin de que a protección que ofrece non se vexa burlada impunemente por aquelas persoas ou entidades que promovan actuacións que atenten contra os dereitos nela recoñecidos.

Por outra banda, a disposición derradeira primeira da Lei 3/1997 mencionada, autoriza a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o seu desenvolvemento.

Con base no exposto, cómpre o desenvolvemento da Lei galega 3/1997, do 9 de xuño, da familia, da infancia e da adolescencia a través dunha normativa que regule aspectos sancionadores.

Por todo isto, e por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude das competencias que lle atribúe o Decreto 388/1997, do 26 de decembro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto a regulación da potestade sancionadora en materia de familia, infancia e adolescencia, de conformidade co establecido no título V da Lei 3/1997, galega da familia, da infancia e da adolescencia, e en desenvolvemento dela.

Artigo 2º.-Suxeitos.

Serán suxeitos responsables as persoas físicas ou xurídicas que incorran nas accións ou omisións tipificadas na Lei 3/1997, galega da familia, da infancia e da adolescencia, e no presente decreto.

Capítulo II

Infraccións e sancións

Artigo 3º.-Clasificación.

As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves, en función da natureza da contravención, da súa transcendencia e repercusión, especialmente na esfera persoal do menor e, se é o caso, da reincidencia nas mesmas conductas punibles.

Artigo 4º.-Infraccións leves.

Constitúen infraccións leves:

1. Todos aqueles actos ou omisións que afecten á esfera dos dereitos da familia, da infancia e da adolescencia, cando non se deriven deles prexuízos graves para aqueles.

2. As irregularidades de carácter formal por parte das institucións ou entidades de atención á familia, á infancia e á adolescencia, no cumprimento da normativa vixente nesta materia.

3. O incumprimento do deber de actualiza-los datos que constan no rexistro de entidades que desenvolven actividades no campo da acción social referidas á familia, á infancia e á adolescencia.

Artigo 5º.-Infraccións graves.

Constitúen infraccións graves:

1. Non poñer en coñecemento das autoridades ou organismos competentes as posibles situacións de grave abandono ou desamparo en que se poidan atopa-los menores por parte daquelas persoas que polo seu cargo, profesión ou función deban ter coñecemento especial diso.

2. Non procurar ou impedi-la asistencia dun neno ou adolescente en período de escolarización obrigatoria a un centro escolar e sen causa que o xustifique, cando lles sexa imputable ós país, titores ou gardadores.

3. Proceder á apertura ou ó peche dun centro que preste servicios no ámbito da familia, infancia ou adolescencia polas persoas ou entidades titulares del sen obter previamente a autorización administrativa pertinente.

4. Incumprir, as persoas ou entidades ás que se refire o apartado anterior, a normativa específica reguladora da súa creación e funcionamento.

5. Non proporciona-las institucións ou os centros de atención á familia, á infancia e á adolescencia o tratamento e a atención adecuada.

6. Solicita-los titulares das ditas institucións ou centros o aboamento de cantidades económicas dos propios menores, dos seus familiares, titores ou gardadores e, en xeral, exercer prácticas lucrativas neles non autorizadas expresamente pola Administración da Xunta de Galicia.

7. Quebranta-lo deber de confidencialidade e sixilo sobre os datos persoais dos usuarios.

8. Utilizar por parte dos medios de comunicación a identidade ou imaxe dos menores cando iso supoña unha intromisión ilexítima na súa intimidade, honra ou reputación, ou sexa, contraria ós seus intereses, aínda cando medie o seu consentimento ou o dos representantes legais.

9. Venderlles, alugarlles, exhibirlles ou permitírlle-lo libre acceso ós menores a publicacións, videos, videoxogos ou calquera outro material audio

visual que conteña mensaxes que inciten á violencia, a actividades delictuosas, a calquera forma de discriminación ou que teñan un contido pornográfico ou que resulte prexudicial para o desenvolvemento da súa personalidade ou sexa contrario ós dereitos e ás liberdades recoñecidas nas leis vixentes.

Proxectar ou difundir en locais ou espectáculos nos que se admita a asistencia de nenos ou adolescentes o antedito material.

A responsabilidade das ditas accións corresponderalles ós titulares dos establecementos e, se é o caso, ás persoas infractoras.

10. Impedir, obstruír ou dificulta-lo exercicio das funcións de inspección e seguimento polos servicios administrativos da Xunta de Galicia, da actividade das institucións e dos centros de atención á familia, á infancia e á adolescencia.

11. As accións ou omisións previstas no artigo anterior sempre que o incumprimento ou os prexuízos fosen graves.

12. A reincidencia nas infraccións leves.

Artigo 6º.-Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

1. As recollidas no artigo anterior se delas se deduce dano ós dereitos da familia, da infancia e da adolescencia de imposible ou moi difícil reparación.

2. A reincidencia nas infraccións graves.

Artigo 7º.-Reincidencia.

Estímase que se produce reincidencia cando o responsable da infracción fose sancionado mediante resolución firme pola comisión doutra infracción da mesma natureza no prazo dun ano, se se trata de faltas leves, de tres anos se se trata de faltas graves e de cinco anos se son faltas moi graves, contados desde a súa notificación.

Artigo 8º.-Sancións.

1. As infraccións establecidas nos artigos anteriores serán sancionadas:

-As infraccións leves con amoestación por escrito ou multa de ata 250.000 ptas.

-As infraccións graves con multa dende 250.001 ata 1.000.000 de ptas.

-As infraccións moi graves con multa de 1.000.001 ata 2.500.000 ptas.

2. En calquera caso, as sancións graves e moi graves poderán levar aparelladas como accesorias as seguintes:

a) Peche total ou parcial ata un ano as graves e peche total ou parcial de ata dous anos ou definitivo as moi graves.

b) Prohibición de financiamento público por un tempo de ata 5 anos.

c) Inhabilitación para o desenvolvemento de funcións e actividades similares ou para o exercicio de cargos de carácter análogo ata un prazo de cinco anos.

Artigo 9º.-Graduación das sancións.

As sancións graduaranse seguindo os criterios da reincidencia das faltas, o grao de intencionalidade ou neglixencia, a gravidade dos prexuízos causados e a relevancia ou transcendencia social que acadasen.

Artigo 10º.-Prescrición.

1. As infraccións cometidas prescriben ós cinco anos se son moi graves, ós tres anos se son graves e ó ano se son leves, iniciando o cómputo do prazo desde o día en que se cometese a infracción.

A iniciación do procedemento sancionador, con coñecemento do interesado, interrompe a prescrición.

2. As sancións prescribirán consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O cómputo do prazo de prescrición iniciarase desde o día seguinte a aquel no que adquire firmeza a resolución que impón a sanción.

A iniciación do procedemento de execución, con coñecemento do interesado, interrompe a prescrición.

Capítulo III

Procedemento sancionador

Artigo 11º.-Iniciación do procedemento.

A imposición de sancións administrativas reguladas no capítulo anterior realizarase logo de instrucción do oportuno expediente que se axustará ó disposto no presente decreto e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

Artigo 12º.-Competencias. Órganos competentes para a incoación e resolución do expediente sancionador.

1. O procedemento sancionador iniciarase por acordo da Dirección Xeral de Familia, ben por propia iniciativa ou como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que puidese ser constitutiva de infracción. Con anterioridade á iniciación do procedemento, a Dirección Xeral de Familia poderá acorda-la realización das actuacións previas co obxecto de determinar se concorren as circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

2. Órganos competentes para resolve-lo procedemento:

a) A imposición de sancións por comisión de faltas leves correspóndelles ós delegados provinciais da

Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

b) A imposición de sanción por comisión de faltas graves correspóndelle ó titular da Dirección Xeral de Familia.

c) A imposición de sancións por comisión de faltas moi graves correspóndelle ó titular da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

d) Non obstante o disposto nos puntos anteriores, cando as sancións leven aparellado o peche ó que se refire o artigo 8.2 a), así como a inhabilitación para o desenvolvemento de funcións e actividades similares ou para o exercicio de cargos de carácter análogo ata un prazo de cinco anos consonte o artigo 8.2 c), será competente o Consello da Xunta de Galicia.

Disposición derredeira

Única.-Facúltase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

5768