Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 15 de xuño de 1998 Páx. 6.597

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de abril de 1998 pola que se publica convocatoria para a concesión de axudas a conservatorios de música públicos non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 10.2º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, clasifica como centros docentes públicos aqueles que teñan como titular un poder público.

Ademais das accións que leva a cabo esta consellería na creación, dotación e sostemento dos conservatorios de música dependentes dela, os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa creación e sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas de música que sinala o artigo 39 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, xeral do sistema educativo.

O desenvolvemento do novo sistema educativo establecido pola dita lei esíxelles ós titulares dos centros adaptacións estructurais e medios para o cumprimento dos requisitos mínimos físicos que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, e os curriculares que establece o Decreto 253/1993, da Xunta de Galicia, do 29 de xullo.

Á vista da crecente demanda das ensinanzas da música e coa finalidade de prestar apoio ás iniciativas municipais para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas,

DISPOÑO:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-las actividades desenvolvidas ou por desenvolver, incluídos os gastos de persoal durante o ano 1998 polos conservatorios públicos de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Poderán solicita-las ditas axudas os titulares dos conservatorios de música de grao elemental ou profesional que teñan autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe máximo das axudas para distribuír nesta convocatoria será de 40.600.000 ptas. con cargo á aplicación 07.03.322E.460.1, e a contía máxima que percibirá cada conservatorio será de 3.000.000 de pesetas.

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde xunto coa documentación correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo, San Caetano s/n, Santiago de Compostela ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir da publi

cación no DOG da presente orde e irán xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1998, con indicación do número de alumnos.

b) Breve descrición de instalacións e material.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da subvención.

e) Certificacións orixinais de estar ó día das súas obrigas tributarias e sociais.

f) Declaración de ter, ou non, solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1. Valoración económica do orzamento.

2. Necesidades de instalacións e reparacións.

3. Número de alumnos.

4. Dotación de material didáctico e instrumentos.

5. Zona de influencia.

6. Especialidades instrumentais que se imparten no conservatorio.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas sobre os datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa, ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos de locomoción por concorrer ás sesións conforme determina o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará e fará pública unha proposta provisional de adxudicación das subvencións para que os interesados poidan presen

ta-las reclamacións que consideren oportunas. Valoradas as reclamacións, a comisión elevará proposta definitiva da adxudicación das subvencións ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

Noveno.-Transcorridos tres meses desde a data de presentación das solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse derrogada sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que será definitiva, publicarase no DOG; no caso de ser denegatoria, será motivada e notificaráselles ós interesados. Esta resolución esgota a vía administrativa e poderá ser obxecto de recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo primeiro.-As subvencións estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades; serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 36 A) da Lei 1/1998, do 7 de abril (DOG do 9), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 80% da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique, con anterioridade ó 30 de setembro de 1998, os gastos realizados segundo proxecto aprobado.

Para o libramento do 20% restante o beneficiario presentará, antes do 30 de novembro de 1998, a completa xustificación.

As xustificacións das axudas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, rúa San Lázaro 107, 15771 Santiago de Compostela.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento da aplicación das axudas nos conservatorios subvencionados.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda dos conservatorios de música subvencionados deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo cuarto.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación e por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

5271