Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 10 de xuño de 1998 Páx. 6.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de maio de 1998 pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 1998-1999 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados.

É vontade do Goberno da Comunidade Autónoma facilita-la escolarización da etapa de educación infantil nos centros que elixan os seus pais ou titores, sen que condicionamentos de tipo económico impidan a efectiva liberdade de elección de centro recollida na Constitución española de 1978. Foi por iso polo que se estableceron axudas económicas para os centros docentes privados que escolarizan alumnos da dita etapa a partir do curso 1991-1992.

Co fin de proseguir nesta liña, xa consolidada ó abeiro do establecido nas leis 14/1970, do 4 de agosto, orgánica 8/1985, do 3 de xullo, e orgánica 1/1990, do 3 de outubro, esta consellería, oído o Consello Escolar de Galicia, na súa sesión do día 13 de xullo de 1994,

DISPÓN:

Primeiro.-A concesión de axudas económicas ós centros docentes privados na etapa de educación infantil que escolaricen nenos deste nivel, no curso escolar 1998-1999, rexerase polo disposto na presente orde.

Segundo.-Poderanse solicitar axudas para subvenciona-las unidades de educación infantil de catro ou cinco anos.

Terceiro.-As axudas consistirán en subvenciona-los centros seleccionados na cantidade correspondente ós salarios de persoal docente das unidades de educación infantil que se determine na resolución da presente convocatoria, incluídas cargas sociais, e unha cantidade para gastos de funcionamento equivalente na súa contía á establecida para tal fin, por unidade e ano, para as unidades de primaria con concerto xeral.

Cuarto.-Os centros que perciban as axudas sinaladas no punto anterior non lle poderán cobrar ó alumnado das unidades subvencionadas ningunha cantidade, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinto.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de subvención. Os centros subvencionados deberán ter unha relación media alumno/aula, por unidade de educación infantil subvencionada, en tódolos casos, non inferior a 20 nin superior a 25.

O titular do centro queda obrigado necesariamente a cubri-las prazas escolares de conformidade cos criterios do Decreto 87/1995, do 16 de marzo (DOG do 28), e da Orde do 5 de abril de 1995 (DOG do 10 de maio).

Sexto.-A concesión de axudas farase de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as seguintes prioridades:

1º. Subvencionaranse as unidades de educación infantil que contan coa dita subvención no curso 1997-1998.

2º. Subvencionaranse unidades de educación infantil de centros que impartan tamén educación primaria concertada coa seguinte orde de preferencia:

a) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 5 anos.

b) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 4 anos.

c) Unidades que escolaricen conxuntamente alumnos de 4 e 5 anos cando o centro conte, unicamente, cunha unidade de educación infantil.

3º. Subvencionaranse unidades en centros que imparten exclusivamente educación infantil, sempre que no concello non existan outras unidades dese nivel.

4º. Poderanse subvencionar, finalmente, outras unidades de centros de educación infantil, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Dentro de cada un dos apartados anteriores establecerase a seguinte prelación:

1. Centros que atendan a poboacións escolares de condicións socio-económicas desfavorables.

2. Unidades que escolaricen alumnos discapacitados.

3. Centros que desenvolvan experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo.

En todo caso, e sempre que se dea igualdade de condicións, terán preferencia os centros en réxime de cooperativa.

Sétimo.-Os centros docentes que desexen acollerse ó sistema de axudas económicas a unidades de educación infantil establecido na presente orde, solicitarano á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da consellería do ámbito territorial no que estean situados os centros, especificando se a axuda é para unidade de catro anos (nados no 94) ou de cinco anos (nados no 93) ou mixta (4 e 5 anos) e deberán subscribilas os titulares dos centros que, no suposto de que se trate de persoas xurídicas, serán os que desempeñen a súa representación.

Oitavo.-As solicitudes, que se farán no modelo que se xunta no anexo I, irán xunto con:

1. Memoria explicativa na que se faga constar explicitamente:

-Nº de alumnos de 5 anos, nados en 1993.

-Nº de alumnos de 4 anos, nados en 1994.

-Media alumno/aula no nivel de primaria.

2. Certificación de estar ó día do pagamento das cotas da Seguridade Social.

Noveno.-As solicitudes presentadas serán avaliadas por comisións provinciais, presididas polo delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria, que terán a composición sinalada no punto décimo cuarto da Orde do 8 de xaneiro de 1997 (DOG do 21) para as comisións de concertos educativos.

Décimo.-As comisións provinciais avaliarán as solicitudes e mailas documentacións presentadas, de acordo cos criterios establecidos nesta orde, e elaborarán unha proposta motivada de resolución.

Estas propostas serán enviadas polas delegacións provinciais á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa no prazo máximo de quince días naturais a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa acordará a resolución provisional, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias existentes. A dita resolución provisional publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segundo.-Os centros ós que se lle conceda axuda económica para algunha unidade deberán abrir un novo prazo de admisión de alumnos para o nivel subvencionado, sempre que existan prazas libres, a partir do terceiro día da públicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e por un período mínimo de dez días. A dita admisión deberá axustarse ós criterios establecidos no Decreto 87/1995, do 16 de marzo, e na Orde do 5 de abril de 1995.

Décimo terceiro.-Os titulares dos centros que figuran na resolución provisional como beneficiarios de axuda remitirán ó Servicio de Inspección, entre o 15 e o 30 de setembro de 1998, certificación do número de alumnos definitivamente escolarizados en cada unha das unidades subvencionadas. O Servicio de Inspección, feitas as oportunas comprobacións, remitirá á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 10 de outubro, as referidas certificacións xunto cos seus correspondentes informes.

Décimo cuarto.-Á vista das certificacións e dos informes sinalados no punto anterior, a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa formularalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta de resolución definitiva.

A resolución definitiva de concesión de axudas económicas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo quinto.-Tendo en conta o disposto na alínea g) do artigo 4 da Lei 2/1998, do 8 de abril, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública, patrimonio, organización e xestión, que se engade ó artigo 58 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os centros ós que se lle concedan as axudas económicas obxecto da presente orde subscribirán un convenio (anexo II ou anexo III), que será asinado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular ou representante legal do centro, no que se farán consta-los dereitos e obrigas recíprocos, así como as características concretas do centro.

Se o titular do centro non subscribise o convenio na data en que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

Décimo sexto.-De conformidade co disposto no artigo 36.Dous A) da Lei 1/1998, do 7 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, establécese o seguinte réxime de pagamentos:

1. Con carácter de anticipo aboarase un 50% da subvención concedida, realizándose un pagamento do 33,33% (equivalente a 1/3 da subvención) durante o último cuadrimestre do exercicio económico de 1998 e o restante 16,67% no mes de xaneiro do ano 1999.

Así mesmo, durante o mes de abril de 1999, tramitarase un pagamento parcial equivalente ó 30% do total da subvención, para o cal o centro presentará perante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 30 de marzo de 1999, a xustificación dos gastos realizados con cargo á subvención concedida, por un importe mínimo do 30% da subvención, consistente nunha certificación expedida polo titular do centro.

A non presentación desta certificación suporá que o centro renuncia a este parcial no cuadrimestre, acumulando o dito importe á liquidación definitiva da subvención.

2. Para a percepción do 20% restante o centro presentará perante a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, antes do 15 de setembro de 1999, a xustificación total da subvención concedida,

mediante unha certificación do acordo do Consello Escolar do centro no que conste o destino dos gastos realizados con cargo á subvención. No caso dos centros dedicados exclusivamente á educación infantil, a xustificación consistirá nunha certificación do titular e copia compulsada dos xustificantes de gasto.

3. Os centros subvencionados quedarán suxeitos ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

Décimo sétimo.-En todo o que non se determina especificamente nesta orde, aplicarase a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria.

Décimo oitavo.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo noveno.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-los actos e disposicións complementarios que se consideren necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Vixésimo.-As axudas pagaranse con cargo ó crédito orzamentario consignado no programa 07.03.322A.480.0. desta consellería. O importe deste crédito non poderá ser superado en ningún caso.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO II

En Santiago de Compostela o ... de... de 1998.

Dunha parte:

Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Doutra parte:

D.

na condición de titular/representante legal do centro do cal se expresan a continuación os datos:

Denominación

Código

Enderezo

Localidade

Concello

Provincia

A teor do disposto no punto décimo quinto da Orde do 5 de maio de 1998 (DOG do ..........) , pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 1998-1999 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados,

ACORDAN:

Subscribi-lo presente convenio, conforme as seguintes cláusulas:

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto o sostemento de unidades de educación infantil con fondos públicos.

Segunda.-Terá vixencia desde o 1 de setembro de 1998 ata o 31 de agosto de 1999, ámbolos dous incluídos, e para ----- unidades nas que se escolarizan alumnos do segundo ciclo de educación infantil (4 ou 5 anos).

Terceira.-A Administración obrígase á asignación de fondos públicos para o sostemento das ditas unidades na cantidade correspondente ós salarios do persoal docente, incluídas cargas sociais, e unha cantidade para gastos de funcionamento. O módulo económico que se establece por unidade/ano é o que se aplica ás unidades de educación primaria con concerto xeral. Os correspondentes libramentos faranse de acordo co establecido no punto décimo sexto da orde de convocatoria.

Cuarta.-O titular do centro obrígase a imparti-las ensinanzas obxecto deste convenio gratuitamente, sen percibir concepto ningún que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola impartición das ditas ensinanzas, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e plans de estudio e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinta.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de axuda económica. As ditas unidades terán unha relación media alumno/aula non inferior a 20 nin superior a 25.

Sexta.-Polo convenio, o titular do centro obrígase ó cumprimento das normas de admisión de alumnos que se establecen no artigo 53 da Lei orgánica reguladora do dereito a educación, no Decreto 87/1995, do 10 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria, na Orde de 5 de abril de 1995 pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, e demais normativa aplicable ó procedemento de admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos.

Sétima.-Correspóndelle ó Consello Escolar a aprobación, por proposta do titular, do orzamento do centro no que se refire tanto ós fondos provenientes da Administración como ás cantidades autorizadas, así como á rendición anual de contas. O titular do centro deberá remitir, antes do 15 de setembro de 1999, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a certificación do acordo do Consello Escolar que aproba as contas.

O centro quedará suxeito ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

Oitava.-En todo o que non se determina especificamente na Orde do 14 de abril de 1998 e no presente convenio, seralle de aplicación a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria.

Novena.-As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste convenio serán resoltas polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ou órgano en quen delegue, que esgotarán a vía administrativa.

E para que así conste, na data e lugar antes indicados, asinan este por triplicado,

Polo centro privadoPola Consellería de Educación e

Ordenación Universitaria,

O conselleiro

Asdo:Asdo: Celso Currás Fernández

ANEXO III

En Santiago de Compostela o ... de... de 1998.

Dunha parte:

Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Doutra parte:

D.

na condición de titular/representante legal do centro do cal se expresan a continuación os datos:

Denominación

Código

Enderezo

Localidade

Concello

Provincia

A teor do disposto no punto décimo quinto da Orde do 5 de maio de 1998 (DOG do ..........) , pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 1998-1999 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados,

ACORDAN:

Subscribi-lo presente convenio, conforme as seguintes cláusulas:

Primeira.-O presente convenio ten por obxecto o sostemento de unidades de educación infantil con fondos públicos.

Segunda.-Terá vixencia desde o 1 de setembro de 1998 ata o 31 de agosto de 1999, ámbolos dous incluídos, e para ----- unidades nas que se escolarizan alumnos do segundo ciclo de educación infantil (4 ou 5 anos).

Terceira.-A Administración obrígase á asignación de fondos públicos para o sostemento das ditas unidades na cantidade correspondente ós salarios do persoal docente, incluídas cargas sociais, e unha cantidade para gastos de funcionamento. O módulo económico que se establece por unidade/ano é o que se aplica ás unidades de educación primaria con concerto xeral. Os correspondentes libramentos faranse de acordo co establecido no punto décimo sexto da orde de convocatoria.

Cuarta.-O titular do centro obrígase a imparti-las ensinanzas obxecto deste convenio gratuitamente, sen percibir concepto ningún que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola impartición das ditas ensinanzas, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e plans de estudio e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinta.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de axuda económica. As ditas unidades terán unha relación media alumno/aula non inferior a 20 nin superior a 25.

Sexta.-Polo convenio, o titular do centro obrígase ó cumprimento das normas de admisión de alumnos que se establecen no artigo 53 da Lei orgánica reguladora do dereito a educación, no Decreto 87/1995, do 10 de marzo, polo que se regula a admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos de educación infantil, de educación primaria e de educación secundaria, na Orde de 5 de abril de 1995 pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, e demais normativa aplicable ó procedemento de admisión de alumnos nos centros sostidos con fondos públicos.

Sétima.-O titular do centro deberá remitir, antes do 15 de setembro de 1999, á Dirección Xeral de

Centros e Inspección Educativa a certificación da xustificación total da subvención concedida e copia compulsada dos xustificantes de pagamento.

O centro quedará suxeiro ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

5050